Skip to Content

Lexislación

Máis de mil estudantes de lingua galega danse cita en Cacabelos para celebrar o Día do Galego no Bierzo

Noticias sobre Ensino - Mar, 12/03/2024 - 14:47

Summary: 

O secretario xeral de Política Lingüística participa nas XVI Xornadas Martín Sarmiento, nas que se entrega a IV edición do Premio Morales

A celebración está dirixida fundamentalmente á comunidade educativa do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria

Idioma Gallego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na localidade leonesa de Cacabelos na XVI edición das Xornadas Martín Sarmiento, organizadas no marco das celebracións do Día do Galego no Bierzo pola Comisión Cultural Martín Sarmiento co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León, entre outras entidades.

A celebración, que xira arredor do aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento o 9 de marzo, reuniu como cada ano arredor dun milleiro de estudantes de lingua galega do Bierzo, que se deron cita no Cine Faba para comezar a xornada festiva. Alí, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado de varios representantes locais e autonómicos, expresou a súa satisfacción “polo interese que a lingua galega esperta máis aló das nosas fronteiras, especialmente na xente nova, que aposta por formarse nela e garantir o seu futuro nestas terras”.

Programa da xornada

A primeira parte da xornada estivo orientada ao estudantado de secundaria e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada adscrito ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Sanabria, que reforza os vencellos históricos entre as dúas comunidades autónomas.

Os asistentes empezaron a traballar nunha proposta didáctica arredor do Dicionario do Galego do Bierzo, da autoría de Sara Rodríguez Fernández, co obxectivo de difundir os contidos do volume e ampliar o número de entradas desta primeira edición.

De seguido, uniuse a rapazada dos centros de Primaria para asistir á entrega da IV edición do Premio Morales, que conta co patrocinio da Consellería da Cultura, Educación, FP e Universidades. Este certame promove a creatividade artística e literaria en lingua galega dos escolares ao tempo que homenaxea ao autor berciano Antonio Fernández Morales, precursor da escrita en galego en Castela e León.

O acto, que estivo amenizado pola actuación musical de Paco Nogueiras co espectáculo C@nto contigo, continuou coa presentación das novas seccións da páxina web ogalegonobierzo.org, impulsada co apoio da Xunta, e o anuncio da convocatoria da V edición do Premio Morales.

A xornada pechouse cunha mesa de debate na que se reuniron autoridades, docentes e diferentes entidades culturais para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo.

A celebración do Día do Galego no Bierzo está dirixida fundamentalmente á comunidade educativa dos 19 centros -18 en León e un en Zamora- adscritos ao Programa de promoción da lingua galega neste territorio galegofalante do exterior, xurdido da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, iniciada no ano 2001. Deles, 14 son colexios e catro son institutos, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez destaca o éxito do primeiro ciclo de FP dual de hostalaría da Costa da Morte

Noticias sobre Ensino - Lun, 11/03/2024 - 16:22

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións visita os 12 alumnos do ciclo de FP Básica en Cociña e restauración do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía

O conselleiro de Educación en funcións visita os 12 alumnos do ciclo de FP Básica en Cociña e restauración do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, comprobou hoxe o funcionamento da nova FP Básica na modalidade dual en Cociña e restauración que se imparte desde este curso no Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía. “Trátase da primeira iniciativa deste tipo na familia profesional de Hostalaría e turismo na zona e responde á demanda detectada e transmitida polos empresarios do sector da Costa da Morte desde hai un tempo”, destacou o representante da Xunta.

Neste sentido, Román Rodríguez salientou a gran resposta do tecido produtivo a esta oferta. “Son unha decena de empresas as que van colaborar na formación destes 12 alumnos que inauguran o ciclo, todas elas de recoñecido prestixio”, explicou. “Estamos seguros de que esta primeira edición vai ser todo un éxito e de que o sector vai seguir demandando esta formación para nutrirse de profesionais cualificados para seguir medrando”, afirmou o conselleiro en funcións.

En concreto, a partir deste mesmo mes os alumnos co ciclo realizarán a actividade formativa profesional no Parador Costa da Morte e nos restaurantes A Casa do Peixe, Son de Mar, A Lonxa D'Álvaro, A Furna, A Marina e As Baleas, todos eles de Muxía; en O Semáforo, de Fisterra; no Hotel Insua, de Cee, e en Villa de Oro, de Camariñas. 

No transcurso da visita, o conselleiro interesouse pola experiencia persoal do alumnado nestes primeiros meses na FP e animounos a continuar mellorando a súa formación ao remate do mesmo na oferta de ciclos de grao medio. A visita completouse cun petisco ofrecido polos estudantes para amosar o aprendido no que vai de curso.

Saídas profesionais

O ciclo de FP Básica en Cociña e restauración ensina ás persoas que o cursan a desenvolver con autonomía as operacións básicas de preparación, conservación e presentación de elaboracións culinarias, alimentos e bebidas, así como a asistir nos procesos de servizo e atención á clientela. Deste xeito, os titulados poderán traballar como axudantes de cociña, de camareiro, de bar ou de economato de unidades de produción e servizo de alimentos e bebidas, entre outras actividades.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta colaborará na conservación do valioso patrimonio educativo da Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee cunha achega de case 50.000€

Noticias sobre Ensino - Lun, 11/03/2024 - 16:14

Summary: 

O conselleiro de Cultura en funcións e a presidenta da entidade asinan senllos convenios para gastos de xestión e obras de mellora

Román Rodríguez pon en valor o papel desta entidade na salvagarda da herdanza do pasado educativo único do rural galego

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Fundación Fernando Blanco de Lema, Eva García Caamaño, asinaron hoxe senllos convenios de colaboración para mellorar e manter as instalacións do Museo Fernando Blanco, sito na localidade coruñesa de Cee. Á sinatura asistiu tamén o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Cunha achega próxima aos 50.000€, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia colaborará cos gastos de xestión desta institución cultural e sufragará as obras de mantemento necesarias. En concreto, a actuación inclúe limpeza de cuberta, substitución de pezas rotas e selado de patio de luces, impermeabilización interior, limpeza de canlóns, vernizado exterior, fachadas interiores e parámetros interiores.

A Fundación centra os seus esforzos na posta en valor da figura de Fernando Blanco de Lema e a promoción educativa e cultural da vila de Cee e da súa bisbarra, a través dos dous edificios que posúe na vila: o actual Instituto IES Fernando Blanco de Lema e a antiga Escola de Nenas, actualmente Museo Fernando Blanco.

