Skip to Content

Deporte Galego

Distribuir contido
Actualizado: hace 12 horas 45 min

A Global Solo Challenge 2027-2028 que terá en Vigo o seu porto de saída e chegada recalca a capitalidade de Galicia nos fitos mundiais da vela

Mar, 23/07/2024 - 15:39

O secretario xeral para o Deporte lembra o terceiro posto do Galicia 93 Pescanova de Javier de la Gándara na Volta ao Mundo de 1993 e o segundo posto do Mapfre en 2018 con Támara Echegoyen na tripulación


Vigo, 23 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron nesta mañá na presentación da regata Global Solo Challenge que na súa segunda edición 2027-2028 terá en Vigo o seu porto de saída e chegada. O obxectivo da competición é dar a volta ao mundo, circunnavegando polos tres grandes cabos, en solitario e sen parar. A súa primeira edición 2023-2024 tamén tivo en Galicia o seu punto de saída e regreso. O 24 de febreiro, Philippe Delamare arribou á Coruña como gañador da Global Solo e o 7 de abril, Cole Brauer fixo o propio como segunda clasificada.

O secretario xeral para o Deporte lembrou a importancia dun fito histórico como dar a volta ao mundo en barco e lembrou a fazaña do Galicia 93 Pescanova que, baixo os mandos de Javier de la Gándara finalizou a Volta ao Mundo de 1993 en terceira posición. Do mesmo xeito, lembrou o segundo posto do Mapfre na Volvo Ocean Race de 2017-2018, cunha tripulación na que estaba outra galega, a regatista Támara Echegoyen que o vindeiro venres será a abandeirada española na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de París. Neste sentido, Lete Lasa destacou o peso de Galicia na vela mundial e a “capitalidade da nosa terra nos fitos mundiais máis importantes deste deporte, como volverá a ocorrer en 2027-2028 coa segunda edición da Global Solo”.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou a “singularidade e esixencia” da Global Solo Challenge e felicitou á organización por ter elixido Galicia como “marco axeitado para o seu desenvolvemento”. Neste sentido, Xosé Merelles salientou que “son innegables as calidades desta Comunidade para o desenvolvemento da actividade náutico-turística” e engadiu que eventos coma o que sairá e retornará a Vigo contribúen a desestacionalizar a oferta turística e facer do turismo unha actividade xeradora de riqueza os 365 días do ano.

Ademais, o director de Turismo de Galicia fixo fincapé en que Vigo é o terceiro destino urbano de Galicia, como reflicten os datos de ocupación hoteleira da primeira parte do ano. Adicionalmente, Merelles indicou que o Camiño Portugés da Costa, que transcorre pola cidade olívica, rexistra este ano datos históricos con máis de 38.000 peregrinos, o que supón un crecemento dun 52% con respecto a esta mesma época de 2023.

Categorías: Deportes

‘Galicia olímpica’, a website da Xunta con toda a información dos olímpicos e paralímpicos galegos e galegas, lista para París

Mar, 23/07/2024 - 12:58

Ademais do calendario dos deportistas galegos con todos os detalles das probas nas que compiten e entrevistas personalizadas, o espazo web tamén informa ao momento sobre os seus resultados


Santiago, 23 de xullo de 2024.- A Xunta de Galicia vén de lanzar por segunda ocasión tras os Xogos de Toquio, a website ‘Galicia Olímpica’ (galiciaolimpica.gal) na que recolle toda a información sobre os 32 deportistas olímpicos e 14 paralímpicos galegos que participan nestas datas na celebración dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París. Cómpre lembrar que esta representación galega é un 18% maior que nos últimos Xogos.

Ademais do calendario dos deportistas galegos con todos os detalles das probas nas que compiten, o espazo web tamén informa ao momento sobre os seus resultados. Do mesmo xeito, contén extensas entrevistas personalizadas para coñecer máis a fondo aos deportistas que compiten baixo a bandeira de Galicia. Con respecto a web de 2021, mellorouse o deseño e sobre todo a accesibilidade e as buscas internas, así como a versión móbil da páxina.

En verbas do presidente da Xunta, “todos nós estaremos nas seguintes semanas padexando con Teri e con Araceli, saltando con Ana e con Desi, correndo con Adri e mais Adi. Todos estaremos empurrando o barco olímpico e paralímpico galego, porque dun xeito ou outro, todos imos subidos nel”.

Categorías: Deportes

Lete salienta a importancia do deporte para todos na visita ao Club Inclusivo Baixo Miño que recibiu unha cadeira anfibia grazas a unha subvención da Xunta

Mér, 17/07/2024 - 18:06

Lembra que nas próximas datas sairá a lista definitiva dos galegos e galegas que competirán nos Xogos Paralímpicos e sinala que, ao igual que no caso dos olímpicos, Galicia agarda acadar un novo récord de participación



Tui (Pontevedra), 17 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe o Club Náutico Inclusivo Baixo Miño que recibiu unha cadeira de rodas anfibia mariña con cargo a orde de subvencións para a adquisición de equipamento deportivo adaptado de 2023. Alí, Lete Lasa, lembrou que nas próximas datas sairá a lista definitiva dos galegos e galegas que competirán nos Xogos Paralímpicos de París e sinalou que, ao igual que no caso dos olímpicos, Galicia agarda acadar un novo récord de participación. Neste sentido, o mandatario galego destacou a importancia dun “deporte plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade e transmisor de valores”.

