Skip to Content

RAFAEL DIESTE POR LUÍS REY NÚÑEZ

 

Non recordo quen dixo que unha boa biografía debería reproducir e dramatizar un proceso que nos é familiar a todos, e conseguir que vexamos o ser do protagonista como un todo, en toda a súa frescura e esencia. É a sensación que teño nada máis rematar de ler Rafael Dieste. O libre pensamento do escritor Luís Rei Núñez. É certo que non hai unha visión nova, nin novidades substanciais, sobre a vida ou a obra do autor de Historias e invenciones de Félix Muriel, pero si moitos datos e documentos inéditos que dan consistencia a ese retrato que Rei Núñez leva elaborando desde hai case corenta anos.

 

      Porque un dos grandes acertos do libro é, ao meu entender, tanto o lugar desde o que o autor escribe como a voz que escolle para ditar o escrito. É a marabillosa voz dun estudante de 20 anos chamado Luís Rei Núñez que vai pedirlle a un vello e case esquecido Rafael Dieste que oficie como auctoritas na presentación do primeiro número dunha revista literaria, e se atopa coa mellor disposición do rianxeiro, unha disposición que dá lugar de inmediato a unha sincera amizade e a unha vizosa mestría, sempre sazonadas polo don único de Dieste para o diálogo (en monólogo) lírico-filosófico sobre todo tipo de temas pois, como moi ben demostra esta biografía, estamos ante quen, sen dúbida, é o espírito máis renacentista e ilustrado da cultura galega, nesa sorprendente e fértil combinación temática que vai da poesía á matemática, da música (el mesmo tocaba o piano) aos monicreques. Que gran acerto de Rei Núñez colocar esta cita do Félix Muriel ao comezo do libro: “Cada hombre es el Hombre”. Nesa frase, que é como o fío musical clásico que acompaña toda esta biografía (porque o foi da vida do autor, como aquí queda patentemente demostrado), está todo o labor intelectual, político, ético e estético de Dieste, que percorre case todo o século XX (1898-1981), nomeadamente a infancia en Rianxo, a formación en Santiago e Vigo, a profesión de xornalista, a participación nas Misións Pedagóxicas da República, a Guerra Civil, o II Congrego Internacional de Escritores para a defensa da Cultura, con todas as inxustizas que tipo que padecer e que sempre levou, como cifra do conxunto, que diría el, cunha gran enteireza moral, o campo de concentración francés, o exilio, o traballo nunha editorial arxentina, a ensinanza mexicana ou británica,  e o reencontro coa España franquista e a Galicia da transición, sempre coa mirada, quizais demasiado entregada desde o punto de vista actual, pero sempre motivadora, de Carmen Muñoz.

 

      É certo que esa voz case xuvenil dá unha visión quizais un pouco idealizada de Dieste (sen ser, desde logo, haxiográfica), pero, neste caso, a un lector coma min, propenso á desmitificación, non lle molesta. Ao contrario, agradézoa. E agradézoa por dúas razóns. A primeira, que Rei Núñez non opta por unha biografía psicoloxista, que é a perspectiva desde a que, ao meu entender, a figura de Dieste pode amosar algunhas fisuras. A segunda, que esas fisuras en ningún caso diminuirían un ápice a frescura e a esencia persoal e literaria do autor rianxeiro. Mesmo agradezo, nun caso como o que nos ocupa, que Rei Núñez non entre en cuestións como esa que insinúa María Xosé Queizán na súa autobiografía (que Rafael Dieste era homosexual), ou que opte por implicarse persoal e ideoloxicamente no narrado. Sabedor de que xa nunca coñeceremos o Rafael Dieste real (sobre todo –léase con atención a súa obra-, porque hai moitos Rafael Dieste), o meu interese neste libro non era ler unha desas biografías canónicas que intentan matar por segunda vez o biografado, senón saber cal é o Rafael Dieste dun Rei Núñez (mesmo se o domina o síndrome de Estocolmo ao que se expón todo biógrafo) que tivo o privilexio de coñecelo, e ao que lle agradezo que me axudase a perfilar un  Rafael Dieste, o meu, que, por suposto, ten algunhas diferenzas  co seu, pero, desde logo, e en todo caso, moitísimas máis coincidencias.

 

X.Ricardo Losada

 



story | by Dr. Radut