Skip to Content

Actividades culturais

Visita do alumnado da Nadderud Videregående Skole, Oslo

Alumnas e alumnos da Nadderud Videregående Skole realizaron unha mobilidade Erasmus + en Galicia, visitando o IES Arcebispo Xelmírez I, onde tiveron a oportunidade de compartir cos nosos algúns dos seus costumes e hábitos máis arraigados. Moitas grazas ás profesoras Esther Spøtvold e Lisa Vikane polas sinerxias continuas que xeran co noso centro.

O Grupo Vocal do Xelmírez I participou no V Encontro de Coros Escolares

O Grupo Vocal do Xelmírez I participou no V Encontro de Coros Escolares organizado polo IES Alfonso X de Cambre e celebrado no Auditorio do Conservatorio de Música  Profesional da Coruña; xunto aos nosos participaron tamén unha representación do IES María Casares de Oleiros, do IES Salvador de Madariaga da Coruña e o IES Ortigueira.

O Grupo Solidario do IES Arcebispo Xelmírez I colabora co Banco de Alimentos

 
  
A pasada fin de semana o Grupo Solidario do IES Arcebispo Xelmírez I colaborou na recollida de alimentos do Banco de Alimentos. Fixeron varias quendas nos supermercados Eroski da Sionlla e de Volta do Castro. A súa labor consistía en animar aos clientes de ditos supermercados a colaborar, informar dos produtos mais necesarios, organizar e colocar nas caixas as doazóns.
 
Esta actividade é moi motivadora e satisfactoria para o Grupo Solidario, levamos moitos anos colaborando co Banco de Alimentos nas diferentes recollidas que fan durante o curso, pois consideramos a necesaria e gran labor que fan repartindo alimentos a moitas familias e asociacións da nosa cidade e a sua contorna que están a pasar moitas dificultades nestes momentos.
 

Visita á exposición Fan & Fiction de Helmut Newton

O noso alumnado de Video DiscJockey e Son desprazouse á Fundación Marta Ortega, na Coruña, para visitar a exposición Fan & Fiction de Helmut Newton. Ademais da preceptiva visita guiada, tiveron a oportunidade de realizar un obradoiro baseado nalgúns dos conceptos deste mestre da fotografía de moda.

O equipo do Xelmírez gaña o Torneo Quantum Chess celebrado na Facultade de Física

O equipo do IES Arcebispo Xelmírez I, integrado por Lucas Fernández Escolante (2º ESO); Nicolás Lojo Besada (3º ESO); Manuel López García, Arturo Piñeiro Acevedo e Miguel Palacios González (1º BAC), resultou gañador do I Torneo Quantum Chess celebrado na Facultade de Física.

Neste torneo, promovido polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e a USC, participaron estudantes de centros públicos de ensino secundario de Santiago de Compostela.

Parabéns mozos, moitas grazas polo voso talento, compromiso e implicación.

Exposición sobre as mulleres na shoah

Con ocasión do Día Internacional da Lembranza do Holocausto, que se celebra o 27 de xaneiro, o alumnado de Alemán preparou unha pequena exposición centrada no papel da muller na shoah, baixo a dirección das profesoras Sagrario Torrado, membro do equipo da biblioteca, e Susana da Conceição.

 

O I Premio BREVITER suscita interese nos medios

O I Premio BREVITER de microrrelatos, convocado polo instituto, é hoxe noticia en 'La Voz de Galicia'. Lembramos que as obras poden presentarse até o 1 de marzo de 2024.

 

Visita do alumnado de 4º da ESO ao Parlamento de Galicia

O pasado venres 19 de xaneiro, o alumnado de 4º da ESO visitou o Parlamento de Galicia nunha saída programada polo profesorado da materia de Xeografía e Historia.

Organizados en dous grupos e baixo a dirección de cadanseu guía, as alumnas e alumnos do insitituto coñeceron as principais funcións desta importante institución política e percorreron as diferentes dependencias do Pazo do Hórreo, sede do cámara lexislativa galega desde 1989. Dos diferentes espazos visitados cómpre salientar a biblioteca, onde se custodian fondos de figuras tan relevantes da cultura galega como son Ricardo Carvallo Calero, os irmáns Villar Ponte e a escritora Elena Quiroga e o seu marido.

Ademais, no salón de plenos non só sentaron nos escanos dos deputados dos diferentes partidos políticos galegos, senón que tamén algúns representantes do alumnado puideron subir ao estrado e facer propostas para mellorar a vida no instituto.

Ao longo da visita, cuxa duración foi de aproximadamente unha hora, rapazada e profesorado tiveron acceso á variada e valiosa colección de arte galega contemporánea, tanto pitórica como escultórica, que alberga o Parlamento, a cal por si mesma xustifica a visita desta institución.

Ao rematar, recibiron como agasallo unha banda deseñada sobre a historia do Parlamento galego e un pequeno catálogo da colección artística que se conserva no mesmo.

Álbum: Actividades Culturais -> Visita ao Parlamento de Galicia

O noso alumno Pablo Rodríguez García participou na Olimpíada Matemática Galega

O noso alumno Pablo Rodríguez García, de 2º BAC, participou o pasado venres día 19 na Olimpíada Matemática Galega, que se desenvolveu na Facultade de Matemáticas da USC.

A Olimpíada Matemática Galega é unha competición para o alumnado de bacharelato de Galicia que ten como obxectivo fundamental estimular o estudio das matemáticas descubríndoas fóra dos ríxidos temarios curriculares e dos chamados exercicios tipo, en definitiva, desenvolver o gusto pola resolución de problemas.

Este concurso constitúe a Fase Autonómica Galega da Olimpiada Matemática Española que convoca anualmente a Real Sociedad Matemática Española. As probas, organizadas pola Asociación Eduardo García-Rodeja Fernández, celébranse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, e nelas selecciónase ata 3 estudantes para representaren a Galicia na Fase Nacional.

Máis información sobre a Olimpiada Matemática.

Xornadas de portas abertas para familias e alumnado de nova incorporación para o curso 2024/25

O día 16 de xaneiro celebraronse as As Xornadas de Portas Abertas para famílias e alumnado de nova incorporación no curso 2023/24. Asistiron numerosas familias dos centros de primaria adscritos e non adscritos.

Estas xornadas ofreceron a ocasión de coñecer mellor aspectos relacionados coa vida académica, visitar as aulas, laboratorios, Biblioteca ou instalacións para a práctica deportiva onde desenvolverán a súa actividade as alumnas e alumnos o próximo curso. O obxectivo foi axudarlles a afrontar con entusiasmo a súa nova etapa de formación na Educación Secundaria Obrigatoria.

 

Álbum: Outras Actividades -> Xornadas portas abertas
Distribuir contido


by Dr. Radut