A Xunta recepciona catro grandes obras en centros educativos de Lugo por importe de 6M€

O conselleiro de Educación en funcións, Román Rodríguez, comproba o resultado da rehabilitación integral do Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,6M€)

Tamén veñen de recibirse as obras da central de biomasa da nova mazá educativa (2,2M€), do colexio CEIP de Paradai (932.655€) e do instituto IES Ánxel Fole (1,4M€)

Anuncia o reinicio inmediato das obras na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e a previsión de adxudicar en abril as do IES Lucus Augusti

O investimento en obras en centros educativos da cidade da Muralla acadou os 15M€ nos últimos catro anos

Mar, 05/03/2024 - 15:02
o

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de rehabilitación integral do Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo, nas que o seu departamento investiu máis de 1,6M€. “Unha das catro grandes obras en centros educativos que a Xunta vén de recepcionar nas últimas semanas por un importe de 6 M€, xunto coa central de biomasa da nova mazá educativa de Lugo (2,2M€) e as rehabilitacións do colexio CEIP de Paradai (932.655€) e do instituto IES Ánxel Fole (1,4M€)”, destacou.

O representante da Xunta de Galicia anunciou, ademais, o reinicio inmediato das obras de rehabilitación integral na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (1M€), que tiveron problemas de subministro de materiais. Así mesmo, está previsto que a reforma do Instituto IES Lucus Augusti (3,4M€) se adxudique no mes de abril, con inicio das obras cando remate o curso.

“A de Lugo é unha das cidades con maior esforzo inversor por parte da Xunta de Galicia en materia de obras educativas”, explicou o conselleiro en funcións, salientando que nos últimos catro anos, o investimento en obras en centros educativos acadou os 15M€, “con actuacións tan salientables como estas que vimos de recepcionar ou o novo edificio de cociñas do Instituto IES Sanxillao, entre outras”.

“Todas elas enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización dos centros educativos, que fai fincapé precisamente na súa adecuación ás esixencias de sostibilidade e respecto polo medio ambiente, con obras que contribúen tamén a mellorar o día a día de alumnos e docentes, como a destes centros”, explicou o Román Rodríguez.

O representante do Goberno galego lembrou, así mesmo, que en 2024 se iniciarán os trámites de novas obras no CIFP As Mercedes, no Centro de Educación Especial Santa María e no Colexio CEIP Plurilingüe de Nadela, con importes aínda por concretar.

Mellora da eficiencia e a funcionalidade

No que atinxe á obra realizada no Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, o conselleiro en funcións explicou que se enfocou na mellora do confort térmico da comunidade educativa e na eficiencia enerxética, o que redundou nun aforro do 37% de enerxía primaria non renovable.

A actuación abrangueu a colocación de illamento térmico en toda a fachada do edificio e a substitución das carpintarías exteriores de aluminio por outras de madeira. Así mesmo, cambiouse o falso teito por outro de placa de xeso laminada e instaláronse luminarias tipo LED.

Dentro das melloras funcionais solicitadas pola dirección do centro educativo, e para adaptalo ás actuais necesidades docentes, fixéronse varias intervencións. Ampliáronse varias aulas e construíuse unha zona de aseos novos na segunda planta do edificio. Así mesmo, reestruturáronse os espazos das salas de xuntas e da de profesores para gañar máis espazo para a biblioteca escolar. Por último, para de evitar humidades e acadar un maior confort, creouse un circuíto de ventilación na zona do ximnasio e dos departamentos anexos e pintaranse os paramentos interiores e exteriores.

En complemento á actuación, nestes momentos o INEGA está realizando unha instalación de luminarias ornamentais na fachada do edificio.