Actividades

Espazo para as actividades da biblioteca.

Ler Ciencia: Exposición de libros sobre ciencias da biblioteca

imaxe 1   imaxe 2
 
Gústache a Ciencia e a Tecnoloxía? Gozas coas Ciencias Naturais a Historia ou a Filosofía? Sexa cal sexa a túa resposta, a biblioteca ofréceche a posibilidade de achegarte aos coñecementos que fixeron posible o  avance da nosa civilización en campos como a Física e a Química, as Ciencias Naturais, a Tecnoloxía, as Matemáticas, a Historia e a Filosofía. Dende o 14 de febreiro poderás consultar no recibidor do instituto unha selección bibliográfica de obras de divulgación que pretende servir de escaparate, de ponte cara a gran recompilación de saber científico que te agarda na biblioteca en múltiples formatos. A que esperas para descubrila.

Un doce agasallo espera por ti na biblioteca

Doce agasallo
 

Queres facer un agasallo?

Non hai mellor cousa que regalar palabras, palabras divertidas, agarimosas, máxicas...

A biblioteca está chea de historias e poemas entretecidos de palabras. Achégate! Pensa con cariño nun libro para alguén e dallo a ler como regalo.

Ti tamén terás un doce agasallo

Roberto Vidal Bolaño, exposición bibliográfica Letras Galegas 2013

O Día das Letras Galegas homenaxea este ano ao gran dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño. Unha oportunidade única para coñecer a obra deste autor, director, produtor e actor teatral que fixo unha importante achega á arte dramática galega contemporánea. Porque Roberto Vidal Bolaño significa un antes e un despois para a dramaturxia do pais. Ademais Roberto é un personaxe próximo, intimamente vinculado con Brión, concello no que viviu os seus derradeiros anos.
Estes días o centro participa en diversas actividades conmemorativas que lembran a vida e obra deste ilustre veciño. Para coñecer un pouco máis a súa traxectoria profesional e humana podes visitar unha exposición de carteis e libros organizada polo Dep. de Lingua galega e Literatura  na que participa a biblioteca do centro. A continuación unha pequena mostra dos 30 títulos que conforman a nosa humilde achega a unha exposición que permanecerá nas instalacións do instituto ao longo de mes de maio.

Roberto Vidal Bolaño. Día das Letras Galegas 2013 / Ed. lit. Anxo Tarrío

USC, 2013

 
Roberto Vidal Bolaño   A achega de Roberto Vidal Bolaño á dramaturxia galega contemporánea é, dende todos os puntos de vista, imprescindible. A riqueza da súa obra escrita, o abano de xéneros, argumentos e rexistros que explorou e a súa permanente dinamización da actividade teatral alicerzan unha construción literaria e de renovación do espectáculo que destilan un espírito fondamente inquedo, orixinal, moderno e comprometido.

Materia: 1. Vidal Bolaño, Roberto-Crítica e interpretación

Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL/ROB
 

Roberto Vidal Bolaño : unha vida para o teatro / Laura Tato Fontaíña 

Toxosoutos, 2013

 
Roberto Vidal Bolaño  
Parece claro que para Roberto Vidal Bolaño a aplicación do termo “nacional” ao teatro que se quere para Galicia non pode circunscribirse ao ideario de ningún partido político concreto. Se estes non son capaces nin tan sequera de potenciar a súa loita en defensa do principal sinal de identidade do seu pobo, a súa lingua, que pode facer este teatro máis ca refuxiarse no propio pobo e na propia cultura, dos que procede e aos que se debe? Isto polo menos debía ser o que pensaba Roberto Vidal Bolaño, nacionalista de corazón, cando prefería falar dun teatro popular e non dun teatro nacional.

Do limiar de M. Quintáns Suárez

Materia: 1. Vidal Bolaño, Roberto-Crítica e interpretación


Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL/TAT/rob

 

Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro / Roberto Pascual 

Xerais, 2013

 
Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro   Este libro pretende divulgar, dun xeito amplo e comprensible para todas as idades e intereses, as profesións vinculadas coa produción teatral, que tanto contribuíu a dignificar e a modernizar Roberto Vidal Bolaño. Debuxou coa súa voz, falou con máscaras, coa forza expresiva do corpo, dos ritmos populares, das técnicas audiovisuais, deseñou espazos onde concitou heroes e mitos do pasado ou desagraviados e silenciados do presente. Inconformista, polémico, ocupado en oficiar en cada función a máis fresca e vibrante liberdade da acción dramática. Esta obra amosa o que hai detrás dos fíos que crean a maxia inesgotable, eternamente transformadora, da arte do teatro.

