A Xunta aumenta un 10% as axudas para que as ANPAS de educación especial financien as súas actividades

Educación dota  con 66.000€ esta liña que sufraga tamén gastos de xestión, administración, adquisición de material e mantemento das súas instalacións

Dom, 10/03/2024 - 13:32
f

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de Educación Especial para este ano.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades habilita unha partida de 66.298€, un 10% máis que o ano pasado, a esta liña que ten como obxectivo contribuír ao financiamento destas entidades. 

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado. A subvención é compatible con outras subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Solicitudes ata o 4 de abril

As entidades interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 4 de abril para facer a correspondente solicitude, que deberá presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.