Actividades

Espazo para as actividades da biblioteca.

O día 24 d febreiro, #mobilizarosalía

O 24 de febreiro de cada ano celebramos o Día de Rosalía. Unha efeméride na que lembramos o nacemento da escritora e reivindicamos a obra desta insigne figura das nosas letras. A biblioteca escolar do IES de Brión presenta aos seus usuarios unha pequena exposición con materiais sobre a autora. Unha escolma que achega Rosalía ao lector a través de recursos bibliográficos e audiovisuais que se poden consultar na sala e tamén están dispoñibles para préstamo.

Tampouco perdas a ocasión de difundir no Twiter a obra dunha muller adiantada ao seu tempo, a través de #mobilizarosalía.

Concurso 23 de abril, Día do Libro

imaxe

Propoñémosvos un concurso foto-literario para conmemorar o Día do Libro, que se celebra o xoves 23 de abril:

• Presentaremos catro textos. Cada un deles pertence a unha obra literaria escrita nunha destas linguas: galego, castelán, francés, inglés. Haberá que escoller un texto e a partir del crear unha imaxe coa vosa cámara ou móbil.
Pero ollo! Tedes despois que tratar e editar a imaxe. Valorarase a creatividade, orixinalidade e a relación da imaxe co texto.

• Podedes participar no concurso todas/os alumnas/os do Centro.

• A participación é individual.

• Os textos para elixir e recoller estarán a vosa disposición na biblioteca.

• Tedes que subir a imaxe á rede e entregar na Biblioteca a ligazón xunto co voso nome e curso (dispoñeredes dunha ficha para cubrir).

• A data límite de entrega será o día do libro, 23 de abril, no 1º recreo.

Haberá un premio por cada unha das linguas nas que están escritos os textos. As persoas gañadoras serán informadas da entrega do premio na última semana de abril.

Exposición "Viaxe a México": literatura e cine do outro lado do atlántico

Co gallo da entrevista en Radio emBrión a Esther G. Gerbolés, profesora encargada da biblioteca escolar, aproveitamos a ocasión para convidarmos a coñecer un pouco máis a literatura e cine mexicano que temos na biblioteca. Novela, relato, banda deseñada, biografías, lendas tradicionais indíxenas, etc. conforman esta selección que xa podes consultar no expositor da sala.

Día 27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O día Mundial do Teatro creouse en 1961 por iniciativa do Instituto Internacional do Teatro (ITI). Un dos actos máis representativos é a circulación da Mensaxe Internacional, tradicionalmente escrita por unha personalidade de recoñecido prestixio no mundo do teatro.

Mensaxe do Día do Teatro 2015

Os verdadeiros mestres do teatro pódense encontrar moi doadamente lonxe do escenario. E polo xeral non teñen interese no teatro como máquina para reproducir convencións e clixés. Buscan as fontes da pulsión e as correntes vivas que evitan as salas de representación e ás multitudes que prefiren a copia dun mundo ou doutro. Preferimos copiar en vez de crear mundos que inciten ao debate co público, que se centren nas emocións que se acumulan baixo a superficie. En realidade non hai nada que poida revelar tantas paixóns ocultas como o teatro.

A miúdo volvo á prosa como unha guía. De cando en vez sorpréndeme pensando en escritores que hai case un século profetizaron o declinar dos deuses europeos e describiron o crepúsculo que fixo sucumbir á nosa civilización nunha escuridade que aínda espera ser iluminado. Estou a pensar en Franz Kafka, Thomas Mann e Marcel Proust, pero tamén incluiría hoxe a John Maxwell Coetzee neste grupo de profetas.

O seu sentido común sobre o inevitable fin do mundo -non do planeta, senón do modelo das relacións humanas- e da orde social e o caos, é considerablemente actual para nós hoxe en día. Para nós que vivimos despois do fin do mundo. Para nós que enfrontamos crimes e conflitos que se acenden diariamente en novos lugares máis rápido que os ubicuos medios de comunicación. Estes lumes vólvense aburridos moi rapidamente e desaparecen das noticias, para nunca máis volver. E sentímonos desprotexidos, horrorizados e acurralados. Xa non podemos construír torres, e as murallas que levantamos obstinadamente, non nos protexen de nada; pola contra, elas mesmas piden protección e coidado, o que nos fai consumir unha gran parte da nosa enerxía vital. Xa non temos a forza para tratar de mirar o que hai máis alá das portas, detrás dos muros. E é precisamente por iso que o teatro debe existir e onde debe encontrar a súa forza. Mirar máis dentro do permitido.

