Skip to Content

Deporte Galego

Distribuir contido
Actualizado: hace 22 horas 26 min

Tomás Currás finalista do M15 de Telde

Lun, 15/04/2024 - 10:51

Gran torneo de Tomás Currás Abasolo en Gran Canaria, conseguiu ser finalista no M15 en Telde.


Tomás comezou eliminando a Axel Herberg Amoros e Albert Pedrico Kravtsov na previa do torneo.

No cadro final gañou a Imanol López Morillo por 6-2 6-1 na primeira rolda, a Alejandro Melero Kretzer cun resultado de 6-4 5-7 7-5 na segunda, ao danés Kane Bonsach Ganley en cuartos de final e finalmente o estadounidense Dali Blanch en semifinais cun resultado de 6-4 7-5.

Na final perdeu por 7-6(6) 3-6 0-6 ante Alejandro Manzanera Pertusa, xogador licenciado pola Delegación de Tenis de Alacante.

¡Parabéns por este gran resultado Tomás!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Martín De la Puente perde nas semifinais do superseries Japan Open

Lun, 15/04/2024 - 10:13

Martín De la Puente non logrou vencer a Alfie Hewett (GBR), xogador número 1 do ranking ITF, nas semifinais do superseries Japan Open.


O vigués eliminou na primeira rolda a Kouhei Suzuki (JPN) por 6-1 6-1, a Suthi Khlongrua (THA) na segunda 7-6 6-2 e en cuartos venceu a Tom Egberink (NED) por 6-3 2-6 6-0.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca o poder das ás da Vig-Bay coas que 5.000 corredores completan os 21 quilómetros entre Vigo e Baiona ou os 10,5 desde Nigrán

Ven, 12/04/2024 - 17:22

Lembra o bo momento da maratón galega coa consecución das mínimas olímpicas por parte de Tariku Novales, no pasado mes de decembro e de Ester Navarrete, en febreiro



Vigo, 12 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación da ‘XXIII Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay y III Minibay’. O mandatario galego animou aos máis de 5.000 corredores que percorrerán este domingo as dúas distancias que pon en liza a proba vixente dende 1996: os máis de 21 quilómetros ente Vigo e Baiona así como os 10,5 desde Nigrán.

Lete Lasa destacou o exemplo do gañador da Vig-Bay en 2023, Jorge Puig, que ademais de ser atleta é funcionario público na Dirección Xeral de Xustiza da Xunta e asegurou que moitos galegos e galegas cambian a súa vestimenta executiva por roupa deportiva nas fins de semana ou cada serán tras rematar as súas obrigas laborais. Grazas a isto, o deporte galego conta hoxe con preto de 310.000 licenzas federativas e o atletismo galego suma xa 7.600 cunha práctica igualdade entre mulleres e homes.

No que respecta á disciplina da maratón, o secretario xeral para o Deporte destacou o bo momento que atravesa en Galicia coa consecución da mínima olímpica por parte de Tariku Novales, no pasado mes de decembro e de Ester Navarrete, en febreiro. No caso da atleta viguesa, Lete Lasa aplaudiu a súa valentía xa que hai uns meses pediu unha excedencia do seu posto de enfermeira para profesionalizarse e loitar por acudir aos Xogos de París 2024, onde formará parte dunha gran representación de galegos que están a conseguir a súa clasificación nestas semanas.

Categorías: Deportes

Lete Lasa asegura que a Liga Galega de Hip Hop levará o baile deportivo a toda a poboación

Xov, 11/04/2024 - 17:57

Serán catro probas que comezarán este domingo en Narón, para continuar o 12 de maio en Mugardos, o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín


Santiago, 11 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a Liga Galega de Hip Hop Xunta de Galicia, da man da presidenta da Federación Galega de Baile, Graciela Toba.

