As accións da Xunta para posicionar internacionalmente as universidades públicas galegas acadan un retorno de máis 4€ por euro investido

Desde a posta en marcha desta liña de actuación en 2016 o noso sistema universitario desenvolveu 5.584 iniciativas e captou case 10,6M€ en fondos

O Consello da Xunta aproba incrementar un 11% a colaboración con FEUGA en catro liñas: fomento e captación de proxectos europeos, apoio aos centros de investigación, programas formativos e identificación de novos perfís profesionais

Xov, 07/03/2024 - 19:44
f

As accións da Xunta para o posicionamento internacional das universidades públicas galegas acadaron un retorno de máis de 4€ por euro investido desde a posta en marcha desta liña de acción en 2016. Un retorno que se foi incrementando progresivamente ata acadar os 5,7€ por euro investido no ano 2023.

En concreto, no período 2016-2023 desenvolvéronse 5.584 accións de promoción do Sistema Universitario de Galicia (SUG), coa asistencia a mais de 1.000 eventos. Isto redundou na captación de case 10,6M€ en fondos para as universidades galegas, o que supón unha rendibilidade do 318%.

En canto ao número de proxectos europeos aprobados para o SUG desde que empezaron a desenvolverse estas accións de posicionamento, foron un total de 37. Neste momento hai outras 15 propostas coa participación das universidades galegas en proceso de tramitación.

Para seguir avanzando nesta política de éxito, o Consello da Xunta aprobou hoxe a renovación do convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para este fin, cun incremento do 11,38% no orzamento. A través del, a Xunta investirá case 2,4M€ ata 2026 en accións destinadas a impulsar e consolidar un programa conxunto de posicionamento da I+D+i universitaria e novas accións de apoio ao SUG.

Tendo en conta os excelentes resultados obtidos tanto en termos de rendibilidade económica como de posicionamento estratéxico internacional dos grupos de investigación universitarios, o obxectivo é consolidar, ampliar e instrumentalizar esta colaboración, xa que a presencia e dinamización continua a nivel europeo é imprescindible para manter e mellorar a visibilidade e captación de fondos en Europa.

As accións do novo convenio estrutúranse en catro liñas: posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos; soporte á Rede de Centros de Investigación, programas formativos GESCI e GOSCI e identificación dos perfís profesionais que se demandarán no futuro.

Amplo paquete de medidas

O primeiro paquete de accións vai dirixido a fortalecer o posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos do SUG para promover a participación de grupos de investigación en proxectos europeos. Neste sentido, búscase manter e mellorar a visibilidade das universidades galegas diante da oportunidade de captación de fondos que supón o programa da Unión Europea Horizon Europe (HE) 2021-2027.

A segunda liña de acción diríxese directamente a financiar a actividade da Rede de Centros de Investigación das universidades públicas galegas e a súa xestión. En concreto, busca fortalecer as súas capacidades e consolidar a excelencia; potenciar a formación, atracción e incorporación de talento investigador; incrementar o liderado internacional da súa investigación, e impulsar a colaboración con novos axentes académicos e industriais para aumentar o impacto económico e social da súa actividade.

A terceira liña do convenio contempla a celebración dunha nova edición dos programas formativos GESCI e GOSCI para formar aos equipos dos novos centros susceptibles de obter o recoñecemento como centro de excelencia e ao novo persoal de dirección e xestión dos centros pertencentes á Rede.

O obxectivo é seguir tendo formadas ás novas remesas de directores e xestores nos estándares de calidade que exixe a xestión actual dos centros de investigación de excelencia e aliñalas cos requirimentos asociados á avaliación que da acceso á financiación, así como á Rede e aos seus servizos.

Continuidade do proxecto Galicia 2030

A través da cuarta liña de acción analizarase a avaliarase, a través dun estudo, o impacto global do proxecto Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, posto en marcha en 2018 con vistas a determinar as competencias e perfís profesionais que necesitará o tecido empresarial nos vindeiros anos e adaptar a oferta universitaria a estas novas demandas.

Con este novo estudo revisarase a implementación efectiva das titulacións emanadas do proxecto na oferta académica do SUG, achegando suxestións de mellora. O estudo desenvolverase en 2026 para poder realizar a análise das máximas titulacións posibles, xa que algunhas delas implantaranse con posterioridade ao curso académico 2023-2024.