Actividades 2023/2024

Colaborando co barrio en prol do 8m

As colaboracións entre diferentes axentes culturais e sociais do barrio e o IES Castelao sempre son enriquecedoras. Desta volta polo 8 M, fomos convidades pola Biblioteca Neira Vilas a participar nun acto que se celebrou nas instalacións da sede central da EOI. Acudimos con alumnado de 1º ESO e as diferentes asociacións de Social Calvario como Érguete, Fundación do Secretariado Xitano, Asociación Down Vigo e un longo etcétera, xunto a nós, foron lendo os seus manifestos entorno á celebración do día da muller, con broche musical do coro do Centro Social Rivera Atienza. Para finalizar escribimos uns lemas e continuamos a celebración no noso centro.

Álbum: Curso 2023/2024 -> 8m na EOI

Encontro literario con Branca Trigo para presentar o seu poemario Trans0

Este luns, o alumnado de 1º Bach D e E e o club de lectura tivemos a sorte de contar con Branca Trigo, alumna en prácticas do máster de educación no noso centro, para que presentase o seu último poemario Trans0 e nos falase xunto a Alfredo Vázquez da súa editorial Malafera e de proxectos como o micro aberto Cerimonia de Gaivotas.

Ao final da xornada agasallounos cun recitado dalgúns poemas do libro. Todo un pracer, Grazas Branca!

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro literario con Branca Trigo

Club de lectura: encontro literario para comentar o libro 48 horas

O luns 15 de abril tivemos a enorme sorte de contar no noso Club de Lectura coa presenza dun escritor moi novo de idade pero xa moi experimentado e cunha bagaxe e unha experiencia extraordinarias no trato co alumnado e o lectorado xuvenil.

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro club de lectura: 48 horas

Visita da directora de cine Marta Eiriz

A directora e produtora de cine Marta Eiriz visitou o IES Castelao. Nun encontro co alumnado de 4º da ESO comentoulles cal era a situación actual do cinema galego e como as mulleres aínda sofren atrancos para ter as mesmas oportunidades ca os homes no sector. 

Tras a proxección do documental Elas, produtoras de cine estableceuse un foro aberto para resolver dúbidas e afondar no papel da muller na sociedade actual. Deste xeito, abordaron como é fundamental que producións coma esta acaden públicos diversos para rachar con determinadas dinámicas que non favorecen á igualdade. 

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Visita de Marta Eiriz (directora de cine)

Obradoiro de estampación de follas

As aulas de plástica son ben creativas! A semana pasada, o alumnado de Debuxo contou coa visita de Manón, exprofesora de Bioloxía do Centro.
Coas súas explicacións e os seus consellos realizaron un taller de estampación de follas.

O IES Castelao co pobo palestino

O venres 12 de abril ás doce, no IES Castelao secundamos o chamamento de #oensinogalegoconpaleatina para mostrar a nosa repulsa e disconformidade co masacre que se está a perpetrar en Palestina a mans do estado de Israel. O alumnado e o profesorado saímos á entrada do centro para facer unha lectura do poema “Debilidade” de Luísa Villata, onde a poeta se compromete com a causa palestina, e dun manifesto.


O acto finalizou cun aplauso forte e sentido por parte do alumnado para chamar á paz. Que pronto sexa posible!

Álbum: Curso 2023/2024 -> O IES Castelao con Palestina

Hora de Ler do 12 de abril

          Nesta Hora de Ler, dun día no que hai convocada unha xornada de solidariedade do colectivo docente co pobo palestino, convidamos a toda a comunidade a ler algúns poemas referidos a el, de autores diversos: de Bernardino Graña, Pilar Pallarés ou Méndez Ferrín a Refaat Alareer pasando por Ramiro Fonte, Xela Arias ou Moncho Iglesias. Figuran nunha ppt que se xunta.  

          Por outra parte, tamén ofrecemos para esta sesión de lectura un texto de Carlos Casares, coincidindo coa exposición da que podemos gozar no vestíbulo sobre este autor, falecido hai xa vinte e dous anos! Trátase dun fermoso relato, "A rapaza do circo", pertencente ao seu primeiro libro, Vento ferido (1967). Se quixerdes, podedes tamén visitar a páxina da súa Fundación.

Vento ferido (bcc): 5 (Biblioteca Carlos Casares)

          E toda a comunidade queda convidada a participar na elaboración de Microrrelatos con títulos de libros.  Ou a propoñer nome e logo para a radio do instituto.

          Que non se diga que non hai propostas para facer! 

          Boas lecturas

Hora de Ler do 12 de abril

          Nesta Hora de Ler, na que hai convocada unha xornada de solidariedade do colectivo docente co pobo palestino, convidamos a toda a comunidade a ler algúns poemas referidos a el, de autores diversos: de Bernardino Graña, Pilar Pallarés ou Méndez Ferrín a Refaat Alareer pasando por Ramiro Fonte, Xela Arias ou Moncho Iglesias. Figuran nunha ppt que se xunta.

Buscamos nome e logo para a nosa radio escolar

Atención, alumnado do IES Castelao! Buscamos nome e logo para a nosa radio escolar. Estas son as bases que rexen o concurso. Tedes de prazo ata o día 30 de abril para facer as vosas propostas. Animádevos! Escoitámonos nas ondas. 

                   

Concurso de Microrrelatos con títulos de libros

Dende a Biblioteca Ramiro Fonte, lanzamos o Concurso de Microrrelatos con títulos de libros para festexar o vindeiro 23 de abril, o Día do Libro.

Lede as bases e achegade as vosas composicións ao correo electrónico: 

 bibliotecaramirofonte@gmail.com

Distribuir contido