Román Rodríguez destaca o éxito do primeiro ciclo de FP dual de hostalaría da Costa da Morte

O conselleiro de Educación en funcións visita os 12 alumnos do ciclo de FP Básica en Cociña e restauración do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía

O conselleiro de Educación en funcións visita os 12 alumnos do ciclo de FP Básica en Cociña e restauración do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía

Lun, 11/03/2024 - 15:22
m

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, comprobou hoxe o funcionamento da nova FP Básica na modalidade dual en Cociña e restauración que se imparte desde este curso no Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía. “Trátase da primeira iniciativa deste tipo na familia profesional de Hostalaría e turismo na zona e responde á demanda detectada e transmitida polos empresarios do sector da Costa da Morte desde hai un tempo”, destacou o representante da Xunta.

Neste sentido, Román Rodríguez salientou a gran resposta do tecido produtivo a esta oferta. “Son unha decena de empresas as que van colaborar na formación destes 12 alumnos que inauguran o ciclo, todas elas de recoñecido prestixio”, explicou. “Estamos seguros de que esta primeira edición vai ser todo un éxito e de que o sector vai seguir demandando esta formación para nutrirse de profesionais cualificados para seguir medrando”, afirmou o conselleiro en funcións.

En concreto, a partir deste mesmo mes os alumnos co ciclo realizarán a actividade formativa profesional no Parador Costa da Morte e nos restaurantes A Casa do Peixe, Son de Mar, A Lonxa D'Álvaro, A Furna, A Marina e As Baleas, todos eles de Muxía; en O Semáforo, de Fisterra; no Hotel Insua, de Cee, e en Villa de Oro, de Camariñas. 

No transcurso da visita, o conselleiro interesouse pola experiencia persoal do alumnado nestes primeiros meses na FP e animounos a continuar mellorando a súa formación ao remate do mesmo na oferta de ciclos de grao medio. A visita completouse cun petisco ofrecido polos estudantes para amosar o aprendido no que vai de curso.

Saídas profesionais

O ciclo de FP Básica en Cociña e restauración ensina ás persoas que o cursan a desenvolver con autonomía as operacións básicas de preparación, conservación e presentación de elaboracións culinarias, alimentos e bebidas, así como a asistir nos procesos de servizo e atención á clientela. Deste xeito, os titulados poderán traballar como axudantes de cociña, de camareiro, de bar ou de economato de unidades de produción e servizo de alimentos e bebidas, entre outras actividades.