Skip to Content

ESCRIBIR EN GALEGO

Atopo nunha libraría de Santiago un escritor galego que coñecín hai pouco na presentación dun libro. Comezamos a falar sobre os libros que estamos lendo e, finalmente, derivamos a conversa ao tópico de se paga a pena ser escritor en Galicia. El considera que non (de feito, leva tempo sen escribir) co argumento de que lle dás moito máis á literatura do que a literatura che dá a ti. Gañou un premio (3000 euros) cunha novela que lle levou sete anos escribir e que non chegou a vender 1000 exemplares, unha cantidade máis que respectable, e ben difícil de superar, en Galicia, pero que non compensa o esforzo realizado. E que che traduzan e lean fóra é, para un escritor galego, unha utopía. Xa que logo, concluíu, é mellor dedicarse a ler, viaxar ou pasear polo parque.

 

Comprendo perfectamente as razóns dese escritor e sei que todos os que escribimos en galego facemos nalgún momento esa reflexión. Pero, por sorte, eu non cheguei a ese extremo, pois considero que o feito de vender moitos ou poucos libros non indica nada sobre o mal ou bo escritor que es. Para min, o valor da literatura mídese polo dominio do oficio e polo compromiso contigo mesmo, léase honradez intelectual. Necesita, por suposto, algún lector (cantos máis, mellor, desde logo), pero algún lector que cumpra tamén esas dúas condicións: dominio do oficio de lector e compromiso consigo mesmo. O bo escritor, considero eu, non debe ser creado polos lectores, debe crear os seus propios lectores.

 

O ano pasado escribín unha biografía do poeta Manuel Antonio. Motivábame, sobre todo, porque era un reto dunha enorme dificultade. A súa poesía é moi complexa e sempre que o lía tiña ganas de escribir sobre el. Para máis, estaba convencido de que ía descubrir moitas cousas sobre min mesmo. Pero había algunhas circunstancias que me facían dubidar se pagaría a pena. Ía dar unha visión desmitificadora dun poeta sacralizado e unha interpretación novidosa da súa poesía, non sendo profesor universitario, nin filólogo, nin herdeiro oficial da súa finca, polo que me arriscaba ao desprezo inmotivado, a indiferenza ou o ninguneo. 978849151162 Por suposto, escribín o libro e, a pesar de que non tivo, nin moito menos, a acollida que creo que merece, e que creo que algún día merecerá, sinto un enorme orgullo polo resultado final e pola honradez e valentía intelectual que amoso nel. Orgullo que reafirmei o outro día lendo un fermoso libro homenaxe a Manuel Antonio (ao que, por certo, non fun invitado) que publicou o CIFP Manuel Antonio de Vigo. Un dos colaboradores, o poeta Antonio García Teijeiro, que non coñezo persoalmente, di sobre o meu libro: “Unha biografía que foxe da haxiografía e que che fai pensar –e moito- sobre as luces e as sombras que todos os seres humanos temos de decorrer nas nosas vidas. Si. Sacudiume este libro pero fixo que admirase máis o poeta. Fuxo de mitificacións e demostroume que os creadores tan prestixiosos coma el son mortais afortunadamente. E, ademais, as súas contradicións fortalecen unha obra poética tinguida de vida”. Era xusto o que eu pretendía e, debo recoñecelo, que un só lector o exprese con esa claridade publicamente compensa con creces o esforzo realizado.

 

X.Ricardo Losada

 



story | by Dr. Radut