FacebookSíguenos en YouTube

O CLUB DE LECTURA BAIOLENDO NA RADIO GALEGA

Onte, día 25 de xaneiro, a nosa compañeira e coordinadora do Club de Lectura Trini López participou no debate do programa da Radio Galega Como que non, dentro da Crónica 20h., sobre as novas medidas anunciadas polo Goberno Central para a mellora da competencia lectora do alumnado.

Destacou a necesidade do fomento da lectura nun momento no que todo está moi dixitalizado e na importancia de seguir apostando polos clubs de lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, pero tamén como un espazo onde relacionarse, onde cadaquén achega o seu punto de vista respectando o dos demais e enriquecendo a lectura persoal previa.

Asemade, incidiu no importante labor que está a facer tanto a Biblioteca e, desde fai uns dez anos, o Club de Lectura do noso Centro no desenvolvemento da comprensión lectora e na mellora da súa competencia entre o alumnado.

Podemos escoitar a súa intervención no seguinte enlace.

MULLERES DO MEDIEVO GALEGO

Dende o 15 e ata o 26 de xaneiro, temos na entrada principal do Centro a exposición "Mulleres do medievo galego". Consta de 21 paneis, o primeiro introdutorio e o resto son dez láminas ilustradas e os 10 respectivos textos onde as protagonistas son dez mulleres da nosa historia: Dona Urraca, María Castaña, Lupe Pérez de Traba, Inés de Castro, Maior Guntroda Rodríguez, Aldonça I e Sancha II , Ilduara Eriz, Sancha I ,Tareixa de León e María Peres, A Balteira.

As ilustracións están feitas por 5 ilustradoras galegas; Iria Fafián, Laura Romero, María Montes, Minia Regos e Nuria Díaz.

Con esta exposición, a área de Igualdade da Deputación da Coruña procura dar unha maior difusión a mulleres da nosa historia que foron invisibilizadas e tamén a mulleres artistas actuais non sempre o suficientemente coñecidas.

Dende o Centro queremos agradecer todas estas iniciativas a prol dunha sociedade igualitaria inclusiva e diversa, “unha medida de actuación estratéxica para promover na sociedade un pensamento crítico sobre as desigualdades de xénero, sobre a desaparición das mulleres da esfera pública ao longo da historia, mais tamén na posta en valor do papel das mulleres artistas na sociedade actual”.

Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais

O martes 23 de Xaneiro o alumnado de 2º e 3º da ESO asistiu ao obradoiro «Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais» impartido por David Bascoy. Este obradoiro ten como obxectivo capacitar ós rapaces no uso seguro e responsable das TIC.

Durante a sesión introdúcense os aspectos máis relevantes para garantir que os mozos comprendan a importancia de construír unha presenza en liña positiva e protexer a súa privacidade no mundo dixital proporcionándolles as pautas mais relevantes para crear, manter e configurar perfís seguros nas redes sociais.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA GAÑA O SEGUNDO PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA “INNOVAGAL”

O IES Maximino Romero de Lema vén de recibir o segundo premio INNOVAGAL de Inovación Educativa concedido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades pola nosa traxectoria de compromiso coa innovación educativa.

Este premio é un recoñecemento ao importante labor que se desenvolve neste Centro desde hai moitos anos e en ámbitos moi variados, como a igualdade, a lingua, a literatura, o medio ambiente, a música e as artes escénicas, o consumo responsable, a informática, a ciencia e a tecnoloxía, … recibindo recoñecementos e premios tanto a nivel galego como a nivel nacional.

Neste labor colaborou e participou toda a Comunidade Educativa:  alumnado, profesorado, persoal non docente, familias, ANPA, Concello de Zas e moitas outras entidades, asociacións e persoas que a título individual e de maneira desinteresada estiveron e están implicadas nun proxecto educativo multidisciplinar e enriquecedor que fixo e fai deste Centro un referente e ao que todos e todas estamos orgullosos de pertencer.

Queremos lembrar igualmente o traballo e as iniciativas de todo o profesorado, alumnado, familias e persoal non docente que formaron parte deste Centro e que promoveron multitude de accións que contribuiron a este recoñecemento.

Agradecémoslle a Fina e a Óscar a súa iniciativa para presentarnos a estes premios, así como o seu gran traballo de recompilación e síntese das actividades e proxectos desenvoltos.

Queremos compartir este premio con todos e todas as persoas da Comunidade Educativa actual e pasada, así como coas institucións e persoas alleas a ela, por facer posible e contribuír a este proxecto educativo que agora foi recoñecido, que levamos moitos anos desenvolvendo e que esperamos continúe no futuro.

Para todos e todas, este é o noso premio, este é o voso premio.  PARABÉNS!!

