Skip to Content

DESPEDIDA A TINA A NOSA "DESFACEDORA DE ENTUERTOS" DO ENLG

 

Cando penso en Tina, resúltame extremadamente difícil distinguir a amiga da compañeira, a simbiose é tan definitiva, que nin os de ciencias poderían captala.

Recordo a chegada ao instituto dunha rapaciña de pelo rizado, ollos verdes, corpo esvelto e unha dozura que anunciaba fraxilidade. Que equivocada estaba! Tina observaba: o barco, as posibles marusías e, sobre todo, os tripulantes… Cunha envexable discreción comezou a actuar tranquila pero firmemente, ata converter o grupo de Normalización Lingüística nun dos punteiros de toda a comunidade. Soubo recrutar alumnas e alumnos, que se converteron en auténticos adeptos e docentes empeñados en que os proxectos do Equipo deran os seus froitos. Concursos, conferencias, radio, implicacións varias e incluso aparentemente inopinadas en multitude de campos… conseguiu que o galego, xa moi presente na fala dos rianxeiros, se manifestara en toda a súa esencia.

Fun testemuña desa loita sen cuartel, dos escollos que tivo que sortear, que foron moitos!

Despois de todos estes anos, que tamén foron moitos! nunca a vin decaer, a pesar das múltiples contrariedades que pretendían torcer o seu camiño, tanto profesionais como persoais. Aínda é hoxe o día que ignoro de onde provén a súa inmensa vitalidade, traducida asombrosamente no don da ubicuidade. Porque si! Tina o ten.

Sempre que nos vemos polos corredores apuradas, sorrímonos e dicimos todas serias e cheas de convencemento: “Temos que falar”. Ás veces, hai sorte, conseguímolo e podemos participar en proxectos comúns, que é ela, por suposto, quen os modera.

Nunca oín da súa boca: “imposible”. Sempre estivo presente en todo, ata “in absentia” deixaba as múltiples actividades organizadas.

Tiven o privilexio de asistir á súa tese doutoral e de fichar e ler os seus libros (isto tenme perplexa: OS DEUSES DÉRONLLE MÁIS HORAS) Participa en mil batallas e acaba coa palma na man!

Pois ben, esa doce rapaza que eu vin no ano 2001 conseguiu o que se propuxo e máis. O Félix Muriel é outro: noticias na prensa, recensións en revistas, entrevistas radiofónicas, presenza institucional e premios, moitos premios,…

En fin, como compañeira estou moi orgullosa pola parte que me toca. Como amiga, experimento unha sensación agridoce. Sinto pena porque se vai, pero consólame saber que, con esa formación, ese  intelixencia e,  sobre todo, esa convicción no que fai, -que é o verdadeiramente importante- seguirá espallando sementes, que verá convertidas en frondosos árbores, como os que deixa aquí. Máis árbores que ramallos, como  diría Wagensberg.

Non vou a desexarte sorte, porque ti non a precisas. A túa enorme capacidade de traballo e entusiasmo todo o suplen. Son a túa mellor carta de presentación!

Deixas tras de ti xente que te quere de verdade, que te valora moitísimo persoal e profesionalmente e que está disposta a seguir as túas pegadas. Serás feliz, porque empezas unha nova etapa onde os retos xa están superados.

Imaxínote, de novo, observando a embarcación, o mar e os tripulantes, escudriñando o horizonte e organizando a navegación.

En nome de todos os que te queremos e admiramos

Feliz singradura, querida Tina!

Ana Rivas 



story | by Dr. Radut