Skip to Content

Celebracións

FIN DE CURSO 2022/2023

Mércores 21 de xuño de 2023

Este mércores 21 de xuño celebramos o fin de curso no CEIP As Bizocas. A xornada comezou co desfile de robots ODS, que o alumnado de 6.º de Educación Primaria programou cos MBot. Tamén realizamos fotos de grupo no photocall da entrada.

 

 

 

 

 

 

 

Posteriormente, foi o turno da graduación do alumnado de 6.º de Educación Primaria na que estivemos acompañados polas familias. Moita sorte na nova etapa!

 Logo, os alumnos/as de 3.º, 4.º, 5.º e 6.º de Primaria realizaron unhas coreografías preparadas pola mestra de Educación Física e ao rematar, alumnado, mestres e familias compartimos unha merenda saudable. 

A xornada rematou con xogos na praia onde cada grupo tiña que ir completando o seu cadro ODS.

E chegou o momento da despedida... Desde o cole:

Desexámosvos o mellor a todos os nenos/as de 6.º EP que rematades no centro! No CEIP As Bizocas sempre vos recibiremos cos brazos abertos!

Moi bo verán a tod@s! 

Vémonos en setembro!

Premede aquí para acceder ao álbum de fotos

 

DÍA DO MEDIO AMBIENTE

Luns 5 de xuño de 2023

Este luns 5 de xuño todo o alumnado do CEIP As Bizocas, xunto con algunhas familias voluntarias e o profesorado, celebrou o Día do Medio Ambiente cunha actividade moi especial organizada pola mestra de Educación Física, seguindo co proxecto actual dos ODS.

A xornada consistiu en realizar por cursos un roteiro pola contorna para atopar un "tesouro" agochado por nenos/as doutras clases en días anteriores. Para atopalo, deberon seguir as indicacións dos mestres/as, que sinalaban a orientación na que se encontraba.

Unha vez atopado o tesouro a media mañá, todos os cursos xunto co profesorado e as familias, chegaron á Casa da Cultura para merendar e repoñer forzas.

Tanto na ida como na volta todos os/as participantes puxeron luvas e recolleron o lixo que atopaban polo camiño. En total unhas 60 bolsas!

Ao chegar ao colexio marcaron no mural se atoparon o tesouro escondido e fixemos fotos de grupo.

Foi unha xornada moi divertida na que celebramos o Día do Medio Ambiente coñecendo, explorando e coidando a nosa contorna! 

Ademais, saímos no xornal!! Podedes ver a nova completa pinchando no seguinte enlace:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2023/06/06/bizocas-celebra-dia-medio-ambiente-cuidando-planeta/0003_202306A6C4991.htm

Moitas grazas ás familias que colaboraron!

Pinchade nas fotos para ver máis!
 

LETRAS GALEGAS 2023

Mércores 25 de maio de 2023

Este ano celebramos o Día das Letras Galegas en colaboración co CEIP Comeniño.

Así, ciclo elaborou un mural con actividades sobre Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado deste ano. Estes murais con tarefas, imaxes, vídeos, xogos, retos... viaxaron ata o CEIP Comeniño, onde alí realizaron as actividades que lle propuxemos. Do mesmo xeito, eles realizaron outros murais para que nós puidesemos desfrutar e aprender. 

Aquí vos deixamos algunhas fotos creando os nosos murais e aprendendo cos que nos enviaron os nenos e nenas do CEIP Comeniño. Foi toda unha experiencia!

Clicade na imaxe para ver máis!

 

DÍA DA FAMILIA 1.º CICLO + INFANTIL

 Luns 15 de maio de 2023

No 1.º ciclo de Primaria puxémonos mans á obra para preparar un agasallo para celebrar o Día Familia. Aproveitando material reciclado, elaboramos un xoieiro ben bonito con dúas xoias para regalar a cada familia.

Realizamos os seguintes pasos:

1. Pintamos círculos de cartón con témpera de diferentes cores.

2. Pintamos o lateral dunha caixa de queixiños e pegamos:

- Na parte superior: a ruleta ODS coa foto de cada neno/a.

- Na parte inferior: o planeta Terra.

- No interior: unha mensaxe preciosa sobre este día.

3. Cando secaron os círculos, os/as profes pegáronos con silicona e puxeron os cordóns, para formar colares e pulseiras.

Premendo no seguinte enlace podedes ver un vídeo da actividade.

En Educación Infantil tamén celebramos o Día da Familia! Aquí podedes ver algunha foto debuxando ás nosas familias!
 

FELIZ DÍA A TODAS AS FAMILIAS!!!