Materia: 1. Teatro. 2. Vidal Bolaño, Roberto-Crítica e interpretación

Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL/PAS/rob
 

Un chapeu negro e un nariz de pallaso : tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño / ed. Montse Pena Presas, Gonzalo Enríquez Veloso 

Galaxia, 2013

 
Un chapeu negro e un nariz de pallaso    É un libro-DVD con dúas realidades e un único obxectivo. A primeira realidade está na pantalla, da man do interesante documental de Gonzalo Veloso; onde a familia, os amigos, os compañeiros de profesión e as investigadoras miran baixo o chapeu negro para relatar quen era en realidade Roberto Vidal Bolaño, amosando unha singular visión que, sen dúbida, axudará a comprender mellor a súa obra. A segunda realidade está no libro, no texto escrito por Montse Pena Presas, que tenta desvelar que hai detrás do nariz de pallaso, achegando dun xeito lúdico e rigoroso as características principais da produción do dramaturgo, sen esquecer o director de escena. Imaxe e palabra fúndense para conseguir que calquera lectora, calquera espectador, remate o DVD e peche o volume pensando, unicamente, en mergullarse nas pezas dramáticas de Roberto Vidal Bolaño. Dende o patio de butacas ou a través dun libro. Porque o teatro achega, tamén, esas dúas máxicas posibilidades.

Materia: 1. Vidal Bolaño, Roberto-Crítica e interpretación

Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL/CHA
 

Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño / Camilo Franco

Biblos, 2012

 
Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño   A mellor biografía dunha persoa son as súas obras. Roberto Vidal Bolaño tivo unha vida intensa, escribiu moito, dirixiu moito e interpretou moito. En Dez obras na vida de Vidal Bolaño, o xornalista, crítico teatral e escritor Camilo Franco analiza as dez obras máis importantes da carreira do dramaturgo galego que protagonizará no 2013 o Día das Letras Galegas.
Facendo un percorrido cronolóxico, o libro traza unha liña de vida desde cada unha das montaxes que converteron este escritor compostelán no principal autor de teatro galego do século XX. Nun ton ameno e divulgativo, acaido para calquera lector e pensado para os máis novos, Camilo Franco verque todo o seu saber sobre a figura de Vidal Bolaño, con quen tivo relación persoal, e sobre o seu teatro, no que é un dos maiores especialistas.


Materia: 1. Vidal Bolaño, Roberto-Crítica e interpretación

Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL/FRA/dez
 

A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño / Xosé Manuel Fernández Castro

Laiovento, 2011

 
A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño   A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño é o relato da carismática procura dunha poética teatral propia. O libro traduce en termos divulgativos unha complexa aventura artística seguindo o rastro dun creador xenial que ilumina os vinte e cinco anos finais do segundo milenio. Neste alambique destílase un insólito fenómeno cultural colectivo, metonimia da vitalidade dun ambiente social ben próximo aínda que xa admite unha visión histórica. O volume iníciase reivindicando o valor do autor e reconstruíndo a súa carreira para logo catalogar e clasificar as súas obras, avanzando unha lectura temática dos proxectos en que empeñou a vida. A proposta remata esgotando a análise dun proxecto, a primeira superprodución plenamente galega, Agasallo de sombras. Deste modo supérase o perfil externo e penétrase no obradoiro creativo do autor mediante a reconstrución virtual dos procesos de creación e explotación escénica e a análise dos textos desde dous focos complementarios, o dramatolóxico e o teórico-crítico.

Materias: 1. Vidal Bolaño, Roberto-Crítica e interpretación

Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL/FER/obr
 

Obras completas / Roberto Vidal Bolaño

Positivas, 2013

 
Obras completas   A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño convérteo nun dos grandes escritores da literatura galega. Este primeiro volume das súas Obras Completas inclúe seis obras que comparten un ambiente coetáneo: Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo Tenor. Todas elas están moi influenciadas pola sintaxe cinematográfica. E o seu espazo físico e psicolóxico é galego e, polo tanto, unha realidade próxima.