"A lenda busca a explicación do inexplicable. Está aferrada á verdade e debe rematar no inexplicable". Así é como Kafka describiu a transformación da lenda de Prometeo. Sinto profundamente que esas mesmas palabras deberían describir o teatro. E ese tipo de teatro que se aferra á verdade e remata no inexplicable, é o que desexo para todos os seus traballadores, para os que están no escenario e para os que están no público. Deséxoo con todo o meu corazón.

Krzysztof Warlikowski. Director de teatro

Na biblioteca escolar conmemoramos esta data cunha exposición bibliográfica que reune unha antoloxía de significativos autores e obras do xénero dramático.

Exposición 8 de marzo, Día da Muller

O día 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller. Unha xornada para reivindicar algo que debería ser obvio o resto do ano, a igualdade social entre mulleres e homes. Unha efeméride na que dende a biblioteca aproveitamos para pescudar no noso fondo e presentar unha exposición conformada por unha escolma de títulos onde a muller e os eu papel na sociedade son os protagonistas.

A mostra constitúena fundamentalmente libros e películas que poderás atopar no expositor da biblioteca dende o venres 6 de marzo. A parte de consultalos na sala, tamén podes retiralos en préstamo domiciliario.

Exposición 8 de marzo Exposición 8 de marzo Exposición 8 de marzo

Concurso "Alicia no país das marabillas" e matemáticas

Este curso o lema das bibliotecas escolares é "Biblioteca escolar... matemático! Por iso vos propoñemos un concurso que relaciona matemáticas e literatura a través do clásico de Lewis Carroll "Alicia no país das marabillas"

Bases e mecánica do concurso:

-Participantes: todo o alumnado do Instituto. Ollo! Non podedes concursar individualmente. Os equipos estarán formados por alumn@s da mesma aula. O número de integrantes de cada equipo é libre.

-Prazo de inscripción: do 2 ao 6 de Febreiro na Biblioteca (durante os recreos).

En que consiste o concurso?

*Ao principio de cada semana dende a Biblioteca plantexaremos unha pregunta sobre un ou dous capítulos de Alicia no país das marabillas.

*Os equipos terán ata o venres para entregar a resposta na biblioteca durante o horario no que está aberta. A semana seguinte haberá unha nova pregunta sobre os capítulos seguintes e así sucesivamente.

*Os equipos que non contesten correctamente serán eliminados do concurso.

*A dificultade da pregunta semanal será progresiva . A duración do concurso non está fixada . Todo depende da vosa participación.

-Para participar no concurso necesitades ir lendo os capítulos de Alicia no país das marabillas correspondentes ás preguntas semanais. Na biblioteca atoparedes o libro en papel e tamén en formato dixital (libros electrónicos). Xa veredes como vos gusta. Ademais podedes tamén ver as distintas versións cinematográficas da novela. Seguro que coñecedes o filme de debuxos animados que fixo a factoría Disney mais recomendámovos un filme posterior de Tim Burton, un director americano cun xeito de facer cine moi personal.

-O equipo gañador recibirá un premio sorpresa. Na medida que o concurso se alongue pois as preguntas semanais son acertadas , o premio será maior. Non vos decimos en que consiste pois dependerá da idade e gustos do equipo gañador.

Escolma de novidades 2014

escolma de novidades 2014

Comeza o mes de Nadal as vacacións escolares achéganse. Un tempo de celebracións para descansar da rutina e gozar das afeccións que máis nos gustan. Se queres aproveitar o tempo de lecer coa lectura, a biblioteca escolar ofréceche unha escolma de libros, discos e algunha película para que non te aburras nas vindeiras festas.