Un pasado educativo único

Tal e como destacou Román Rodríguez, “este museo pon en valor o pobo de Cee como herdeiro dun pasado educativo único no rural, cunha etapa de esplendor a finais do século XIX e primeira metade do século XX, coincidindo precisamente coa fundación do Instituto Fernando Blanco”. “Neste sentido, a colaboración que hoxe subscribimos ten como obxectivo salvagardar non só o antigo edificio da Escola de Nenas, senón un valiosísimo patrimonio educativo”, salientou.

A colección que alberga o Museo está formada na súa maior parte polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee, de finais do século XIX, entre os que se atopan medidores de diversas magnitudes, aparellos de mecánica, acústica, óptica, etc. Cabe salientar tamén as coleccións de animais, minerais e fósiles.

Xunto a este material, a colección complétase co material didáctico doutras materias incorporadas ao centro ao longo da súa historia, coa documentación histórico-educativa e con fondos artísticos e pictóricos, entre os que se atopan as obras pictóricas de Federico Madrazo, gravados da Calcografía Nacional e unha colección de ourivería relixiosa.

O Museo Fernando Blanco tamén destaca o labor deste concello no aproveitamento integral do seu patrimonio histórico e como centro de dinamización cultural da comarca.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta aumenta un 10% as axudas para que as ANPAS de educación especial financien as súas actividades

Noticias sobre Ensino - Dom, 10/03/2024 - 14:32

Summary: 

Educación dota  con 66.000€ esta liña que sufraga tamén gastos de xestión, administración, adquisición de material e mantemento das súas instalacións

Idioma Gallego

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de Educación Especial para este ano.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades habilita unha partida de 66.298€, un 10% máis que o ano pasado, a esta liña que ten como obxectivo contribuír ao financiamento destas entidades. 

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado. A subvención é compatible con outras subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Solicitudes ata o 4 de abril

As entidades interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 4 de abril para facer a correspondente solicitude, que deberá presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez destaca o Campionato de Sumillería do CIFP Carlos Oroza como “un certame de referencia organizado por un centro de excelencia

Noticias sobre Ensino - Xov, 07/03/2024 - 20:57

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións e o presidente da Deputación de Pontevedra participan na clausura da X edición do concurso, liderado polo CIFP Carlos Oroza

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participaron hoxe na clausura do X Campionato de Sumillería Suso Domínguez. O titular de Educación quixo destacar o valor “deste certame de referencia, organizado por un dos centros de excelencia a nivel estatal e autonómico na FP de Hostalería”. “O feito de estar dedicado a un docente moi querido neste Centro Integrado de FP Carlos Oroza, o profesor Suso Domínguez, dálle aínda máis valor a este concurso”, declarou o representante da Xunta.

Román Rodríguez recordou que esta edición é especial porque rende homenaxe tamén ao poeta que dá nome ao centro, Carlos Oroza, no seu centenario. "Unha conmemoración que vai unir membros da comunidade educativa deste centros, autoridades e figuras destacadas da cultura e que dá boa conta do relevante papel que este Centro Integrado de FP ten no tecido social e cultural da cidade do Lérez", salientou.

24 centros de España e Portugal

A competición ten carácter anual e reúne a 24 centros de FP de Hostalería e Turismo de Galicia, outras comunidades autónomas e de Portugal. Trátase, así, dunha cita moi consolidada, que funciona como punto de encontro de centros de referencias destas ensinanzas, establecendo sinerxías e creando oportunidades de emprego e de profesionalización.

As probas inclúen un test sobre viños, unha carta errónea para que corrixan a información incorrecta, unha proba de olores, unha cata a cegas, unha proba de maridaxe, un Pasapalabra sobre enoloxía, e unha proba de servizo que mide velocidade, técnica, estilo e profesionalidade.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

As accións da Xunta para posicionar internacionalmente as universidades públicas galegas acadan un retorno de máis 4€ por euro investido

Noticias sobre Ensino - Xov, 07/03/2024 - 20:44

Summary: 

Desde a posta en marcha desta liña de actuación en 2016 o noso sistema universitario desenvolveu 5.584 iniciativas e captou case 10,6M€ en fondos

O Consello da Xunta aproba incrementar un 11% a colaboración con FEUGA en catro liñas: fomento e captación de proxectos europeos, apoio aos centros de investigación, programas formativos e identificación de novos perfís profesionais

Idioma Gallego

As accións da Xunta para o posicionamento internacional das universidades públicas galegas acadaron un retorno de máis de 4€ por euro investido desde a posta en marcha desta liña de acción en 2016. Un retorno que se foi incrementando progresivamente ata acadar os 5,7€ por euro investido no ano 2023.

En concreto, no período 2016-2023 desenvolvéronse 5.584 accións de promoción do Sistema Universitario de Galicia (SUG), coa asistencia a mais de 1.000 eventos. Isto redundou na captación de case 10,6M€ en fondos para as universidades galegas, o que supón unha rendibilidade do 318%.

En canto ao número de proxectos europeos aprobados para o SUG desde que empezaron a desenvolverse estas accións de posicionamento, foron un total de 37. Neste momento hai outras 15 propostas coa participación das universidades galegas en proceso de tramitación.

Para seguir avanzando nesta política de éxito, o Consello da Xunta aprobou hoxe a renovación do convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para este fin, cun incremento do 11,38% no orzamento. A través del, a Xunta investirá case 2,4M€ ata 2026 en accións destinadas a impulsar e consolidar un programa conxunto de posicionamento da I+D+i universitaria e novas accións de apoio ao SUG.

Tendo en conta os excelentes resultados obtidos tanto en termos de rendibilidade económica como de posicionamento estratéxico internacional dos grupos de investigación universitarios, o obxectivo é consolidar, ampliar e instrumentalizar esta colaboración, xa que a presencia e dinamización continua a nivel europeo é imprescindible para manter e mellorar a visibilidade e captación de fondos en Europa.

As accións do novo convenio estrutúranse en catro liñas: posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos; soporte á Rede de Centros de Investigación, programas formativos GESCI e GOSCI e identificación dos perfís profesionais que se demandarán no futuro.

Amplo paquete de medidas

O primeiro paquete de accións vai dirixido a fortalecer o posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos do SUG para promover a participación de grupos de investigación en proxectos europeos. Neste sentido, búscase manter e mellorar a visibilidade das universidades galegas diante da oportunidade de captación de fondos que supón o programa da Unión Europea Horizon Europe (HE) 2021-2027.

