Biblioteca

24 DE FEBREIRO-DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Estivemos, durante unha semana, facendo diversas actividades arredor da figura desta escritora emblemática.

O mural colectivo reflicte ese pensamento libre de Rosalía para enxalzar o patrimonio cultural da súa terra. Repartimos poemas entre todas as titorías e cada unha escribiu uns versos dun poema de Rosalía dentro da silueta dunha bolboreta, que despois ilustrou. 

Aquí tedes o resultado!!

Nalgunhas aulas, o alumnado elaborou a súa propia portada do libro "Cantares Gallegos".

                 

 

O 22 de febreiro reunímonos todas e todos para homenaxear a Rosalía, no salón de actos do colexio. Comezamos visionando un vídeo dos Bolechas, que fai un repaso dalgúns dos seus poemas.

Despois foi subindo ao escenario unha representación de cada titoría, para ler distintos poemas da escritora: "Has de cantar", "Imos bebendo", "Campanas de Bastabales", "Vente rapasa", "Airiños, airiños, aires", "Como chove miudiño"...

   

  

                    

                     

Sumámonos á iniciativa que puxo en marcha a Fundación Rosalía de Castro: "Caldo de Gloria", inspirada no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Neste poema, unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Cando chega á súa casa mollada e esfameada consegue facer un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz. 

O alumnado de 5ºB fixo a lectura deste poema "Miña casiña, meu lar", porque o CEIP de Arzúa tamén serviu neste día caldo no seu menú, para homenaxear a Rosalía de Castro. 

 

E para rematar, todas e todos cantamos "Adiós ríos, adiós fontes", coa axuda de Lois, José Luis e as súas guitarras.

 

O 25 de febreiro, o alumnado de E. Infantil- 5 anos, 1º e 2º de E. Primaria acudirán ás 11:30h á Casa da Cultura de Arzúa para escoitar os poemas musicados de Rosalía de Castro, interpretados pola cantante galega Uxía. 

PAULA CARBALLEIRA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Hoxe recibimos no noso colexio á escritora Paula Carballeira, que lles veu falar ao alumnado de 5º E. Primaria do seu libro "Bruxa e familia". Este é un libro para os que queren superar os seus medos, para os curiosos e curiosas, para os que non foxen das teas de araña... 

Paula contounos que no seu libro hai unha parte de realidade e outra de ficción. E relatándonos esas verdades que aparecen nel, achegámonos un pouco máis á vida e personalidade desta escritora que nos cativou a todas e a todos.   

                             

                        

Grazas Paula por axudarnos a mirar ao noso redor con outros ollos, por reivindicar o respecto polos animais, por destacar o valor de persoas tan entrañables nas nosas vidas como os nosos avós e avoas... e por recoller todo isto nun libro.

CONTACONTOS "LEONOR Y LA PALOMA DE LA PAZ"

Un grupo de alumnos e alumnas que colaboran voluntariamente coa Biblioteca Escolar, dentro do programa Bibliotecas Escolares Solidarias, e que contribúen dun xeito solidario a dinamizar a biblioteca, organizaron, xunto co profesorado de Biblioteca ,unha actividade de lectura compartida con motivo da conmemoración do Día da Paz. Nove alumnos e alumnas colaboradores prepararon o conto "Leonor y la paloma de la paz" co fin de motivar e facer gozar ao alumnado de Educación Infantil do mundo do contos e espertar neles o interese polos libros.

 

Tamén dialogaron cos máis pequenos sobre a mensaxe de empatía e amizade que había no conto narrado. 

 

E cantaron todos xuntos pola amizade e a paz.

 

Grazas a todo o alumnado colaborador da Biblioteca pola súa labor altruísta e desinteresada.