Trátase dunha selección que recolle algunhas das novidades que fomos incorporando á colección ao longo do ano 2014, dende xaneiro ata decembro. Unha escolma que atoparás no expositor da biblioteca durante este mes. A que esperas para descubrilo!

Novembro de medo, na biblioteca

O sentimento de medo non resulta unha sensación precisamente agradable. A intensa emoción que provoca resulta anguriante cando a sufrimos. Sen embargo, na literatura e no cine, o medo e o terror son xéneros que cativan a milleiros de lectores e espectadores. Son historias que se converteron en populares dende que triunfara o romanticismo a partir de mediados do século XIX. Bécquer, Shelley, Stoker, Allan Poe, Lovecraft... foron autores que crearon historias e personaxes, algúns dos cales, se fixeron populares co cine e a televisión.
De seguido presentamos unha pequena selección dunha escolma maior, que podes atopar na biblioteca escolar dende esta semana, onde atoparás libros e películas dun xénero que acadou categoría de arte da pluma de grandes figuras da literatura de todos os tempos.


Frankenstein ou o moderno Prometeo / Mary Shelley

Galaxia, 2000

 
Frankenstein  
Un gran clásico da literatura universal, inspirado no vello mito do home creador de vida Publicado por vez primeira en 1818, sempre foi un libro de inmenso éxito entre lectores de todo o mundo: por ser unha excelente ficción literaria que engaiola o lector desde as primeiras páxinas, pero tamén unha estimulante proposta ref lexiva sobre problemas como as orixes da vida, as capacidades e límites da ciencia, a natureza humana e a súa corrupción coa sociedade

Materia: 1. Vinganza-Novelas. 2. Soidade-Novelas. 3. Medo-Novelas. 4. Monstros-Novelas. 5. Marxinación social-Novelas. 6. Fenómenos sobrenaturais-Novelas

Dispoñible na sección de Literatura en lingua galega: GAL-N/SHE/fra

 

A noite dos pesadelos / Antonio Reigosa

Tambre, 2007

 
A noite dos pesadelos   Esta é unha historia de amor e de medos. Cando o amor chama á porta por primeira vez ninguén sabe a que emocións comparalo: os soños poboan a noite de pesadelos e todos os medos roldan a nosa cabeza. O amor e o medo son os sentimentos que primeiro coñecemos e aos que debemos aprender a enfrontarnos. Sabendo quen nos ama e a quen amamos, quen e que nos atemoriza, sábelo case todo. Todo isto pasa neste libro, nunha soa e longa, eterna, noite.

Materia: 1. Medos infantís-Novelas. 2. Supersticións-Novelas. 3. Pesadelos-Novelas

Dispoñible na sección de Literatura en Lingua galega: GAL-N/REI/noi

 

Pel de lobo / Xosé Miranda

Edicións Xerais de Galicia, 2008

 
Pel de lobo  

Fulxencio Nóvoa e o seu fillo Xosé tiñan sona de bos tiradores e solicitábanos dos pobos para que fosen matar lobos. Desta volta, Xosé, un mozote de dezasete anos, dará conta en primeira persoa do acaecido na chamada que lles fixeron as xentes do Incio, na procura dun lobo enorme, que algúns din completamente negro e outros branco, unha besta que xa comeu un par de nenos e unha rapaciña que pastoreaba o gando. Alí no Incio, Xosé coñecerá a beleza inquedante das irmáns Ana e Aurora e enfrontarase ás gadoupas dun animal que non ten medo do home nin do lume.

Materia:  1. Medo-Novelas. 2. Aventuras-Novelas. 3. Lobos-Novelas. 4. Transformacións-Novelas

Dispoñible na sección de Literatura en lingua galega: GAL-N/MIR/pel

 

Relatos de terror / H.P. Lovecraft

Edicións Xerais de Galicia, 2012

 
Relatos de terror  

Relatos de terror reúne oito contos de Lovecraft (“A tumba”, “Do máis alá”, “Herbert West, reanimador”, “O can”, “A ceremonia”, “El”, “A besta da cova” e “O alquimista”) que amosan como este xenial autor foi o inventor dun novo xénero, o conto materialista de terror, no que utiliza os símbolos que se manteñen no inconsciente das persoas para espertar eses terrores ancestrais que xacen dentro do noso cerebro. Trátase desa literatura de terror «cósmico» que se dirixe á parte máis fonda do cerebro, dominada polos instintos e emocións que están na orixe do xénero humano.