A segunda liña de acción diríxese directamente a financiar a actividade da Rede de Centros de Investigación das universidades públicas galegas e a súa xestión. En concreto, busca fortalecer as súas capacidades e consolidar a excelencia; potenciar a formación, atracción e incorporación de talento investigador; incrementar o liderado internacional da súa investigación, e impulsar a colaboración con novos axentes académicos e industriais para aumentar o impacto económico e social da súa actividade.

A terceira liña do convenio contempla a celebración dunha nova edición dos programas formativos GESCI e GOSCI para formar aos equipos dos novos centros susceptibles de obter o recoñecemento como centro de excelencia e ao novo persoal de dirección e xestión dos centros pertencentes á Rede.

O obxectivo é seguir tendo formadas ás novas remesas de directores e xestores nos estándares de calidade que exixe a xestión actual dos centros de investigación de excelencia e aliñalas cos requirimentos asociados á avaliación que da acceso á financiación, así como á Rede e aos seus servizos.

Continuidade do proxecto Galicia 2030

A través da cuarta liña de acción analizarase a avaliarase, a través dun estudo, o impacto global do proxecto Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, posto en marcha en 2018 con vistas a determinar as competencias e perfís profesionais que necesitará o tecido empresarial nos vindeiros anos e adaptar a oferta universitaria a estas novas demandas.

Con este novo estudo revisarase a implementación efectiva das titulacións emanadas do proxecto na oferta académica do SUG, achegando suxestións de mellora. O estudo desenvolverase en 2026 para poder realizar a análise das máximas titulacións posibles, xa que algunhas delas implantaranse con posterioridade ao curso académico 2023-2024.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

140 estudantes de 23 equipos galegos participarán na fase rexional de lanzamento de satélites CanSat 2024 da Axencia Espacial Europea co apoio da Xunta

Noticias sobre Ensino - Mér, 06/03/2024 - 15:30

Summary: 

Román Rodríguez subliña a importancia da formación en competencias  como a programación ou as novas tecnoloxías enfocada para a cualificación do alumnado

Asegura que formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico “aumenta as súas oportunidades laborais”

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, abriu esta mañá a xornada de formación para os 23 equipos galegos participantes na fase rexional de CanSat 2024, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e que conta co apoio da Xunta de Galicia, na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.

O titular de Educación do Goberno galego asegurou que este desafío ao que se van enfrontar os equipos galegos “supón moito máis ca unha demostración do seu entendemento no campo da aeronáutica, xa que tamén representa unha oportunidade para levar ao terreo práctico o que pode ser unha carreira de futuro para moitos deles”, abondou dirixíndose aos 140 participantes entre alumnado e profesorado da vintena de centros educativos adheridos ao proxecto.

Román Rodríguez salientou que encontros coma este axudan, desde as aulas, a xerar innovación aplicada, ao desenvolvemento colectivo, á resolución de retos tecnolóxicos e ao fortalecemento da capacidade dixital. “Ademais, formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico aumenta as súas oportunidades de obter un traballo en calquera sector”, afirmou.

Lanzamento o 23 de abril

O encontro de hoxe, no decurso do cal se desenvolven catro relatorios vinculados á temática de satélites, serviu para a presentación dos equipos, que están formados por un máximo de seis alumnos baixo a coordinación dun docente.

A xornada de lanzamento de satélites terá lugar o 23 de abril no aeródromo das Gaivotas  en Cerceda e posteriormente, o día 26, haberá un evento para a defensa dos resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

Os centros participantes, algún deles con más dun equipo, son os seguintes:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

Arteixo

IES Manuel Murguía

A Coruña

Betanzos

CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen

A Coruña

Cariño

IES Cabo Ortegal

A Coruña

A Coruña

CPR Compañía de María

A Coruña

Ferrol

CPR Ayala

A Coruña

Muxía

IES Ramón Caamaño

A Coruña

Noia

IES Virxe do Mar

A Coruña

Ortigueira

IES de Ortigueira

A Coruña

As Pontes

IES Castro da Uz

Lugo

Burela

IES Perdouro

Lugo

Lugo

IES Lucus Augusti

Lugo

Lugo

IES Leiras Pulpeiro

Lugo

Mondoñedo

IES Plurilingüe San Rosendo

Ourense

A Gudiña

CPI Laureano Prieto

Ourense

Ourense

IES O Couto

Ourense

Ourense

CPR Santa María Maristas

Pontevedra

Caldas

IES Aquis Celenis

Pontevedra

Vigo

IES Álvaro Cunqueiro

Pontevedra

Vigo

IES República Oriental do Uruguai

Pontevedra

Vigo

CPR Plurilingüe Montecastelo

Pontevedra

Vigo

CPR Plurilingüe Las Acacias

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta recepciona catro grandes obras en centros educativos de Lugo por importe de 6M€

Noticias sobre Ensino - Mar, 05/03/2024 - 16:02

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións, Román Rodríguez, comproba o resultado da rehabilitación integral do Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,6M€)

Tamén veñen de recibirse as obras da central de biomasa da nova mazá educativa (2,2M€), do colexio CEIP de Paradai (932.655€) e do instituto IES Ánxel Fole (1,4M€)

Anuncia o reinicio inmediato das obras na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e a previsión de adxudicar en abril as do IES Lucus Augusti

O investimento en obras en centros educativos da cidade da Muralla acadou os 15M€ nos últimos catro anos

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de rehabilitación integral do Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo, nas que o seu departamento investiu máis de 1,6M€. “Unha das catro grandes obras en centros educativos que a Xunta vén de recepcionar nas últimas semanas por un importe de 6 M€, xunto coa central de biomasa da nova mazá educativa de Lugo (2,2M€) e as rehabilitacións do colexio CEIP de Paradai (932.655€) e do instituto IES Ánxel Fole (1,4M€)”, destacou.

O representante da Xunta de Galicia anunciou, ademais, o reinicio inmediato das obras de rehabilitación integral na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (1M€), que tiveron problemas de subministro de materiais. Así mesmo, está previsto que a reforma do Instituto IES Lucus Augusti (3,4M€) se adxudique no mes de abril, con inicio das obras cando remate o curso.