Contén: Contén: V. 1: Integral  Animaliños. Anxeliños!. Criaturas. Rastros. Saxo Tenor V. 2: Mar revolto  A burla do galo. Doentes. As actas escuras. Díaz sen gloria. Agasallo de sombras

Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL-T/VIL/obr
 

Concurso de relato breve 2013

header

BASES

1. Pode participar todo o alumnado matriculado no centro durante o curso 2012-2013.

2. Os traballos consistirán nun relato breve en galego ou castelán cuxo contido teña relación co tema anual no centro: a auga. A extensión máxima será dun folio DIN A4 a interliñado dobre, con letra Arial de tamaño 12.

3. Os traballos presentaranse con pseudónimo nun sobre indicando o curso. En sobre a parte -pechado- escribirase no exterior o mesmo pseudónimo e no interior constará o nome da autora ou autor e o curso ao que pertence.

4. O prazo de presentación dos traballos remata o 16 de maio de 2013. Podedes entregarllos a Armando na Biblioteca en calquera dos dous recreos.

5. O xurado estará composto polos membros do equipo da biblioteca e alumnado do club de lectura (sempre que non participe no concurso).

6. Haberá dous niveis coa mesma dotación nos premios:

1º Ciclo da ESO

1º PREMIO= Vale de 40 € para gastar nunha librería.
2º PREMIO= Vale de 20 € para gastar nunha librería.

2º Ciclo da ESO e BACHARELATO

1º PREMIO= Vale de 40 € para gastar nunha librería.
2º PREMIO= Vale de 20 € para gastar nunha librería.

7. O primeiro premio poderase conceder ex aequo, repartindo a dotación entre eles.

8. A entrega dos premios terá lugar o 5 de xuño. Os participantes serán convocados para un dos recreos na Biblioteca.

9. Os traballos premiados serán publicados na revista dixital do centro.

10. O feito de participar neste concurso implica a aceptación de todas as bases. Podedes consultar calquera dúbida sobre as bases co equipo de Biblioteca (Mercedes, Xavier L.Tomé e Esther).

Día do Libro arredor da auga

Este curso o IES de Brión ten como tema interdisciplinario de traballo a AUGA. Coincidindo coa celebración do Día do Libro, o centro organiza a conferencia "Dez mil ríos, dez mil problemas: masas de auga e cambio climático"  a cargo de Fernando Cobo Gradín, profesor de Hidroloxía das Augas Continentais na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, o centro invita a coñecer, a través dunha exposición, os traballos, relacionados coa auga, que o alumnado deste centro foi realizando, e que se irán expoñendo até o final do curso.
A biblioteca escolar tamén achega o seu gran de area a este proxecto, colaborando cunha pequena escolma bibliográfica e audiovisual que xa pode verse no "hall" do instituto. Trátase dunha selección de libros e DVD onde a auga, nas súas múltiples manifestacións na natureza. é a protagonista. A continuación, unha pequena mostra:

Agua : la esencia de la vida / Mark Niemeyer

Blume, 2008

 
Agua   Unha celebración da auga na era do quentamento global, así como unha chamada de alerta para todos. O libro mostra as numerosas formas en que a auga se acha presente no planeta: dende os icebergs, os glaciares e os acuíferos ata o vapor, a xeada e o orballo. Unha análise que nos invita á reflexión sobre os incontables usos que de tan vital recurso se fan. É a historia ilustrada da molécula máis extraordinaria coñecida pola especie humana, unha molécula que determinou os nosos comezos, sustenta o noso presente e contén a clave do noso futuro. Este libro é unha perspectiva xeral do noso mundo de auga. Inclúe máis de 130 evocadoras fotografías e un texto de áxil e amena lectura que nos fala de ciencia, mitoloxía, historia cultural e xeopolítica. Visto dende o espazo, o noso planeta azul parece ter abundancia de auga e, non obstante, se toda a auga da Terra estivese contida nunha xerra de catro litros, tan só menos dunha cullerada dela sería potable. A medida que as existencias globais de auga doce son obxecto de máis e maior consumo, esta podería moi ben ser a seguinte catalizadora para un cambio económico e político a escala global.