Materia: 1. Medo-Relatos

Dispoñible na sección de Literatura en lingua galega: GAL-N/LOV/rel

 

Los armarios negros / Joan Manuel Gisbert

Alfaguara, 2004

Los armarios negros

Un home e o seu fillo chegan a unha mansión deshabitada para facer un traballo. Nela, tres armarios negros esperan abrirse para converter a mansión nun territorio onde reine o medo.

Materia: 1. Misterio-Novelas. 2. Enigmas-Novelas. 3. Doentes-Novelas. 4. Maxia-Novelas. 5. Medo-Novelas. 6. Ocultismo-Novelas

Dispoñible na sección de Literatura en lingua castelá: LES-N/GIS/arm

Otra vuelta de tuerca / Henry James 

Anaya, 2000

Otra vuelta de tuerca

Unha moza inglesa chega a unha vella mansión no campo para encargarse da educación dun neno e unha nena que quedaron orfos. Pouco tempo despois da súa chegada, descobre que os nenos reciben periódicas «visitas» dos seus antigos preceptores, un home e unha muller mortos un ano atrás. A institutriz, horrorizada, decide facer o posible para defender os nenos, cuxa custodia se lle encomendara, e trata de interpoñerse entre eles e entre os fantasmas. Con esta historia, aparentemente tan sinxela, Henry James logrou realmente o «máis difícil aínda»: dar outra volta a esa «rosca» que hai escondida en todo relato de terror.

Materia: 1. Medo ao descoñecido-Novelas. 2. Pantasmas-Novelas. 3. Institutrices-Novelas. 4. Novelas góticas. 5. Enfermidades mentais-Novelas. 6. Maldade-Novelas

Dispoñible na sección de Literatura en lingua castelá: LES-N/JAM/otr

Relatos de Poe / adaptación, Denise Despeyroux [BD]

Parramón, 2009

Relatos de Poe

Adaptación á novela gráfica de tres contos do clásico Edgar Allan Poe, coincidindo co bicentenario do nacemento do autor. Tres contos: "O escaravello de ouro", "O método do doutor Alcatrán e o profesor Pluma" e "O afundimento da casa Usher". A ilustración engade un toque de modernidade ao contido, xa que provén do mundo da publicidade e a prensa. Algo máis fresco e atrevido para un clásico da magnitude de Poe, contado a través dun estilo que conserva a esencia do estilo do autor orixinal e combinándoo co impacto deste tipo de ilustración.

Materia: 1. Banda deseñada. 2. Medo-Cómics. 3. Misterio-Cómics

Dispoñible na sección de Banda deseñada: COM/DES/rel

Drácula de Bram Stoker (1992) [DVD vídeo] / dirixida por Francis Ford Coppola

Columbia TriStar Home Entertainment, cop., 2003

Drácula de Bram Stoker

No ano 1890, o mozo avogado Jonathan Harker viaxa a un castelo perdido de Transilvania, onde coñece ao conde Drácula, que en 1462 perdeu ao seu amor Elisabeta. O Conde, fascinado por unha fotografía de Mina Murray, a noiva de Harker, que o recorda ao seu Elisabeta, viaxa ata Londres "cruzando océanos de tempo" para coñecela. Xa en Inglaterra, intentará conquistar e seducir a Lucy, a mellor amiga de Mina.

Materia: 1. Cine de medo-Videogravacións. 2. Vampiros-Películas. 3. Drácula (Personaxe de ficción)-Películas. 4. Amor-Películas

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: DV-791/DRÁ


Los otros (2001) [DVD vídeo] / dir. Alejandro Amenábar

El País, 2003

Los otros

Illa de Jersey, 1945. A Segunda Guerra Mundial rematou, pero o marido de Grace non volta da fronte. Soa, nun illado pazo vitoriano, educa aos seus fillos dentro de estritas normas relixiosas. Os nenos sofren unha estraña enfermidade:non poden recibir directamente a luz do día. Os tres novos servidores que se incorporan deben aprender unha regra vital: a cas estará sempre en penumbra; nunca se abrirá unha porta sen antes pechar a anterior. O estrito orde que Grace impuxo vai ser desafiado. Greca, os nenos e quen os rodean darán un paso inesperado e definitivo.