A cadeira de rodas anfibia mariña é un elemento para actividades lúdico-deportivas que permite o acceso ao baño de persoas con mobilidade reducida. O Club Náutico Inclusivo Baixo Miño adquiriu este equipamento con cargo ás subvencións a clubs deportivos galegos con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado de 2023. Máis polo miúdo, a cadeira anfibia contou cun orzamento duns 5.000 euros (4.980 euros) dos que a Xunta de Galicia sufragou o 80 % (3.984 euros). En total, grazas a esta liña de axudas, foron 46 os clubs beneficiarios que contaron cun crédito orzamentario de preto de 227.000 euros (226.754 euros).

Lete Lasa destacou a importancia destas axudas para o deporte inclusivo e adaptado que tantos éxitos está a acadar nos últimos anos e valorou o esforzo de clubs como o Náutico Inclusivo Baixo Miño que, grazas a esta axuda consegue a primeira cadeira anfibia na comarca. O mandatario galego sinalou o crecemento do deporte adaptado lembrando que, na última resolución do deporte galego de alto nivel, xa son 38 (27 homes e 11 mulleres) os deportistas con diversidade funcional recoñecidos.

 

Categorías: Deportes

Lete destaca a Semana Internacional de Danza Urbana de Dance Academy como un dos eventos de baile deportivo máis importantes de España e Europa

Mér, 17/07/2024 - 18:03

Lembra que este ano o break dance será deporte olímpico en París, polo que estas actividades serán paralelas ao debut do baile deportivo no programa dos Xogos



Vigo, 17 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da Semana Internacional de Danza Urbana 2024 da man da escola Dance Academy que terá lugar no Tinglado entre o 5 e o 10 de agosto e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia para converterse nun dos “eventos de baile deportivo máis importantes de España e de Europa” xa que contará coa participación de deportistas de distintas nacionalidades. Lete Lasa lembrou que este ano o break dance será deporte olímpico en París, polo que estas actividades serán paralelas ao debut do baile deportivo no programa dos Xogos.

Ademais, o mandatario galego destacou a versatilidade do evento que tamén contará con outras iniciativas como “actividades náuticas como a vela, o pádel surf ou o piragüismo, baloncesto, skate e ata unha viaxe ás Illas Cíes”. Lete Lasa fixo fincapé na importancia de que esta Semana Internacional conte cos mellores profesores internacionais que serán os encargados de impartir a formación, con especial atención ás actividades abertas a todo o público e gratuítas que terán lugar o venres 9 e o sábado 10 de agosto xa que “o deporte é universal, de todos e de todas”.

O secretario xeral para o Deporte subliñou a evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 recoñeceuse o break dance como especialidade deportiva e lanzouse a primeira edición da Liga Xunta de Galicia de Break. Hoxe, a liga xa transita pola súa cuarta edición e tamén contamos coa Liga Galega de Hip Hop organizadas, ambas as dúas, pola Xunta de Galicia coa colaboración da Federación Galega de Baile Deportivo, creada en 2023.

Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca ao Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela como unha “referencia nacional” na súa visita ás instalacións de Pontepedriña

Mar, 16/07/2024 - 22:29

Destaca que as licencias federativas de ximnasia triplicáronse dende 2009 ata chegar ás preto de 6.000 coas que contamos hoxe




Santiago, 16 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou no día de hoxe as instalacións do pavillón de Pontepedriña nas que adestra o Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela. O mandatario galego salientou a importancia dun club que vén de pechar unha tempada repleta de éxitos conseguindo numerosas medallas nacionais e internacionais en competicións de categoría como o Campionato de España, os Xogos do Mediterráneo ou o Campionato do Mundo de Ximnasia Estética de Grupo.

O responsable da carteira autonómica de Deportes salientou a “referencia nacional que xa é o Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela, tanto polo traballo que realizan día a día todos os que forman esta gran familia, así como pola gran cantidade de títulos e recoñecementos que conseguen os seus deportistas”. Neste sentido, Lete Lasa destacou o Campus de Verán que está a levar a cabo nestas semanas o club e que xa conta con nove anos de historia para preparar nas mellores condicións aos ximnastas para as primeiras competicións da tempada.

O secretario xeral para o Deporte salientou a colaboración da Xunta de Galicia co club de ximnasia compostelán que nos últimos cinco anos recibiu máis de 35.000 euros nas diferentes liñas de axuda da Secretaría Xeral e subliñou a importancia de que a ximnasia rítmica e acrobática siga chegando aos máis cativos. Neste sentido lembrou como as licencias federativas de ximnasia triplicáronse dende 2009 ata chegar ás preto de 6.000 coas que contamos hoxe e animou aos nenos a que practiquen ximnasia para que pouco a pouco a súa porcentaxe se iguale coa feminina, que hoxe representa máis do 90%.

