Programa Refórza-T
CONTINUIDADE DO PLAN PROA NO NOSO COLEXIO
Neste curso 2009-10 imos seguir contando co Programa de Acompañamento PROA para alumnado de 5º e 6º de E. Primaria. Este programa desenvólvese polas tardes, tendo cada grupo dous días á semana con dúas horas cada día de axuda cunha mestra designada pola Consellería.
Van participar neste programa un grupo de alumnos/as de 5º e outro de 6º de E. Primaria, que sumarán case 30 alumnos/as e que son seleccionados segundo as condicións marcadas no programa.
Con esta axuda queremos que o alumnado que participe no programa mellore academicamente e poida levar con máis éxito os seus estudios. Confiamos en que haxa unha boa colaboración por parte das familias para que todo vaia ben e que os resultados sexan o máis satisfactorios posible.
O CEIP NOSA SRA DOS REMEDIOS PRESENTOU UNHA PONENCIA SOBRE O PROA EN SANTIAGO
O 15 de decembro en Santiago, dentro da Xornada de formación do Programa PROA, organizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e O.U., o noso Colexio presentou unha ponencia sobre a súa experiencia con este programa no curso pasado, valorada moi positivamente pola Consellería.
Isto dá unha idea de que o traballo que se fai neste Centro no eido da Atención á diversidade está sendo ben valorado e é de calidade.
Lembramos que somos un dos Colexios que ten un Plan de Mellora da Calidade por segundo ano dirixido especialmente á atención a diversidade.
A ponencia foi presentada polo coordinador do Programa PROA no Colexio, apoiada nunha presentación power point.
8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
O 8 de marzo, conmemórase o Día Internacional da Muller. No noso Blog hai unha actividade na que podedes participar todos e todas, enviándonos unha historia dunha muller non famosa do voso entorno e que sexa moi importante para vós polo que fai na súa vida. Entrade no Blog para deixar a vosa historia.
O PROGRAMA PROA
O PLAN PROA é un Programa de Acompañamento Académico que se ven realizando dende o mes de outubro do presente curso escolar no CEIP “Nosa Señora dos Remedios” de Ponteareas. Neste proxecto participan dous grupos; un deles con alumnado de 5º e outro con alumnado de 6º.
Entre os obxectivos propostos están adquirir hábitos organizativos e de traballo, habilidades e actitudes asociadas á lectura, a mellora das habilidades sociais e asentamento de coñecementos e destrezas básicas.
Cada grupo ten dúas sesións de dúas horas á semana en horario de tarde.Nestas sesións os alumnos e alumnas realizan actividades relacionadas con “técnicas de estudo” e “aprender a aprender”.
As actividades varían segundo o centro de interés da semana ou quincena; así tratamos temas de interese internacional e actual como “O nadal”, “O día da paz”, “O entroido”, “O día da muller”.
En liñas xerais, a sesión xira en torno a un texto, unha imaxe, unha persoa, unha canción,... e a partir de aí realizamos actividades de contextualización, lectura, comprensión, debate de opinións, debuxos,... traballando o vocabulario específico e xeral, localizando ideas principais e secundarias, practicando técnicas de estudo (suliñado, esquema, mapa conceptual,...)
Os recursos utilizados son moi variados; xa temos traballado distintos tipos de texto: descriptivo, narrativo, biográfico, poético, xornalístico, lenda, conto, fábula, receta ... pero aínda nos faltan moitos...
Traballamos coas ideas que xurden no desenvolvemento da clase; remuíños de ideas, experiencias persoais, problemas entre compañeiros e compañeiras, preocupacións, medos, gustos, aficións,...
Tamén traballamos o cálculo mental utilizando distintas estratexias para operar o máis rapidamente posible.
Falamos das emocións e sentimentos; das positivas e da súa importancia para ter óptimas relacións cos amigos, a familia e o resto de persoas que conviven no noso entorno e das negativas e da importancia que ten saber controlalas e cambialas por boas.
As sesións son realizadas entre as aulas ordinarias e a de informática, aínda que algunha vez imos á aula de vídeo para poder facer xogos de memoria e atención que requiren espacio para poder movernos ou sentarnos no chan.