Materia: 1. Cine de terror-Videogravacións. 2. Cine de intriga-Videogravacións. 3. Misterio-Películas. 4. Pantasmas-Películas. 5. Nenos-Películas

Dispoñible na sección de Audiovisuais e multimedia: DV-791/OTR


27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O día Mundial do Teatro creouse en 1961 por iniciativa do Instituto Internacional do Teatro (ITI). Un dos actos máis representativos é a circulación da Mensaxe Internacional, tradicionalmente escrita por unha personalidade de recoñecido prestixio no mundo do teatro.

Mensaxe de Brett Bailey para o Día Mundial do Teatro 2014

Onde queira que haxa sociedade humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase.

Baixo as árbores de pequenas aldeas e sobre sofisticados escenarios en grandes metrópoles; en salóns de actos de colexios e en campos e en templos; en suburbios, en prazas públicas, en centros cívicos e nos subsolos das cidades, a xente reúnese en comuñón en torno aos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, nosa vulnerabilidade, en carne e óso, alento e voz.

Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e contemplar; para aprender, afirmar e imaxinar. Para marabillarnos ante a destreza técnica, e para encarnar deuses. Para deixarnos sen respiración ante a nosa capacidade de beleza, compaixón e monstruosidade. Imos para enchernos de enerxía e poder. Para celebrar a riqueza das nosas diferentes culturas, e para facer desaparecer as barreiras que nos dividen.

Onde queira que haxa sociedade humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase. Nacido da comunidade, leva postas as máscaras e vestimentas das nosas distintas tradicións. Utiliza as nosas linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.

E nós, os artistas que traballamos con este antigo espírito, sentímonos impulsados a canalizalo a través dos nosos corazóns, as nosas ideas e os nosos corpos para revelar as nosas realidades en toda a súa cotianeidade e o seu rutilante misterio.

Pero nesta época na que tantos millóns de persoas loitan por sobrevivir, sofren baixo réximes opresivos e o capitalismo depredador, foxen do conflito e a escaseza; na que a nosa privacidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras censuradas por gobernos intrusivos; na que se aniquilan os bosques, extermínanse especies e envelénanse os océanos: Que nos sentimos impulsados a revelar?

Neste mundo de poder desigual, no que distintas ordes hexemónicas intentan convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un marco cultural é superior ao resto, realmente pódese defender a idea de que as artes deberían apartarse das axendas sociais?

Nós, os artistas de escenarios e ágoras, conformámonos coas demandas asépticas do mercado, ou utilizamos o poder que temos: para abrir un espazo nos corazóns e as mentes da sociedade, para reunir xente a noso arredor, para inspirar, marabillar e informar, e para crear un mundo de esperanza e colaboración sincera.

Brett Bailey é un dramaturgo Surafricano, deseñador, director, realizador de instalacións e director artístico do Third World Bunfight.

Fonte: SGAE


Con motivo desta destacada efeméride, dende a biblioteca do centro fixemos unha pequena escolma de literatura dramática, en lingua galega e castelá, de autores de diferentes países e épocas. Está a túa disposición no expositor da sala de lectura da túa biblioteca escolar.

21 de marzo, Día Mundial da Poesía

O Día Mundial da Poesía é o tributo á palabra poética proposto no ano 2001 pola Unesco, e celébrase cada 21 de marzo (equinocio de primavera) co propósito de consagrar a palabra esencial e a reflexión sobre o noso tempo. Dende a biblioteca do centro propoñemos, outro ano máis, unha pequena selección bibliográfica coa que celebrar esta efeméride, unha escolma que permanecerá no expositor de destacados durante as vindeiras semanas. 