Categorías: Deportes

De la Puente fai historia ao chegar á final de Wimbledon

Lun, 15/07/2024 - 09:58
O vigués Martín De la Puente, actual número 1 de España e número 4 do mundo en tenis en cadeira de rodas, conseguiu ser finalista de Wimbledon.




Martín venceu a Ruben Spaargaren (NED) cun resultado de 6-2 4-6 6-3 e ao seu compañeiro de selección Daniel Caverzaschi 6-0 6-1.

Gran proeza nas semifinais, eliminando ao favorito, o número 1 do mundo, o xaponés Tokito Oda, superando un primeiro set en contra 1-6 6-3 6-3.

Na final, que durou unha hora e 18 minutos, non logrou vencer ao británico Alfie Hewett, número dous do cadro e campión de 23 Grand Slams, 7 en individual e 16 en dobres.

O próximo reto de Martín serán os Xogos Paralímpicos de París, que se celebran do 30 de agosto ao 7 de setembro nas instalacións de Roland Garros. Martín tentará acadar unha medalla olímpica, despois de ter acadado xa diplomas en Río 2016 e Tokio 2020.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa presenta unha nova edición da Vigo Battle Of Teams que buscará ao equipo máis en forma de Galicia, España e parte de Europa

Xov, 11/07/2024 - 15:33

Salienta as “bondades dunha disciplina tan completa que mestura unha cantidade tan ampla de exercicios de halterofilia, ximnasia, calistenia, así como carreiras ou natación”




Vigo, 11 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da competición por equipos de crossfit ‘Vigo Battle of Teams 2024’ que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. O mandatario galego destacou esta “batalla que se vén levando a cabo entre os equipos de crossfit máis en forma de Galicia, España e parte de Europa dende 2015” e salientou as “bondades dunha disciplina tan completa que mestura unha cantidade tan ampla de exercicios de halterofilia, ximnasia, calistenia, así como carreiras ou natación”.

Lete Lasa destacou o crecemento dun evento que, na súa primeira edición contou con 200 deportistas e que, nas últimas celebracións reúne ao redor do milleiro de participantes que durante tres días loitan por gañar os trofeos das diferentes categorías. Neste sentido lembrou a esixencia do campionato que tamén conta cunha estrita fase preliminar en liña na que xa quedaron fóra da fase presencial moitos equipos.

O secretario xeral para o Deporte aplaudiu a decisión de que os equipos participantes sexan mixtos e afianzou a aposta da Xunta de Galicia polos deportes urbanos e máis novidosos polos que se decanta a xuventude, na liña que está a seguir o Comité Olímpico Internacional tras ter engadido ao programa olímpico nas últimas edicións deportes como o breaking, o basket 3x3, a escalada, o BMX ou o surf.

Categorías: Deportes

Lete Lasa sinala que o Mundial Júnior de Vilagarcía reforzará a Galicia como referente internacional da vela tal e como fixo o Europeo de 2019

Mar, 09/07/2024 - 20:37

Jacobo García, Jaime Wizner, Pablo Llorens, Estela Enríquez ou Claudia Sobral son “o presente e o futuro da nosa vela, que se miran no espello de grandes referentes como Támara Echegoyen que, en París, disputará os seus cuartos Xogos como abandeirada”



Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 9 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación do Campionato do Mundo Júnior de vela das clases 49er, 49er FX e Nacra 17 que terá lugar do 14 ao 21 de xullo na Ría de Arousa. Alí, Lete Lasa lembrou o éxito do Europeo Júnior de 420 e 470 disputado en 2019 tamén en Vilagarcía e que rematou coa medalla de prata para Jacobo García e Toni Ripoll e a de bronce para Martín Wizner e Pedro Ameneiro. Nesta ocasión, o mandatario galego asegurou que o mundial “ratificará a Galicia como referente internacional da vela e ademais, como unha potencia no deporte de base”.

O secretario xeral destacou asemade a importancia de que as tres clases que compoñen este mundial sexan olímpicas, polo que os participantes na competición están chamados a ser os que loiten por participar nos Xogos Olímpicos de 2028. Neste sentido animou aos galegos e galegas que participarán neste mundial como son o propio Jacobo García que acompañará ao irmán de Martín Wizner, Jaime Wizner, así como Pablo Llorens, Estela Enríquez ou Claudia Sobral, que depende da recuperación dunha lesión. Todos eles, dixo, son “o presente e o futuro da nosa vela, que se miran no espello de grandes referentes como Támara Echegoyen que, en París, disputará os seus cuartos Xogos portando a bandeira de España na cerimonia de apertura”.

