Skip to Content

blogue deadmin

PROCESO ADMISIÓN ALUMNADO DE NOVO INGRESO NON PROCEDENTE DE CENTROS ADSCRITOS – CURSO 2023/2024

NORMATIVA REGULADORA DO PROCEDEMENTO

– DECRETO 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

– Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

– Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos sobre o desenvolvemento do proceso de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2023-2024.

  Resolución do 23 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai público o resultado do sorteo ao que fai referencia o artigo 34 da orde do 21 de outubro de 2022.

 

POSTOS ESCOLARES OFERTADOS POR NIVEL E ETAPA PARA ALUMNADO DE NOVO INGRESO NON PROCEDENTE DE CENTROS ADSCRITOS

 

CURSO

PRAZAS OFERTADAS

1º ESO

5

2º ESO

5

3º ESO

14

4º ESO

5

1º BACHARELATO CIENCIAS

E TECNOLOXÍA

12

1º BACHARELATO HUMANIDADES

E CIENCIAS SOCIAIS

13

2º BACHARELATO CIENCIAS

E TECNOLOXÍA

13

2º BACHARELATO HUMANIDADES

E CIENCIAS SOCIAIS

10

 

 

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES DE ADMISIÓN (ED550B) COMPRENDE DO 1 AO 20 DE MARZO DE 2023 (AMBOS INCLUÍDOS).

 

As solicitudes de admisión (Anexo II e anexo II-bis) deben estar debidamente cubertas e asinadas por ambos proxenitores, excepto nos casos de violencia de xénero ou naqueles onde un dos proxenitores foi privado/a da patria potestade.

 

Ademais, coa solicitude de admisión, o/a proxenitor/a ou representante do alumnado deberá achegar a seguinte documentación:

– Copia do DNI do/a alumno/a e dos seus proxenitores.

– Certificación académica do curso no que está actualmente matriculado/a o/a alumno/a solicitante.

 

INFORMACIÓN A TER EN CONTA:

– A solicitude será única, terá carácter vinculante e a súa presentación implicará que son certos os datos indicados nela.

– Poderase presentar de forma presencial no centro docente indicado en primeiro lugar, en horario de 8:30 a 14:00,  ou preferiblemente por vía electrónica mediante o formulario normalizado dispoñible na aplicación informática admisionalumnado (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

– Na solicitude de admisión, poderase pedir hasta seis (6) centros por orde de preferencia e alegará os criterios de admisión que pretenda que se lle valoren. Dita solicitude dirixirase ao centro solicitado en primeiro lugar.

– Logo de presentar unha solicitude de admisión, para renunciar a ela deberá facerse expresamente, indicándoo no recadro correspondente da nova solicitude que deberá presentarse. A existencia dunha solicitude de admisión presentada en prazo sen renunciar expresamente á anterior poderá ser causa de perda de dereito a participar no procedemento nos termos previstos no artigo 8 da Orde so 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro.

– A admisión e a matriculación nun centro docente implica respectar o seu Proxecto educativo.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN XUSTIFICATIVA DOS CRITERIOS DE BAREMO ALEGADOS

Cando os postos dispoñibles en admisión no centro indicado en primeiro lugar non sexan suficientes para atender todas as solicitudes, o citado centro docente abrirá un prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo para presentar as solicitudes, para que as persoas interesadas presenten de forma presencial nel a documentación xustificativa dos criterios de baremo alegados, para realizar a súa valoración e establecer unha orde de prelación.

Esta documentación complementaria presentarase presencialmente no centro docente. As persoas solicitantes responsabilizaranse da súa veracidade e os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación e reflectir a situación familiar na data de inicio do prazo de presentación de solicitudes, agás a situación económica, que será do exercicio fiscal anterior en 2 anos ao ano natural da solicitude.

 

DATA DE PUBLICACIÓN DA LISTAXE PROVISIONAL DO ALUMNADO ADMITIDO E NON ADMITIDO: 25 DE ABRIL DE 2023

As familias poderán consultar as listaxes presencialmente no taboleiro de anuncios ou por vía electrónica a través da aplicación informática admisionalumnado, sendo necesario para consultalas o certificado dixital ou Chave365.