Lete Lasa fixo un percorrido pola evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se creou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, en consonancia coa aposta do COI polos deportes urbanos no programa olímpico. Dende aquela, a Federación Galega de Baile, creada en 2023, conta xa con case 600 licenzas, das que o 78% son femininas; a Liga Xunta de Galicia de Breaking encara en 2024 a súa cuarta edición; e Galicia conta xa con dous campións de España de break dance como son David Amor (en sub-21) e Alicia Babarro (júnior).

Grazas a esta nova liga de baile de hip hop, novos estilos de baile chegarán -tanto de xeito individual como grupal- a todos os que queiran participar nas categorías baby (deportistas nados entre os anos 2015 e 2020), infantil (deportistas nados entre os anos 2012 e 2014), júnior (deportista nados entre os anos 2009 e 2011), youth (deportistas nados entre os anos 2006 e 2008), absoluta (deportistas nados entre os anos 2005 e anos anteriores), premium (deportistas nados entre o ano 1994 e anteriores). Todos estes grupos constarán dun mínimo de catro deportistas e un máximo de 20. Ademais, a categoría megacrew (deportistas nados entre o ano 2013 e anteriores) serán grupos dun mínimo de 20 deportistas e un máximo de 50.

A liga galega comprende catro probas que comezarán este domingo en Narón (A Coruña), para continuar o 12 de maio en Mugardos (A Coruña), o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín (Pontevedra).

Categorías: Deportes

Nilo Rubén Pérez campión +70 no MT400 Valencia

Lun, 08/04/2024 - 11:45

Grandes resultados para Nilo Rubén Pérez Calo do Club Tenis A Tobeira no MT400 Valencia. Quedou campión da categoría +70 e da modalidade de dobres +65.


Na categoría individual +70 gañou a Paco Colado Pines por 7-5 6-3 en cuartos de final, a Marc Van Dalem (BEL) 6-3 6-4 nas semifinais e finalmente a Antonio Ferragut Ramis (ESP) na disputada final 6-1 4-6 14-12.

En dobres +65 estivo emparellado con Francisco Javier Montoliu Taranco, venceron na final a Gerald Girdler (CAN) / Richard Walmsley (GBR).

Ligazóns
Categorías: Deportes

Luis Ordieres Canal campión de dobres +50 no ITF MT400 Barcelona

Lun, 08/04/2024 - 09:44

Bo resultado de Luis Ordieres Canal, xogador do Club de Tenis A Tobeira, no ITF MT400 de Barcelona celebrado a última semana de marzo no David Lloyd Club.


Formando parella co ruso Pavel Khoroshev na proba de dobres +50, conseguiron o título, vencendo na final 6-4 6-4 á parella hispano-italiana formada por Jose Carlos Bonet e Giacomo Bonora.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Martín De la Puente finalista de dobres no Seoul Korea Open

Lun, 08/04/2024 - 09:42

Martín logrou ser finalista na proba de parellas do Seoul Korea Open con Joachim Gerard (BEL).


Perderon na final ante Tom Egberink e Maikel Scheffers (NED).

Na proba de individual, Martín venceu por 6-0 6-1 ao francés Yoann Quilliou na primeira rolda e na segunda ao xogador local Sung-Bong Han cun dobre 6-3. Takuya Miki, número 11 do ranking mundial, eliminouno en cuartos de final.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa anuncia que a finais do presente ano Galicia será a comunidade pioneira cunha conta satélite do deporte

Ven, 05/04/2024 - 16:58

Destaca a importancia das administracións na xestión tanto do deporte profesional coma o non profesional e indica que o futuro pasa por dar resposta aos catro principios de gobernanza, transparencia, sostibilidade financeira e solidariedade financeira



Muxía (A Coruña), 5 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe mesa redonda ‘Industria do deporte profesional en Galicia: máis alá do negocio e o espectáculo’ no marco da XIII Reunión anual do Foro Económico de Galicia. Alí, Lete Lasa anunciou que cara a fin do ano 2024 Galicia será a comunidade pioneira en contar cunha conta satélite do deporte.