O Mundial Júnior contará con máis dun centenar de barcos e uns 300 deportistas de 25 países diferentes de todo o mundo como Australia, Nova Zelandia, Xapón, Hong Kong, Arxentina, Estados Unidos e gran parte de Europa. Lete Lasa destacou a importancia de que Vilagarcía e o Centro Galego de Vela, que conta con 75 regatistas galegos que adestran cada día no seu programa de tecnificación, sexan o “epicentro da vela mundial xa que é un gran recoñecemento a todo o traballo que se fai dende Galicia pola vela e serve aos nosos rapaces e rapazas para gañar unha gran experiencia de cara ao seu futuro”.

Categorías: Deportes

Unha lesión nas costas frea a brillante participación de Bouzas en Wimbledon

Lun, 08/07/2024 - 11:31

Jéssica Bouzas tivo que retirarse na terceira rolda de Wimbledon por unha lesión nas costas cando o marcador era de 6-0, 4-3 e 40-0 ante a checa Barbora Krejčíková.

A Arousá fixo historia ao eliminar na primeira rolda á campioa da edición de 2023, Marketa Vondrousová, actual número seis do ranking mundial. O encontro, que se disputou na impoñente pista central, rematou co resultado de 6-4 6-2.

Na segunda rolda gañou por 7-6(1) 6-3 a Cristina Bucsa, unha tenista española nacida en Moldavia e afincada en Cantabria.

Ligazóns
Categorías: Deportes

De la Puente campión de dobres do Lexus British Open Roehampton

Lun, 08/07/2024 - 11:03

Martín De la Puente proclamouse campión de dobres do Lexus British Open Roehampton, en parella con Joachim Gerard (BEL).



Gañaron na final a Tom Egberink (NED) e Maikel Scheffers (NED) cun resultado de 1-6 6-2 10-7.

Na proba individual, o vigués derrotou a Manojkanth Somasundaram (IND) cun 6-0 6-0 na primeira rolda e en cuartos de final eliminou a Joachim Gerard (BEL) cun resultado de 5-7 6-4 6-0 . Na final non logrou vencer a Alfie Hewett (GBR), número 2 do ranking mundial (4-6 6-3 4-6).

Esta semana competirá en Winbledon, ¡moita sorte!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Resultados dos equipos galegos no Campionato de España MAPFRE de Tenis Júnior por Equipos 2024

Lun, 08/07/2024 - 10:43

Rematou o Campionato de España MAPFRE de Tenis Júnior por Equipos 2024, no Club de Tenis Real Zaragoza. Destacamos o resultado do equipo feminino do Real Club Tenis Coruña que chegou aos cuartos de final




Os equipos galegos masculinos que participaron nesta edición son o Real Club Tenis Coruña (campión galego 2024), o Club de Tenis Pontevedra e o Club de Tenis Rial.

Os equipos galegos femininos que competiron no Campionato son o Real Club Tenis Coruña (campión galego 2024) e o Club Tenis Rial.

Xogadores/as dos equipos do Real Club Tenis Coruña:

  • Yeray Quian Darriba
  • Lucas Maceiras Balado
  • Pablo Alcon Palacios
  • Miguel del Castillo Lampón
  • Alejandro Pardo Moro
  • Blanca Trillo Pita da Veiga
  • Clara Aramillet Martínez
  • Noa Pena Paz
  • Adestrador: Iago Fernández-Reija

Resultados:

As xogadoras do Real Club de Tenis Coruña conseguiron pasar aos cuartos de final tras superar ás do Club de Tenis “La Salut” e ás do CDC Valladolid. As gañadoras do Campionato, as xogadoras do Club de Tenis Chamartín eliminaron ás galegas.

O equipo masculino do Real Club Tenis Coruña caeu ante o Club Esportiu Laieta na primeira rolda e na categoría de consolación impuxéronse á Real Sociedade da Magdalena e ao Club de Tenis Sabadell. Os xogadores do Atlético Montemar eliminaron aos galegos nas semifinais de consolación.

Xogadores/as dos equipos do Club Tenis Rial:

  • Alejandro Reboredo Orge
  • Martín Fernández Cores
  • Alejandro Couso Fernández
  • Daniel Núñez Ríos
  • Sira Fernández Martis
  • Alejandra Del Valle Vidal
  • Lucía Couso Fernández
  • Carlota Magán Cascallar
  • Ariadna Lucio Cora
  • Entrenador: Jean Paul Hernández

Resultados:

Os xogadores do Club de Tenis Rial derrotaron ao Natural Tenis Club e na segunda rolda perderon ante un duro rival, o Real Club de Tenis Barcelona, ​​cabeza de serie número 1 da táboa e gañador da edición de 2023.

O equipo feminino do Club Tenis Rial perdeu na segunda rolda ante o Club de Tenis Santurtzi e na consolación eliminou ao Club Deportivo Cantabria e ao Real Club de Polo. En semifinais perderon contra o Club de Tenis Sabadell.