Poderase formular reclamación, no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación, ante o Consello escolar. Estas reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación da listaxe definitiva.

 

DATA DE PUBLICACIÓN DA LISTAXE DEFINITIVA DO ALUMNADO ADMITIDO E NON ADMITIDO: 15 DE MAIO DE 2023

As persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante a persoa titular da xefatura territorial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. A resolución da persoa titular da xefatura territorial porá fin á vía administrativa e contra esta cabe interpor recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo.

 

PRAZO PARA FORMALIZAR A MATRÍCULA NA ESO E BACHARELATO: DO 23 DE XUÑO AO 7 DE XULLO DE 2023 (no mes de xuño indicarase na nosa web o día exacto para formalizar a matrícula por cursos).

 

ÁREA DE INFLUENCIA DO CENTRO E ÁREAS LIMÍTROFES

https://www.oleiros.org/documents/39407/58962a14-eb58-7dd9-44ac-92c6ed33d5b9

 

SERVIZOS COMPLEMENTARIOS:

 

TRANSPORTE ESCOLAR.

COMEDOR ESCOLAR.

A ANPA Miguel Hernández ofrece o servizo de comedor, seguindo o Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos, na modalidade establecida no artigo 2, punto 1 apartado e “Xestión do comedor escolar por entidades privadas sen ánimo de lucro, responsables da contratación e xestión integral do servizo, autorizadas para o efecto pola Consellería competente en materia de educación, coas que esta, no seu caso, poderá establecer fórmulas de colaboración mutua.”

O servizo de comedor, que ofrece a cantina e que conta con cociña propia, é xestionado pola ANPA tras a autorización por parte do Delegado Provincial da Consellería de Educación no ano 2001.

O servizo funciona de luns a venres, de setembro a xuño en horario de 14:10h a 15h. 

NA APLICACIÓN ADMISIONALUMNADO (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado) PODERÁN CONSULTAR:

a) O cronograma coas datas dos trámites principais do procedemento de reserva, admisión ordinaria e matrícula.

b) A previsión de postos escolares dispoñibles e as súas modificacións.

c) A relación do alumnado de cada curso, co número da solicitude de admisión asignado pola aplicación no momento da súa gravación.

d) O estado de tramitación da súa solicitude utilizando o número de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante.

e) A listaxe do alumnado con posto reservado e a listaxe provisional e definitiva do alumnado admitido coa puntuación total e do alumnado non admitido, utilizando calquera dos mecanismos de identificación admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o certificado dixital e Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

BACHARELATO DE EXCELENCIA EN CIENCIA E TECNOLOXÍA

 

STEMBACH

Con data 11 de setembro publicouse no  portal da Consellería de Educación a resolución provisional de Centros admitidos para a implantación do STEMbach, na que estamos incluidos.

Este bacharelato, que se enmarca na estratexia Edudixital 2020, favorecerá unha conexión directa coa universidade, posto que os estudantes farán un proxecto de investigación, con posterior defensa pública, co-dirixido por persoal universitario.

O alumnado cursará unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, e realizará actividades complementarias de formación.

 

Vocación científico-tecnolóxica e conexión coa Universidade.

O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas. Por outra banda, tamén axudará a mellorar as destrezas comunicativas e expresivas e proporcionará unha relación máis estreita entre profesorado e alumno.

Este bacharelato pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias permitirá unha conexión directa co ensino universitario, posto que o alumnado que o curse deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia ( SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM. De feito, e para cristalizar esta cooperación, asinarase un convenio de colaboración coas universidades participantes.

Materia extracurricular semanal.

Ademais, o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular. Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia como conferencias, talleres ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

 

ENTREGA FONDO LIBROS 2º ESO E 4º ESO

A entrega dos libros de 2º ESO, xunto cos cheques de axuda para material escolar, queda por concretar para un día da semana do 11 de sembro, á espera da recepción dos exemplares necesarios. A vinderia semana indicarase día e hora.

