Skip to Content

Cartas desde as trincheiras / Lettres depuis les tranchées

Na entrada principal do centro está exposta unha selección de cartas realizadas polo alumnado de 4º da ESO na materia de Xeografía e Historia en colaboración co Departamento de Francés.

Aproveitando o estudo do tema da Primeira Guerra Mundial, propuxémoslle ao alumnado que investigase sobre a vida diaria dos soldados nas trincheiras e se puxese na pel dun deles.

O primeiro paso consistiu en investigar como eran as condicións de vida nas trincheiras nalgunha das batallas máis significativas da Gran Guerra a través da lectura de cartas reais enviadas polos soldados ás súas familias. Ademais, para afondar no tema, recomendóuselles a lectura voluntaria da novela 14, de Jean Echenoz, na que o autor narra as andanzas de catro mozos da Vendée mobilizados na Primeira Guerra Mundial.

A continuación tiveron que redactar tres cartas ou postais como se fosen un soldado que se atopaba na fronte da guerra e que quería enviar noticias aos familiares que deixara na retagarda ao tempo que coñecer como se atopaban. Debían ser cartas escritas en momentos diferentes da guerra, nas que expresasen estados de ánimo diversos e que reflectisen de xeito verídico as condicións de vida nas trincheiras. O alumnado de Xeografía e Historia bilingüe en francés, tiña que escribir unha das postais en francés. Por suposto, debían estar escritas á man e decoralas imitando os modelos aos que tiveran acceso na súa pequena investigación previa.

Cremos que as tres vitrinas nas que se expoñen moitas das cartas e postais elaboradas polo noso alumnado dan boa conta da súa creatividade literaria e artística, polo que vos animamos a visitala, deleitarvos na súa lectura e reparar nos pequenos detalles.

Álbum: Outras Actividades -> Cartas desde as trincheiras


album | by Dr. Radut