Título node Learning object

Dives Gallaecia
Mér, 26/02/2014 - 12:28
imaxe dives gallaecia

DIVES GALLAECIA (expresión latina que viría a significar, en tradución aproximada, "A riqueza de Galicia")

DIVES GALLAECIA é unha  "Bitácora da Didáctica das Clásicas en Galicia"  que se divide en dúas partes:
    -un blogue sobre a didáctica das linguas clásicas e da cultura clásica en Galicia
    -unha páxina web, elaborada en google sites, sobre a romanización de Gallaecia (Galicia)

DIVES GALLAECIA é unha ampla base de datos cun bo número de material audiovisual relativo á cultura romana en Galicia. A través desta utilidade é posible, por exemplo, facer unha visita virtual a museos galegos ou atopar datos históricos sobre xacementos arqueolóxicos de Galicia, como Aquis Querquennis (un campamento romano na Baixa Limia, en Ourense). O material que se pode atopar tanto no blogue como na web abrangue un amplo espectro temático, dende cuestións relativas á didáctica do latín e do grego, ata material informativo sobre a conquista de Gallaecia polo exército romano.

DIVES GALLAECIA recibiu, no curso 2012-13, o 1º premio ás boas prácticas de innovación educativa, premios convocados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia (Modalidade C: Uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación que introduzan cambios metodolóxicos). Así mesmo, DIVES GALLAECIA recibiu unha Mención de Honor nos Premios do IV Concurso de "Buenas Prácticas" organizado pola asociación MEJORA TU ESCUELA PÚBLICA (Modalidade B, Centros de Ensino Secundario).

O proxecto DIVES GALLAECIA está encabezado por Álvaro Pérez Vilariño, Profesor de Latín, do IES Manuel García Barros (A Estrada, Pontevedra), coa colaboración de Marisa Otero e Miguel Bugallo, profesores tamén do devandito centro educativo.