II Concurso de podcasts "Radio na biblio"- AMPLIACIÓN DO PRAZO

 

Con data 13 de febreiro de 2020, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, facía pública a convocatoria do II Concurso de Podcasts-Radio na biblio, en colaboración coa CRTVG (a través da Dirección da Radio Galega), co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas de 2020 ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, destinado aos centros públicos integrados no programa Radio na Biblio con extensión a outros centros de titularidade da consellería que traballan xa coa radio como ferramenta pedagóxica, co fin de estimular, por unha banda, a valoración da lingua galega e, por outra, reforzar a lectura de dous xéneros literarios aos que Carvalho Calero dedicou parte da súa obra: a poesía e o teatro. O prazo de presentación de traballos remataba o 25 de abril.

Aínda que moitas emisoras vinculadas a "Radio na biblio" estiveron activas nesta primavera estraña de 2020 (tempos de pandemia, confinamento e aprendizaxe non presencial), tamén outras moitas viron paralizadas as súas posibilidades de intervención co alumnado.

Por outra banda, e nesta situación provocada pola COVID-19, a Real Academia da Lingua Galega comunicou o traslado ao día 31 de outubro de 2020  do Pleno do día das Letras Galegas adicado ao citado autor, e tamén pospuxo diferentes actos presenciais á volta do verán, prolongando, deste xeito, a celebración do ano Carvalho Calero ao longo do último cuadrimestre do 2020.

Co fin de facilitar a posibilidade de participación no II concurso de podcasts "Radio na biblio", convocado en colaboración coa CRTVG (Radio Galega), con temática vinculada á celebración das Letras Galegas 2020 en honra de Ricardo Carvalho Calero, amplíase o prazo para a presentación de traballos ao II Concurso de podcasts "Radio na biblio" ao vindeiro 10 de outubro.