Xogadores do equipo do Club de Tenis Pontevedra:

  • Felipe Lariño Feijoo
  • Juan Dueñas Seoane
  • Álvaro Medialdea Mozos
  • Federico Cabrera Pérez
  • Martín Rodríguez Figueiredo
  • Adestradores: Guillermo Garnelo e Sergio Peña

Resultados:

O equipo do Club de Tenis Pontevedra perdeu ante o Torrevieja Tenis Club e non superou o primeiro partido da consolación contra o CDT Valladolid.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca a puxanza do fútbol galego que trae de novo á selección feminina a Riazor, sede mundialista

Ven, 05/07/2024 - 17:09

Lembra que no pasado mes de decembro, Pontevedra xa acolleu un partido da Liga de Nacións da selección feminina e que Riazor xa acolleu en 2019 un encontro da selección feminina clasificatorio para a Euro de 2021





A Coruña, 5 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación do partido de fútbol entre as seleccións absolutas femininas de España e Bélxica clasificatorio para a Eurocopa de 2025. O mandatario galego destacou a “puxanza do fútbol galego que pon de manifesto o papel protagonista dos futbolistas da nosa terra nas seleccións nacionais como Tere Abelleria, que vén de ser convocada por Montse Tomé para a a participación nos Xogos de París, ou Joselu Mato, que esta mesma tarde xoga os cuartos de final do Europeo masculino”.

Lete Lasa centrou o foco no fútbol feminino e na lista de xogadoras galegas de gran importancia para o fútbol de todo o país como foron Mari Paz Vilas, que foi quen de marcar nun partido coa selección española ata sete goles e é a máxima goleadora histórica do Valencia; Vero Boquete, a primeira muller española en gañar a Champions League e que lle dá nome ao estadio de Santiago; ou Nuria Rábando, campioa da Champions League co Barcelona en 2023.

O secretario xeral para o Deporte lembrou que “no pasado mes de decembro, Pontevedra xa acolleu un partido da Liga de Nacións da selección feminina” e que Riazor xa acolleu en 2019 un encontro da selección feminina clasificatorio para a Eurocopa de 2021. Agora repite acollendo este España-Bélxica que contará “cun acicate especial xa que será o primeiro partido oficial que se disputará desde que Riazor foi escollido definitivamente como sede para o Mundial de 2030”.

Categorías: Deportes

Aprobadas as 20 primeiras axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participarán nos Xogos de París

Xov, 04/07/2024 - 14:42

Os primeiros beneficiados son os deportistas Teri Portela, Carlos Arévalo, Támara Echegoyen, Vicky Vilariño, Martín de la Puente, Jacobo Garrido, Fran Garrigós, Caetano Horta, Enmanuel Reyes, Niko Shera, Ester Navarrete, Rodrigo Conde, María de Valdés, Adrián Mosquera e Sara Ouzande; os técnicos Daniel Brage e Marcos Fernández; e os xuíces Loreto Pérez, Manuel Franco e María Dolores Rojas


Santiago, 4 de xullo de 2024.- A Fundación Deporte Galego vén de aprobar as primeiras 20 axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participarán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024. Estas achegas enmárcanse dentro das ‘Axudas DGAN 2024’ que contan cun orzamento de 600.000 euros e, de novo, cun modelo de dúas convocatorias para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2023 e 2024. As ‘Axudas DGAN’ acadaron o seu máximo histórico con preto de 700.000 euros (680.940 euros) en 2023, ano no que xa se puxo en marcha a dobre convocatoria para axudare aos deportistas na súa preparación para os Xogos.

Nesta primeira resolución foron concedidas 20 axudas para quince deportistas, dous técnicos/adestradores e tres xuíces/árbitros por un importe total de 147.000 euros. Isto supón un aumento con respecto á primeira resolución de axudas para os Xogos de Toquío, un 25% máis en número de axudas (16) e un 35% máis en investimento (109.000 euros).

Máis polo miúdo, Teri Portela (piragüismo), Carlos Arévalo (piragüismo) e Támara Echegoyen (vela) recibirán a Axuda Galicia-París 1 cun importe de 12.000 euros para os deportistas que participaran en catro ou máis edicións dos Xogos ou que acadaran medalla. Vicky Vilariño (baloncesto cadeira rodas), Martín de la Puente (tenis cadeira rodas), Jacobo Garrido (natación paralímpica), Fran Garrigós (judo), Caetano Horta (remo), Enmanuel Reyes (boxeo),  Adrián Mosquera (piragüismo paralímpico) e Niko Sherazadishvili (judo) conseguen a Axuda Galicia-París 2 cun importe de 9.000 euros para os deportistas que participaran en tres ou menos edicións sen acadar medalla. Ester Navarrete (atletismo), Rodrigo Conde (remo), María de Valdés (natación) e Sara Ouzande (piragüismo) benefícianse da Axuda Galicia-París 3 cun importe de 6.000 euros para aqueles deportistas que non teñan participado en ningunha edición dos Xogos. Daniel Brage (piragüismo) e Marcos Fernández (vela) reciben a Axuda TA principal París cun importe de 3.000 euros para os técnicos e adestradores principais nos Xogos. Por último, Loreto Pérez (atletismo), Manuel Franco (tenis) e María Dolores Rojas (atletismo) acadan a Axuda XA París de tamén 3.000 euros para os xuíces e árbitros nalgunha proba dos Xogos.

Cómpre salientar que a pesar de non ter beneficiarios nesta primeira resolución, a Fundación Deporte Galego tamén concede as Axudas Galicia-París Apoio/Guía, que un ano máis é da mesma contía para os deportistas de apoio que a que reciben os deportistas con discapacidade aos que guían; así como as Axudas TA auxiliar París cun importe de 1.500 euros para persoas con funcións técnicas ou adestradoras auxiliares nos Xogos.

As ‘Axudas DGAN 2024’ para deportistas, técnicos e xuíces olímpicos e paralímpicos pódense solicitar ata o 30 de setembro.

Categorías: Deportes

O número de deportistas galegos recoñecidos no alto nivel segue medrando e chega aos 1.256

Mér, 03/07/2024 - 18:34

As federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos e recoñecidas son piragüismo (176), atletismo (97), taekwondo (82), fútbol (82), salvamento e socorrismo (81), remo (67), vela (63), patinaxe (59), halterofilia (35), tríatlon e péntatlon moderno (33) e natación (30)


Santiago, 3 de xullo de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 21 de xuño de 2024 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, e se relacionan as solicitudes desestimadas e a causa. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.256, sendo 481 mulleres (38%) e 775 homes (62%).

Arredor do 79% (993) de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (378 mulleres e 615 homes). Ademais, hai 102 deportistas de rendemento deportivo de base (49 mulleres e 53 homes); 101 deportistas de alto rendemento (33 mulleres e 68 homes); 33 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 29 homes); 17 árbitras e xuízas (doce mulleres e cinco homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 38 deportistas galegos con diversidade funcional, o número máis alto da historia (once mulleres e 27 homes).

Máis polo miúdo, as federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos e recoñecidas son piragüismo (176), atletismo (97), taekwondo (82), fútbol (82), salvamento e socorrismo (81), remo (67), vela (63), patinaxe (59), halterofilia (35), tríatlon e péntatlon moderno (33) e natación (30).

Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Récord tamén nas axudas

Cómpre salientar tamén o ano 2023 que vén de rematar como un ano de récords no que respecta ás axudas para os deportistas galegos recoñecidos. No mes de outubro a Fundación Deporte Galego publicaba a resolución da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2023’. Estas axudas, convocadas no mes de maio contaban cun orzamento inicial de 500.000 euros e foron incrementadas ata preto dos 700.000 euros (680.940 euros), marcando un novo récord que supuxo un 12% máis que o exercicio de 2022, cando xa se había acadado o máximo histórico. En total, foron concedidas 445 axudas DGAN. Cómpre lembrar que, nesta edición 2023 volveuse optar polo modelo dunha única convocatoria para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023.

Neste 2024, a Fundación Deporte Galego reserva outros 600.000 euros para as axudas DGAN. Este xoves, de feito, publicarase a primeira resolución das axudas solicitadas ata o momento para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024 (os deportistas poden solicitar as axudas nesta liña ata o 30 de setembro).

Ademais, o ano pasado resolveuse a primeira convocatoria de axudas para persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel da historia -Axudas TAXAGAN 2023- que chegou a un total de 25 persoas beneficiarias -16 persoas técnicas/adestradoras e nove persoas xuízas/árbitras- cun total de 45.500 euros, o que representa un incremento do 52% do seu orzamento inicial que era de 30.000 euros.

Categorías: Deportes

Lete destaca a aposta da Xunta polo pádel e as súas infraestruturas, que consegue traer a Galicia os mellores eventos do mundo como o A1 Tour

Ven, 28/06/2024 - 15:52

Dende 2009, a Federación Galega de Pádel pasou de ser a vixésimo novena federación galega en número de licenzas con 1.482 a ser hoxe a sexta con maior número de licenzas con 9.427



Pontevedra, 27 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da inauguración oficial da primeira edición do A1 Pádel Galicia Open dentro do A1 Pádel Tour que se está a celebrar dende este luns en Pontevedra. O mandatario galego destacou o papel de España como o país europeo con maior número de pistas e de clubs de pádel e, dentro deste contexto, lembrou a aposta decidida da Xunta de Galicia polas infraestruturas de pádel enumerando algúns dos concellos galegos nos que se levaron a cabo estas instalacións como A Cañiza, Ponteceso, Riotorto, Sober, Salvaterra, Soutomaior, Begonte, Portomarín, Portas, Pazos de Borbén, Salvaterra de Miño, A Baña, Mañón, Antas de Ulla ou Pereiro de Aguiar.

Lete Lasa sinalou a importancia deste impulso porque dende 2009, a Federación Galega de Pádel pasou de ser a vixésimo novena federación galega en número de licenzas con 1.482 a ser hoxe a sexta con maior número de licenzas con 9.427, tan só superada por fútbol, caza, golf, baloncesto e balonmán.