 

DÍA DO LIBRO 2022/2023

Venres 21 de abril de 2023

"LER DACHE ÁS"

Dentro das actividades realizadas polo DÍA DO LIBRO, creamos o mural "Ler dache ás", elaborado con plumas colocadas en forma de ás. Cada neno/a decorou dúas plumas nas que escribiron os títulos de dous dos seus contos favoritos.

Quedou así de chulo!

 "RECREACIÓN DE PORTADAS DE LIBROS"

Outra actividade que nos gustou moito foi a recreación de portadas de diferentes contos que fixeron as familias. Con todas as fotografías recibidas fixemos unha pequena exposición. Podedes ver as imaxes creadas no seguinte vídeo.

Premede aquí.

 GRAZAS POLA COLABORACIÓN!!!

 

8M 2022/2023

Mércores 8 de marzo de 2023

Con motivo da celebración do 8M, "Día Internacional da muller", estivemos a realizar varias actividades no centro.

Comezamos elaborando un mural cheo de cor sobre Frida Khalo. Contamos coa colaboración das familias para facer as flores.

Moita grazas pola colaboración! Quedou precioso!

Podedes velo na entrada do colexio, ao lado de Conserxaría.

Tamén investigamos en cada clase sobre mulleres pioneiras en desenvolver diferentes profesións: médica, bombeira, aviadora... Conseguimos moita información.

Ademais, os nenos e nenas voluntarios/as da biblioteca repartiron pins do 8M empregando no deseño a ruleta dos ODS.

ODS relacionados:

- número 5: "Igualdade de xénero"

- número 10 "Redución das desigualdades"

 

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2023

Xoves 23 de febreiro de 2023

Como sabedes, o día de 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro, data que coincide co día do seu nacemento.

Ademais do traballo individual que realizamos nas aulas, fixemos un mural colaborativo no que cada ciclo elaborou unha parte:

 

  • Educación Infantil: título e imaxes.
  • 1.º ciclo: biografía.
  • 2.º e 3.º ciclo: liña do tempo.

Este é o resultado!

 

entrOiDobizocaS 2023

Venres 17 de febreiro de 2023

Despois de realizar ao longo da semana os mandatos do Meco...

CHEGOU O ENTROIDO ÁS BIZOCAS!!!

Comezamos sacando fotos por cursos no photocall elaborado polos nenos e nenas de 6.º de Primaria.

A continuación tivo lugar o desfile de disfraces reciclados baseados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Cada curso elaborou dous carteis para logo formar un crebacabezas cos 17 obxectivos. Ao rematar cantamos e bailamos a canción do Entroido elaborada polo Sabichón, a mascota do colexio.

Logo, pasamos a merendar postres típicos achegados polas familias. Estaba todo riquísimo!

Por último puxemos rumbo ao IES As Bizocas para particpar no seu desfile, cantar e bailar a nosa canción, e asistir a unha parte do concurso de comparsas. Seguro que repetiremos!

Foi un día fantástico!

Premendo na seguinte imaxe, podedes acceder á galería.

 

MANDATOS DO MECO ENTROIDO 2023

Venres 10 de febreiro de 2023

Xa están aquí os mandatos do Meco para o Entroido 2023. Non esquezades que este ano están relacionados co proxecto do colexio (ODS: Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), así que empregaremos material de refugallo.

 

LUNS 13 de febreiro: Se o luns de Entroido queres desfrutar, a túa CABEZA de PAPEL terás que decorar.

 

MARTES 14 de febreiro: O martes con TELA o teu PESCOZO terás que destacar.

 

MÉRCORES 15 de febreiro: Se o PLÁSTICO queres reutilizar, algo para os PÉS terás que elaborar.

 

XOVES 16 de febreiro: Se hoxe non te queres vestir, en PIXAMA ao cole poderás vir.

 

VENRES 17 de febreiro: Se coa temática do proxecto queres colaborar, de ODS teraste que disfrazar.

 

*O venres 17 de febreiro terá lugar o desfile de disfraces a partir das 10:30h. Animamos ás familias a asistir e a traer algún postre típico de Entroido para realizar una merenda conxunta.

 

 

COMEZAN OS PREPARATIVOS PARA O ENTROIDO

Xoves 9 de febreiro de 2023

3...2...1...

A vindeira semana celebraremos o Entroido no colexio, así que xa estamos a preparalo todo para desfrutar desta celebración tan arraigada na zona do Grove.

  • Mensaxe carnavaleiro do Sabichón.

(premede na imaxe)

  • Mandatos do Meco (de luns a xoves): este ano os mandatos estarán relacionados coa reciclaxe. En breve, recibirides a información.
  • Festa do Entroido: desfile e degustación de postres típicos de Entroido. Non esquezades o voso disfraz feito con material de refugallo e relacionado cos obxectivos ODS que vos indicamos.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut