Román Rodríguez salienta a mellora de confort e enerxética do Colexio Plurilingüe de Lousame logo dun investimento de preto de 600.000 € da Xunta

O conselleiro de Educación en funcións visita o centro, no que se substituíron un total de 220 fiestras e se instalou illamento térmico nas fachadas

Lun, 04/03/2024 - 13:55
l

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio Público Integrado CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, en Lousame, para comprobar o resultado das obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia cun investimento de preto de 600.000 euros.

Román Rodríguez salientou que estas melloras, que supuxeron a renovación das fiestras e o illamento térmico do edificio principal e do de Infantil, teñen “unha repercusión directa tanto no confort dos alumnos e dos docentes que usan estas instalacións día a día, así como no eido da sostibilidade enerxética e ambiental”.

En total substituíronse 220 ventás e instalouse illamento térmico con SATE nunha superficie de algo máis de 1.000m², o que, segundo o conselleiro, “dá boa conta da envergadura desta actuación” enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas e con espazos funcionais, amplos e flexibles.

Durante a visita, Román Rodríguez reiterou a aposta do Goberno galego coa mellora educativa no ámbito do rural, o que garante que os alumnos galegos “teñan exactamente as mesmas oportunidades independentemente de onde vivan”.

Nesta liña destacou a implicación do centro educativo cos distintos programas da Consellería de Educación “grazas ao traballo e ao compromiso do seu profesorado co equipo directivo á cabeza”. Non en balde, o Cernadas de Castro é centro plurilingüe desde 2016 para a etapa de ESO, está incorporado ao proxecto E-Dixgal da Xunta e participa nos Contratos-Programa con distintos proxectos en marcha tanto das liñas de reforzo educativo como de innovación e de inclusión e convivencia.