O secretario xeral salientou tamén como un feito chave para a evolución do deporte en Galicia que os mellores concursos internacionais queiran vir á nosa comunidade como o foi o caso do mellor circuíto do mundo, o World Padel Tour, que tivo dez eventos en Galicia nas cidades da Coruña (2013, 2015, 2016 e 2017), Lugo (2018 e 2021) e Vigo (2019, 2021, 2022 e 2023). Deste xeito, Lete Lasa agradeceu ao A1 Pádel Tour, que conta, dende 2020, co ambicioso obxectivo de converterse no circuíto mundial máis prestixioso do mundo, que conte con Galicia para o seu calendario.

Con respecto á participación galega, o secretario xeral aplaudiu a gran competición de Martín Sánchez, Borja Yribarren e Daniel Blanco, que conseguiron meterse no cadro principal do campionato.

Categorías: Deportes

Lete Lasa sinala que Moaña será o epicentro do ciclismo galego ao acoller esta fin de semana ata sete campionatos de Galicia

Ven, 28/06/2024 - 15:50

Destaca a participación de 200 ciclistas nestes Campionatos e sinala o nome de Alejandra Neira, do Club Ciclista Cambre, que con tan só 16 anos é líder da Copa de España de Estrada Feminina na categoría cadete



Moaña (Pontevedra), 25 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o Campionato de Galicia de Ciclismo de Estrada que acollerá nesta fin de semana ata sete probas, dúas masculinas -cadete e júnior- e outras cinco femininas - cadete, júnior, sub-23, elite e máster 40- que servirán de antesala á celebración do Campionato de Galicia masculino elite e sub-23 que se celebrará a partir do vindeiro 23 de agosto, tamen en Moaña.

Lete Lasa destacou a participación de 200 ciclistas nestes Campionatos de Galicia e resaltou a importancia do ciclismo de base co que conta Galicia, sinalando o nome de Alejandra Neira, do Club Ciclista Cambre, que con tan só 16 anos é líder da Copa de España de Estrada Feminina na categoría cadete.

Nas súas verbas, o secretario xeral non quixo perder a oportunidade de falar sobre os próximos Xogos e lembrar aos ciclistas galegos que chegaron a ser olímpicos, como Gonzalo Aguiar nos Xogos Olímpicos de Seul 88 e José Enrique Porto Lareo nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012. Para estes próximos Xogos Olímpicos “contamos con Damián Ramos que tras sufrir un grave accidente en 2014 subiuse á bicicleta e ten todas as papeletas para ser o terceiro ciclista galego nuns Xogos e o segundo nos Paralímpicos”.

O secretario xeral para o Deporte, aproveitou para destacar o bo momento polo que pasa o ciclismo galego, “é sen dúbida, referente nacional e internacional e probas como a deste sábado poñen de manifesto a gran paixón que existe en Galicia polo ciclismo”, lembrando que “as licenzas totais aumentaron nun 400% e as femininas case un 500% dende 2009”.

 

Categorías: Deportes

Nicolás Bellas semifinalista no Campionato de España MAPFRE de Tenis Cadete 2024

Xov, 27/06/2024 - 10:53

Gran resultado de Nicolás Bellas Panadero no Campionato de España MAPFRE de Tenis Cadete 2024, logrando chegar ás semifinais na modalidade individual e final de dobres.





Nicolás venceu a Platón Tsarenko 7-5 6-1, a Borja Vila De Luis 7-5 6-3, a Alejandro Hernández Ramada 6-7(1) 7-5 7-5 e a Marc Navarro Gamundi (Q) en cuartos de final con resultado de 1-6 6-2 7-5. En semifinais perdeu ante o xogador que se proclamou Campión de España Cadete 2024, Tito Roberto Chávez Gladkova.

Nos dobres masculinos enfrontáronse en semifinais dous xogadores galegos, Nicolás Bellas facendo parella con M.Villar Uria e Andrés Pereiro con R. Pérez Socas. A vitoria foi para Bellas e Villar cun resultado de 3-6 6-3 [13-11]. Levaron o trofeo de subcampións ao perder na final ante T. Chavez Gladkova e E. Gonzalez Ollich.

Outros resultados dos/as xogadores/as galegos/as nos cadros finais:

  • Andrés Pereiro Lopez derrotou a Oriol Álvarez Velis por 6-3 e 6-3 na primeira rolda e perdeu ante Alejandro Hernandez Ramada na segunda.
  • No cadro principal de xogadoras, derrota das galegas: Carlota Souto Piñeiro ante a cabeza de serie número 8, Lucía Rodríguez Domínguez 6-0 6-3 e Noa Pena Paz ante Chloe Rius Bertran 6-1 6-1.

O técnico galego Ricardo Álvarez Pérez acompañou aos xogadores galegos.