Materia: 1. Auga-Obras ilustradas

Dispoñible na sección de Ciencias Naturais: CN-556/NIE/agu
 

Elogio del agua / Alain Gualina 

Blume, 2008

 
Elogio del agua  
Fotografías dos cinco continentes - dende os "geysers" de Islandia e as fervenzas croatas ata os "backwaters" indios e as marismas do Senegal. O autor, a través de imaxes complementadas por un texto documentado, demostra ao lector que a auga segue sendo a preocupación na vida cotiá dunha gran parte do planeta, mentres que os habitantes doutras rexións, enteiramente inconscientes do seu valor, a malgastan diariamente. 

Materia: 1. Auga-Obras ilustradas


Dispoñible na sección de Ciencias Naturais: CN-556/GUA/elo

 

Misterios de los océanos / Dra. Frances Dipper 

S.M., 1997

 
Msterios de los océanos   Como se formaron os oceános? Que animais poboaron os mares primitivos? Como é o leito mariño? Como se forma un tsunami? Que perigos axexan os océanos? Pasa as transparencias, tira das lingüetas, xira as rodas, abre as ventás e sorpréndete descubrindo estes e moitos má datos interesantes e misteriosos dos océanos.

Materia: 1. Mares e océanos

Dispoñible na sección de Ciencias Naturais: CN-551/DIP/mis
 

Seres galegos das augas : Mitoloxía comparada / Xoán Xosé Teijeiro Rey

Toxosoutos, 2002

 
Seres galegos das augas   Sabiades que os bois das augas podían ficar encantados a xeito de illeiros no mar? Que existen trasnos piratas na nosa terra? Que as aureanas ou anas se atopan en todo o mundo cuns nomes moi parellos aos nosos? Que hai cabalos pantasmas, que conducen ás xentes cara o país dos mortos? Esta temática forma parte dos dazaseis seres míticos acuáticos que se presentan neste libro escollidos ao chou de entre os moitos existentes en Galicia.

Materia: 1. Auga (Mitoloxía, folclore, etc)-Galicia. 2. Personaxes fantásticos-Galicia

Dispoñible na sección de Ciencias Sociais: CS-398/TEI/ser
 

A vida nas augas doces a través do microscopio / Carlos Pérez Valcárcel

Ophiusa, 1993

 
A vida nas augas doces a través do microscopio   Ao redor do 70% dá superficie dá terrestre está cuberta de auga e desta só ou 2% correspóndese coas augas continentais. A auga é un líquido de estrutura química aparentemente sinxela, pero que posúe unhas propiedades peculiares que posibilitaron ou desenvolvemento dá vida. Todos vos organismos están, dunha ou outra maneira, supeditados á auga. De feito vos organismos que abandonan ou medio acuático, precisan de adquirir estruturas especiais para conservar ou correcto equilibrio hídrico, xa que todas ás reaccións biolóxicas se realizan en medio acuoso.

Materia: 1. Augas doces-Microbioloxía   2. Microorganismos

Dispoñible na sección de Ciencias Naturais: CN-579/PÉR/vid
 

Los enigmas del mar [DVD]

39 Escalones Fims,  2012

 
Los enigmas del mar   Película documental. Nacionalidade: Gran Bretaña (BBC), 2008. -- Sinopse: Un equipo de intrépidos aventureiros comezan unha viaxe de decubrimento do mundo que fica baixo as ondas do mar. -- Idiomas (5.1): V.O. inglés, castelán. Subtít.: castelán. -- Aut. para todos os públicos
Contén: DVD 1: Las costas del océano índico DVD 2: El Mar Mediterráneo DVD 3: El Mar de Cortés DVD 4: El Océano Atlántico

Materias: 1. Mares e océanos-Videogravacións

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: DV-551 / ENI
 

Expedición océanos : explorando los secretos del mundo submarino / dirección, Daniel Barry... [et al.]