La piel extensa : antología / Pablo Neruda

Edelvives, 2013

 
La piel extensa  
O libro reúne 55 poemas en sete apartados temáticos que condensan o espírito da obra nerudiana, as súas diversas épocas estilísticas e os temas que lle preocupaban. Son os titulados "O amor","A poesía", "O mar", "O tempo", "Un espazo para os sentidos", "A atureza en voo" e "Ao final unhas preguntas". A presente antoloxía foi preparada polos poetas Gerardo Beltrán e Abel Murcia, coñecidos no ámbito da poesía en español por ser os tradutores de referencia da premio Nóbel Wislawa Szymborska e outros poetas polacos contemporáneos. As ilustracións son obra de Adolfo Serra, que retrata á perfección o torrente entusiasta e colorista, que son os versos do poeta chileno.


Materia: 1. Poesía

 

Os nosos versos : antoloxia

Xerais,  2000

 
Os nosos versos  

Poemas escritos para denunciar inxustizas, iluminar sombras, reivindicar vellos soños, expresar amor ou desamor, recrear lembranzas de infancia ou plasma-lo estado de ánimo en relación coa paisaxe, que invitan ó lector a comparti-lo arraigamento das terras gallegas e o sentir das súas xentes, a segui-los pasos de todos aquelos que fixeron da poesía un xeito de vida.

 

Materia: 1. Poesías galegas-S. XIX-XX-Libros infantís

 

 

100 Best Poems for Children / Chosen by Children ; Edited by Roger McGough

Puffin Books, 2002

 
Líricos griegos arcaicos  
100 Best Poems for Children is a unique treasure trove. From the hundreds of poems originally chosen by children themselves, Roger McGough has selected an irresistible top one hundred no child should be without.
100 Best Poems for Childern é un tesouro único. De centos de poemas orixinalmente escollidos por nenos, Roger McGough escolmou os cen mellores, dos que ningún rapaz pode prescindir.


Materia: 1. Poesías-Antoloxías. 2. Poesías-Libros infantiles

 

Poetas galegos do século XX / [selección] Luciano Rodríguez

Espiral Maior, 2004

 
Poetas galegos do S. XX   Nesta selección, Poetas Galegos do Século XX, ofrécese unha lectura da poesía galega escrita durante o século pasado, mais tamén as liñas de continuidade que seguen a ser activas neste comezo do novo século.

 Materia:  1. Poesía galega-Antoloxías-S. XX

 

Les Fleurs du Mal / Charles Baudelaire

Le Livre de Poche, 2010

 
Les fleurs du mal  

A obra clave do pai do Simbolismo. Baudelaire retrata nestes poemas o amor, a depravación do home, o desespero e a morte sentando as bases da estética da vangarda simbolista que influíu en autores como Rilke, Rimbaud ou Valéry.
Envolvida en escándalo no momento da súa aparición (a primeira edición, en 1857, padeceu a supresión dos seis célebres poemas condenados polo Tribunal Correccional de París), «As flores do mal» inaugurou unha poética innovadora que se traduce na busca da musicalidade do poema, na audacia da imaxe e no famoso sistema de «correspondencias» que habería de dar orixe ao movemento simbolista.

 

Revolting Rhymes and Dirty Beasts [Audio libro] / Roald Dahl ; read by Alan Cumming

Penguin Books, 2008

 
Revolting Rhymes  

In Dirty Beasts we meet a ghastly menagerie of wonderfully comic animals that can only have been invented by Roald Dahl. There is the toad that jumps to France – at his own peril; the pig who ponders the meaning of life; the anteater who gets the wrong end of the stick; and many more. Snigger, titter and laugh at their antics in this collection of irreverent and absurdly comic verse!

Nesta obra encontrámos unha espantosa colección de animais marabillosamente cómicos que só puido inventar Roald Dahl. Está o sapo que salta a Francia - ao seu propio risco, o porco que reflexiona sobre o sentido da vida, o oso formigueiro que se pon do lado equivocado da vara, e moitos máis. Rite ata a gargallada das súas travesuras nesta colección de versos cómicos irreverentes e absurdos

Materias: 1. Rimas infantís. 2. Audiolibros

 
Distribuir contido