Skip to Content

O BALONMÁN COMO PEDAGOXÍA PROGRESISTA

(A Xesús Costa Rodil, un ano despois da súa morte). Coñecín a Xesús Costa en 1973, cando eu tiña 12 anos e el chegou como mestre ao colexio de Rianxo onde eu estudaba. Eran os estertores do franquismo e el, nun ambiente académico imbuído ata a medula de pedagoxía nacionalcatólica, foi un anticipo da democracia e unha práctica retardada das teorías do que despois souben que se chamaba Institución Libre de Ensinanza. Nunca me deu clase, pero foi adestrador meu do equipo de balonmán, un feito que algúns poden considerar menor comparado coas súas outras contribucións (mestre de vocación republicana -no sentido etimolóxico e político-, investigador rigoroso e sistemático da historia de Rianxo e fervente defensor da memoria histórica), pero que no meu recordo ten unha gran transcendencia pois simboliza moi ben, ao meu entender, o seu espírito persoal e profesional.

     Primeiro, porque a elección dese deporte indica unha mestura de gusto persoal e compromiso ideolóxico moi propio de don Xesús, unha das poucas persoas que eu coñecese no que o concepto de praxe acadaba un significado profundo. O balonmán non era só un deporte entre outros moitos que puidésemos practicar. Era un deporte que rompía o monopolio do fútbol e abría un mundo novo de posibilidades.

     Segundo, porque o balonmán non estaba contaminado pola manipulación franquista dos deportes de masas.

     Terceiro, porque ese deporte manifestaba dunha forma palmar a súa forma de enfrontarse ao mundo, esa teimosía (que paliaba coa súa afabilidade e sincera preocupación polos demais nas distancias curtas) que era, para ben e para mal, a marca indeleble do seu carácter. depositphotos_78221988-stock-photo-handball-pictogram-on-white-background Se o atletismo era demasiado individualista, o fútbol e o baloncesto eran demasiado complexos desde o punto de vista estratéxico. O balonmán, porén, consistía nun ataque e nunha defensa estáticos, definidos e planificados, organizados como nesa batalla que era, segundo el, a vida e, sobre todo, a vida dos nenos pobres. Os xogadores  de balonmán derrubaban un muro unha vez tras outra, como no mito de Sísifo, e ese era o sentido da vida que don Xesús intentaba transmitirnos pois era o sentido que el lle daba á súa vida persoal, familiar e social.

     Xa que logo, comprenderedes que non recorde nada das instrucións técnicas sobre balonmán que don Xesús me transmitiu con aquela solemnidade de barítono que o definía, iso que o deporte era a miña paixón. E non recordo nada porque, andando o tempo, cando estudaba bacharelato en Padrón, estudar a Marx cambioume completamente a perspectiva que tiña daqueles adestramentos. Comprendín que o balonmán era para don Xesús un escenario máis da obra que el quería representar, a loita de clases, cunha humildade e unha tolerancia que probablemente a facían menos efectiva, pero, sen dúbida, moito máis humana.

X.Ricardo Losada



story | by Dr. Radut