Este obxectivo, da man do Instituto Galego de Estatística, posibilitará o coñecemento e a toma de decisións ao redor do sistema deportivo en Galicia grazas á enorme utilidade que proporciona a información testada e os datos procedentes dos distintos e variados parámetros económicos do deporte. No momento actual calcúlase que o deporte galego representa o 2,5% do PIB de Galicia, cun volume anual de negocio que ronda os 1.600 millóns, e que e que xera arredor de 12.000 postos de traballo.

Lete Lasa destacou a importancia que teñen as administracións na xestión tanto do deporte profesional coma o non profesional e indicou que o futuro do deporte pasa por dar resposta aos catro principios básicos de gobernanza, transparencia, sostibilidade financeira e solidariedade financeira.

Desde as administracións, dixo, debemos ofrecer seguridade xurídica aos actores deportivos e levar a cabo unha aposta decidida polo deporte non profesional. Neste sentido destacou o Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia, que nesta tempada 2023-2024 chega aos 3,7 millóns de euros e beneficiará a uns 225 equipos. Do mesmo xeito sinalou ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva como o centro da excelencia deportiva galega con 168 deportistas becados e cun gasto anual de 3 millóns de euros, do que teñen saído 26 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos. Lete Lasa tamén fixo referencia aos deportistas galegos de alto nivel que na última resolución xa son 1.173 recoñecidos e que tras acadar en 2023 o récord de axudas chegando a preto de 700.000 euros, neste 2024 volverán contar con outros 600.000 euros.

Categorías: Deportes

Lete Lasa enxalza a traxectoria de Susana Rodríguez Gacio nos Premios Nacionais do Deporte 2022

Xov, 04/04/2024 - 13:37

Lembra que a Xunta propón este ano á deportista viguesa como candidata ao Premio Princesa de Asturias 2024 e amosa o seu convencemento de que “conta con méritos máis que suficientes para optar ao recoñecemento”



Madrid, 4 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe á entrega dos Premios Nacionais do Deporte 2022 celebrada no Palacio Real de El Pardo e presidida polos Reis de España. A deportista viguesa de tríatlon e atletismo (1.500 metros), Susana Rodríguez Gacio, recibiu o Premio Raíña Letizia, máximo galardón dos Premios Nacionais do Deporte que a recoñece como a mellor deportista muller do ano 2022. A galega é a primeira deportista con discapacidade que recibe esta distinción destes galardóns.

O mandatario galego gabou a traxectoria de Susana Rodríguez e destacou o seu “inmenso palmarés” no que locen os seus cinco campionatos do Mundo, catro de Europa e, por suposto, a medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Toquío á que hai que sumarlle o diploma olímpico nos 1.500 metros. Asemade, Lete Lasa destacou que o exemplo de Susana vai moito máis aló do eido deportivo porque “envía a todo o mundo unha mensaxe de ánimo e esperanza ao demostrar que con traballo, esforzo e sacrificio pódese superar calquera barreira”.

Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia propón este ano á deportista viguesa como candidata ao Premio Princesa de Asturias 2024 e amosou o seu convencemento de que “Susana conta con méritos máis que suficientes para optar ao recoñecemento”.

Categorías: Deportes

O secretario xeral anuncia a posta en marcha da Liga Galega de Hip-Hop na presentación do ‘Move it Vigo’ que reunirá no IFEVI a 1.200 bailaríns

Mér, 03/04/2024 - 23:03

Aposta pola compatibilidade de usos dos recintos feirais como vén facendo a Xunta no recinto feiral de Expourense coa mellor pista de atletismo cuberta de España; no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cun dos mellores rocódromos de todo o país; ou no propio IFEVI coa instalación do módulo de atletismo cuberto


Vigo, 3 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar a terceira edición da competición de danza urbana Move It Vigo que terá lugar o vindeiro 6 de abril nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo – IFEVI e que xuntará a 1.200 bailaríns de toda Galicia e das provincias de León, Valladolid, Salamanca, Las Palmas, Lanzarote, Tenerife ou Asturias.

Lete Lasa fixo un percorrido pola evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se creou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, en consonancia coa aposta do COI polos deportes urbanos no programa olímpico. Dende aquela, a Federación Galega de Baile, creada en 2023, conta xa con case 600 licenzas, das que o 78% son femininas; a Liga Xunta de Galicia de Breakin encara en 2024 a súa cuarta edición; e Galicia conta xa con dous campións de España de break dance como son David Amor (en sub-21) e Alicia Babarro (júnior).

O mandatario galego confirmou a continuidade desta aposta polo baile deportivo e anunciou o lanzamento da Liga Galega de Hip Hop da man da Federación Galega de Baile. Serán catro probas que comezarán o próximo 14 de abril en Narón, para continuar o 12 de maio en Mugardos, o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín, nas que participarán todos os bailaríns desde a categoría baby (nacidos entre 2015 e 2020) ata a categoría premium (nados antes de 1994).

Todas estas categorías tamén estarán representadas na competición de danza urbana apoiada pola Xunta ‘Move It Vigo’ e que estará orientada na súa expresión musical e artística a todos os estilos da cultura Hip Hop, como son o Breakdance, Krump, Popping, Locking, House Dance, New Style, Waacking, Voguing, Dancehall, Afro moves ou Comercial Dance, entre outros. Deste xeito a Xunta segue apostando pola compatibilidade de usos dos recintos feirais como xa fixo no recinto feiral de Expourense coa mellor pista de atletismo cuberta de España; no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cun dos mellores rocódromos de todo o país; ou no propio IFEVI coa instalación do módulo de atletismo cuberto.

Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca o deporte como o principal motor da saúde e a felicidade dos nenos na presentación do Torneo Internacional de Fútbol Base Congalsa

Mar, 02/04/2024 - 21:19

Destaca o carácter benéfico do torneo que, grazas ao traballo de Julio Mariño, doará o importe recadado á Fundación Aladina que dende 2005 traballa co obxectivo de axudar aos nenos e adolescentes con cancro e as súas familias



Ribeira (A Coruña), 2 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base Concello de Ribeira. Alí, o mandatario galego, destacou a importancia do deporte como “principal motor da saúde e a felicidade dos nenos e das nenas”.

Neste sentido destacou a importancia do Programa Xogade que a tempada pasada acadou o récord de nenos e nenas mutualizados, con preto de 135.000 e de campañas como o Bono Deporte que repartiu 115.000 axudas para os gastos deportivos dos rapaces e rapazas federados ou no devandito Programa Xogade. Lete Lasa destacou a importancia de que este torneo sexa de competición mixta (moitos dos equipos contan con xogadoras), xa que mentres nas licenzas federativas galegas hai un 26% de mulleres, o Programa Xogade conta co 38% e se nos centramos só na actividade escolar a participación feminina sobe ata o 46,5%.

En total serán 45 equipos os que xogarán o 25 e o 26 de maio no campo da Fieteira e entre os que estarán clubs de grande importancia como Betis, Zaragoza, Villarreal, outros internacionais como Porto, Sporting de Lisboa, Benfica, Racing Club de France, e un invitado mi especial que será o rival a bater, o Real Madrid.

Lete Lasa destacou o carácter benéfico do torneo que, grazas ao traballo de Julio Mariño, doará o importe recadado á Fundación Aladina que dende 2005 traballa co obxectivo de axudar aos nenos e adolescentes con cancro e as súas familias. Nas cinco edicións anteriores, a Fundación Aladina xa recibiu grazas a este torneo un total de 28.000 euros.

Categorías: Deportes

Jessica Bouzas imparable, gaña o seu primeiro WTA 125 en Antalya

Lun, 01/04/2024 - 09:03

Jessica Bouzas Maneiro acadou o título de campioa no torneo WTA 125 de Antalya (Turquía) dotado de 115.000 dólares en premios.


A arousá, número 127 do mundo, superou a Irina-Camelia Begu de Rumania en 2 horas e 28 minutos.

Nas primeiras roldas, Jessica eliminou a Panna Upvardy 2-6 6-3 6-3 e venceu a Leyre Romero Gormaz 6-1 7-5. Gañou a Polina Kudermetova por 2-6 7-5 6-3 nos cuartos de final e nas semifinais desfíxose facilmente da suíza Simona Waltert por 6-2 6-3.

Con esta vitoria, Jessica está agora moi preto dun posible debut no Top 100 do ranking mundial.

Ligazóns
Categorías: Deportes

O Deporte Galego de alto nivel segue batendo récords e chega xa aos 1.173 deportistas recoñecidos

Lun, 25/03/2024 - 15:48

As dez federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos son piragüismo (172), fútbol (82), atletismo (82), salvamento e socorrismo (80), taekwondo (80), patinaxe (55), vela (55), remo (53), halterofilia (33) e tríatlon e péntatlon moderno (32)


Santiago, 25 de marzo de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 15 de marzo de 2024 sobre a relación vixente de persoas deportistas de alto nivel, alto nivel vitalicio, alto rendemento, rendemento deportivo de base, xuíces, árbitros e técnicos. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.173, sendo 458 mulleres (40%) e 715 homes (60%).

Arredor do 78% (911) de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (344 mulleres e 567 homes). Ademais, hai 121 deportistas de rendemento deportivo de base (63 mulleres e 58 homes); 85 deportistas de alto rendemento (30 mulleres e 55 homes); 30 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 26 homes); 16 árbitras e xuízas (doce mulleres e catro homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 37 deportistas galegos con diversidade funcional, o número máis alto da historia (trece mulleres e 24 homes).

Máis polo miúdo, as dez federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos e recoñecidas son piragüismo (172), fútbol (82), atletismo (82), salvamento e socorrismo (80), taekwondo (80), patinaxe (55), vela (55), remo (53), halterofilia (33) e tríatlon e péntatlon moderno (32).

Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Récord tamén nas axudas

Cómpre salientar tamén o ano 2023 que vén de rematar como un ano de récords no que respecta ás axudas para os deportistas galegos recoñecidos. No mes de outubro a Fundación Deporte Galego publicaba a resolución da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2023’. Estas axudas, convocadas no mes de maio contaban cun orzamento inicial de 500.000 euros e foron incrementadas ata preto dos 700.000 euros (680.940 euros), marcando un novo récord que supuxo un 12% máis que o exercicio de 2022, cando xa se había acadado o máximo histórico. En total, foron concedidas 445 axudas DGAN. Cómpre lembrar que, nesta edición 2023 volveuse optar polo modelo dunha única convocatoria para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023.

Neste 2024, a Fundación Deporte Galego reserva outros 600.000 euros para as axudas DGAN. Nas vindeiras datas sairá a primeira convocatoria cun importe inicial de 250.000 euros para os deportistas que están na carreira olímpica e paralímpica para París 2024.

Ademais, no mes de novembro resolveuse a primeira convocatoria de axudas para persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel da historia -Axudas TAXAGAN 2023- que chegou a un total de 25 persoas beneficiarias -16 persoas técnicas/adestradoras e nove persoas xuízas/árbitras- cun total de 45.500 euros, o que representa un incremento do 52% do seu orzamento inicial que era de 30.000 euros.

 

Categorías: Deportes

Lete destaca a puxanza galega do hóckey patíns con novos éxitos como os das rapazas do Raxoi que veñen de proclamarse subcampioas da Copa Princesa

Xov, 21/03/2024 - 16:11

Enxalza ao equipo feminino que ademais está a facer unha excelente tempada na segunda máxima categoría do hóckey patíns feminino ocupando a segunda posición que suporía o seu ascenso á OK Liga Feminina




Santiago, 21 de marzo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe ao Hóckey Club Raxoi que vén de proclamarse subcampión da Copa SAR a Princesa Feminina de hóckey patíns 2024 en Mieres, Asturias. O mandatario galego destacou o “enorme traballo” do equipo compostelán co que queda demostrado, unha vez máis, o “excelente estado de saúde do deporte feminino que cada semana enche de éxitos as vitrinas do deporte galego”.

Na recepción celebrada nas dependencias da Secretaría Xeral para o Deporte, na que estiveron presentes a vicepresidenta, Covadonga Rodríguez; a adestradora, Ainhoa García e oito xogadoras, Lete Lasa reforzou o compromiso da Xunta de Galicia co Hóckey Club Raxoi que xa é un equipo consolidado no Plan de Patrocinio Publicitario dos equipos de alta competición de Galicia que desenvolve a Fundación Deporte Galego dende 2022. Ademais, o secretario xeral lembrou outras axudas que recibiu o Raxoi con respecto a actividade, reactivación ou equipamento que contribuíron a que as axudas da Xunta cheguen aos 40.500 euros desde 2009.

Lete Lasa enxalzou ao equipo feminino do Hóckey Club Raxoi que ademais deste subcampionato está a facer unha excelente tempada na segunda máxima categoría do hóckey patíns feminino ocupando a segunda posición da clasificación da OK Liga Prata Feminina, o que suporía o seu ascenso á OK Liga Feminina. Neste sentido, o secretario xeral puxo de manifesto a importancia de Galicia como potencia no hóckey patíns con equipos como o Hóckey Club Liceo -equipo máis laureado de Galicia- e o Hóckey Club Coruña, ambos os dous equipos pelexando nos postos máis altos das máximas categorías masculina e feminina, respectivamente. Por último, Lete Lasa desexou tamén a mellor das sortes ao Hóckey Club Cambre e ao Hóckey Club Ponteareas que acompañan ao Raxoi na segunda máxima división estatal.

Categorías: Deportes

Lete enxalza a tecnificación deportiva galega que vén de levar a dúas rapazas do NADE de surf ao Mundial de El Salvador

Mar, 19/03/2024 - 15:22

Cristina del Llano, pertencente a "La vieja escuela by After surf" da Coruña, acudirá ao Mundial como titular e Daniela Alonso do club Dacss de Nigrán (Pontevedra), farao como suplente



Santiago, 19 de marzo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe a Cristina del Llano e Daniela Alonso, dúas deportistas do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) da Federación Galega de Surf que veñen se ser convocadas pola Federación Española de Surfing para o ISA World Junior Surfing Championship que terá lugar en El Salvador do 3 ao 12 de maio, concretamente na categoría sub 16. Por unha banda, Cristina del Llano, pertencente a "La vieja escuela by After surf" da Coruña, acudirá ao Mundial como titular. Pola outra, Daniela Alonso do club Dacss de Nigrán (Pontevedra), farao como suplente.

Ambas as dúas surfistas pertencen ao Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) que a federación galega desenvolve en Nigrán da man da Xunta de Galicia. O NADE de surf contribúe a identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma e traballar nas futuras metas dun deporte que xa é olímpico dende os pasados Xogos de Toquío da man do seu coordinador Coque Araújo. ‘Calidade Surfing’ representa o interese estratéxico do surf galego, encamiñado á participación dos deportistas galegos en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.

O mandatario galego destacou a importancia desta convocatoria porque reflicte á perfección o traballo que se está a realizar no NADE, inaugurado pola Xunta en marzo de 2022 e que supón unha actuación estratéxica xa que o surf é olímpico dende os últimos Xogos de Toquío 2020. Neste sentido, Lete Lasa subliñou o excelente estado de saúde do surf en Galicia, nomeadamente nas idades máis temperás, xa que o 63% de todas as licenzas federativas -1.328 sobre 2.116- son de rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. Ademais, destacou que a de surf é unha das federacións con maior igualdade cun 43% de mulleres. Cómpre salientar que é a primeira vez que un deportista galego acude a un mundial na modalidade olímpica de surf desde que o fixera Gony Zubizarreta no ano 2018.

Categorías: Deportes

‘Xogade coas motos’ seguirá levando a primeira experiencia de motociclismo aos nenos e nenas galegos grazas ao apoio da Xunta

Ven, 15/03/2024 - 18:56

A segunda edición do programa levado a cabo pola Secretaría Xeral para o Deporte da man de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo, comeza mañá en Monterroso (Lugo) para viaxar despois a San Cibrao das Viñas (Ourense), A Laracha (A Coruña), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)



Santiago, 15 de marzo de 2024.- A Xunta de Galicia, da man de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo, vén de anunciar o calendario da segunda edición de ‘Xogade coas motos’, a actividade de motociclismo do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), dirixido a todos aqueles rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos que queiran probar unha moto de velocidade por primeira vez e que, de novo, viaxará polas catro provincias galegas ata a fin de 2024. Cómpre salientar que no programa de 2023 participaron uns 110 rapaces e rapazas dos cales unha decena xa adestran con frecuencia de cara a comezar a competición nos vindeiros anos.

En total serán seis eventos que circularán por Galicia: mañá 16 de marzo terá lugar o primeiro evento en Monterroso (Lugo) que xa conta co aforamento completo e a participación de 40 nenos e nenas. Máis tarde o programa viaxará a San Cibrao das Viñas (Ourense) o 27 de abril; á Laracha (A Coruña) o 25 de maio; a Betanzos (A Coruña) o 29 de xuño; ás Pontes de García Rodríguez (A Coruña) o 31 de agosto; e a Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) o 12 de outubro.

‘Xogade coas motos’ pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos á velocidade. A actividade ten como finalidade saber se ao neno gústalle o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición. Os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o nivel do pequeno e informarán aos pais do nivel no que se atopan. Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que os pais teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións. Ademais, estas xornadas son posibles grazas ao seguro do Programa Xogade, a cargo da Xunta de Galicia.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou a importancia de achegar o deporte de motor aos máis pequenos e con toda a seguridade, nun momento no que moitos dos rapaces e rapazas queren imitar aos seus ídolos que están a destacar no panorama mundial do motocrós, como Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez; ou do trial, como Gabriel Marcelli ou Jorge Casales.

O horario da xornada de mañá será de 10,00 a 12,00 horas da mañá e de 16,00 a 20,00 da tarde. Polo serán o campión galego de minimotos, Iker García realizará unha exhibición e falará cos demais nenos e nenas das súas experiencias. Ao final da xornada entre os sete monitores da actividade escollerase a un neno ou nena para compartir un día de carreira con pilotos en activo no circuíto de Outeiro de Rei (Lugo).

Categorías: Deportes

Lete Lasa defende un “deporte plural para todos e para todas” nas xornadas de deporte adaptado de ENKI en Pontevedra

Xov, 07/03/2024 - 21:52

O secretario xeral agradeceu o traballo da Fundación Enki que o pasado ano foi recoñecida co Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa





Pontevedra, 7 de marzo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no Encontro provincial das xornadas de deporte adaptado en centros educativos galegos que organiza a Fundación Enki para escolares e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Tras o primeiro encontro celebrado este luns coa participación de colexios da Coruña e este encontro celebrado hoxe cos colexios da provincia de Pontevedra de CEIP de Ponte Sampaio (Pontevedra), CEIP A Lama (Pontevedra), CEIP Xesús Ferro Couselo (Valga), CEIP Do Foxo (A Estrada) e CEP Doutor Fleming (Vigo), a iniciativa de Enki chegará a Ourense e a Lugo os vindeiros 11 e 13 de marzo.

