Pegadas dunha viaxe. Traxectorias e futuros das bibliotecas escolares en Galicia

 
Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o estudo sobre o programa de bibliotecas escolares que a Comunidade Autónoma puxo en marcha coa creación da Asesoría de bibliotecas escolares (2003) e, concretamente, a través das iniciativas a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos centros educativos de niveis non universitarios, que se foron deseñando e desenvolvendo  a partir do 2005, coa publicación da primeira convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares. Transcorridos os primeiros quince anos de existencia do PLAMBE, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos encargou a elaboración dun estudo a un grupo de investigación externo, comandado por Inés Miret, especialista en materia de bibliotecas e de lectura, e que se completaba con outras tres investigadoras vinculadas ao mundo das bibliotecas e da pedagoxía como son Mónica Baró, Teresa Mañá e Inés Dussel. 
 
Pegadas dunha viaxe. Traxectorias e futuros das bibliotecas escolares en Galicia é un completo informe que serve para revisar o feito nestes anos, as políticas públicas postas en xogo para fortalecer e renovar as bibliotecas escolares galegas, pero tamén indaga nos imaxinarios construídos neste tempo arredor da biblioteca escolar por alumnado, docentes e familias e inclúe un estudo de casos no que, a través dun achegamento ás situacións cotiás, dáselles voz aos seus protagonistas para entender os procesos de transformación que se están levando a cabo nas bibliotecas escolares. Por primeira vez, e a través dunha importante mostra, é posible achegarse ás prácticas de lectura do alumnado na nosa Comunidade, e coñecer  o uso que fan das bibliotecas dos centros, entre outras moitas cuestións de gran interese. O informe remata cun apartado, Trazos de futuro, no que se analizan as claves do presente e se avanzan unhas propostas de futuro. 
 
As distintas metodoloxías empregadas na investigación e a fondura coa que foi formulado este estudo ofrécennos unha oportunidade única para entrar no mundo das bibliotecas escolares galegas, coñecer os camiños que seguiron no seu desenvolvemento e, tamén, para coñecer as vivencias que profesorado, alumnado e familias tiveron na biblioteca e que foron integrando na súa experiencia persoal e no seu imaxinario.  Este informe, en versión en galego e castelán, está dispoñible na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.