FacebookSíguenos en YouTube

Visionado de Lar polo alumnado de Bacharelato

 Lar, unha homenaxe aos avós e ás avoas

O alumno Hadrián Otero que cursa 2º de Bacharelato no noso Centro e a alumna de 1º de Bacharelato Claudia Lema, son dous dos protagonistas do documental Lar que a periodista Verónica Couto de Agaresa (Asociación Galega de Comunicación para o cambio social) presentou o mércores ao alumnado de 2º Bacharelato, e hoxe venres, ao de 1º.

Hadrián Otero e o seu avó Ovidio Otero, de Zas; Claudia Lema e a súa avoa Balbina, de Baio; Laura Núñez e o avó José Núñez de Torés, As Nogais son os personaxes deste documental no que se  recollen soños e lembranzas de tres adolescentes que medraron ao lado dos seus maiores que tamén achegan as súa propias reflexións.

Un traballo excelente sobre a importancia da transmisión interxeracional entre netos/as e avos/as, da importancia das relacións entre as dúas xeracións con cambio radical dos tipos de vida, facendo ver que os vínculos entre eles poden ser moi satisfactorias pese á diferenza de idade. Hai que destacar tamén que a peza audiovisual é unha homenaxe ao rural, cada vez máis despoboado.

En definitiva Lar é un documental entrañable que nos fai reflexionar sobre o amor aos/ás nosos maiores, algo do que que moitas veces a mocidade se decata demasiado tarde ou que simplemente non teñen a oportunidade de gozar polo modo de vida da sociedade actual.

1º ESO vive a experiencia de almorzar no instituto

Pechamos os almorzos saudables na ESO co alumnado de 1º ESO que estaba ilusionado por compartir no Centro cos compañeiros e coas compañeiras a primeira comida do día.

 

“Varios estudos asocian o mellor rendemento académico cunha boa dose de comida a primeira hora. Eso si, sempre que sexa saudable.” Esta foi a idea coa que se iniciou a primeira hora a clase teórico- práctica dirixida ao noso alumnado máis novo e rebuldeiro. Explicóuselles cales son os beneficios de almorzar, e propúxoselles distintos alimentos para que crearan o seu propio almorzo saudable: pan, xamón serrano, aceite, tomate, froita variada, avea, lácteos....

 

A experiencia foi positiva: houbo quen seguiu os seus gustos á hora de escoller os alimentos, pero tamén houbo quen se animou a probar un pouco de todo. O importante é que todos e todas consideraron esta experiencia como moi positiva. 

ENGLISH LIBRARY - BOOKWORMS

Hello everyone! 

 

Tedes dispoñible unha colección de libros in English, sobre todo de banda deseñada, na biblioteca do centro. Estes 24 libros forman parte do proxecto “Bookworms”, no que por cada libro que se devolva, obtense un cupón para recibir un agasallo sorpresa por parte do Departamento de Inglés se o alumnado fai un pequeno resumo da historia que leu e da a súa opinión sobre o libro que escolleu. 

 

Os libros teñen un adhesivo de cor no seu canto co sistema do semáforo para diferenciar o nivel ó que están indicados: verde - 1º&2ºESO / amarelo - 3º&4ºESO / vermello - BAC.

 

So go ahead, pick a book and read!

Alumnado do IES Maximino Romero de Lema incubará ovos da Galiña de Mos

O IES Maximino Romero desenvolve, en colaboración coa Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos, un proxecto de educación avícola. O alumnado de 1º e 2º ESO poderá observar no laboratorio o ciclo de incubación e nacemento de poliños. 

Onte mércores comezaron o proxecto coa charla do veterinario Diego Rois que lles explicou as características dos ovos e o mecanismo de incubación con controis de temperatura e humidade. 

Unha vez que nazan os pitiños -aos 21 días- volverá Diego Rois para indicarlles os pasos a seguir para mantelos con vida e que complementará cunha charla divulgativa sobre a recuperación, conservación e fomento da raza autóctona Galiña de Mos, actualmente un produto delicattesen nas tendas. 

PARTICIPACION DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA EN GALICIASKILLS

Hoxe arrancou o GaliciaSkills 2023, o 7º Campionato galego de Formación Profesional, no recinto Feira Internacional Abanca de Silleda que se celebrará ata o venres 27, día no que se darán a coñecer aos gañadores de cada unha das especialidades participantes.

Este ano, o IES Maximino Romero de Lema – Baio, participa nesta competición co alumno Daniel Villar de 2º curso do Ciclo Superior de DAW, que se atopa “moi ilusionado e disposto a aprender desta experiencia” según comenta o seu titor Bertín Deza, que estará estes días con el.

Hoxe o alumnado de 2º curso de CM de Sistemas Microinformáticos, e máis os compañeiros de Daniel de 2º de DAW visitaron o recinto para darlle ánimos ao seu compañeiro e coñecer como se leva a cabo esta competición. Trátase dun campionato eminentemente práctico, no que Daniel terá que desenvolver una proba relacionada coa súa especialidade na que porá a proba as súas destrezas e coñecementos en materias coma Bases de datos, programación ou despregamento de aplicacións web.

