A UNESCO propón a celebración da Semana Mundial da Alfabetización dos Medios de Comunicación e da Información (MIL) 2017, a #GlobalMILWeek como un medio para visibilizar as experiencias en materia de educación nas linguaxes dos diferentes medios de comunicación, nun contexto de alfabetizacións múltiples e coa intención de formar ao alumnado como consumidores pero, especialmente, como produtores de información a través dos diversos medios de comunicación: prensa, radio, televisión, vídeo, fotografía, audio, produtos transmedia, internet...
MIL é a sigla que fai referencia á MEDIA and INFORMATION LITERACY, que na versión en castelán (e en galego) se traduciu como AMI (Alfabetización Mediática e Informacional), moi presente nas bibliotecas escolares galegas, a través das propostas da consellería en materia de bibliotecas escolares, e incluída tamén como un dos obxectivos do Proxecto Lector de Centro.
Desde a UNESCO fan unha chamada á celebrar esta Semana Mundial MIL 2017 e propoñen varias formas para facelo. VER IMAXE
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares anímase a incluír algunha proposta que pode vincularse á celebración do Día da Biblioteca (24 de outubro) e que podería concretarse, entre outras, nas seguintes:
- Difusión das oportunidades da biblioteca escolar para apoiar a alfabetización mediática e informacional do alumnado do centro.
- Difusión a través do blogue da biblioteca dalgún produto audiovisual de carácter narrativo, poético, xornalístico ou publicitario elaborado por alumnado do centro en relación coa biblioteca, a lectura, o medio ou calquera tema de interese para o alumnado.
- Analizar novas que se producen ao longo da semana a través de diferentes medios e xerar un produto audiovisual ou unha entrada nun blogue, por exemplo, arredor dalgunha nova que interese ao alumnado.
As actividades que se leven a cabo neste sentido poderían facer mención a esta #GlobalMILweek co fin de dar visibilidade a esta iniciativa.
- RECURSOS PARA ALFABETIZACIÓN MEDIÁTICA E INFORMACIONAL
- Alfabetización Mediática e Informacional (AMI). Currículo para profesores. UNESCO 2012
- Integración das competencias ALFIN/AMI no sistema educativo: referencias, contexto y propuestas. CCB-MECD, 2016
- O horizonte das alfabetizacións múltiples e a competencia mediática e informacional. José Manuel PérezTornero (vídeo intervención nas V Xornadas de biblitotecas escolares de Galicia)
- Alfabetización mediática e informacional desde a biblioteca escolar. Rosa Piquín (vídeo intervención nas VI Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia)
- A Educación para os Medios nun mundo dixital: o papel das bibliotecas escolares. Sara Pereira (vídeo intervención nos Encontros PLAMBE 2016/2017)