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Un ano máis, o día 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Dende a Biblioteca Escolar apostamos pola educación e a cultura como armas poderosas que poden cambiar o mundo. As bibliotecas son armas de instrución cargadas de futuro. Nelas atopamos os mellores instrumentos para entender a importancia da empatía, da convivencia e da resolución pacífica de conflictos. Apostamos pola cultura da paz que amosa o noso mural cheo de libros que os nenos e nenas de E.Infantil e Primaria leron, traballaron e nos que descubriron valores de paz, tolerancia, amizade, respecto, empatía, diálogo... como formas de derrotar culturamente á violencia.

Todos estas reflexións foron logo postas en común nun pequeno acto conmemorativo que levaba por título: "Para que haxa paz...¨"

 

O ESCRITOR PABLO NOGUEIRA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Hoxe estivo na nosa biblioteca o escritor Pablo Nogueira, autor do libro "Nube Branca quere ser astronauta". Trátase dun conto de carácter lúdico e didáctico no que a protagonista desexa ver as estrelas de preto e coñecer a lúa e os planetas... Unha temática que entusiasma ós máis pequenos. O alumnado de primeiro e segundo de primaria tivo ocasión de escoitar en boca do propio autor o conto e fixéronlle unha morea de preguntas sobre as curiosidades que a lectura do libro espertou neles. Tamén houbo un intre para que o escritor lles asinase o exemplar do mesmo que eles mercaran, e foi agasallado polos seus pequenos lectores cun precioso cadro inspirado na temática do libro. Grazas Pablo por axudarnos a fomentar nos nosos nenos e nenas o amor pola lectura.

 

 

 

O SAMAÍN CHEGA Á BIBLIOTECA:O RECUNCHO DO MEDO

A festividade do Samaín tamén tivo un recuncho na nosa biblioteca. Nel puxemos a "Casiña do Medo" onde viven bruxas, pantasmas e esqueletes que na noite do Samaín saen dos libros dos que son protagonistas para darnos moito medo...

XORNADA DE ANIMACIÓN Á LECTURA

O día 22 de outubro todo o alumnado do centro disfrutou con Erica González, actriz e narradora, dunha xornada de animación á lectura. Erica sacou da súa fábrica de contos: "La sala de Catapum-chin-pum" un impresionante repertorio de relatos que nos ensinaron o valor do traballo en equipo, da amizade, de compartir... Unha xornada que serviu para gozar de lecturas coñecidas e descubrir outras novas.

ACTIVIDADES PARA CONMEMORAR O DÍA DAS BIBLIOTECAS

Con motivo do Día das bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro, estanse a facer moitas actividades no noso colexio.

O alumnado de 6ºB encargouse da elaboración do mural que se atopa na entrada do centro. 

 

Tamén se fixo un mural, ao que puxemos por nome "Poetizámonos!", que recolle os poemas que foi compoñendo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de E.Primaria, a partir dos títulos dos libros da nosa biblioteca. Estas composicións encargáronse despois de ilustralas os máis pequenos: Infantil, 1º e 2º de E. Primaria.

    

Aquí podedes ver máis de preto algunhas das composicións poéticas. 

      

 

 Agora cada grupo de alumnos e alumnas pasará pola bilbioteca, co seu titor ou titora,  para visionar un power point que lles explicará o funcionamento deste espazo tan importante na vida dun centro.

E, xa sabedes que tivemos a Erica González no noso colexio para activar o noso "botón" da imaxinación. A todos e a todos gustáronnos moito os seus contos!!

 

 

SESIÓN DE ANIMACIÓN Á LECTURA CON ERICA GONZÁLEZ

Hoxe, 22 de outubro, o alumnado do centro gozou dunha sesión de animación á lectura na biblioteca. Erica González foi sacando da súa "fábrica de contos" unhas historias moi fermosas que cautivaron aos máis cativos do colexio e tamén aos maiores.

Estas fotos recollen o seu paso pola nosa biblioteca.

Grazas Erica por compartir esta xornada connosco!!!

   

   

    

Powered by Drupal - Design by artinet