Lete Lasa destacou esta iniciativa que reforza o traballo da Xunta en prol do deporte adaptado e inclusivo como demostra o Programa Xogade que xunta a oferta deportiva federada e escolar para os rapaces entre 6 e 16 anos e que nesta tempada 2023/2024 leva a cabo a súa edición máis inclusiva con novas actividades como o voleibol sentado e a organización de competicións por equipos como, por exemplo, bádminton ou tenis de mesa, coa finalidade de garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan diversidade funcional. O mandatario galego asegurou aos rapaces e rapazas que actividades coma estas transmiten valores tan importantes como “a tolerancia, o respecto, a resiliencia e a capacidade de superación” e lembrou aos máis pequenos que o deporte é “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas”.

O secretario xeral lembrou que en Toquio 2020 competiron 14 deportistas paralímpicos galegos e dous guías dos que o 87,5% regresaron entre os oito mellores do mundo. Neste sentido asegurou que Galicia está en condicións de mellorar estes datos para París 2024. Ademais, Lete Lasa agradeceu o traballo da Fundación Enki que o pasado ano foi recoñecida co Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca o excelente estado de saúde da natación feminina na presentación do Campionato Universitario Galego

Lun, 26/02/2024 - 16:52

Esta será a terceira edición do Campionato Universitario dende a pandemia, logo das edicións de 2022 -organizada pola Universidade de Vigo en Ourense- e de 2023 -organizada pola Universidade da Coruña en Ferrol-


Santiago, 26 de febreiro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación do Campionato Universitario de Natación que se celebrará o 29 de febreiro na piscina universitaria de Santiago de Compostela. O mandatario galego lembrou a importancia da actividade física nos máis novos e sobre todo dun deporte como a natación “que exercita dous terzos de todos os nosos músculos”.

Lete Lasa destacou que esta será a terceira edición do Campionato Universitario dende a pandemia, logo das edicións de 2022 -organizada pola Universidade de Vigo en Ourense- e de 2023 -organizada pola Universidade da Coruña en Ferrol-. O secretario xeral lembrou a igualdade dun deporte como a natación que conta con preto de 5.250 licenzas federativas, repartidas practicamente ao 50% entre os dous sexos, pero cunha lixeira maioría de mulleres.

O mesmo ocorre neste Campionato Universitario de Natación que conta con maior participación feminina polo que o responsable do Deporte galego salientou o excelente estado de saúde da natación feminina galega grazas aos éxitos acadados por nadadoras como Carla Carrón, Paula Otero ou María de Valdés, que vén de acadar praza olímpica para París 2024, tras a súa medalla de prata no Mundial de Augas Abertas.

Categorías: Deportes

Aranai Martínez cede nos cuartos de final do J30 Setubal

Lun, 26/02/2024 - 10:33

Aranai Martínez Quitana perde nos cuartos de final do Internacional J30 Setubal.


Aranai eliminou a Sophia Adil (MAR) na primeira rolda 6-2 6-3, na segunda a Barbara Brito (POR) 6-1 6-2 e en oitavos de final a Gabriela Maria Vancea (ROU) 4-6 6-4 6-4.

A española Coral Valle, gañadora do torneo, eliminouna en cuartos de final.

Esta semana Aranai participará no J30 de Porto, ¡moita sorte!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Bo resultado para Jessica Bouzas no W125 Puerto Vallarta Open de México

Lun, 26/02/2024 - 09:44

Jessica Bouzas conseguiu un bo resultado, chegando aos cuartos de final do W125 Open de Puerto Vallarta de México.


Na primeira rolda eliminou a Taylor Twonsend, xogadora número 82 do mundo e en oitavos de final gañou por un dobre 6-4 á tenista checa Linda Fruhvirtová con ranking ITF 122.

Nos cuartos de final perdeu 6-4 4-6 2-6 ante a arxentina Maria Lourdes Carle, recente campioa do W75+H Vero Beach, FL (ITF 106).

Ligazóns
Categorías: Deportes


by Dr. Radut