Manga Films, 2010

 
Expedición océanos   Película documental. Nacionalidade: Gran Bretaña (BBC), 2008. -- Sinopse: Un equipo de intrépidos aventureiros comezan unha viaxe de decubrimento do mundo que fica baixo as ondas do mar. -- Idiomas (5.1): V.O. inglés, castelán. Subtít.: castelán. -- Aut. para todos os públicos
Contén: DVD 1: Las costas del océano índico DVD 2: El Mar Mediterráneo DVD 3: El Mar de Cortés DVD 4: El Océano Atlántico

Materias: 1. Mares e océanos-Videogravacións

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: DV-551 / EXP
 

21 de marzo: Día Mundial da Poesía. Exposición

O Día Mundial da Poesía é o tributo á palabra poética proposto no ano 2001 pola Unesco, e celébrase cada 21 de marzo (equinocio de primavera) co propósito de consagrar a palabra esencial e a reflexión sobre o noso tempo. Dende a biblioteca do centro propoñemos unha pequena selección bibliográfica coa que celebrar esta efeméride, unha escolma que permanecerá no expositor de destacados durante as vindeiras semanas. 


Makinaria / Carlos Negro

Xerais, 2009

 
Makinaria  
Coa dedicatoria "aos rapaces e rapazas de Dodro, para que cheguen a vellos" preséntase este conxunto de poemas protagonizado polos "roedores do caucho", os mozos que levan "gasolina inxectada en vea" e "coches maqueados", tal "galos de pelexa... drogados de adrenalina". Estruturado en apartados con nomes alusivos ao cine, á música ou aos videoxogos, a axilidade rítmica, frenética por momentos, concordan coa liña temática e a facilidade de comunicación cos lectores adolescentes, mesmo os non afeitos a lecturas poéticas  


Materia: 1. Poesía

Dispoñible na sección de Lingua galega e Literatura: GAL-P/NEG/maq

 

Poemamundi / Juan Carlos Martín Ramos ; ilustraciones de Philip Stanton 

Anaya,  2006

 
Poemamundi  

O poemario, premiado co galardón do Guía 2003, propón un percorrido poético ao lector que se desenvolve de fóra a dentro. Partindo dunha poesía social e comprometida cos máis débiles chega a tocar temas máis intimistas relacionados co eu do poeta, a súa vida, gustos e recordos. É unha poesía próxima que xoga con recursos sintácticos como paralelismos e estruturas repetitivas que lle serven para crear ritmo e musicalidade. Un bo libro para achegar os máis novos a unha poesía que xa non é infantil e que aborda temas relacionados co mundo e as súas complexidades. Materia: 1. Poesía

 

Materia: 1. Poesía

Dispoñible na sección de Lingua castelá e Literatura: LES-P/MAR/poe

 

 

Líricos griegos arcaicos / [escolma e tradución] Juan Ferraté 

El Acantilado,  2007

 
Líricos griegos arcaicos  
Esta nova edición de "Líricos gregos arcaicos", de Juan Ferraté, pon outra vez ao alcance do público as súas versións de todos os fragmentos maiores e un número considerable dos fragmentos menores que chegaron ata nós dun período histórico da poesía grega de interese excepcional. Con estrito rigor e asombrosa fidelidade literal, os versos de Ferraté incorporan á poesía castelá un sector da obra dos gregos do que o lector español apenas tiña noticia, malia o seu extraordinario atractivo. A rebeldía de Arquíloco e Alceo, o erotismo de Safo e Anacreonte, a prudencia de Solón e Jenófanes: todo o fascinador encanto da lírica máis nova de Europa segue cativando o lector nas seleccións de catorce poetas señeros incluídas nesta antoloxía bilingüe, ás que precede unha importante e dilatada introdución histórica e crítica. 


Materia: 1. Poesía

Dispoñible na sección de Cultura Clásica: CL-82P/LIR

 

Panamá o Las aventuras de mis siete tíos : ( junio 1913-1914) / Blaise Cendrars; debuxos de Fabio Zimbres 

Media Vaca, 2004

 
Panamá o Las aventuras de mis siete tíos   O libro é unha mostra do talento de dous artistas de época e biografía dispar que por capricho ou misterio se viron convertidos en compañeiros de viaje. O poeta chámase Blaise Cendrars. Cendrars tiña sete tíos e os sete chamábanse Alfred porque unha vez sacaron un único pasaporte con ese nome e llelo ían pasando de man en man. Este libro fala deles. Blaise Cendrars, que tampouco se chamaba así, senón Frédéric Sauser (A Chaux-de-Fonds, Suíza, 1887 - París 1961), foi un escritor de vida aventureira de cuxo zigzaguear deixou numerosos indicios. O poeta reuniu en Panamá (escrito en 1913-14) algúns recordos de infancia, como a súa fascinación polos libros e as viaxes. Un mundo de marabillas aparecía de pronto para saciar a súa sede de belas historias.
O ilustrador chámase Fabio Zimbres (São Paulo, Brasil, 1960) e conduciu o seu propio barco feito con liñas e explosións para navegar por unha Canle que promete unha axitada travesía. 