“A de Lugo é unha das cidades con maior esforzo inversor por parte da Xunta de Galicia en materia de obras educativas”, explicou o conselleiro en funcións, salientando que nos últimos catro anos, o investimento en obras en centros educativos acadou os 15M€, “con actuacións tan salientables como estas que vimos de recepcionar ou o novo edificio de cociñas do Instituto IES Sanxillao, entre outras”.

“Todas elas enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización dos centros educativos, que fai fincapé precisamente na súa adecuación ás esixencias de sostibilidade e respecto polo medio ambiente, con obras que contribúen tamén a mellorar o día a día de alumnos e docentes, como a destes centros”, explicou o Román Rodríguez.

O representante do Goberno galego lembrou, así mesmo, que en 2024 se iniciarán os trámites de novas obras no CIFP As Mercedes, no Centro de Educación Especial Santa María e no Colexio CEIP Plurilingüe de Nadela, con importes aínda por concretar.

Mellora da eficiencia e a funcionalidade

No que atinxe á obra realizada no Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, o conselleiro en funcións explicou que se enfocou na mellora do confort térmico da comunidade educativa e na eficiencia enerxética, o que redundou nun aforro do 37% de enerxía primaria non renovable.

A actuación abrangueu a colocación de illamento térmico en toda a fachada do edificio e a substitución das carpintarías exteriores de aluminio por outras de madeira. Así mesmo, cambiouse o falso teito por outro de placa de xeso laminada e instaláronse luminarias tipo LED.

Dentro das melloras funcionais solicitadas pola dirección do centro educativo, e para adaptalo ás actuais necesidades docentes, fixéronse varias intervencións. Ampliáronse varias aulas e construíuse unha zona de aseos novos na segunda planta do edificio. Así mesmo, reestruturáronse os espazos das salas de xuntas e da de profesores para gañar máis espazo para a biblioteca escolar. Por último, para de evitar humidades e acadar un maior confort, creouse un circuíto de ventilación na zona do ximnasio e dos departamentos anexos e pintaranse os paramentos interiores e exteriores.

En complemento á actuación, nestes momentos o INEGA está realizando unha instalación de luminarias ornamentais na fachada do edificio.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez salienta que Ana Simoneta Rubido e Manuel Rico “representan o mellor exemplo” da calidade das universidades públicas galegas

Noticias sobre Ensino - Mar, 05/03/2024 - 13:59

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións recibe aos dous galegos, elixidos entre os ‘10 jóvenes españoles con más talento’ do programa científico Celera

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, recibiu esta mañá a Ana Simoneta Rubido Loureiro e Manuel Rico Fernández San Silvestre, que veñen de ser seleccionados entre os 10 jóvenes españoles con más talento ao abeiro do programa científico Celera, nacido hai unha década co obxectivo de identificar a mozos con talento de España para dotalos das ferramentas axeitadas que lles permita potenciar as súas capacidades persoais e profesionais.

Román Rodríguez salientou o “tesón e esforzo” destes dous estudantes cunha “brillante traxectoria académica que, de seguro, será o pasaporte a un prometedor futuro profesional”. “Representan, ademais, o mellor exemplo da calidade das nosas universidades públicas”, abondou o conselleiro, quen agradeceu a ambos que “nos representen a Galicia e ao noso sistema educativo aló onde vaian”.

Ana Simoneta Rubido, que participou de xeito telemático, é graduada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e impulsora do Pacto Interxeracional polo Futuro, un proxecto de intelixencia colectiva coa participación de máis de 2.000 mozos, e do innovador Espazo da Opositora. Entre os seus obxectivos está o desenvolvemento de proxectos especializados en áreas de goberno aberto, innovación pública e avaliación de políticas co obxectivo de contribuír a axilizar as estruturas administrativas.

Manuel Rico Fernández San Silvestre é estudante de 5º curso de Medicina na USC, e está centrado nas enfermidades neurodexenerativas e desordes, particularmente o Párkinson. O seu obxectivo é afondar no estudo desta enfermidade compaxinando o contacto co paciente e co estudo biotecnolóxico e sanitario. Así mesmo, tamén ten como obxectivo avanzar na exploración de sectores do emprendemento e da divulgación científica para xerar un impacto real. Neste senso, Manuel Rico colabora coa Fundación Degén contra as docencias neurodexenerativas. E tamén ten no seu haber ser o único estudante europeo seleccionado polo Harvard Stem Cell Institute Internship Program en 2022.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez salienta a mellora de confort e enerxética do Colexio Plurilingüe de Lousame logo dun investimento de preto de 600.000 € da Xunta

Noticias sobre Ensino - Lun, 04/03/2024 - 14:55

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións visita o centro, no que se substituíron un total de 220 fiestras e se instalou illamento térmico nas fachadas

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio Público Integrado CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, en Lousame, para comprobar o resultado das obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia cun investimento de preto de 600.000 euros.

Román Rodríguez salientou que estas melloras, que supuxeron a renovación das fiestras e o illamento térmico do edificio principal e do de Infantil, teñen “unha repercusión directa tanto no confort dos alumnos e dos docentes que usan estas instalacións día a día, así como no eido da sostibilidade enerxética e ambiental”.

En total substituíronse 220 ventás e instalouse illamento térmico con SATE nunha superficie de algo máis de 1.000m², o que, segundo o conselleiro, “dá boa conta da envergadura desta actuación” enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas e con espazos funcionais, amplos e flexibles.

Durante a visita, Román Rodríguez reiterou a aposta do Goberno galego coa mellora educativa no ámbito do rural, o que garante que os alumnos galegos “teñan exactamente as mesmas oportunidades independentemente de onde vivan”.

Nesta liña destacou a implicación do centro educativo cos distintos programas da Consellería de Educación “grazas ao traballo e ao compromiso do seu profesorado co equipo directivo á cabeza”. Non en balde, o Cernadas de Castro é centro plurilingüe desde 2016 para a etapa de ESO, está incorporado ao proxecto E-Dixgal da Xunta e participa nos Contratos-Programa con distintos proxectos en marcha tanto das liñas de reforzo educativo como de innovación e de inclusión e convivencia.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta recoñece o traballo de seis institutos e centros de FP cos premios Eduemprende Idea 2023

Noticias sobre Ensino - Lun, 04/03/2024 - 14:44

Summary: 

O certame ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño

Ademais dun premio en metálico, os gañadores poden incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego

As ideas gañadoras abarcan unha ampla gama de temáticas, desde a arte urbana e a sustentabilidade ambiental ata a inclusión e a moda personalizada

Idioma Gallego

Un total de seis institutos e centros integrados de FP veñen de alzarse cos premios do concurso Eduemprende Idea 2023, un certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidade e de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de incentivar a realización de proxectos empresariais entre o alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.

