Biblioteca

DE CONTOS CON ERICA GONZÁLEZ

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, este curso puxémonos en contacto coa actriz e contacontos Erica González. 

Hoxe, 4 de novembro, visitou a nosa biblioteca e grazas a ela o noso alumnado puido desfrutar dunha sesión de animación á lectura. 

A través dun mar en calma, Erica foi narrando historias que nos atraparon e que calaron nos nosos corazóns. Cun conto explicounos a importancia de aceptarse e sentirse "guapas e guapos" para que os demais aprecien a nosa beleza. Con outro, díxonos os ingredientes para ser felices: a familia, a ilusión, a harmonía e a saúde e comentou que se algún deles nos falta nun momento determinado, podemos intentar cociñar a felicidade cos ingredientes que nos quedan. Tamén co flamengo Renato Nicanor descubrimos que nada é imposible para un corazón disposto porque todo esforzo ten a súa recompensa. Estes e outros relatos foron os integrantes dunha xornada chea de fantasía e ilusión que, de seguro, quedará gravada na nosa memoria. 

Grazas Erica por compartir estas divertidas historias connosco e por amosarnos, unha vez máis, que a través dos libros podemos viaxar e aprender moitas leccións e valores. 

 

 

  

   

TOUPICIENCIA

O alumnado dos cursos de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria participaron nunha actividade de animación á lectura: “Toupiciencia”. Nesta actuación a nosa amiga Toupiña, acompañada do seu axudante químico, descubriulles o mundo da ciencia a través de curiosidades sobre diferentes reaccións químicas.

Despois de comprobar que coa ciencia non se pode medir “a ollo”, decatáronse de que para que un esperimento saia ben é necesario ler todos e cada un dos pasos, e seguir as indicacións propostas. Deste xeito todo irá ben, verdade que si?

                                                   

 

 

                           

CONTOS SOLIDARIOS CON ANXO MOURE

Nesta semana do Día do Libro, estamos facendo diferentes actividades no noso centro. Hoxe visitounos Anxo Moure para facernos partícipes do seu proxecto "Contos solidarios"; unha proposta na que as nenas e os nenos son os protagonistas. Anxo relatounos un conxunto de historias que amosan a solidariedade entre as persoas e coa natureza. O cociñeiro intercultural Mourehammed Quechua viaxou ata o noso colexio para cociñar uns contos, que levaron ás nenas e ós nenos ate as diferentes culturas do mundo, protagonizados por uns monicreques tecidos por cooperativas do comercio xusto na India, Guatemala e Galicia. As nenas e os nenos aprenderon a plantar as árbores da paz, a dicir non aos insultos fomentando a tolerancia e o respecto. Cunha singular Pazdeireta cantaron e contaron unha cantiga para fomentar a non violencia. 

Estas fotografías recollen a sesión que se fixo co alumnado de 3 anos e co de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de E. Primaria. Fixéronse en total cinco sesións para que todas as nenas e nenos do colexio puideran gozar con estas historias narradas polo contacontos Anxo Moure. 

    

  

  

24 OUTUBRO_DÍA DA BIBLIOTECA

Dentro da programación do Día das bibliotecas, o venres 22 de outubro, tivo lugar no salón de actos do noso colexio, unha sesión de animación á lectura. Deu xenio ver ao noso alumnado participar na escenificación de varios contos, da man de Vicky. Grazas á súa pericia e á entrega dos nosos nenos e nenas, puidemos gozar dun momento moi agradable e realmente divertido. 

Estas imaxes corresponden ao pase que se fixo para E. Infantil de 4 anos, 5 anos-A e 5 anos-B, co conto "O dragón Plácido". 

   

   

Fixéronse outros dous pases para 1º, 2º, 3º e 4º de E.Primaria e o conto escollido para eles e elas foi "As cores da xoaniña Renata". 

  

   

Desde o 24 de outubro de 1997 celébrase o Día Internacional das Bibliotecas co obxectivo de conmemorar a destrución da Biblioteca de Saraievo, queimada en 1992, durante o conflito dos Balcáns.

Nós tamén quixemos recordar esta data e durante esta semana traballamos o Día das Bibliotecas nas distintas titorías do centro. Para o mural colectivo pedíuselle ao alumnado que debuxara a carátula do libro que eles e elas salvarían en caso dunha catástrofe e puxeran por detrás os motivos polos que o salvarían. Escolleuse un traballo de cada titoría e con todos eles montouse o mural colectivo que se colocou ao lado da biblioteca do colexio.

 

 

ENTREGA DE DIPLOMAS E AGRADECEMENTO AO ALUMNADO VOLUNTARIO DA BIBLIOTECA

 

 O Equipo de Biblioteca quere agradecerlle a este grupo de 10 nenas e nenos de 5º de E.P. o seu labor de compromiso e colaboración coa biblioteca do cole. Estas alumnas e alumnos participaron no programa de "Bibliotecas Escolares Solidarias" que promove o voluntariado cultural relacionado coas bibliotecas escolares e a lectura.Unha iniciativa moi interesante porque forma aos nosos nenos e nenas en actitudes de solidariedade e compromiso co seu entorno máis próximo.

A actividade principal dos biblioaxudantes centrouse este curso nos contacontos ao alumnado de Educación Infantil; actividade que lles esixe certo esforzo e renuncia pero que tamén lles deu moitas satisfaccións e lles reportou un enriquecemento persoal.

