CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A Coruña): un centro LÍA.2

O CEP Xosé María Brea Segade é un centro integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares desde 2006, na segunda convocatoria deste programa. Foron aló moitos cursos e moitas foron as transformacións vividas por esta biblioteca en paralelo ás mudanzas que se foron sucedendo no mundo educativo nestes últimos quince anos [Vídeo gravado en 2012]. Sempre o protagonismo foi do alumnado e da comunidade educativa no seu conxunto, unha das claves da traxectoria desta biblioteca escolar: os traballos por proxectos, o fomento da lectura, a normalización da lingua, a formación do alumnado en competencias informacionais e mediáticas, a procura da súa autonomía como lectores e lectoras, a cultura tradicional como base sobre a que medrar como persoas cos pés ben firmes no chan que pisan e a mirada posta no futuro que cómpre construír. En 2018 o Brea Segade foi convidado a participar neste proxecto LIA.2 que busca explorar, en colaboración coa comunidade educativa, as posibilidades da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes". Pasado un ano procúranse evidencias das transformacións realizadas e de como repercuten no día a día do alumnado e nas prácticas pedagóxicas do centro. Este vídeo, gravado no outono de 2020, serve de testemuña da cultura pedagóxica que comparten moitos centros galegos nos que a biblioteca é un "acelerador de innovación", e da que é un bo exemplo a BBS, a Biblioteca do Brea Segade.