3º e 4º nivel de Primaria

O ALUMNADO DE 4º EP VISITA O MUSEO DO POBO GALEGO E O CASCO ANTIGO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este mércores, 20 de marzo, o alumnado de 4º EP visitou o Museo do Pobo Galego.

 

 

Despois de escoitar as indicacións da nosa guía, repartímonos en seis grupos e, mediante un xogo de pistas, fomos percorrendo as distintas salas do Museo para buscar a resposta ás preguntas que aparecían no formulario que se nos entregou. Logo de facer a busca, reunímonos no punto de encontro e fixemos unha posta en común.

  

 

Máis tarde, achegámonos ata a escaleira helicoidal deseñada por Domingo de Andrade e puidemos admirar a súa beleza. Comprobamos que moita xente quere vela porque é unha escaleira que conta cuns trescentos anos de antigüidade e que sorprende polas súas tres ramplas entrelazadas.

 

Ao rematar a nosa visita ao Museo, entramos na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval para visitar o Panteón de Galegos Ilustres. Alí fixémonos unhas fotos diante do sepulcro de Rosalía de Castro e do sepulcro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e puidemos comprobar que hai máis persoeiros destacados de Galicia alí enterrados. 

  

Cando saímos do Museo, fixemos un percorrido polo casco antigo de Santiago e desfrutamos observando as gárgolas que coroan o alto de moitos edificios antigos da cidade, como o Hostal dos Reis Católicos ou a Igrexa de San Martiño Pinario, entre outros.

 

Foi unha mañá que nos cundiu moito e na que aprendemos unha morea de cousas novas. 

VISITA DO ALUMNADO DE 4º EP Á FÁBRICA DE QUEIXOS GALMESÁN

O 23 de febreiro, o alumnado de 4º EP achegouse ata a fábrica de "Queixos Galmesán". Nesta visita aprenderon unha morea de cousas relacionadas co proceso de fabricación do leite. 

Chamoulles moito a atención os tanques tan grandes de leite. Explicoulles a guía que cada un contén 7.000 l  e que chega de granxas da zona. Aínda que a receita coa que se fabrican estes queixos é alpina, queren destacar que empregan leite galego de vacas de pastoreo. Necesitan tanto leite porque cada queixo que fabrican pesa 16 kg e necesitan para a súa fabricación 160 l de leite.

Pasamos pola zona onde se pasteuriza o leite, elevando a súa temperatura ata 80ºC. Non lle suben máis a temperatura porque interésalles que permanezan no leite certos microorganismos que logo van utilizar na seguinte fase do proceso de fabricación. 

 

Marta explicounos que nestas cubetas tan grandes é onde o leite solidifica e se corta.

Puideron ver como, unha vez que se lle dá a forma ao queixo, hai que darlle a volta para que vaia soltando o soro que lle sobra. 

O seguinte paso é metelos nunhas cubetas que conteñen auga con sal. Preguntáronlle a Carmen e a Marta por qué tiña a auga unha cor amarela e explicáronlles que o queixo absorbe o sal da auga, pero solta certos sales minerais que lle dan á auga esa cor tan característica. 

  

Por último, pasamos á zona onde se curan os queixos. Explicáronlles que alí permanecen ano e medio ata que saen á venda. Todos os días teñen que limpalos e darlle a volta para que os queixos vaian formando esa codia que o caracteriza. 

Encantounos a visita que fixemos a esta fábrica. Desde aquí queremos agradecerlles a boa acollida que nos dispensaron e o agasallo que nos deron ao rematar. Todas e todos puidemos degustar este queixo tan saboroso. MOITAS GRAZAS!!

 

 

 

O ALUMNADO DE 4º EP VISITA O MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

Despois de chegar ao Museo e tomar un pequeno almorzo, comezamos a nosa aventura.

Repartímonos en dous grupos e, dentro de cada un, fixemos outros cinco grupos máis pequenos. Coa axuda das nosas guías, fomos percorrendo as distintas plantas. Como a temática escollida era a natureza, detivémonos diante das pinturas de Rubens e Luís Seoane, para ir completando un traballo que nos encomendaron. 

Estas son as nenas e nenos de 4ºB:

  

 

 

 

Estas son as nenas e os nenos de 4º A:

 

 

 

 

4º EP (curso 2022-2023)

 

Un pequeno resumo do noso paso por 4º EP.

Felices vacacións!

MULLERES SENLLEIRAS_ TRABALLO REALIZADO POLO ALUMNADO DE 3º EP NA MATERIA DE PROXECTO COMPETENCIAL

O alumnado de 3ºA e 3ºB, matriculado na materia de Proxecto Competencial,  fixo este curso 2022-23 un traballo de investigación arredor da vida de varias mulleres, que pola súa traxectoria en distintos ámbitos da cultura, son un referente para todos nós. Cos carteis elaborados confeccionamos este mural que quedou exposto no corredor da planta baixa do noso colexio. 

