Premio dos Clubs de Lectura 2025 para Paula Carballeira

 
 
 
 
Co gallo da celebración do Día do Libro 2025, publícase a Resolución do 19 de abril de 2025 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,  pola que se recoñece á escritora Paula Carballeira co Premio dos Clubs de Lectura 2025, que se concede anualmente ao autor ou autora galega máis lida, segundo as bases do premio,  polos clubs de lectura participantes na convocatoria de Clubs de Lectura durante o curso precedente 2023/24.
 
 
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Desde hai dous cursos, contribúe a este recoñecemento o alumnado dos clubs de lectura da educación primaria. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro(2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020), Eva Mejuto (2021), Antía Yáñez (2022), Manuel Núñez Singala (2023) e Arantza Portabales (2024).
 
 
 
Paula Carballeira é unha das autoras máis seguida polo lectorado dos clubs de lectura. Dous dos seus títulos están entre os 50 máis lidos no curso 2023/24: As alumnas  e Trece avisos. Contos para ler pola noite. Nun curso no que a biblioteca escolar sae a escena celebramos que unha peza teatral sexa a obra máís lida. As alumnas foi recoñecida no ano 2023 co Premio Nacional de Literatura Dramática.