Skip to Content

O DISPARATE

 

Di Juan Villoro que o disparate é unha venturosa forma de malentendido e pon como exemplo algúns momentos das conferencias do escritor mexicano Carlos Monsiváis. O auditorio estaba tan predisposto a rir polo ocorrente que era o autor que ría a gargalladas cada vez que non entendía algo. A falta de sentido transformábase en humor involuntario. E non me estraña. Monsiváis era capaz de dicir frases como: “Los pobres nunca serán modernos. Se comunican por anécdotas, no por estadísticas”. Ou: “El pueblo es la mirada colectiva sobre un aparato de televisión”. Ou: “Lo más caro del mundo es ser pobre”. Ou: “Sin frustraciones dolorosas no hay acceso respetable a la bebida”.

Non sei se lle pasaría o mesmo a Nacho Duato cando dixo que “los políticos de derechas son más cultos porque todos vienen de familia bien”. Mesmo afirmou que os políticos de esquerda non eran intelectuais pois no franquismo só ían a concertos e ao teatro os ricos. É unha frase que, a diferenza das de Monsiváis, e por moito que Duato diga que votará a Podemos, non fai ningunha graza. Un pode aceptar (o propio Marx o aceptaría) que o capitalismo xera a riqueza necesaria para que a alta cultura floreza. E tamén pode aceptar que no franquismo os ricos ían máis a concertos e ao teatro que os pobres, do mesmo xeito que ían máis a Londres a abortar (e non por iso eran proabortistas) ou á política (e non por iso eran demócratas).

Tampouco vou entrar agora a considerar a que tipo de obras ían os ricos no franquismo. Nin moito menos a afirmar que ser rico sexa incompatible con ser culto. A todo isto… Agora que me decato, vou empregar unha estratexia (desculpade a deformación profesional) que utilizo con frecuencia cos meus alumnos. Cando falamos en clase dun tema, paro de súpeto a explicación ou o debate e digo Paso atrás, para preguntármonos polo significado dos conceptos que estamos a utilizar e que, en moitos casos, cren saber e non saben, ou, simplemente, non saben pero dálles vergonza ou pereza preguntar. É o que fago agora, dar un paso atrás. Así que dime, querido lector, que significa ser culto? Como non te teño diante, pero supondo que te poría contra as cordas, e aproveitando que xa demos o paso atrás coa palabra disparate, limitareime a dicir, para que non lle falte sentido a este texto, que, sen ningún tipo de dúbidas, a frase de Nacho Duato é un disparate.

X.Ricardo Losada



story | by Dr. Radut