Segundo a Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia: Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato. O alumnado que non supere algunha materia, logo da avaliación final do período ordinario, coa finalidade de facilitar a súa recuperación, terá dereito a realizar unha proba extraordinaria entre o 19 e o 21 de xuño (segundo calendario elaborado dende Xefatura de estudos).
Entrega de boletíns da convocatoria ordinaria de 2º de Bacharelato: O martes, 16 de maio, ás 12:10 horas, as titoras dos grupos de 2º de bacharelato farán entrega nas respectivas aulas dos correspondentes boletíns xunto coa documentación necesaria para que o alumnado que titule poida solicitar o título de bacharel e proceder a formalizar a matrícula na ABAU, se así o desexa.
Referencias legais do procedemento de reclamación das cualificacións e das decisións de promoción e titulación:
Orde do 2 de marzo de 2021 pola que se regula o dereito do alumnado á obxectividade na avaliación e se establece o procedemento de reclamación das cualificacións obtidas e das decisións de promoción e obtención do título académico que corresponda, en educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.
Instrución 2/2003 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se precisan aspectos da Orde do 2 de marzo de 2021 pola que se regula o dereito do alumnado á obxectividade na avaliación e se establece o procedemento de reclamación das cualificacións obtidas e das decisións de promoción e obtención do título académico que corresponda, en educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, para o curso 2022-2023.
Revisión e reclamación das cualificacións no centro: Durante o xoves 18 e o venres 19 de maio, de 9:00 a 14:00 horas, o alumnado, de ser maior de idade, ou as súas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal, de ser menor de idade, poderán solicitar ao profesorado a revisión das diversas probas e as aclaracións que consideren precisas (Ver Anexo 1).
No suposto de que, tras as oportunas aclaracións, persista o desacordo con algunha cualificación final, a correspondente reclamación presentaranse por escrito no centro (Ver Anexo 2) nese mesmo prazo (xoves 18 e venres 19 de maio, de 9:00 a 14:00 horas) e será tramitada por xefatura de estudos quen a trasladará ao correspondente departamento didáctico. Este emitirá un informe que recollerá, entre outros aspectos, a decisión adoptada de modificación ou ratificación da cualificación final obxecto de revisión. En todo caso, a reclamación formal abranguerá unicamente as cualificacións finais.
Notificación escrita por parte de Xefatura de estudos aos/ás interesados/as da decisión razoada de ratificación ou modificación da cualificación revisada por parte do departamento: Esta levarase a cabo o luns, 22 de maio, ás 18:30 horas, na Xefatura de estudos do centro.
Reclamación ante Xefatura Territorial: No caso de que, tras o procedemento de revisión no centro, persista o desacordo coa cualificación final, o alumnado, de ser maior de idade, ou as súas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a súa representación legal, de ser menor de idade, poderán presentar por escrito á dirección do centro durante o martes , 23 e o mércores, 24 de maio, de 9:00 a 14:00, reclamación ante Xefatura Territorial (Ver Anexo 3).
A dirección do centro remitirá o expediente á Xefatura territorial que adoptará a decisión pertinente, que será motivada en todo caso, e que se comunicará á dirección do centro para a súa aplicación e traslado á persoa interesada.
Contra a resolución da Xefatura Territorial, que esgota a vía administrativa, o interesado ou a interesada, as súas persoas proxenitoras ou os seus representantes legais, poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.