O ALUMNADO DE 3º E.PRIMARIA VISITA O PARLAMENTO DE GALICIA

O mércores, 8 de marzo o alumnado de 3º E.Primaria visitou o Parlamento de Galicia. 

Unha vez dentro do edificio, o guía levounos ata o vestíbulo, onde puidemos admirar unha fermosa vidriera de Laxeiro no teito.

 

O Parlamento de Galicia está no Pazo do Hórreo desde 1989. O edificio actual foi construído para ser a Escola de Veterinaria, pero por falta de alumnado deixou este cometido desde 1925.

Leváronnos á Sala de Exposicións para visionar un vídeo acerca do Parlamento. Moitas das cousas que nos contaron xa as levabamos aprendidas e todo resultou máis doado.

Puidemos contemplar tamén unha serie de cadros que reflicten a composición do Parlamento ao longo da súa historia, desde a primeira lexislatura en 1981. Logo amosáronnos unha maqueta do Parlamento e soubemos dicir onde nos atopabamos. 

  

Mentres camiñabamos polos corredores puidemos contemplar moitas obras de pintores como Xaime Quessada, Urbano Lugrís, Peteiro... Achegámonos ata a biblioteca do Parlamento, lugar no que actualmente se grava un programa que emite a TVG os domingos pola mañá. 

   

Puidemos asistir a un pleno e ver como os deputados/as debatían un tema. Á saída do hemiciclo viñeron un deputado e unha deputada de Arzúa a charlar un ratiño con nós, posto que escoitaron como nos dedicaban un saúdo desde a mesa da Presidencia. 

Tanto na entrada como na saída pasamos polo Salón dos Reis e nas paredes están os escudos do Antigo Reino de Galicia. 

  

E xa para rematar, saíu saudarnos Mini, un dos deputados do Parlamento que é de Brates, unha aldea que está moi preto do noso colexio. Dedicounos unha pequena canción e despedímonos xa do lugar. 

Foi unha visita ben interesante!!

 

SAÍDA DE 3º E.PRIMARIA PARA VISITAR METEOGALICIA

O 23 de xaneiro, o alumnado de 3ºA e 3ºB asistiu a unha sesión formativa sobre contaminación atmosférica impartida por persoal de Meteogalicia, en Santiago de Compostela. Alí explicáronnos cales son os gases e partículas que contaminan o aire, a súa orixe e como podemos facer nós para mellorar a calidade do aire que respiramos.

  

Ao rematar esta charla explicativa, desprazámonos andando ata a "Estación de calidade do aire" que está preto do edificio de Meteogalicia. Alí a nosa guía explicounos como se realizan as medicións de gases e partículas que contén o aire e o funcionamento dos aparatos que hai en dita estación. Os resultados clasifícanse por cores, correspondendo o azul, ao aire máis limpo; o amarelo, ao aire que ten algúns gases contaminantes; e o morado, ao aire moi contaminado. 

Agora xa sabemos consultar en Internet como é o aire no noso municipio ou nalgún lugar próximo.

  

SAÍDA AO CINE DO ALUMNADO DE 3º EP

O alumnado de 3º EP fixo hoxe unha saída a Santiago de Compostela, xunto co alumnado de 1º EP, para asistir á estrea da película "EL GATO CON BOTAS: EL ÚLTIMO DESEO". 

Esta película de animación gozou de moi boa acollida entre as nenas e nenos e, ademais de botar unhas boas risadas, recordounos que debemos apreciar o que temos para ser felices.

Foi unha xornada chea de emocións que nos serviu para darlle un bo remate a este primeiro trimestre de curso. 

 

 

 

FIN DE CURSO 2022 NO 4º NIVEL EP

Sorpresa de mini festival na nosa clase.

Isto amosa unha vez máis que eles e elas son capaces de conseguir o que se propoñan: organizaron, ensaiaron, deseñaron..o mérito só é deles e delas.

Trátase de 24 estrelas que brillan con luz propia!

 

 

 

ENTROIDO 2022 NO 4º NIVEL

 

A MÍMICA AXÚDANOS A EXTERIORIZAR AS NOSAS EMOCIÓNS. IDENTIFICALAS  E XESTIONALAS  É UN TRABALLO QUE NOS FAI MEDRAR.

AGARDAMOS VOS GUSTE O NOSO TRABALLO  DESTE ENTROIDO.

GRAZAS AOS VERDADEIROS E VERDADEIRAS PROTAGONISTAS PERO TAMÉN ÁS FAMILIAS QUE FAN TODO ISTO POSIBLE COA SÚA IMPLICACIÓN E COLABORACIÓN

Powered by Drupal - Design by artinet