Skip to Content

COREOGRAFÍA

Acaban de cear. El tírase no sofá. Acende o televisor. Ela recolle a mesa e programa o lavalouzas. Fas ti a cama, pensa que lle di a El, tócache. Pero vai ao cuarto e faina como todos os días, a esa mesma hora. É a primeira en levantarse, traballa mañá e tarde, come fóra, ao chegar prepara a cea.

 

El cambia de canal. Acabaron os deportes en Cinco. Comezan en Catro.

 

Ela volve, e senta no sofá.

 

El cambia de canal. Comezan os deportes en Sete.

 

Ela pensa: Preferiría que non cambiases.

 

El levántase.

 

Non cambies de canal —di—. Agora volvo. —Vai ao cuarto, mexa no baño interior e, ao acabar, mentres escoita o son da cisterna, desfai a cama. Queda como se dous xigantes acabasen de facer o amor apaixonadamente. Volve ao salón:— Sabes que che digo? Ou fas a cama agora mesmo ou non a desfacemos máis como a ti tanto che gusta.

 

Cabrón –pensa Ela. Levántase, vai ao cuarto e fai a cama.

 

A cama está feita! –berra. Íspese, métese na cama e apaga a luz. Pensa en masturbarse (chega a tocar o clítoris), pero dálle pereza, está cansada.

 

El conecta o vídeo, agarda as primeiras imaxes da película porno e comeza a masturbarse. Media hora despois entra no cuarto, prende a luz e saca a roupa. Pon o pixama e déitase no oco da cama que Ela lle cede.

 

Ela apaga a luz.

 

El durme.

 

Ela ordena:

 

Ronca!

 

El ronca.

X.Ricardo Losada

 



story | by Dr. Radut