Román Rodríguez destaca o Campionato de Sumillería do CIFP Carlos Oroza como “un certame de referencia organizado por un centro de excelencia

O conselleiro de Educación en funcións e o presidente da Deputación de Pontevedra participan na clausura da X edición do concurso, liderado polo CIFP Carlos Oroza

Xov, 07/03/2024 - 19:57
s

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participaron hoxe na clausura do X Campionato de Sumillería Suso Domínguez. O titular de Educación quixo destacar o valor “deste certame de referencia, organizado por un dos centros de excelencia a nivel estatal e autonómico na FP de Hostalería”. “O feito de estar dedicado a un docente moi querido neste Centro Integrado de FP Carlos Oroza, o profesor Suso Domínguez, dálle aínda máis valor a este concurso”, declarou o representante da Xunta.

Román Rodríguez recordou que esta edición é especial porque rende homenaxe tamén ao poeta que dá nome ao centro, Carlos Oroza, no seu centenario. "Unha conmemoración que vai unir membros da comunidade educativa deste centros, autoridades e figuras destacadas da cultura e que dá boa conta do relevante papel que este Centro Integrado de FP ten no tecido social e cultural da cidade do Lérez", salientou.

24 centros de España e Portugal

A competición ten carácter anual e reúne a 24 centros de FP de Hostalería e Turismo de Galicia, outras comunidades autónomas e de Portugal. Trátase, así, dunha cita moi consolidada, que funciona como punto de encontro de centros de referencias destas ensinanzas, establecendo sinerxías e creando oportunidades de emprego e de profesionalización.

As probas inclúen un test sobre viños, unha carta errónea para que corrixan a información incorrecta, unha proba de olores, unha cata a cegas, unha proba de maridaxe, un Pasapalabra sobre enoloxía, e unha proba de servizo que mide velocidade, técnica, estilo e profesionalidade.