Para o alumnado foi unha experiencia moi motivadora ver que se están a facer tantos proxectos noutros centros galegos, ao mesmo tempo que puideron coñecer outros campos da formación profesional que descoñecían.

UN ALMORZO EXITOSO!

O alumnado de 3º ESO gozou hoxe dun almorzo completo que lles axudou a comezar con bo pé a xornada educativa. Na breve charla que se lles dá ao comezo foron varios os que comentaron que habitualmente non tomaban nada pola mañá. Por iso fíxose especial fincapé na necesidade de realizar ben esta primeira comida do día xa que son moitos os seus beneficios: proporciona maior concentración, mellora o rendemento intelectual, reduce a ansiedade, mellora as relacións sociais e o bo humor, activa o metabolismo, evita hipoglucemias e hipotensión, etc.

 

A continuación nun ambiente agradable e distendido degustaron produtos frescos, saudables e de orixe galega. Esperamos que pouco a pouco se vaian concienciando da necesidade de realizar o almorzo e ademais que de que este sexa nutritivo para así comezar o día con ledicia e enerxía.

A DAMA DA NOVELA NEGRA GALEGA VISITA O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

Esta tarde Arantza Portabales inaugurou os encontros literarios deste curso no IES Maximino Romero de Lema. A primeira cita foi cos membros do Club de Lectura de Adultos cos que intercambiou reflexións, arredor dunha taza de café e nun ambiente moi distendido, de aspectos diversos referentes a O home que matou a Antía Morgade

 

A continuación foi a quenda do alumnado de 1º Bacharelato co que a autora falou de xeito máis extenso do seu proceso da escrita en xeral, e en particular daqueles aspectos da súa última publicación que quixo resaltar ou aqueles aos que o alumnado lle facía referencia a través das súas preguntas.  

 

Comentou que neste libro quixo centrarse na culpa, en como afrontar a perda dun ser querido; tamén quería tratar o tema do abuso, do medo a denunciar por mor do xuízo social ao que se somete ás vítimas. Destacou que nesta novela o importante non é quen é o asasino, senón como todos os personaxes principais viven o medo á posibilidade de ser as súas próximas vítimas.

 

A novelista confesou que empezou a escribir por afección -por suposto sempre foi unha amante da lectura- e que acadou un espazo no que é totalmente libre a base de abandonar outras responsabilidades. Sinalou que o seu obxectivo como escritora é que gocemos coa lectura, que empaticemos co que lles ocorre aos personaxes. 

 

Foron varias as sorpresas que lle tiñamos preparado á autora: Na propia entrada quedou abraiada pola composición con manequíns que representaban aos principais personaxes da novela. Durante o café co Club de Lectura de Adultos encantoulle o agasallo dunha gran galleta na que estaba impresa a portada do libro. Ao entrar no salón onde a esperaba a rapazada soou a Canción de vida y muerte de Iván Ferreiro, coa que se emocionou pois está entre as súas preferidas e cuxa temática se relaciona co libro. Finalmente, o acto rematou agradecendo de novo a súa presenza e coa sinatura de exemplares por parte do público.

GANDEIRO E GANDEIRA POR UN DÍA

O alumnado de 2ºESO viviu onte venres unha enriquecedora experiencia na que puido comprobar como é un día nunha gandería, de onde vén o leite ou a carne  de vacún de excelentes calidades e, degustar deliciosos iogures que proceden das nosas granxas galegas. Visitaron a explotación gandeira de Colúns (Mazaricos) que agrupa a catro gandeiros que decidiron unirse para ser máis competitivos constituíndo hoxe unha das explotacións máis grandes da comarca e un modelo de de granxa circular que aposta pola sostenibilidade medioambiental.

Rapaces e rapazas coñeceron as instalacións de máis de 2000 metros cadrados guiados por Graciela e Antonio París -este último un dos donos- que lles foron explicando os labores que nelas se realizan. Coñeceron a zona das vacas de lactación, a sala de ordeño, a zonas das vacas secas e en preparto, 3 silos e unha fosa de xurro cuberta de 3 millóns de litros de capacidade, un tanque frío de 16.000 litros, a nave para maquinaria e cerais e soia...

Puideron comprobar que nesta granxa o confort e benestar dos animais é un obxectivo prioritario por algo SAT CIVES é un referente neste aspecto. Tamén en SAT CIVES coidan moito a calidade da forraxe que parte de recoller a herba e o millo no seu punto óptimo.

Unha visita pensada para que o alumnado descubra a orixe real dos alimentos, a boa calidade dos mesmos se se pon especial coidado na súa produción, o coidado medioambiental que se consegue nunha graxa circular e, como non, unha oportunidade para poñer en valor o rural e amosarlle á rapazada as posibilidades de ter un futuro profesional no campo.

Moitas grazas a Graciela e, sobre todo, a Antonio polas súas explicacións, por dedicarnos un tempo valioso do seu labor cotián e polo modelo de granxa que defende. Todo un exemplo a seguir!

Distribuir contido