Contacontos Waldorf no IES

O martes 9 de abril achegáronse até o IES Andrea e Ariane, ambas as dúas, grandes coñecedoras e divulgadoras da pedagoxía Waldorf.

Xa tiveramos a sorte, hai uns meses atrás, de contar con Andrea, que nos achegou a súa sabedoría arredor de como ser, e como facer, para transmitir ás crianzas a confianza de que o mundo é bo, belo e verdadeiro, e nós, con el, temos que achegarlles, co noso exemplo, que así é.

Ariane (Cera de colores -https://www.instagram.com/ceradecolores/-) tamén nos achegou o seu entusiasmo e alegría por compartir o sentir da pedagoxía Waldorf co conto da nena do farol, que nos transportou ao momento no que se tería que contar, alá por novembro, na festividade de San Martiño, no tempo das castañas.

Ariane tamén reivindicou as texturas e o tacto dos materiais naturais, como a seda ou a la; trouxo con ela uns títeres de mesa cálidos e agarimosos feitos por ela, con moitos detalles e que atraían todas as miradas!

Contáronnos tamén que están a darlle voltas a asociarse nunha cooperativa en Vigo, polo que confiamos en que nos reencontremos en pouco tempo.

Moitas grazas ás dúas, por transmitirnos a vosa enerxía positiva e a vontade de crer que é posible educar na creatividade, coas artes, a imaxinación e a confianza. Grazas!