Coñecemento do mundo laboral desde unha perspectiva de xénero

Hoxe, o alumnado de 4º ESO participou no programa EduReferentes, un proxecto educativo posto en marcha pola asociación Executivas de Galicia, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que ten por obxectivo achegar ás aulas mulleres referentes galegas en diferentes sectores profesionais para que alumnas e alumnos teñan exemplos femininos a seguir, descubran novos ámbitos profesionais e de éxito e aprendan a identificar as súas habilidades e talentos. Divídese en charlas impartidas por dúas mulleres do directorio Referentes Galegas, obradoiros para dar a coñecer a importancia das habilidades brandas entre o alumnado e sesións de mentoría individualizada.

 

Sandra Sinde, economista, emprendedora e innovadora, explicounos o seu proxecto profesional, centrado no desenvolvemento e implementación de experiencias innovadoras para transformar persoas, organizacións e territorios, destacando o proceso de xénese deste proxecto, xurdido despois de máis de 20 anos de experiencias profesionais noutros ámbitos e en máis de 10 países, que a conduciu ao seu ikigai, o punto no que se conxuga de maneira equilibrada a súa formación, as súas cualidades, os seus intereses e paixóns e as necesidades do contorno e das institucións.

 

Pola súa banda, Carmen Pomar, psicóloga, profesora universitaria e deputada no Parlamento de Galicia, explicounos as singularidades dos dous ámbitos nos que traballa e como as habilidades e cualidades persoais contribúen a desenvolver o proxecto persoal e vital dunha persoa.

 

A continuación, a mesma Carmen Pomar desenvolveu un obradoiro no que se explicitou o papel das soft skillsno desenvolvemento dun proxecto profesional: a empatía, a resiliencia, a tolerancia á frustración, a actitude proactiva e positiva... que son fundamentais para a busca e o desenvolvemento profesional e igual de importantes, ou máis, que a formación e os coñecementos técnicos das persoas.

 

Esta iniciativa continuará cun proceso de mentoría duns alumnos e alumnas por parte dunha muller referente que se desenvolverá posteriormente noutra fase.

 

Foi unha actividade moi proveitosa, que lle permitiu ao alumnado coñecer a experiencia real de mulleres moi relevantes no seu campo e recoller de primeira man uns consellos e orientacións que de seguro seránlles moi valiosos no seu futuro académico, profesional e vital.

ENCONTRO LITERARIO CON ALBERTO MANCEBO

Hoxe, no Club de Lectura de Adultos, tivemos un encontro literario co xornalista e escritor Alberto Mancebo. Durante unha hora conversamos ao redor da súa primeira novela O que me quedaba por dicirche, unha historia familiar, íntima e sentimental baseada nas intensas emocións dun rapaz chamado Xoán, pero que podería ser calquera de nós….Neste libro relata de forma moi cercana e con moito sentimento esas emocións que veñen marcadas tanto pola presenza como pola ausencia das persoas máis próximas a nós.

Ademais de achegarnos á súa novela e ás motivacións das que partiu, Alberto contounos como empezou no mundo da escrita, como é a súa técnica de escritura, como combina o seu labor profesional coa escritura, falounos dos seus próximos proxectos literarios e comentamos aspectos variados de carácter literario, social, educativo, profesional… 

Agradecémosche Alberto a túa visita ao noso Centro e emprazámoste para presentar Indolente, a túa obra premiada na XXX Edición do premio de novela curta “Manuel Lueiro Rey”.

VISITA DO ALUMNADO DE 1º BACHARELATO A ABANCA

No día de hoxe, venres 12 de xaneiro, o alumnado de 1º Bacharelato acompañado do seu profesor Francisco Bóveda, visitou a oficina bancaria de Abanca en Baio. Foi fugaz e moi específica, xa que buscábamos saber como se analizan os riscos dunha inversión dende a Entidade Financeira para aconsellar aos seus usuarios, e como concretar os perfís dos inversores. Alí a súa Directora, Dna Inés de Casariego, explicounos polo miúdo ambos temas.

Moitas grazas pola túa colaboración Inés, axilidade e afabilidade. Foi unha visita didáctica e entretida, e como di o alumnado “investiremos en CR”.

Para Abanca, o agradecemento polo tempo e atención recibida amosada polo seu persoal na oficina de Baio.

O PASADO E O PRESENTE

Na materia de Proxecto competencial en 3ºESO, os alumnos tiveron que recopilar fotos antigas sobre diferentes lugares do concello de Zas e comparalas cas fotos de hoxe en día para logo expoñer o traballo mediante carteis. 

Os resultados obtidos foron valorados de maneira positiva, xa que encontraron fotos antigas como por exemplo: a casas de Enrique Labarta Pose, as Torres do Allo, o pazo de Romelle, a ponte de Brandomil ou a igrexa de Baio.

Distribuir contido