As persoas participantes debían presentar ideas de negocio orixinais que puideran dar lugar ao desenvolvemento de novas empresas, promovendo, deste xeito, a cultura emprendedora entre o alumnado. Os seis proxectos premiados, tres na modalidade de ciclos de grao medio e tres na modalidade de ciclos de grao superior, recibirán un total de 12.000 euros a razón de 3.000€ para o 1º premio, 2.000€ para o 2º e 1.000€ para o 3º.

Así mesmo, os gañadores poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

Os seis proxectos premiados nesta edición foron os seguintes:

 

Modalidade A (Ciclos grao superior)

Centro

Concello

Proxecto

1º Premio

IES Rosalía Mera

A Coruña

Street Art Galicia

2º Premio

CIFP Politécnico

Santiago

Mam Madeira

3º Premio

CIFP Montecelo

Pontevedra

Mía Creativa

 

 

Modalidade B (Ciclos grao medio)

Centro

Concello

Proxecto

1º Premio

CIFP Fontecarmoa

Vilagarcía de Arousa

Green Paws

2º Premio

IES A Pinguela

Monforte de lemos

 

StyleClo

3º Premio

CIFP Compostela

Santiago de Compostela

Laetus

 

As ideas gañadoras abarcan unha ampla gama de temáticas, desde a arte urbana e a sustentabilidade ambiental ata a inclusión e a moda personalizada, demostrando a capacidade de xerar solucións innovadoras para satisfacer as necesidades e desexos da sociedade contemporánea. O seu enfoque na inclusión, a sustentabilidade e a experiencia do cliente marca un estándar elevado para a innovación empresarial cun impacto positivo na sociedade.

Proxectos da modalidade de ciclos superiores

A proposta Street Art Galicia, do Instituto IES Rosalía Mera (A Coruña), que se alzou co primeiro premio na modalidade de ciclos superiores, busca converterse nunha plataforma de referencia para a arte urbana galego, ofrecendo un catálogo dixital e físico de obras, entrevistas con artistas e actividades relacionadas.

O segundo premio desta modalidade foi para o Centro Integrado de FP Politécnico, de Santiago de Compostela con Mam Madeira, un proxecto de carpintería sostible, utilizando principalmente madeira reciclada para crear produtos únicos que contribúan á creación de espazos acolledores.

O terceiro premio, Miña Creativa do Centro Integrado de FP Montecelo de Pontevedra, céntrase no deseño gráfico e a xestión web cun forte compromiso coa inclusión, ofrecendo medidas para garantir a accesibilidade dos contidos en liña para persoas con diversas condicións.

Proxectos da modalidade de ciclos de grao medio

Na modalidade de ciclos de grao medio, o primeiro premio recaeu no Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa) coa proposta Green Paws, que aborda o benestar animal e a sustentabilidade mediante a construción de casetas para animais rueiros utilizando materiais reciclados e unha aplicación para localizar e rexistrar a estes animais.

O segundo premio foi para o Instituto IES A Pinguela (Monforte de Lemos) con StyleClo, unha aplicación móbil de moda que permite aos usuarios crear combinacións de roupa de maneira rápida e sinxela, con suxestións personalizadas baseadas no clima, a ocasión e as preferencias individuais.

Por último, o terceiro premio desta modalidade recaeu no Centro Integrado de FP Compostela con Laetus, que aspira a converterse nunha cadea de gastrobares de luxo en Santiago de Compostela, fusionando a tradición culinaria galega con influencias de América e Asia para ofrecer unha experiencia gastronómica única.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta convoca a sexta edición dos Premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica en graos universitarios

Noticias sobre Ensino - Dom, 03/03/2024 - 13:48

Summary: 

Van dirixidos ao alumnado de grao que obtivese as mellores cualificacións no ano académico 2022/23 nas universidades galegas, agás no último curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira

A contía dos premios é de 1.100€ por cada unha das persoas beneficiarias

Desde o pasado curso, estes galardóns levan o nome da mestra ferrolá, referente da innovación no ensino, que en 1949 inventou e rexistrou a patente do antecedente do libro electrónico

Idioma Gallego

Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da sexta edición dos Premios Ángela Ruíz Robles á excelencia académica. Van dirixidos ao alumnado de grao que obtivese as mellores cualificacións no ano académico 2022/23 nas universidades galegas. Concederase un premio por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao e en cada un dos centros en que se impartan, agás no derradeiro curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina un orzamento de 613.800€ a esta convocatoria outorgando 1.100 euros a cada unha das persoas beneficiarias.

Para poder ser premiado, o alumnado deberá ter no curso académico 2022/23 unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Tamén estar matriculado da mesma titulación no  presente curso 2023/24.

Os premios outórganse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia, que publicarán nas súas respectivas páxinas web a relación do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos na convocatoria.

Referente no ensino innovador

Este é o segundo ano no que estes galardóns reciben o nome de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá de adopción, que foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe, a vocación de servizo á sociedade, idóneos para vencellalos a esta convocatoria de galardóns. Ademais, en 1949 inventou e rexistrou a patente do que é o antecedente do libro electrónico.

Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol logo de gañar por oposición unha praza de mestra nacional, onde se estableceu para o resto da súa vida. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos.

Foi unha pioneira no eido do ensino e, en especial, na invención dunha enciclopedia mecánica, cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro electrónico. O primeiro prototipo, construído en 1962, deu como resultado un artefacto que permitía, entre outras funcións, formar palabras, oracións e textos a partir da interacción de teclas e dispositivos distribuídos nunha especie de caixa. Ademais de leccións de gramática, cálculo, inglés e francés, era posible a lectura en horizontal e vertical e a inclusión de máis temas.