A entrega dos libros de 4º ESO, xunto cos cheques de axuda para material escolar, realizarase o día 11 de setembro de 16:30 a 18:30.

Lémbrase que se o/a solicitante non pode facer a recollida persoalmente ten que autorizar á persoa que veña facela.

 

2º BACHARELATO – INFORMACIÓN ABAU – CONVOCATORIA ORDINARIA – XUÑO 2023

PUBLICACIÓN DAS CUALIFICACIÓNS

As cualificacións obtidas polo alumnado na convocatoria ordinaria da ABAU faranse públicas en NERTA o xoves, 15 de xuño, a partir das 20:00 horas.

O 22 de xuño faranse públicas as cualificacións definitivas despois da resolución das solicitudes de revisión (a partir das 20:00 horas).

TARXETAS DE CUALIFICACIÓN

O venres, 16 de xuño, o alumnado recibirá por correo electrónico a súa Tarxeta de Cualificación Provisional da ABAU asinada dixitalmente.

O venres, 23 de xuño, o alumnado recibirá por correo electrónico a súa Tarxeta de Cualificación Definitiva da ABAU asinada dixitalmente coa modificación da nota, no seu caso, despois do prazo de revisión das cualificacións.

REVISIÓN DAS CUALIFICACIÓNS

O alumnado ou titores/as legais poderán solicitar a revisión da cualificación obtida nun ou en varios exames no prazo de tres días contados a partir da data de publicación das cualificacións. Neste proceso de revisión as modificacións das cualificacións poder ser tanto á alza como á baixa.

1. O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións: do 16 a 20 de xuño (ata as 14:00 horas).

2. As solicitudes de revisión poderanse facer a través da aplicación informática Nerta, empregando o seu código de acceso. O alumnado deberá gardar copia da súa solicitude en calidade de resgardo e xustificación da presentación desta.

3. No proceso de revisión procederase do seguinte xeito:

a) En primeiro lugar, analizarase se houbo algún erro material na corrección do exame da persoa interesada (sumas mal calculadas ou preguntas sen corrixir). No caso de existir algún erro material, modificarase a cualificación, tanto á alza como á baixa. A cualificación provisoria obtida (identificada como P) pasa a ser a nova cualificación despois de modificar segundo o erro material detectado. No caso de non haber erros materiais, mantense como cualificación provisoria a cualificación orixinal (identificada tamén como P).

b) Deseguido, realizarase unha segunda corrección por un novo corrector/a especialista distinto ao que efectuou a primeira corrección. Se esta segunda cualificación (identificada como S) ten unha diferenza menor de dous puntos, a cualificación definitiva será a media aritmética entre S e P, nomeadamente (S+P)/2.

c) No suposto de que existise unha diferenza de dous ou máis puntos entre ambas as cualificacións (P e S), un terceiro especialista distinto dos anteriores efectuará unha terceira corrección (identificada como T). Neste caso, a cualificación definitiva será a media aritmética das tres cualificacións, nomeadamente (P+S+T)/3.

Contra a resolución adoptada pola CIUG, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación ante a propia CIUG. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa do recurso potestativo de resolución ou se produza o acto presunto.

REVISIÓN DE EXAMES

O alumnado, ou titores legais, ten dereito a ver as probas revisadas unha vez finalizado o proceso de revisión (Art. 10.3 do RD 310/2016 de 29 de xullo). Para a consulta dos exames poderá facerse a solicitude o 23 e 26 de xuño (ata as 14:00h) presentando o formulario correspondente nun LERD ou remitindo por correo electrónico ao LERD correspondente o formulario:

LERD 3. Campus de Elviña (A Coruña)

Pavillón de estudantes – Campus de A Coruña – 15071 A Coruña

Teléfonos: 881 011 190 / 881 011 192 / 881 011 964

Correo: lerdcoruna@udc.es

Os exames revisados poderanse ver o 29 de xuño no ás 10:00 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura (sede da CIUG).

BOLSAS DO MEFP CURSOS POSTOBLIGATORIOS 23-24

Prazo presentación solicitudes do 27 de marzo ao 17 de maio. Procedemento exclusivamente telemático na Sede Electrónica.

