CURSO 2ºA 2ºB

UN ENTROIDO DE XOGO

Durante estas últimas semanas vimos preparando o Entroido na escola, esta vez baixo a temática do xogo. Comezamos a semana co Mandadiño, cada día tiñamos que traer algo distinto...O alumnado de 1º elixiu disfrazarse de TRES EN RAIA, pero para non malgastar nada, fixérono con materiais reciclados. Así que trouxeron cartóns e tapóns de botellas da casa e na escola coloreamos os cartóns para facer os taboleiros.

O día do Entroido, as mestras sorprendéronnos coas fichas para xogar. Tres delas eran da cara de Rosalía de Castro e as outras tres da nosa cara. Ademais, veñen pegadas con velcro para que nós podamos xogar con elas. Gustáronnos moito!

Unha vez que estivemos vestidos, fixemos un pequeno pasarrúas ata o cole de Infantil, onde desfilamos ao son de Paco Nogueiras co seu Brinca Vai. Rematou a festa a comparsa Os Mulos, cos que cantamos de viva voz o seu FALEMOS GALEGO (NA RÚA E NA ESCOLA)

Ao chegar de volta á clase compartimos unha merenda chea de doces típicos de Entroido. Comemos filloas, orellas, flores... todos xuntos e gozamos moito das lambetadas e dun rato de xogos entre amigos!

O venres 24 aínda tiñamos ganas de Entroido así que fomos disfrazados á escola e despois do recreo tivemos unha festa todos os cursos de Primaria xuntos na que xogamos e bailamos moito. Foi un Entroido que deu moito xogo!!!

DÍA DA PAZ

O pasado luns 30 de xaneiro celebramos o DÍA ESCOLAR DA PAZ.

Nos días anteriores estivemos traballando nas aulas este tema e fixemos uns propósitos por equipos que despois plasmamos nun pergamino para poñer no mural cooperativo, dentro dunha pomba.

O luns, despois do recreo, xuntámonos no patio dos maiores todo o alumnado do colexio, incluído os peques de infantil.

Unha vez reunidos, saímos por clases a manifestar os nosos propósitos pola Paz e seguidamente cantamos acompañados de lingua de signos as cancións elixidas para esta data:

- Convivindo, de María Fumaça.

- All you need is love, de The Beatles.

Esperamos que pouco a pouco o mundo se convirta nun lugar onde reine a Paz.

REUNIÓN FAMILIAS 2º TRIMESTRE

REUNIÓN FAMILIAS 31/01/2023

Queda aquí nesta presentación a información compartida coas familias esta tarde na escola, para acceder ao contido premede na imaxe. 

NADAL 2022

Para conmemorar o Nadal realizamos na última semana de decembro, antes das vacacións, unha chea de actividades:

Participamos na postal colaborativa da escola para adornar a entrada, fixémoslle unha visita as nosas profes do curso pasado no cole de infantil e tamén nas agasallamos cunha postal que creamos entre todos os nenos e nenas  da clase…

Para rematar, o día 22 fíxemos uns obradoiros nos que participamos moi contentos porque esperabamos a visita dos Reis Magos. Realizamos unha paisaxe de inverno con plastilina na que nos axudaron papás e mamás de 1º e 2º, coa profe Marta coñecemos moitas cousas da lotería e xogamos a probar sorte, con Rosa a profe de lingua de signos aprendemos a signar moitos nomes de xogos e coa profe Marina practicamos un pouco de inglés…

Logo, moi cansos enchemos os bandullos cunha merenda compartida de sobremesas do Nadal, estaban boiiiisimas!

A continuación,  no ximnasio e todos xuntos recibimos cantando panxoliñas as SSMM os Reis Magos que moi agarimosos nos agasallaron con lambetadas.

Así empezaron as vacacións do Nadal!

CONMEMORANDO O 25 DE NOVEMBRO

Para conmemorar o 25 de novembro, o alumnado de 1º decorou a entrada do colexio con lazos morados que representan a melena dunha muller e escribiron dentro do cartel o nome do día que se conmemora: DÍA MUNDIAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.

Ademais lemos contos relacionados coa temática, como O LIBRO DOS PORCOS e vimos a película MARUXA.

Esperemos que estes pequenos actos conciencien ao alumnado e sirvan para eliminar definitivamente este tipo de violencia.

