O MÉTODO DE ESTUDIO II: COMO FACER UN CONTROL

COMO FACER UN CONTROL 

O MÉTODO DE ESTUDIO II: COMO FACER UN CONTROL

Neste folleto imos ver consellos sobre como debes facer un control ou exame..

1. Antes de seguir lendo, lembra o que xa se dixo no tríptico:  O método de estudio.Como estudar.

2. Fíxate en como lle gusta ao mestre/a que presentes os teus traballos. Coida moito a presentación nos exames.

3. Non deixes todo para última hora. Un bo deportista adestra con antelación para chegar nas mellores condicións ó día da competición. A ninguén se lle ocorre adestrar moi forte e soamente no último día , senón que as últimas horas aprovéitanas para descansar e durmir ben.

4. Polo tanto, o último día antes do control debes dedicalo a repasar, a relaxarte e debes durmir como mínimo 8 horas. Canto máis descansado/a chegues ao control mellor rendemento terás.

5. Prepara con antelación todo o necesario para facer o control, para evitar nervios de última hora. Leva polo menos dous lapis ou bolígrafos, por si non funciona algún.

6. Antes de comezar a facer o control, gasta uns segundos relaxándote. Para iso podes usar algunha das técnicas de relaxación que veñen  no folleto de técnicas de relaxación deste Programa de Técnicas de Estudio.

7. Durante o control, pensa única e exclusivamente nos temas do mesmo. Non te despistes pensando noutras cousas alleas ao control. É fundamental lograr unha boa concentración. Durante o control soamente debes escoitar ao mestre/a e a ti mesmo/a.

8. Lémbrate de levar reloxo. É importantísimo para distribuír correctamente o tempo  entre as cuestións do control.

 9. Unha vez que teñas as follas do control na mesa, o primeiro que tes que facer é ler tódalas cuestións ou preguntas do mesmo. Así terás unha visión global do traballo que vas facer.

10. Pregúntalle ao mestre/a cantos puntos vale cada cuestión. Así poderás saber que cuestións tes que resolver como mínimo para superar o control.

11. Ten en conta o tipo de cuestións que forman o control. Non é o mesmo un control tipo test, que un onde haxa respostas longas.

12. Si xa fixeches algún control con este/a mestre/a, lembra de como cualificou o mesmo e en que aspectos insistiu máis. Non cometas os mesmos erros que no anterior.

13. Antes de poñerte a escribir, debes saber si podes cambiar a orde das cuestións, ou si tes que seguir a orde establecida no control. Si podes cambiar a orde, comeza polas cuestións que mellor saibas, para que despois che quede tempo para as máis difíciles. Así, garantirás ter contestadas as cuestións que mellor sabes.

14. Antes de comezar, debes distribuír o tempo de que dispoñas entre as cuestións, segundo a dificultade que teña cada unha e segundo a extensión que creas que pode ter a resposta.

15. Fai unha distribución do tempo que che permita deixar polo menos 10 minutos para repasar as respostas.

16. Antes de responder calquera cuestión, le o enunciado da mesma polo menos dúas veces, para entender ben o que se che pregunta. Tes que saber que é o que quere o mestre/a que respondas en cada caso.

17. Contesta ó que se che pide. Por exemplo, si che indican que nomees partes dunha planta, escribe soamente os nomes das partes da planta. Sobre todo, nos problemas, fíxate moi ben no que se pregunta.

18. Si son cuestións de resposta longa, primeiro fai un pequeno esquema en folla aparte cos apartados que vas tratar e despois vas completando a resposta.

19. Si son cuestións de resposta curta, concreta, pensa moi ben o que vas dicir antes de escribir.

20. Cando se trata de problemas para resolver, segue sempre os pasos que che ensinou o mestre/a para resolver un problema. Lémbrate de poñer o que é cada cousa. Non mestures allos con cebolas. Repasa as operacións e fíxate si o resultado pode ser válido ou é unha barbaridade. Usa o sentido común.

21. Cando se trate de preguntas tipo test, nas que tes que elixir unha resposta entre varias dadas, fíxate moi ben nas respostas. Sempre hai varias que son moi parecidas e que só se diferencian nunha palabra ou nun signo de puntuación. Pregúntalle ao mestre/a si descontan os erros; nese caso, non respondas aquelas preguntas das que non saibas nada.

22. Si nalgún momento do control te pos moi nervioso/a, para e reláxate antes de continuar. Lembra que para render ben é fundamental estar  tranquilo/a.

23. Agás nos controles tipo test nos que os erros desconten puntos, procura non deixar en branco ningunha cuestión. Seguro que hai algo que sabes sobre a mesma. Evita escribir barbaridades.

24. Unha vez rematadas todas as cuestións, repasa o que escribiches, por si atopas algún erro. Fíxate en que non teñas faltas de ortografía e que a letra que fixeches resulta clara e lexible. Non te esquezas de comprobar si puxeches os teus datos ao principio do control (nome e apelidos ...)

25. Se necesitas máis dunha folla para responder, numéraas e entrega o control ben ordenado.

Lembra:

Tes que descansar ben na noite anterior ao control.

Reláxate e tranquilízate antes de comezar.

Pensa antes de escribir.

Fíxate moi ben no que se che pregunta.

Coida a presentación.