Enlace 

ADMISIÓN ORDINARIA ALUMNADO CURSO 2023-2024

ACHEGA, DE XEITO PRESENCIAL NO CENTRO DOCENTE, DA DOCUMENTACIÓN XUSTIFICATIVA DOS CRITERIOS DO BAREMO (DO 22 DE MARZO AO 4 DE ABRIL, AMBOS INCLUÍDOS) DE 9:00 A 14:00.

Ábrese o prazo para que as persoas interesadas presenten a documentación xustificativa dos criterios do baremo alegados para realizar á súa valoración e establecer unha orde de prelación.

NON DEBE PRESENTAR A DOCUMENTACIÓN, PORQUE O NÚMERO DE POSTOS ESCOLARES É SUFICIENTE, O ALUMNADO QUE SOLICITOU ADMISIÓN NOS SEGUINTES CURSOS:

O alumnado procedente dos centros adscritos (CEIP Juana de Vega e CEIP Plurilingüe da Rabadeira) que formalizaron en prazo a solicitude de reserva.

2º ESO

3º ESO

1º BACHARELATO

2º BACHARELATO

DEBE PRESENTAR A DOCUMENTACIÓN DO 22 DE MARZO AO 4 DE ABRIL (AMBOS INCLUSIVE) DE XEITO PRESENCIAL DE 9:00 A 14:00 HORAS NA SECRETARÍA DO CENTRO, PORQUE O NÚMERO DE POSTOS ESCOLARES OFERTADOS É INFERIOR AO NÚMERO DE SOLICITUDES DE ADMISIÓN, O ALUMNADO QUE SOLICITOU ADMISIÓN NOS SEGUINTES CURSOS:

1º ESO

4º ESO

 

NORMATIVA REGULADORA DO PROCEDEMENTO

– DECRETO 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

– Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

– Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos sobre o desenvolvemento do proceso de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2023-2024.

–  Resolución do 23 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai público o resultado do sorteo ao que fai referencia o artigo 34 da orde do 21 de outubro de 2022.

 

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES PROVISIONAIS DE PERSOAS ADMITIDAS E NON ADMITIDAS: 25 DE ABRIL.

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES DEFINITIVAS DE PERSOAS ADMITIDAS E NON ADMITIDAS: 15 DE MAIO.

O ALUMNADO ADMITIDO DEBERÁ FORMALIZAR A MATRÍCULA DO 27 DE XUÑO AO 10 DE XULLO CONFORME AO CALENDARIO QUE SE PUBLICARÁ PRÓXIMAMENTE.

V CARREIRA DA LUZ – IES MIRAFLORES

 CARREIRA POPULAR CON FINS SOLIDARIOS

VENRES 21 DE ABRIL DE 2023 ÁS 20:00 HORAS

POLÍGONO DE IÑÁS (OLEIROS)

INFORMACIÓN E INSCRIPCIÓN

 

Co fin de realizar unha actividade deportiva, á vez que solidaria, e que involucrase ao maior número de persoas de todas as idades e non só de Oleiros, senón tamén das localidades limítrofes, o IES Miraflores deseñou un proxecto de carreira popular, “A Carreira da Luz”, unha iniciativa que levaba organizando durante catro anos e que, lamentablemente, viuse paralizada por mor da pandemia.

Unha das máximas do IES Miraflores é educar en valores e inculcar boas prácticas como a cooperación e a solidariedade con aquelas persoas que sofren, por exemplo, mediante a participación en actividades deportivas e saudables, pois isto favorece e enriquece enormemente á nosa xuventude e, por extensión, á toda a sociedade.

Din que a forza está no impulso que outros/as corredores/as transmiten na carreira, e se a iso se lle engaden os beneficios da actividade física e a motivación de correr por unha boa causa sabendo que o teu esforzo contribúe a mellorar a vida doutras persoas, o éxito está garantido.

Nesta ocasión, dende o IES Miraflores tenderase unha liña de colaboración solidaria coa FUNDACIÓN DIEGO GONZÁLEZ RIVAS, entidade con selo galego, recentemente constituída, que ten como obxecto a investigación médica e que leva o nome do cirurxián coruñés que, desde hai máis dunha década, opera en calquera parte do mundo a persoas sen recursos e con enfermidades torácicas a través da técnica de cirurxía torácica Uniportal VATS.

PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DO ALUMNADO – CENTROS ADSCRITOS CURSO 2023-24

ADMISIÓN ALUMNADO.

Rematado o procedemento de reserva de postos escolares para o alumnado procedente dos centros adscritos (CEIP Juana de Vega e CEIP Plurilingüe da Rabadeira), informamos que os postos dispoñibles en 1º ESO no IES Miraflores para o curso escolar 2023-2024 son suficientes para atender todas as solicitudes presentadas en prazo.

De conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, estará exposto no taboleiro de anuncios dos centros adscritos e de adscrición a listaxe definitiva do alumnado con posto reservado.

 

FORMALIZACIÓN DA MATRÍCULA NO IES MIRAFLORES.

O prazo para formalizar a matrícula será publicada nesta páxina web (a previsión é que sexa a partir do 23 de xuño de 2023).

MODIFICACIÓN DAS DATAS DAS AVALIACIÓNS NA ESO

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicou no DOG do 5 de xaneiro a ORDE DO 27 DE DECEMBRO DE 2022 DE MODIFICACIÓN DA ORDE DO 20 DE MAIO DE 2022 POLA QUE SE APROBA O CALENDARIO ESCOLAR PARA O CURSO 2022/23 NOS CENTROS DOCENTES SOSTIDOS CON FONDOS PÚBLICOS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

En base ao indicado nesta Orde, elimínase a sesión de avaliación previa á avaliación final do alumnado de ESO, prevista inicialmente para ser realizada a partir do  5 de xuño de 2023, xunto co período específico para a realización de actividades de apoio, reforzo e recuperación de materias ou partes sen superar tras esa avaliación parcial; é dicir, o curso na ESO remata a todos os efectos o 21 de xuño de 2023 debendo coincidir a sesión da terceira avaliación parcial coa sesión de avaliación final, que terá lugar a partir do 22 de xuño de 2023, onde se fará efectiva a cualificación definitiva das materias.

En consecuencia, procédese a reaxustar a extensión da segunda e da terceira avaliación do alumnado de ESO quedando  do seguinte modo:

REMATE DA 2ª AVALIACIÓN E ENTREGA DO BOLETÍN DE NOTAS: VENRES, 31 DE MARZO DE 2023.

REMATE DA 3ª AVALIACIÓN: MÉRCORES, 21 DE XUÑO DE 2023.

INICIO DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO EN CENTROS DOCENTES SOSTIDOS CON FONDOS PÚBLICOS PARA O CURSO 2023/2024

FASE DE RESERVA DE PRAZAS DO ALUMNADO PROCEDENTE DE CENTROS DE ADSCRICIÓN (CEIP JUANA DE VEGA E CEIP A RABADEIRA)

De conformidade coa disposición adicional primeira da Orde da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades do 21 de outubro de 2022, que regula o procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, o 16 de xaneiro de 2023 iniciouse o procedemento para a solicitude de reserva de praza nun centro de adscrición para alumnado que cambia de etapa (código ED550A).

O prazo de solicitude abranguerá do 16 de xaneiro ao 6 de febreiro do 2023, ambos incluídos NOS CENTROS DE PRIMARIA ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

TANTO A PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES DE RESERVA COMO A CONSULTA DAS LISTAXES DE ADMITIDOS DE ALUMNADO DE CENTOS ADSCRITOS (CEIP JUANA DE VEGA E CEIP A RABADEIRA), QUE SE PUBLICARÁN ANTES DO DÍA 28 DE FEBREIRO, DEBERÁN REALIZARSE NO CENTRO NO QUE ESTÁ MATRICULADO O ALUMNADO NO PRESENTE CURSO ou a través da aplicación admisionalumnado

(https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/)

Distribuir contido


by Dr. Radut