A CÁPSULA DO TEMPO

Hoxe queremos ensinarvos como resultou o proxecto de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza no que traballaron este trimestre os cursos de 1º, 2º, 3º e 4º.
Todo comezou aló por outubro co soterramento da cápsula do tempo. Lembrades?
O primeiro que fixemos foi coñecer a historia da nosa vila para valorala e respectala coas charlas que nos deron na Biblioteca Municipal.
Despois centrámonos en dúas etapas da Historia: A Prehistoria e a Idade Antiga (cos grandes imperios da época: Roma, Grecia e Exipto). Tamén traballamos os inventos e como foron evolucionando co paso do tempo.
Para iso, fomos ao Parque Arqueolóxico de arte rupestre CAMPO LAMEIRO e, ademais de gozar dos petróglifos e da marabilla do parque natural, fixemos un obradoiro dun dos grandes inventos desa etapa, a olaría.
Todo o que íamos aprendendo na aula o fomos transformando nunha magnífica exposición nos corredores do cole para que os demais compañeiros e compañeiras puideran visitala e aprender uns dos outros.
Fixémolo dun xeito globalizado, é dicir:
Traballamos as linguas coas lendas, cos distintos alfabetos, xeroglíficos...
As matemáticas estiveron presentes cos números romanos e gregos, a arquitectura dos edificios, retos e problemas matemáticos...
A plástica e a música tamén se traballou xa que tivemos que pintar, recortar, modelar, aprender como facían música naqueles tempos...
Os valores tocáronse xa que tivemos que traballar en equipo, aprendemos a respectar as distintas culturas, a respectar os restos históricos...
Cremos nunha metodoloxía que vai máis aló dos libros de texto e de memorizar uns contidos para aprobar un examen e esquecer tres días despois. Cremos que os proxectos axudan á motivación e que espertan a curiosidade, e que todo iso fai que a aprendizaxe sexa significativa e por suposto, inclusiva.
Porque aprender pode ser moi divertido!