Skip to Content

Actividades culturais

As fichas de recomendación da biblioteca

Os membros da comunidade educativa do instituto poden recomendar libros mediante as fichas que están na biblioteca ao dispor das persoas interesadas. Canta máis xente se anime a compartir os seus consellos de lectura, máis cousas divertidas e fascinantes iremos descubrindo!

 

 

A participación no premio BREVITER, en 'La Voz de Galicia'

O xornal La Voz de Galicia cualifica de "éxito" a convocatoria do I Premio BREVITER de microrrelatos, que organiza o noso instituto.

 

 

Que é o espazo de igualdade e diversidade?

Hai xa tres anos que o profesorado do IES Arcebispo Xelmírez detectou a necesidade de crear un grupo de apoio e/ou un espazo seguro onde o noso alumnado LGBTIQ+ puidese sentirse escoitado e comprendido. A idea deste espazo foi impulsada polo EDL e o equipo de igualdade, e conta co apoio do Departamento de orientación e da dirección do instituto.
O espazo forma parte da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ Galicia, que considera que "para evitar a reprodución de estereotipos sexistas [...], faise necesaria a aplicación de medidas individuais e colectivas encamiñadas a promover a igualdade de oportunidades, e, por tanto, asentar as bases para conseguir un centro coeducativo, libre de discriminación e respectuoso con todas as diversidades".
Este espazo, ao que asiste profesorado e alumnado de todas as idades do instituto, é un lugar onde abrimos temas de debate, aclaramos dúbidas, reflexionamos sobre as nosas inquedanzas, os nosos medos e as nosas incertezas, propoñemos lecturas, películas e documentais, e organizamos actividades para celebrar efemérides que nos interesan.
Comezamos hai tres anos pintando un armario coas cores da bandeira LGBT e filmando un vídeo no cal convidabamos toda a comunidade educativa a asistir ás reunións.
O armario segue alí, e nós tamén.
Reunímonos os xoves, de 12.25 a 12.45 horas, na aula de Alemán.

 

Alta participación no I Premio BREVITER de microrrelatos

A resposta á convocatoria do I Premio BREVITER de microrrelatos superou as expectativas. Recibíronse 77 obras, 63 literarias e 14 audiovisuais, en galego, alemán, español, inglés e portugués, o cal demostra o grande interese que suscitou a iniciativa do noso instituto.
O xurado do premio anunciará a súa decisión nas próximas semanas.

 

Sport et Science,, L’Union fait la force

 

 

Este ano está sen dúbida marcado pola celebración dos Xogos Olímpicos na cidade de París e, para celebrar este evento, o pasado 6 e 7 de marzo, o noso alumnado de francés de 2º da ESO visitou a exposición “Deporte e ciencia, a unidade é a forza” nas instalacións da Alianza Francesa, e descubriu o papel da ciencia nas prácticas deportivas. 

 

Ademais de descubrir os carteis que adornaran os muros da estación de Montparnasse-Bienvenue (Paris) durante dos meses, o noso alumnado practicou os seus coñecementos da lingua e ampliounos grazas a actividade pedagóxica elaborada polo equipo da Alianza Francesa. 

 

Vídeo-Dosier do proxecto "Cantigas e Murais para o Coñecemento do Reino Medieval de Galicia"

Este é o Vídeo-Dosier do proxecto "Cantigas e Murais para o Coñecemento do Reino Medieval de Galicia" levado a cabo por Xoan Curiel e Raquel Germade, do que o noso centro foi elexido como un dos espazos participantes. Este proxecto enmarcouse nos II Premios Reino de Galicia 2023, un recoñecemento á creatividade e á investigación da nosa historia.

Neste vídeo, resúmense os emocionantes momentos vividos durante esta marabillosa aventura cultural; desde os concertos onde as cantigas medievais resoaron nos nosos corredores ata a creación do mural que adorna o noso espazo, cada paso deste proxecto foi unha celebración da nosa rica historia e cultura galega.

Queremos agradecer a Xoan e a Raquel e a todo o alumnado e profesorado que participou co seu talento e entusiasmo, facendo deste proxecto unha experiencia inesquecible. 

 

Atelier crêpes La Marinière

O pasado 20 de marzo, o noso alumnado de francés de 1º da ESO ata 3º da ESO puido comprobar que tódolos meses do ano valen para gozar dunha boa crêpe bretoa e aínda máis se as realizan eles mesmos.

Ademais de entrar na cociña do foodtruck La Marinière, coa axuda de Jérémy, o noso alumnado puxo en práctica os seus coñecementos para pedir esta delicia bretoa: toda unha actividade na que conflúen os praceres da lingua ! 

Atelier_crêpes_web_2024 de XLMRZFLE

Máis fotos aquí

Obradoiro de creación literaria de Antía Yáñez

O 22 de marzo tivo lugar un obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Antía Yáñez, ao cal asistiu o alumnado do club de lectura de ESO 3º e 4º. A actividade foi organizada polo profesor Rodrigo Ruíz, do equipo da biblioteca.

Cartas desde as trincheiras / Lettres depuis les tranchées

Na entrada principal do centro está exposta unha selección de cartas realizadas polo alumnado de 4º da ESO na materia de Xeografía e Historia en colaboración co Departamento de Francés.

Aproveitando o estudo do tema da Primeira Guerra Mundial, propuxémoslle ao alumnado que investigase sobre a vida diaria dos soldados nas trincheiras e se puxese na pel dun deles.

O primeiro paso consistiu en investigar como eran as condicións de vida nas trincheiras nalgunha das batallas máis significativas da Gran Guerra a través da lectura de cartas reais enviadas polos soldados ás súas familias. Ademais, para afondar no tema, recomendóuselles a lectura voluntaria da novela 14, de Jean Echenoz, na que o autor narra as andanzas de catro mozos da Vendée mobilizados na Primeira Guerra Mundial.

A continuación tiveron que redactar tres cartas ou postais como se fosen un soldado que se atopaba na fronte da guerra e que quería enviar noticias aos familiares que deixara na retagarda ao tempo que coñecer como se atopaban. Debían ser cartas escritas en momentos diferentes da guerra, nas que expresasen estados de ánimo diversos e que reflectisen de xeito verídico as condicións de vida nas trincheiras. O alumnado de Xeografía e Historia bilingüe en francés, tiña que escribir unha das postais en francés. Por suposto, debían estar escritas á man e decoralas imitando os modelos aos que tiveran acceso na súa pequena investigación previa.

Cremos que as tres vitrinas nas que se expoñen moitas das cartas e postais elaboradas polo noso alumnado dan boa conta da súa creatividade literaria e artística, polo que vos animamos a visitala, deleitarvos na súa lectura e reparar nos pequenos detalles.

Álbum: Outras Actividades -> Cartas desde as trincheiras

Visita a Cerámicas do Castro e ao Museo Carlos Maside

Alumnado de Plástica e Deseño de 4º da ESO e 2º BAC visitaron Cerámicas do Castro e o Museo Carlos Maside, lugares onde puideron descubrir a figura de Isaac Díaz Pardo, un dos grandes artistas, creadores e intelectuais da cultura galega, ademais doutros construtores da nosa identidade colectiva.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut