Biblioteca

OS NOSOS LIBROS FAVORITOS

O CEIP de Arzúa conta cunha canteira impresionante de afeccionados á lectura que saben que é un hábito moi saudable ademais dunha compañeira de viaxe moi especial. Nestes días de confinamento descubrimos a grande compañía que nos fan os nosos amigos, os libros. O amor polos libros supón, en definitiva,  amor pola vida. 

Vendo os vídeos dos nosos lectores e lectoras máis novos descubrimos que os libros viven dentro de nós, e os nosos nenos e nenas teñen unha arte especial para narralos.

Cos vídeos dos nosos lectores e lectoras máis maiores descubrimos que o mundo está cheo de libros fermosos que nos convidan a ler para que desfrutemos do pracer da lectura como o gozaron eles. 

 

 

Ler é moi importante porque coa lectura non só aprendemos moitas cousas senón que tamén nos facemos mellores persoas. Os libros son compañeiros, mestres, magos... Neles hai máis tesouros que en todo o botín dos piratas da Illa do Tesouro. Isto sábeno moi ben os nenos e as nenas do noso colexio que, nesta data tan especial, quixeron compartir con nós os seus libros favoritos, e se vos parecen fermosos por fóra, imaxinade o paraíso que podedes atopar dentro deles.

Animádevos e lede, hoxe e sempre, desfrutaredes máis da vida. Aquí vos deixamos un montón de propostas... 

PREME AQUÍ PARA VELAS

 

Moitas grazas a todas e a todos os que colaboráchedes.

FELIZ DÍA DO LIBRO! 

ESTE ANO O DÍA DO LIBRO CELEBRÁMOLO NA CASA EN FAMILIA

Con motivo da celebración do Día do Libro aquí vos deixamos un deses marabillosos contos da nosa querida narradora Erica para que o desfrutedes na casa e en familia. Grazas a Erica pola súa xenerosa colaboración. 

 

 

Tamén o grupo A Xanela do Maxín, de Guindastre Edicións, nos ofrece un video completo do conto "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza", que tanto éxito ten entre os nosos lectores e lectoras máis novos. Grazas tamén a este grupo editorial pola súa altruísta aportación.

  

Desexamos que sexan do voso agrado. Feliz Día do Libro.

DÍA DO LIBRO 2020

 

Un saúdo e saúde para toda a comunidade educativa do CEIP de Arzúa.

Con motivo da celebración do Día Mundial do Libro o vindeiro xoves 23 de abril desde o Equipo de Biblioteca do colexio queremos propoñervos un par de actividades nas que esperamos vos animedes a participar.

1. Podedes facernos chegar fotos,vídeos ou audios(30 segundos ou 1 minuto) sobre algún libro que vos guste ou que esteades a ler.

2. Podedes facer un debuxo ou usar as nosas plantillas para promocionar o voso libro favorito.

Animádevos a participar!

O correo electrónico para enviar os vosos traballos é:biblioteca@arzua.net


MODELO PARA EDUCACIÓN INFANTIL,1º E 2º DE PRIMARIA: PREMEDE  AQUÍ

MODELO PARA 3º,4º,5º E 6º DE PRIMARIA: PREMEDE AQUÍ

LEMOS A REVISTA ESCOLAR "O PAPAGAIO" NA CASA

Para todas e todos os amantes do xornal "O papagaio", que xa o ollaban en papel na nosa biblioteca, temos boas novas: tedes a posibilidade de lelo e desfrutalo en formato dixital e sen saír da casa. Lembrade que trataba temas moi interesantes de ciencia, ecoloxía, historia, literatura, arte...dun xeito ameno e divertido.

Grazas a todas as editoriais e distribuidoras pola vosa solidariedade e xenerosidade ao achegarnos todos estos materiais educativos de balde, e por facernos máis levadía esta situación excepcional.

PREME AQUÍ PARA ACCEDER AO PAPAGAIO

OS CONTOS DE ERICA NON PARAN!

 A nosa querida contacontos Erica González volve a poñerse en contacto con nos para que desfrutedes dunha nova historia na nosa particular biblioteca virtual:"Felipe tiene gripe". Esperamos que vos guste.

Gracias Erica por compartila con nos e seguir acercando, deste xeito, os nosos pequenos lectores e lectoras ao mundo dos libros e dos contos que tanto lles motivan e emocionan.