Ademais deste carácter innovador, na súa traxectoria docente, Ángela Ruiz Robles caracterizouse por unha vocación de servicio desinteresado e compromiso cos seus alumnos e a súa comunidade. Deu moita importancia ao ensino de idiomas, a aprendizaxe intuitiva, o uso de ilustracións e outros recursos docentes novidosos para o seu tempo. Ademais do seu labor como docente e como inventora, escribiu 16 libros dedicados á educación e a pedagoxía centrados no obxectivo de facer o ensino máis áxil e interactivo.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez fixa a redución da burocracia nos centros educativos como unha prioridad

Noticias sobre Ensino - Sáb, 02/03/2024 - 16:38

Summary: 

Asegura que, en cumprimento do Acordo de Mellora do Sistema Educativo entre Xunta e sindicatos, xa están constituídos os grupos de traballo para a simplificación administrativa

O titular de Educación subliña que isto contribuirá a unha xestión máis eficaz e eficiente dos centros e a unha coordinación técnica estratéxica

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, salientou hoxe ante representantes dos equipos directivos de colexios e institutos da provincia de Lugo que o Goberno da Xunta se marca como “unha prioridade inmediata” a redución da burocracia no sistema educativo, unha cuestión que se consolidará na nova lexislatura que se iniciará en breve.

Na súa intervención con motivo da apertura do VII Encontro de Cargos Directivos de Lugo sobre formación docente neste eido, o titular de Educación explicou que esta é unha das medidas recollidas no Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia asinado entre a Xunta e tres organizacións sindicais que xa se está desenvolvendo.

Non en balde, xa están constituídos os grupos de traballo encargados de elaborar o plan de simplificación administrativa e redución de burocracia recollido no dito acordo, dando así resposta a unha demanda tanto dos propios centros educativos como das organizacións sindicais. O obxectivo destes grupos é elevar propostas de mellora antes de que remate o curso co obxecto de que se poidan implantar no inicio do seguinte curso 2024-25

Estes grupos de traballo son cinco: de Infantil e Primaria, de Secundaria, de FP, de Ensinanzas de Réxime Especial e un xeral de coordinación dos catro anteriores. Os catro primeiros están conformados cada un por un inspector e catro membros de equipos directivos; mentres que o grupo xeral, coordinado pola Secretaría Xeral Técnica, está formado por representantes da Xunta autonómica de directores, tres representantes dos sindicatos que asinaron o acordo coa Xunta de Galicia e persoal das direccións xerais que teñen competencias neste campo.

Agradecemento ao labor docente

Román Rodríguez subliñou a importancia desta acción na medida en que contribuirá “ao traballo no día a día dos equipos directivos dos centros que, por definición, son unha organización complexa que precisa dunha xestión eficaz e eficiente e dunha coordinación técnica e estratéxica”.

Tamén aproveitou para agradecer a implicación dos profesionais educativos e o esforzo por unha mellora continua no seu labor nas aulas que se manifesta tamén na asistencia a xornadas de formación como a que se celebra durante toda a xornada de hoxe no Centro Integrado de FP As Mercedes, na cidade da Muralla. “Hoxe en día faise necesario estar en permanente actualización e mellora, non só coma docentes, senón con capacidade de liderar, xestionar e dirixir equipos par ao éxito escolar”, abondou.

Neste senso referiuse, así mesmo, a outras accións da Consellería enfocadas á mellora da calidade educativa e que se centran en aspectos como a inclusión e a atención á diversidade, a xestión sostible dos recursos educativos e a incorporación das ensinanza dixitalizada como un complemento da docencia.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta e Repsol afianzan a colaboración en materia de FP Dual coa formación de 41 alumnos e un certificado de profesionalidade en Química Industrial

Noticias sobre Ensino - Ven, 01/03/2024 - 16:57

Summary: 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións asina coa directora do Complexo Industrial da Coruña o convenio marco para esta acción

Gaba o seu compromiso e agradece que sexa a primeira firma colaboradora en FP que asumirá os custos da Seguridade Social fixadas a nivel estatal

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia e a empresa Repsol veñen de reforzar a súa colaboración en materia de FP Dual coa sinatura dun convenio marco para o alumnado do ciclo superior dual en Química Industrial así como co acordo para a implantación dun novidoso certificado de profesionalidade neste eido.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, asinaron esta mañá o acordo a través do cal un total de 41 alumnos de distintas familias profesionais poderán completar a súa formación práctica nesta factoría. Deles, 18 pertencentes a sexta promoción do Ciclo Superior de Química Industrial Dual vanse incorporar xa este mes.

Así pois, ao abeiro deste acordo, o alumnado seleccionado realizará a súa formación curricular no Instituto IES A Sardiñeira (agás tres alumnos de Mecatrónica no CIFP Ferrolterra e un no IES Marqués de Sargadelos de Cervo), mentres que a parte de formación práctica desenvolverana nas instalacións da empresa na Coruña.

Unha vez rematado o período de prácticas, estes alumnos terán preferencia para incorporarse ás bolsas de emprego de Repsol. Así mesmo, a empresa comprométese a colaborar tamén no proceso formativo do alumnado ofrecendo formación específica por parte de persoal coa cualificación requirida, así como orientación e actualización da formación aos docentes da Consellería.

Confianza, prestixio e utilidade

Na súa intervención, o conselleiro Román Rodríguez subliñou a importancia da implicación de empresas como Repsol no crecemento da Formación Profesional galega en xeral e da FP Dual en particular, que está sustentado na “confianza, o prestixio e a utilidade”. Neste senso, reiterou o compromiso do seu departamento coa planificación dunha oferta ampla e diversificada, que dá resposta ás necesidades do tecido socio-produtivo e cunha aposta clara pola innovación e a alta cualificación.

Román Rodríguez aproveitou para agradecer a implicación da empresa Repsol e o seu compromiso con este proxecto. Non en balde, salientou que é a primeira firma colaboradora en FP, na modalidade de FCT, que se vai facer cargo da xestión e do custo económico das altas na Seguridade Social das prácticas non remuneradas do dito alumnado fixada a nivel estatal.

Colaboración o vindeiro curso

A colaboración con Repsol leva en marcha desde hai décadas e prevese que se siga reforzando no futuro. De feito, nestes momentos Consellería e empresa están avaliando a posibilidade de implantación dun novidoso sistema de oferta parcial de ciclos en dual para o vindeiro curso 2024-25.

Á falta de pechar as características específicas, sería unha oferta parcial do ciclo de grao superior en Química Industrial cunha duración dun ano (fronte aos dous habituais), onde se concentraría unha formación moi especializada nos procesos produtivos de Repsol, especificamente na xestión e control de planta química, que levaría a obtención dun certificado de profesionalidade.