 Materia:  1. Tíos-Poesías. 2. Emigrantes-Poesías. 3. Infancia-Poesías 

 Dispoñible na sección de Lingua castelá e Literatura: LES-P/CEN/pan

 

Favourite Poems for Children [CD-DA] / read by Anton Lesser, Roy MacMillan, Rachel Bavidge and others

Naxos Audiobooks, 2010

 
Favorite Poems for Children   This anthology brings together a selection of best-loved children's poems. All of the old favourites are presented including Edward Lear's The Owl and the Pussycat and Lewis Carroll's Jabberwocky. These classic poems combine catchy, memorable rhymes with vivid word pictures to offer an imaginative feast for children. A variety of readers bring the poetry to life, resulting in a wonderfully energetic and lively collection.
Esta antoloxía reune unha selección de recoñecidos poemas infantís. Inclúe vellos clásicos coma  "O Bufo e o michiño" de Edward Lear ou "Jabberwocky" de Lewis Carroll. Estes poemas clásicos combinan estrofas memorables e pegadizas con vivas metáforas que ofrecen aos nenos un festín imaxinativo. Varios recitadores dan  vida aos poemas, obtendo como resultado unha escolma poética tremendamente enérxica e animada.

Materias: 1. Poesía para nenos-Gravacións sonoras

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: CD-82/FAV

 

 

Poemas [CD-DA] / Lois Pereiro ; recita, O Leo ; música de Alfonso Camarero

Xestión Literaria Galega, 2011

 
Poemas   "Lois Pereiro. Poemas" é unha escolma da poesía de Lois recitada por O Leo acompañado pola música de Alfonso Camarero. Foi editada por Xestión Literaria Galega (de Rinoceronte Editora) no 2011. Esta gravación toca o nervo da poesía de Lois Pereiro, tan singular e significativa. A simbiose entre texto, voz e son transmite algo máis que o que se espera nun simple recital: versos que envolven e atrapan, fascinan e conmoven, tremen e murmuran, protestan e aman. Os oíntes non quedarán indiferentes ante a forza e intensidade desta poesía.

Materias: 1. Poesía galega-Gravacións sonoras. 2. Pereiro, Lois-Poesías

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: CD-821/PER/poe
 

8M/2013 Exposición Día da Muller na biblioteca

O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, unha efeméride na que mulleres e homes de todo o mundo lembran unha loita a prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento que ten máis de 90 anos. A biblioteca escolar do centro quere ser partícipe deste espirito e sentimento, celebrando esta data a través dunha escolma de materiais bibliográficos e audiovisuais onde a muller e o seu papel na sociedade son protagonistas. A continuación, presentamos algunha destas obras, que poderás atopar nos expositores da sala ao longo de marzo:

 

Olympe de Gouges / Catel & Bocquet

Sinsentido, 2012

 
Olympe de Gouges  
Despois de Kiki de Montparnasse, Catel e Bocquet asinan esta interesante obra sobre a vida de Olympe de Gouges, escritora, dramaturga, panfletista e política francesa, que escribiu, entre moitas outras obras, a "Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá en 1791". Polemista comprometida, distínguese pola súa independencia aguda e pola orixinalidade, ás veces radical, das súas ideas, comprometéndose coa abolición da escravitude e sobre todo cos dereitos civís e políticos das mulleres. A súa defensa dos Girondinos despois de que estes fosen eliminados da escena política francesa en xuño de 1793, valeulle ser detida en agosto e guillotinada en novembro dese mesmo ano. Catel e Bocquet volven trazar con rigor histórico a vida desta muller excepcional, cuxos ideais moi adiantados ao seu tempo forxaron algúns dos valores claves da nosa sociedade actual. "Olympe de Gouges" é unha preciosa homenaxe a unha das figuras esenciais do feminismo. "A muller nace libre e permanece libre ao home en dereitos. A muller ten o dereito de subir ao cadafalso; debe ter tamén igualmente o de subir á Tribuna" Olympe de Gouges, 1791, "Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá".

Materia: 1. Banda deseñada. 2. Mulleres-Cómics. 3. Gouges, Olympe de-Cómics. 4. Revolución Francesa-Cómics

Dispoñible na sección de Banda deseñada: COM/CAT/oly
 

El coche de Intisar : retrato de una mujer moderna en Yemen / Pedro Riera & Nacho Casanova 

Glénat, 2011

 
El coche de Intisar   Intisar é unha moza iemení de 27 anos. A pesar de pertencer a unha familia adiñeirada e ter unha mentalidade aberta, ve como as normas impostas pola sociedade coartan os dereitos e as liberdades das mulleres. Pero ela, cuberta polo niqab (veo que lle cobre todo o corpo salvo os ollos), está disposta a vivir coas súas propias regras: conducir, fumar, traballar, quedar con amigas, rexeitar un home... co risco que iso carrexa. Novela gráfica que pon de manifesto a difícil situación social da muller en Iemen, inspirada en testemuños reais e nas experiencias vividas polo autor e a súa esposa durante dez meses neste país.

Materia: 1. Banda deseñada. 2. Crítica social-Cómics. 3. Vida cotiá-Cómics. 4. Dereitos da muller-Cómics. 5. Mulleres árabes-Cómics. 6. Intolerancia-Cómics. 7. Relacións familiares-Cómics

Dispoñible na sección de Banda deseñada: COM/RIE/coc
 

Virginia Woolf / guión de Michèle Gazier

Impedimenta, 2012

 
Virginia Woolf   Poucas imaxes están tan gravadas na mente de todo lector atento como a de Virxinia Woolf somerxéndose no río Ouse co seu abrigo cheo de pedras. Aquela fatídica escena sucedeu o 28 de marzo de 1941. Dende entón, moitos foron os que quixeron achegarse á vida da escritora británica a través de biografías, retratos ou esbozos do personaxe. Non obstante, ninguén ata agora tivera a «ousadía» de retratar a vida da autora de Orlando en formato cómic. Impedimenta inaugura con Virxinia Woolf a súa colección «O Rapaz Amarelo». Un álbum que «mostra en palabras e imaxes o camiño dunha escritora entre a realidade e o desexo, entre as palabras e a dor, en busca de verdades inaccesibles e dunha improbable felicidade».

Materias: Banda deseñada. 2. Mulleres-Cómics. 3. Escritores-Cómics. 4. Woolf, Virginia-Cómics

Dispoñible na sección de Banda deseñada: COM/GAZ/vir
 

Outro mundo éposibel: O reino da necesidade de Vandana Shiva / Antía Nara 

Baía Edicións,  2007

 
Outro mundo é posibel   Unha das mellores vías en tanto que abrangue ambas as dúas posibilidades, ao meu entender, é a que ofrece o pensamento e a práctica ecofeminista de Vandana Shiva, de aí que comece por subliñar que é un acerto a publicación dun libro como este de Anna Cervera que contribúa a que se divulgue e discuta a obra dunha das mulleres máis activas. 

Materia: 1. Medio ambiente-Degradación. 2. Ecoloxía humana. 3. Shiva, Vandana. 4. Mulleres-Condicións sociais. 5. Mulleres no desenvolvemento

Dispoñible na sección de Ciencias Sociais: CS-396/CER/out
 

Te doy mis ojos / dir. Icíar Bollaín

El País, 2006

 
Te doy mis ojos   Película cinematográfica. Nacionalidade: España. -- Int.: Laura Marull, Luis Tosar, Candela Peña, Rosa María Sardá, Sergi Calleja, Kiti Manver. -- Sinopse: Unha noite de inverno, unha muller, sae fuxindo da súa casa. Leva consigo apenas catro cousas e ao seu fillo Juan. Antonio non tarda en ir buscala. Pilar é o seu sol, di el, e ademais "doulle os seus ollos". Os personaxes irán reescribindo ese libro de familia no que todos os conceptos están equivocados, e onde di fogar se le inferno, onde di amor hai dolor e quen promete protección produce terror. -- Idiomas: castelán. -- Non recomendada a menores de 13 anos

Materias:  1. Cine dramático-Videogravacións. 2. Cine español-Videogravacións. 3. Relacións de parella-Películas. 4. Violencia contra as mulleres-Películas


Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: DV-791/TED
 

Boys don't cry / dirigida por Kimberly Peirce

Twentieth Century Fox Entertainment España,  2011

 
Boys don't cry   Película cinematográfica. Nacionalidade: EE.UU., 1999. -- Int.: Hilary Swank, Chloë Sevigny, Peter Sarsgaard, Brendan Sexton III, Alicia Goranson, Alison Folland, Jeanetta Arnette, Rob Campbell, Matt McGrath, Cheyenne Rushing, Jerry Haynes. -- Sinopse: Teena Brandon sempre desexou ser un rapaz. Así que un día decide cortar o pelo, ocultar os seus peitos baixo unha vendaxe apertada, e cambiar a orde do seu nome, pasándose a chamar Brandon Teena. -- Idiomas (5.1): castelán, inglés. Subtít.: inglés, castelán. -- Non recomendada a menores de 18 anos.

Materia: Cine dramático-Videogravacións. 2. Busca da identidade propia-Películas. 3. Crises personais-Películas. 4. Relacións persoais-Películas. 5. Transexualismo-Películas

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: DV-791/BOY
 

Ágora / dir. Alejandro Amenábar

Twentieth Century Fox,  2009

 
Ágora   Película cinematográfica. Nacionalidade: España, 2009. -- Int.: Rachel Weisz, Max Minghella, Ashraf Barhom, Oscar Isaac, Michael Lonsdale, Rupert Evans, Homayoun Ershadi, Richard Durden, Sami Samir, Manuel Cauchi, Homayoun Ershadi, Oshri Cohen. -- Sinopse: Século IV. Exipto baixo o Imperio Romano. As violentas revoltas relixiosas nas rúas de Alexandría alcanzan á súa lendaria Biblioteca. Atrapada detrás dos muros, a brillante astrónoma Hipatia loita por salvar a sabedoría do Mundo Antigo coa axuda dos seus discípulos. Entre eles, os dous homes que rifan polo seu corazón: Orestes e o mozo escravo Davo, que se debate entre o amor que lle profesa en segredo e a liberdade que podería alcanzar uníndose ao imparable ascenso dos cristiáns. -- Idiomas: castelán e inglés 5.1, audiodescrición para cegos. Subtít.: castelán, castelán para xordos. -- Non recomendada a menores de 13 anos

Materias: 1. Intolerancia-Películas. 2. Cine histórico-Videogravacións. 3. Amor-Películas. 4. Cine dramático-Videogravacións. 5. Cine español-Videogravacións. 6. Hipatia-Películas. 7. Alexandría (Exipto)-Películas. 8. Cristianismo-Películas. 9. Conflictos sociais-Películas

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: DV-791/ÁGO
 

CONCURSO: Cando as miras, que ves?

Cando miras, que ves?

 

BASES:

1. Pode participar todo o alumnado matriculado no centro durante o curso 2012-2013. A participación pode ser individual ou grupal. Os grupos poden estar formados por alumnado de distintos niveis.
2. Os traballos consistirán na creación dun lema acompañado de imaxe (debuxo, logo ou fotografía de creación propia) en formato cartel sobre a presenza e visibilidade das mulleres na sociedade actual ( exemplos cercanos a nós).
3. Os carteis presentaranse cun pseudónimo escrito no reverso. O mesmo pseudónimo escribirase no exterior dun sobre e no interior constarán os datos (nome, curso e grupo) do alumnado participante.
4. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de febreiro. Podedes entregarllos a Armando na Biblioteca en calquera dos dous recreos.
5. O xurado estará composto por profesorado e alumnado non participante.
6. O premio consistirá en material bibliográfico, musical ou cinematográfico axeitado á idade dos gañadores e gañadoras.
O traballo premiado será publicado na web do centro e exposto na biblioteca.
7. A entrega dos premios terá lugar o 8 de marzo. Os gañadores serán convocados para a entrega do premio nun dos recreos na Biblioteca.
8.  O feito de participar neste concurso implica a aceptación de todas as bases.

Podedes consultar calquera dúbida co profesorado do equipo da biblioteca (Mercedes Souto, Esther García ou Xavier Lorenzo Tomé) e con Nanina Santos (profesora de Música).

Distribuir contido