 

 

BIBLIO NA CASA

O Equipo de Biblioteca quere informarvos de que nos achegaron varios enlaces a obras literarias que se poden ler on line e gratuitamente. Trátase de títulos para Educación Infantil e Primaria que pon a nosa disposición o grupo Anaya, a quen lle agradecemos este xesto de xenerosidade en estos difíciles momentos tamén para as nosas bibliotecas. E para todo o alumnado do centro un abrazo grande e moito ánimo. Lembrade que os libros son unha grande compañía, unha útil ocupación e permítennos viaxar moi lonxe sen saír da casa.  

La A aventurera

Caperucita de colores

Mis primeros cuentos cortos

Lola Pimienta y el secuestrador de perros

Feliz Feroz o lobo riquiño

Vaia tropa

Dragal a estirpe do dragón

ERICA GONZÁLEZ COMPARTE UN CONTO CON NOS DESDE A CASA

A nosa querida amiga Erica González, narradora e actriz, que xa leva dous anos visitando a nosa biblioteca cos seus magníficos espectáculos de contacontos, quere lembrarnos que onte foi o Día Mundial da Narración Oral 20 M, e aproveitando que estos días estamos na casa enviounos este vídeo cun conto que lle gusta moito ao alumnado de E. Infantil "A tartaruga que quería durmir". Que o desfrutedes en familia. Grazas Erica por compartilo co noso centro.

 

 

MOCHILAS VIAXEIRAS

As mochilas viaxeiras están pensadas para que o alumnado de educación infantil leve nelas, en préstamo temporal, os libros que sexan do seu interese e que logo compartirán coa súa familia. A Biblioteca escolar do CEIP de Arzúa solicitou 100 destas mochilas, á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, que foron recibidas recentemente e repartidas entre o seu alumnado de educación infantil. Estas bolsas, a parte de protexer estes materiais tan valiosos e atractivos, como son os libros, proporcionan un motivo de encontro entre os distintos membros da familia, ao mesmo tempo que reforzan o vínculo entre familia e escola no seu labor común de formación dos lectores e das lectoras máis novas. 

 

 

 

 

 

EDUCANDO EN IGUALDADE

 

 

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller adicamos un recuncho da nosa biblioteca a promocionar lecturas que promoven unha educación en igualdade na que os nenos e as nenas teñan as mesmas posibilidades de desenrolar as súas capacidades e habilidades sen limitacións por cuestión de xénero. Trátase de recursos para levar a coeducación ao propio entorno persoal e familiar, e que brindan ao alumnado a oportunidade de medrar e aprender en igualdade. A maioría dos títulos son novas adquisicións: Grisela, Once damas atrevidas, A miña familia 3+1 = 7, O libro dos porcos, Orellas de bolboreta, etc; e outros formaban parte xa dos nosos fondos bibliográficos. Que os desfrutedes!

 

ACTIVIDADE DE CONTACONTOS PARA E.INFANTIL: "ROSA CARAMELO".

Un grupo de alumnos e alumnas colaboradores da biblioteca escolar levaron a cabo unha actividade que consistía en contarlle un conto ao alumnado de Educación Infantil. O libro escollido foi "Rosa Caramelo" porque trata o tema de igualdade de xénero e vimos de celebrar recentemente o Día Internacional da Muller. Neste conto fálase dunha manda de elefantes na que as elefantas son de cor rosa, agás Margarida. De contado esta rebelde e esperta elefantiña descubrirá que as do seu xénero teñen prohibido facer cousas que están reservadas para os machos. Margarida non acepta esta tradición e amósalle ás súas compañeiras que a igualdade pode ser unha realidade.

Despois da narración dramatizada do conto de Adela Turín o alumnado colaborador da biblioteca propúxolle unhas cuestións aos máis pequenos e pequenas para reflexionar sobre a lección que nos ensina esta historia: todos e todas temos os mesmos dereitos e non podemos ser discriminados por razón de xénero.

Para rematar a actividade cantaron e bailaron todos xuntos por un mundo mellor no que o importante é  a igualdade dentro da diversidade.

Grazas a todas e todos por facer posible esta fermosa e gratificante actividade.

 

 

 

 

 

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet