Skip to Content

Dinamización lingüística

LUISA VILLALTA. A MÚSICA DO POEMA

Este venres 5 de abril tivemos a grande sorte de contar no IES Miraflores coa poeta Antía Otero, que impartiu un obradoiro de poesía ao alumnado de 1º de Bach.

A poesía serviu de eixo para traballar tamén a figura da escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas: Luisa Villalta.

Desbotar os prexuízos que se teñen deste xénero literario e tratar de achegalo á rapazada para que sexan quen de cultivalo foron as máximas da actividade.

Os versos foron agromando pouco a pouco do maxín do alumnado e a experiencia resultoulle moi enriquecedora.

A actividade estivo organizada polo Equipo de Dinamización e o Concello de Oleiros.

OBRADOIRO DE REGUEIFAS

 

Os alumnos/as de 3º da ESO do IES do Miraflores desfrutaron o pasado venres 22 de marzo dunha sesión de regueifas impartida por Lupe Blanco.

Durante 90 minutos, as mozas e mozos compuxeron unha serie de versos seguindo a estrutura da regueifa, que consiste nunha disputa dialéctica na que a improvisación, a imaxinación e a rima son as protagonistas. Para rematar, cada un dos grupos cantou as súas regueifas diante dos compañeiros e compañeiras, seguindo as pautas ofrecidas pola reputada regueifeira carballesa.

Mediante esta iniciativa, organizada polo Concello de Oleiros e o Equipo de Dinamización do instituto pretendeuse incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se poñía en valor a lingua. Achegouse ao alumnado á estrutura tradicional da regueifa e inicióuselles nos mecanismos de canto, versificación e escollas léxicas.

Durante os obradoiros a rapazada traballou e puxo en práctica conceptos como son a rima, a métrica, a estrofa, a melodía... Ademais, de achegar e revitalizar a tradición galega de improvisación oral , tamén se favoreceu o diálogo e a liberdade discursiva, fíxose fincapé na motivación e no reforzo positivo co obxectivo de que o alumnado non dubidase en expresarse en público, nun ambiente de confianza e distendido.

A experiencia foi, xa que logo, moi positiva.

MENÚ MES DE MAIO

FALANDO A BOCA CHEA. MARÍA DA PONTRAGHA

 

 

O pasado 16 de abril o alumnado de 4º ESO do IES Miraflores desfrutou dunha sesión de contacontos da man de María da Pontragha.

Esta educadora e antropóloga, dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa oralidade, tanto a través da música coma da palabra .

 No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración bailando entre a recuperación e actualización das historias de vida  e tamén recollendo e adaptando contos populares e de tradición oral, poñendo sempre no centro o idioma e a cultura das xentes da aldea.

Conta para xente grande e miúda , soa ou acompañada e sempre co gusto e a seguranza de saberse parte do realismo máxico da Pontragha.

A rapazada participou de xeito moi activo e divertiuse con cada historia, falou dos máis vellos e do seu legado e motivou ao alumnado a crear coplas.

A actividade estaba  organizada polo Concello de Oleiros e o Equipo de Dinamización dentro do ciclo Falando a Boca Chea.

 

 

POÉTICAS GALEGAS

O xoves 11 de abril ás 10:30 horas o alumnado de 1º Bacharelato do IES Miraflores, asistíu nas Torres de Santa Cruz a un recital poético da man da actriz, filóloga, poeta, artista visual … Chus Álvarez.

 

Acompañada ao piano de Ángeles Dorrio fixeron un orixinal percorrido pola poesía galega feita por mulleres, ao longo da  historia.

 

Música e poesía fusionáronse maxistralmente para dar voz a escritoras valentes, independentes e carismáticas que cos seus versos plasmaron unha nova forma de concibir a poesía e de facerse escoitar.

 

A actividade estaba organizada polo Concello de Oleiros e o departamento de Lingua e Literatura galega do IES Miraflores.

 

 

 

GAÑADOR DO CERTAME LITERARIO" DESCUBRINDO OLEIROS"

Xa temos gañador do certame literario “Descubrindo Oleiros" organizado polo Concello de Oleiros e o Equipo de Dinamización Lingüística.

 

 

 

Ignacio Márquez Ricoy de 1º Bach B resultou gañador na súa categoría co seu relato: “AMIGOS”.

Parabéns!!!!

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS

   

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS LETRAS GALEGAS 2024

O Equipo de Dinamizacón da Lingua Galega do IES Miraflores convoca VII Concurso de Marcapáxinas das Letras Galegas 2024. LUISA VILLALTA

O tema deste ano é a figura de Luisa Villalta, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas

1. Participantes

Pode participar no  concurso todo o alumnado do centro.

2. Formato

O marcapáxinas realizarase nun rectángulo aproximado  de 21cm x 5cm. Debe ser cartulina sen motivos en relevo . A técnica será manual e libre e efectuarase  por unha soa cara.

Deberá recoller o texto: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024. LUISA VILLALTA.

3. Presentación de traballos

O marcapáxinas terá que recoller o nome do alumno/a e o curso.

4. Prazo e lugar de presentación

Os marcapáxinas serán recollidos polo profesorado de Lingua Galega que imparta clase en cada curso e a data límite de entrega será o venres 10 de maio.

5. Xurado

O Xurado estará composto por algún membro do Equipo directivo, a coordinadora do Equipo de Dinamización, un docente do centro e alumnado que pertence ao Equipo de Dinamización.

6. Criterios para a concesión do premio

A calidade e a orixinalidade dos traballos serán os criterios nos que se baseará o xurado para a resolución dos premios.

1º Premio. Agasallo e impresión do marcapáxinas para facer entrega ao resto do alumnado e profesorado

2º Premio. Agasallo

3º Premio, Agasallo

7. Entrega de premios

A entrega de premios  realizarase a mañán do venres 24 de maio na Biblioteca do IES Miraflores.

 

MENU ABRIL

FALANDO CON ZENZAR

 

 

Zënzar é unha banda de punk rock galega procedente de Meirama  e formada durante o outono do ano 1987.

Son a banda con máis anos de actividade en Galiza facendo rock en galego, polo que son alcumados a miúdo como "os padriños do rock galego".

O vocalista do grupo é o polifacético Xosé Bocixa  que estivo no noso centro acompañado de Paco Cerdeira “Pacolas” e da ilustradora Laura Romero.

O alumnado de 2º ESO desfrutou o pasado 21 de marzo no salón de actos do instituto, non só das súas cancións senón tamén das súas experiencias ao longo da súa dilatada traxectoria.

A actividade estaba organizada polo Equipo de Dinamización do IES M;iraflores e o Concello de Oleiros.

 

 

MENÚ MARZO

Distribuir contido


by Dr. Radut