Ligazóns
Categorías: Deportes

A Xunta colabora un ano máis no Rompetiño Jump que xa é unha cita ineludible no panorama urbano nacional e mesmo internacional

Lun, 24/06/2024 - 18:15

O secretario xeral para o Deporte destaca que todos os seus eventos deportivos son de disciplinas olímpicas polo que “o festival contribúe a renovar a lista de olímpicos galegos e galegas que medra cada ano”



Porto do Son (A Coruña), 24 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación da oitava edición do Rompetiño Fest que vén contando coa colaboración da Xunta de Galicia nos últimos anos.

Lete Lasa lembrou as principais competicións deportivas do Rompetiño -basket 3x3, break dance, BMX e skate- apuntando que son todas elas disciplinas olímpicas e salientou a importancia de deportistas galegos como a skater Julia Benedetti, que estará en París nos seus segundos Xogos; os baloncestistas Marta Canella e Carlos Martínez que están nas seleccións nacionais de 3x3; a ciclista Ainoa Posada, campioa de España infantil de pump track; así como o b-boy David Amor e a b-girl Alicia Babarro, campións de España de break dance sub 21 e júnior, respectivamente.

O secretario xeral asegurou que a consolidación deste festival propicia que Galicia conte cunha “mocidade activa e saudable e que, no futuro, poidamos renovar a lista de olímpicos galegos e galegas que cada ano medra en número e en éxitos”.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciou que o Rompetiño repite este ano como cita asociada á marca FEST Galicia, a través da que a Xunta apoia festivais con características singulares e diferenciadoras que achegan un valor engadido á experiencia musical.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou a excelente engrenaxe entre a faceta deportiva e a musical na programación do Rompetiño, así como a súa especial conexión coa xuventude e co territorio, contrubuíndo deste xeito á diversidade e descentralzación da oferta cultural galega.

 

Categorías: Deportes

Lete anima á selección feminina de hóckey, adestrada polo ourensán Carlos García, a conseguir o ouro en París, lembrando o éxito de 1992 da man de José Brasa

Lun, 24/06/2024 - 10:32

Destaca a aposta que a Xunta está a facer polo hóckey como demostra a posta en marcha do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey o pasado 2021 no campo de Mariñamansa




Ourense, 22 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou á selección española feminina de hóckey que estivo concentrada no campo de Mariñamansa na pasada semana con motivo da preparación dos vindeiros Xogos Olímpicos de París. A selección é adestrada polo ourensán Carlos García Cuenca, feito que o secretario xeral aproveitou para animar á selección a acadar a medalla de ouro na cita parisina, lembrando que “o fito máis grande do hóckey nacional, a medalla de ouro en Barcelona 92 foi conseguida precisamente por outro grupo excelente de mulleres adestradas por outro galego, José Brasa”.

Lete Lasa destacou a aposta que a Xunta de Galicia está a facer polo hóckey como demostra a posta en marcha do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey o pasado 2021 neste mesmo campo de Mariñamansa. O NADE está composto por 150 rapaces e rapazas sub14, sub16 e sub18 que traballan na tecnificación baixo as ordes de 14 adestradores.

O mandatario galego lembrou algúns dos nomes propios do hóckey galego como os das irmáns Piñeiro -Olalla e Rebeca-, Xurxo Cid, Antón Parente, Manu Prol ou outras que veñen pisando forte como Yurena Veloso, Adriana Dorribo, Lucía Lamelas ou Carlota Álvarez, que xa desfrutou dalgunha convocatoria coa selección absoluta.

Categorías: Deportes

Lete recibe no Obradoiro ao piloto Gerard Farrés tras percorrer 1.700 km en cinco días monte a través dende Cataluña patrocinado pola empresa galega TSR

Ven, 21/06/2024 - 17:52

Lembra a aposta polo motor e polos pilotos galegos que compiten no Dakar como Javier Campos, Edu Iglesias, Fran Gómez-Pallas ou Ricardo Ramilo que neste 2024 estiveron patrocinados pola Xunta




Santiago, 21 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe na Praza do Obradoiro ao piloto de motociclismo Gerard Farrés e ao seu patrocinador e xerente da empresa galega TSR Group, Samuel Rico, que están a realizar unha ruta monte a través dende Cataluña ata Galicia, completando 1.700 quilómetros en cinco días.

Gerard Farrés é un piloto de motociclismo español de enduro e rally raid, entre os cales se atopa o Rally Dakar que rematou en 17 ocasións conseguindo tres podios: en 2017 foi terceiro en motos e en 2019 e 2022 foi segundo na categoría SSV.

Lete Lasa lembrou a aposta que fai Galicia polo motor e nomeadamente polos pilotos galegos que compiten no Dakar. Na edición deste ano, 2024, Galicia contou con tres pilotos en motos: Edu Iglesias (78º), Javier Campos (102º) e Fran Gómez-Pallas que a pesar de caer na penúltima etapa, a organización entregoulle a placa de finisher. Ademais, Galicia tamén contou cun representante en SSV, Ricardo Ramilo (15º). Todos eles foron patrocinados pola Xunta de Galicia.

Categorías: Deportes


by Dr. Radut