O alumnado colaborador da Biblioteca tamén veu recoñecido o seu traballo cun Diploma outorgado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e  recibiu ademais uns pequenos agasallos que buscaban agradecer o seu esforzo e a súa entrega.

Grazas polo voso labor xeneroso e altruísta.Esperamos que fose unha experiencia positiva e que contribuíse ao voso crecemento persoal.

 

 

 

MOITAS GRAZAS E FELIZ VERÁN!

LECTURAS RECOMENDADAS PARA O VERÁN

Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca fixemos unha selección de lecturas que desexamos sexan do voso interese. Durante as vacacións temos máis tempo libre e podemos ler máis. Ler no verán é moi beneficioso para non perder as habilidades de lectura adquiridas, para gañar destreza lectora e ampliar vocabulario. Ademais é un bo momento para descubrir historias que nos permitan viaxar a mundos fantásticos, coñecer outras culturas, vivir diferentes aventuras...

Por iso, este verán "Se queres aventura, lánzate á lectura".

Para poder ver as lecturas recomendadas fai click na seguinte imaxe:

DÍA DO LIBRO 2021

A primeira celebración do Día Mundial do Libro tivo lugar o 23 de abril de 1995, e foi establecida pola UNESCO coa intención de fomentar a lectura, a edición de publicacións impresas e recoñecer os dereitos de autor.

Por que o día 23 de abril? Porque se corresponde coa data de aniversario do falecemento de grandes autores da literatura universal como son Miguel de Cervantes Saavedra e William Shakespeare.

Dende o Equipo de Biblioteca do noso cole animámosvos a ler, neste día e sempre, porque os libros e a lectura coidan de nós, fannos máis fortes, máis áxiles mentalmente, melloran o noso vocabulario e enriquecen a nosa imaxinación.

Ven á nosa biblioteca, escolle un libro que che guste e desfruta das súas historias, saborea as súas palabras, viaxa coa túa imaxinación a lugares marabillosos, vive fantásticas aventuras, aprende dos seus saberes e dos seus valores...

Aquí vos deixamos unha serie de recomendacións de libros a través deste orixinal e artístico formato coñecido como "bookface", que de xeito tan divertido e creativo, levaron a cabo as nenas e os nenos do noso cole.

Esperamos que descubrades algunha lectura do voso interese.

 

 

Lembrade que os libros son tesouros de palabras e grandes amigos.

Feliz Día do Libro 2021!

 

 

O ALUMNADO COLABORADOR DA BIBLIOTECA COMPARTE UN CONTO.

Con motivo da celebración do Día do Libro e ante a dificultade de levar a cabo a tradicional xornada de "Comparticontos", por mor da crise sanitaria que estamos a sufrir, os nenos e as nenas colaboradoras da biblioteca escolar queren agasallarvos co conto "A peluca de Luca" narrado por eles en formato dixital.

Trátase da historia dun neno chamado Luca que un día levou ao cole unha perruca enfrontándose valentemente aos prexuízos de xénero dos seus compañeiros e compañeiras, e amosándonos a posibilidade de que cada neno e cada nena se desenvolva libremente e medre máis forte e feliz.

Queremos contar a súa historia porque defendemos o repecto pola diversidade e a liberdade das persoas para escoller como vestir, como peitearse, como ser, como sentir...

 

 

 

Tamén vos deixamos unhas preguntas que vos poden dar pé a falar e intercambiar opinións sobre os valores e a mensaxe do conto; ou sobre aqueles outros aspectos do mesmo que sexan do voso interese.

 

 

 

Por último, convidámosvos a cantar connosco a favor da igualdade e a diversidade porque queremos construír un mundo mellor.

 

 

 

Lembrade que este conto ilustrado está á vosa disposición na biblioteca do cole.

Que o desfrutedes e Feliz Día do Libro!

 

 

SESIÓN DE CONTACONTOS PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Os colaboradores e colaboradoras da biblioteca escolar prepararon o conto "La peluca de Luca" para representarllo ao alumnado de 5 Anos A e B de Educación Infantil. Trátase dunha obra que ten como obxectivo romper e eliminar os estereotipos e prexuízos asociados ao xénero, coa intención de favorecer a posibilidade de que cada nena e cada neno se desenvolva libremente. O protagonista chámase Luca, un neno especial e valente que se enfronta a un mundo de superheroes e princesas para defender a súa perruca azul. Quen decide o que é feminino e masculino? Nunca é demasiado cedo nin demasiado tarde para loitar contra as cousas absurdas da vida.

 

 

Nesta sesión, houbo tempo tamén para reflexionar xuntos sobre os valores e as mensaxes que nos transmite a historia de Luca: a igualdade entre homes e mulleres, o respecto á diversidade e a liberdade de todas as persoas para escoller como ser, como vestir, como sentir...

 

Para rematar, os nenos e as nenas de E.Infantil e os biblioaxudantes cantaron xuntos pola igualdade, o respecto á diversidade e a ilusión por un mundo mellor onde istos valores sexan unha realidade.

 

 

Grazas a todas e a todos por estas marabillosas experiencias e saberes ao redor dos libros e a lectura.

  

Powered by Drupal - Design by artinet