Román Rodríguez salienta que Ana Simoneta Rubido e Manuel Rico “representan o mellor exemplo” da calidade das universidades públicas galegas

O conselleiro de Educación en funcións recibe aos dous galegos, elixidos entre os ‘10 jóvenes españoles con más talento’ do programa científico Celera

Mar, 05/03/2024 - 12:59
t

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, recibiu esta mañá a Ana Simoneta Rubido Loureiro e Manuel Rico Fernández San Silvestre, que veñen de ser seleccionados entre os 10 jóvenes españoles con más talento ao abeiro do programa científico Celera, nacido hai unha década co obxectivo de identificar a mozos con talento de España para dotalos das ferramentas axeitadas que lles permita potenciar as súas capacidades persoais e profesionais.

Román Rodríguez salientou o “tesón e esforzo” destes dous estudantes cunha “brillante traxectoria académica que, de seguro, será o pasaporte a un prometedor futuro profesional”. “Representan, ademais, o mellor exemplo da calidade das nosas universidades públicas”, abondou o conselleiro, quen agradeceu a ambos que “nos representen a Galicia e ao noso sistema educativo aló onde vaian”.

Ana Simoneta Rubido, que participou de xeito telemático, é graduada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e impulsora do Pacto Interxeracional polo Futuro, un proxecto de intelixencia colectiva coa participación de máis de 2.000 mozos, e do innovador Espazo da Opositora. Entre os seus obxectivos está o desenvolvemento de proxectos especializados en áreas de goberno aberto, innovación pública e avaliación de políticas co obxectivo de contribuír a axilizar as estruturas administrativas.

Manuel Rico Fernández San Silvestre é estudante de 5º curso de Medicina na USC, e está centrado nas enfermidades neurodexenerativas e desordes, particularmente o Párkinson. O seu obxectivo é afondar no estudo desta enfermidade compaxinando o contacto co paciente e co estudo biotecnolóxico e sanitario. Así mesmo, tamén ten como obxectivo avanzar na exploración de sectores do emprendemento e da divulgación científica para xerar un impacto real. Neste senso, Manuel Rico colabora coa Fundación Degén contra as docencias neurodexenerativas. E tamén ten no seu haber ser o único estudante europeo seleccionado polo Harvard Stem Cell Institute Internship Program en 2022.