FAI CLIC AO TEU BOCATA

O pasado día 22, tivemos na escola un obradoiro chamado FAI CLIC AO TEU BOCATA. Alí aprendemos cousas relacionadas cos animais mariños, diferenciamos peixes de mariscos e observamos como poden medrar algúns destes animais ou como debemos pescalos. Finalmente descubrimos que podemos tomar bocadillos saudables grazas ás conservas de peixes e mariscos, e comprobámolo cun apetitoso bocata de sardiñas, leituga e queixo.... Delicioso!!!

XOGANDO NO MAGOSTO!

O mércores día 9, celebramos o MAGOSTO na escola e como non podía ser doutro xeito fixémolo xogando. A asociación CORREDOIRAS, prestounos uns xogos tradicionais que nos gustaron moito e fomos rotando por equipos para coñecelos todos. Como premio, comemos as castañas asadas que estaban boísimas. Foi unha xornada estupenda!

 

O SAMAÍN NA ESCOLA

A última semana de novembro celebramos o Samaín na escola. Realizamos diversas actividades, comezamos elaborando unha sorte para un mural colectivo que colocamos na entrada da escola. Cada nivel inventou unha sorte que os nenos e nenas aprenderon de memoria e, agora, da gusto ver como a empregan nos seus xogos e nos equipos de clase para decidir algo.

          SORTE DE 1ºA

 

    VELLIÑA, VELLIÑA       

CANTOS BURACOS

TEN A CABACIÑA?

EU NON CHE SEI

NON OS CONTEI!

UN, DOUS, TRES

 CATRO, CINCO, SEIS.

              SORTE DE 1ºB

                                    PANTASMA, PANTASMÓN

                                   3 BRUXIÑAS E UN PAPÓN.

                                   O PAPÓN ESTABA TORTO,

                                   AS BRUXIÑAS NO HORTO.

                                   TRIS, TRAS,

                                   CABACIÑA FÓRA ESTÁS!

   

Nas súas casas decoraron cabazas XOGUETONAS porque tiveron como fonte de inspiración o tema deste curso "MOITO MÁIS QUE XOGO"

O venres 28 de novembro como non podía ser doutro xeito, o alumnado de 1º veu moi disfrazado, daban moito medo!!! 

ANIVERSARIO DE PAPIRUS

Para conmemorar o día das Bibliotecas Escolares que se celebra o 24 de outubro, realizamos co noso alumnado de 1º de primaria diversas dinámicas na biblioteca da escola, coa finalidade de que a coñezan e esperte neles o gusto polos libros e pola lectura. Entre as actividades que desenvolvemos destacan as seguintes:

- Escoitar o conto da nosa mascota Papirus.

- Cantar a canción de Papirus e aprender o retrouso en lingua de signos.

- Felicitar a Papirus coa canción "Parabéns" e escoitar e bailar a canción de Parabéns de Uxía Lambona e a Banda Molona.

- Levar a cabo un xogo de pistas en equipo, para atopar na Biblioteca uns libros en diferentes zonas e andeis,

- Descubrir a sorpresa personalizada que lles escribiu Papirus a cada neno e nena de 1º de primaria.

- Facerlle un debuxo a Papirus para agradecerlle o seu regalo que cada quen leu con moita alegría. Os debuxos colocáronse no corredor do Bibliocastelo.

Aquí quedan algunhas fotos das actividades realizadas.

 

COMEZAMOS AS SESIÓNS NA BIBLIOTECA!

Esta semana comezamos a visitar a Biblioteca na sesión semanal que temos os xoves en 1ºB e os venres en 1ºA.

Á biblioteca vamos acompañados de 2 profes, e o primeiro que nos explicaron foron as normas que hai que cumprir no Bibliocastelo, a través dunha fichiña con pictogramas que levamos a casa para ter sempre presente.

Despois, sentámonos na alfombra de escoitar contos onde nos narraron TÍO LOBO e CORRE, CORRE, CABACIÑA. Posteriormente fomos ás mesas de traballo para debuxar á nosa mascota, Papirus. Mentres tanto, por equipos, fomos coller un libro da zona azul que a profe cargou no ordenador, para levar á nosa casa e podelo ler alí con calma.

Ademais, as profes dixéronnos que os luns podemos ir no recreo para ler, ou xogar nos distintos espazos creativos.

Encantounos visitar a Biblioteca, xa estamos desexando volver!!!

Distribuir contido