O departamento educativo da Xunta de Galicia e Repsol manteñen unha estreita relación desde 1997, ano no que se asinou o primeiro convenio de colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional. No ano 2003 esta colaboración ampliouse para a impartición do ciclo formativo de grao superior de Industrias de Proceso Químico conxuntamente nas instalacións da empresa e no IES A Sardiñeira da Coruña. A partir de 2010 este ciclo foi substituído polo actual de grao superior en Química Industrial. A maiores, a empresa implicouse xa en 2013 na implantación da FP Dual, mantendo ademais a colaboración anterior no grupo de réxime ordinario.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Os futuros nomes do deseño da moda galega demostran o seu talento nunha nova edición do desfile ‘Despunte’

Noticias sobre Ensino - Ven, 01/03/2024 - 16:47

Summary: 

A Escola da Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago organiza esta iniciativa na que se entregan máis de 7.000€ en premios

A cita celebrada na Cidade da Cultura conta cun importante apoio da Xunta de Galicia e o tecido empresarial galego

Idioma Gallego

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela organiza unha nova edición do desfile Despunte, unha iniciativa que reúne na Cidade da Cultura os futuros nomes do deseño da moda galega. Trátase dunha cita na que o centro dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades entrega máis de 7.000€ en premios e que conta cun importante apoio da Xunta de Galicia e o tecido empresarial galego.

Por parte do Goberno galego, ao acto celebrado hoxe asistiron o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Ademais, contou coa participación de 43 novos talentos que demostraron o seu bo facer sobre a pasarela montada para a ocasión no Museo Centro Gaiás. En total, 157 looks froito do traballo do alumnado do Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Moda, así como do Ciclo Superior de Xoiería Artística.

Un ano máis, a gala conta cun importante apoio institucional e empresarial. Así, o evento conta entre os seus patrocinadores coa Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través de Artesanía de Galicia e a Axencia Galega de Innovación, con Textil Lonia, Roberto Verino, Naf Naf Santiago, Aquelando Eventos, Signus Escovalor, Galicia de Moda, o Colexio Oficial de Xoiaría e González Almacén.

O obxectivo deste evento é amosarlle ao público o potencial e o talento dos deseñadores que se forman neste centro, así como da calidade dos seus traballos de fin de carreira. Para iso, ademais da gala, durante a mañá a escola Mestre Mateo tamén organizou unha xornada de talent recruitment para poñer en contacto o alumnado do centro público de estudos con compañías do sector interesadas en incorporar talento aos seus equipos. 

Ademais, como novidade nesta 12 edición e de xeito paralelo ao desfile, organizouse unha mostra cunha escolma dos tres mellores proxectos finais desenvolvidos no resto de especialidades impartidas neste centro educativo: Deseño de Produto, Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiería Artística.

Así mesmo, na organización e desenvolvemento da cita tamén participou o alumnado do Ciclo Superior de Fotografía, encargado de cubrir graficamente o evento, e o do Ciclo Formativo de Imaxe Persoal do Centro Integrado de FP Someso, que colaborou co peiteado e maquillaxe dos modelos.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta abre o prazo ata o 20 de marzo para que as familias soliciten praza para os seus fillos nos centros educativos para o curso 2024/25

Noticias sobre Ensino - Ven, 01/03/2024 - 13:26

Summary: 

Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como os de Infantil, Primaria, ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles

Os trámites poden realizarse vía telemática na aplicación informática creada para tal fin no Portal Educativo

O prazo de matrícula será do 20 de xuño ao 1 de xullo para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 8 de xullo para os de ESO e Bacharelato

Idioma Gallego

Desde hoxe e ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares sostidos con fondos públicos para o vindeiro curso 2024/25 para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.

Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 25 de abril, as definitivas o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 de xuño ao 1 de xullo para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 8 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado, que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.

Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao gravar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Os Plans de Formación do Profesorado sitúanse en máximos con 34.000 docentes participantes e case a totalidade dos centros educativos

Noticias sobre Ensino - Xov, 29/02/2024 - 17:49

Summary: 

O obxectivo desta acción é atender as necesidades formativas e a mellora de competencias docentes, o que redunda nunha mellora da calidade educativa

A Xunta implantou por primeira vez esta liña no curso 2012-13 con preto de 7.000 horas de formación e nunha década multiplicáronse por dez ata as 70.500 horas

As actividades máis demandadas son as que teñen que ver coa competencia dixital, a competencia en educación inclusiva e coeducación e a competencia didáctica

Idioma Gallego

O Consello da Xunta vén de analizar un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre a evolución dos Plans de Formación Permanente do Profesorado en centros na última década, onde se constata un crecemento exponencial tanto no que atinxe a número de actividades como profesorado e centros participantes. Esta é unha iniciativa estratéxica do Goberno galego no eido educativo que ten como principal finalidade garantir a axeitada formación e preparación do profesorado para ofrecer a mellor educación ao alumnado e preparalo para os retos de presente e de futuro.

Non en balde, tras a súa implantación como experiencia piloto o curso 2012-13 e logo dunha década de funcionamento, o curso pasado esta iniciativa acadou máximos de case 34.000 docentes participantes nalgunha das liñas que o conforman fronte aos algo máis de 3.800 do primeiro ano. Isto significa que o pasado curso máis de nove de cada dez docentes galegos se formaron no seu centro a través dun plan deste tipo.

Así mesmo, a cobertura dos plans acada o 95% dos centros educativos, fronte ao 18% adscritos no 2012-13. A evolución tamén é positiva no que atinxe ao número de plans (que pasa de 68 a 1.018 na última década) e no número de actividades formativas (de 342 a 4.075).

Competencia dixital, inclusión e didáctica

Por competencias e liñas formativas desenvolvidas, a competencia dixital sitúase á cabeza concentrando o 39% dos participantes; en segundo lugar a competencia en educación inclusiva e coeducación co 24% de participantes e a competencia didáctica, que acapara o 22% de participantes.

Estas preferencias están aliñadas cos cambios normativos e de currículo, coa importancia dos principios de inclusión e atención á diversidade en todo o sistema educativo así como co aumento e presenza das tecnoloxías da innovación e a comunicación nas aulas, sobre todo derivados dos efectos da pandemia.

Despois séguenlle a competencia en innovación e investigación (10% de participantes) e a competencia comunicativa e lingüística (co 5% de participantes).

Oferta diversificada e adaptada a cada centro

Cómpre lembrar que esta acción naceu como unha vía de formación específica no propio centro educativo, cunha oferta diversificada adaptada ás circunstancias de cada colexio ou instituto e ao seu profesorado. O obxectivo é de fomentar que os centros educativos desenvolvan plans específicos de formación que contribúan á autonomía do profesorado, á mellora da práctica profesional, ao desenvolvemento do traballo en equipo e a impulsar a investigación e a innovación metodolóxica.

A súa finalidade é, por tanto, atender as necesidades formativas e a mellora de competencias docentes, o que redunda nunha mellora das competencias do alumnado e da calidade educativa no seu conxunto.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

O Colexio Felipe de Castro, de Noia, desenvolve estes días o programa da Xunta ‘Cinema con perspectiva’ , de concienciación sobre a igualdade de xénero

Noticias sobre Ensino - Mér, 28/02/2024 - 19:01

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita as actividades desta iniciativa, que inclúen a proxección de curtas, coloquios e obradoiros.

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse esta mañá ao Colexio CEIP Felipe de Castro de Noia para asistir ás distintas actividades que estes días está levando a cabo este centro no marco do programa Cinema con perspectiva impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa asociación cultural FICBUEU e que ten como obxectivo concienciar aos nenos e mozos sobre a igualdade e a perspectiva de xénero.

O Felipe de Castro é un dos 40 centros participantes na edición deste ano, que abrangue a proxección de curtametraxes con temática de igualdade de xénero, a organización de coloquios para estimular a capacidade reflexiva e analítica do alumnado sobre os valores e as mensaxes en materia de igualdade presentes nas filmacións e o desenvolvemento de obradoiros educativos para a creación dunha sinxela produción audiovisual.

Cinema con perspectiva está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento dos estereotipos sexistas presentes na narrativa do cinema e noutras formas de expresión audiovisual. Así mesmo, o alumnado pode crear un produto (guión, plan de rodaxe, etc.) para pór en escena unha sinxela produción audiovisual con perspectiva de xénero.

A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Convivencia Escolar, que contempla como un dos seus principios a consecución efectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e na igualdade de trato e non discriminación as persoas en función da súa condición sexual.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta levará a cabo este verán a substitución da cuberta do IES A Sardiñeira, na Coruña, cun investimento de 414.000 €

Noticias sobre Ensino - Mér, 28/02/2024 - 15:51

Summary: 

O conselleiro Román Rodríguez pon en valor o labor pedagóxico que desenvolve este instituto a través de espazos como a aula tecnolóxica ou o seu xardín botánico

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai acometer este verán a obra de substitución da cuberta do Instituto IES A Sardiñeira, na Coruña, para o cal destina un orzamento de arredor de 414.000 euros. Así o sinalou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, nunha visita a este centro do barrio dos Mallos no que cursan os seus estudos uns 550 estudantes de ESO, Bacharelato e FP.

Segundo explicou, nestes momentos está na fase de adxudicación o proxecto para a substitución das cubertas co obxectivo de que a obra se execute durante o verán “aproveitando ao máximo o período non lectivo estival”. Esta obra vaise centrar no edificio que pertencía a un antigo colexio e que, posteriormente, se incorporou ao actual instituto.

Durante a visita ao centro, Román Rodríguez tivo ocasión de coñecer de primeira man labor pedagóxico que o profesorado deste instituto co seu equipo directivo á cabeza desenvolve en espazos como o seu xardín botánico ou a aula tecnolóxica. De feito, esta aula, que empregan os alumnos dos ciclos formativos, foi acondicionada grazas a un investimento de 20.500 por parte da Consellería.

Moi activo en programas educativos

O titular do departamento de Educación aproveitou para agradecer o traballo e a implicación do centro nos distintos programas educativos que pon a disposición a Consellería no ámbito dixital, plurilingüe e de convivencia.

Non en balde, o centro conta con Polo Creativo, participa no Club de Ciencias, nos Contratos-Programa, no Plan Proxecta e no plan de reforzo Proa+. Tamén conta con auxiliares de conversa en inglés e en francés; participa activamente nos intercambios escolares de lingua, e destaca no seu dinamismo a prol da convivencia positiva nas aulas a través de grupos de traballo de convivencia e mediación escolar.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta acomete a mellora dos tres centros educativos de Forcarei cun investimento de case 1,2 M€

Noticias sobre Ensino - Mar, 27/02/2024 - 18:12

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións e o delegado de Pontevedra visitan os colexios das Dores e de Soutelo, onde se realizaron obras por uns 800.000 euros

En ambos centros acometeuse a renovación de fachadas, cubertas e fiestras

Román Rodríguez anuncia a licitación dunha actuación no Instituto IES Chano Piñeiro, por un importe de 377.000 euros para mellorar a fachada e a cuberta

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe Forcarei para supervisar o remate das obras levadas a cabo nos colexios CEIP Nosa Señora das Dores e CEIP Soutelo de Montes, nos que o Goberno galego vén de investir preto de 800.000 euros.

A esta cifra hai que engadir a próxima mellora no Instituto IES Chano Piñeiro por 377.000 euros, o que eleva a case 1,2 M€ os investimentos recentes do Goberno galego nas tres infraestruturas educativas coas que conta este Concello. Como avanzou, a obra do instituto está actualmente en licitación coa previsión de realizarse este ano. En concreto, mellorarase a fachada e a cuberta.

Dado que o Colexio Nosa Señora das Dores e o instituto comparten o mesmo recinto e edificio, a vontade, segundo explicou o conselleiro, “é rehabilitar todo o conxunto dunha forma coherente en materiais e cores”. Así pois, cun orzamento de preto de 377.000 euros e un prazo de execución de catro meses, a Consellería vai instalar unha fachada tipo SATE, con illamento térmico e colocación dunha cuberta de panel de sandwich.

Durante o percorrido polos dous colexios onde xa concluíron as intervencións, Román Rodríguez destacou o compromiso do seu departamento coa mellora do sistema educativo a través de actuacións concretas en infraestruturas para lograr colexios e institutos “máis sostibles, confortables e innovadores”, tal e como establece o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

No caso concreto do Colexio Nosa Señora das Dores, o investimento da Xunta superou os 481.000 euros, que se destinaron á mellora das fachadas e das cubertas coa colocación de illamento térmico no exterior do edificio. Tamén se procedeu á substitución das ventás, instalación de persianas e mellora dos canlóns de baixantes. 

No caso do Colexio de Soutelo de Montes, cun orzamento de preto de 300.000€, tamén se acometeron melloras na fachada coa colocación de illamento térmico e a substitución das fiestras, reparouse a cuberta e os canlóns de baixantes.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación
Distribuir contido


by Dr. Radut