Skip to Content

Novas da Xunta

Educación convoca o primeiro Premio de Excelencia FP Dual como recoñecemento ás empresas colaboradoras

Novas da Xunta - Dom, 16/02/2020 - 12:00
Summary: Ademais créase o selo Empresa colaboradora de FP DualUnha das categorías do galardón está centrada en premiar os proxectos destacados no relativo ao impulso do rural Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o primeiro premio de Excelencia FP Dual, así como de crear o selo Empresa colaboradora de FP Dual. O obxectivo é dar visibilidade e valorar o labor que desenvolven as empresas e os seus titores no desenvolvemento desta modalidade da Formación Profesional.

Serán os centros educativos que impartisen estas ensinanzas no presente e pasado curso os que propoñan os candidatos para obter o premio de Excelencia FP Dual. Cada un deles propoñerá unha candidatura por cada unha das categorías do galardón, en concreto as de gran empresa, mediana e pequena empresa, asociacións, entidades colaboradoras, persoa titora de empresa e proxecto destacado (que premiará as actuacións relativas ao impulso do rural).

O premio diríxese ás empresas, asociacións empresariais e profesionais e outras entidades que colaborasen con proxectos de FP Dual nos cursos 2018/2019 e 2019/2020, Tamén optarán a el as persoas titoras que desenvolvesen o seu labor durante estes dous cursos.

Pola súa banda, o selo está dirixido ás empresas que veñen colaborando coa Dual desde a súa implantación no curso 2012/2013 ata a actualidade. Consistirá nun diploma acreditativo que se entregará nun acto público ás empresas que contribúen ao impulso e á difusión desta modalidade como factor clave na cualificación de capital humano para a mellora da empregabilidade do alumnado. 

O galardón enmárcase no Plan de Dinamización da FP Dual en Galicia, que ten entre os seus obxectivos lograr o maior achegamento entre a formación profesional e as empresas, de xeito que se atendan as necesidades de persoa cualificado dos distintos sectores económicos e se melloren as posibilidades de emprego do alumnado. Este plan conta con accións como a creación da Rede galega de dinamización da FP Dual (REGADual) ou o impulso de novos proxectos nesta modalidade (especialmente con pequenas e medianas empresas e no rural), entre outras.

Premios autonómicosFormación Profesional inicialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSubdirección Xeral de Formación ProfesionalProfesoradoCentrosEmpresas
Categorías: Novas da Xunta

A Consellería de Educación convoca os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais en 15 especialidades

Novas da Xunta - Sáb, 15/02/2020 - 12:00
Summary: O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención desta acreditación, que favorece a incorporación ao mercado laboral das persoas que a posúen Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais nun total de 15 especialidades diferentes. As probas desenvolveranse en dúas convocatorias. Para a primeira, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 17 de febreiro ao día 3 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos; mentres que para a segunda estará aberto desde o día 22 de xuño ao día 3 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos. O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención desta acreditación, que favorece a incorporación ao mercado laboral das persoas que a posúen.

Os exames que se celebrarán en cada convocatoria son os que se reflicten na seguinte táboa:

Primeira convocatoria

Carnés profesionais:

- Operador/a de guindastre torre.

- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

- Operador/a industrial de caldeiras.

Segunda convocatoria

Carnés profesionais:

- En instalacións térmicas de edificios.

- De operador/a de guindastre torre.

- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

- Operador/a industrial de caldeiras.

- Instalador/a de gas, categoría A.

- Instalador/a de gas, categoría B.

- Instalador/a de gas, categoría C.

- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

- Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

 

Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán estar en idade legal laboral ou teren a idade mínima que, de ser o caso, poida esixir a normativa sectorial correspondente; así como cumprir os requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas (importe de 40,77 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. As persoas aspirantes que desexen obter máis dun carné profesional ou habilitación profesional presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

As datas, hora e lugares de realización dos exames publicaranse xunto coa listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Estrutura das probas

Os exames estarán constituídos por dúas partes, e versarán sobre os coñecementos, e contidos especificados na regulamentación de cada especialidade e que constitúen a materia de avaliación.  A primeira parte consistirá nun exercicio teórico escrito de resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal de cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.

A segunda parte estará composta por un suposto práctico escrito ou unha proba real de manipulación, manobra ou operación, sobre a resolución dun problema ou de varios, ou sobre o seguimento de instrucións contextualizadas, segundo determine o tribunal, en relación cos requisitos prácticos propios de cada especialidade.

Para os carnés de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha proba de demostración real de destreza na manobra e na operación co guindastre baixo as instrucións e as indicacións especificadas polo tribunal. Esta proba poderá realizarse empregando un guindastre móbil autopropulsado ou un simulador.

Información xeralFormación Profesional inicialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSubdirección Xeral de Formación ProfesionalAlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas da Xunta

Un total de 141 centros de ensino desenvolverán este ano o programa de reforzo ARCO

Novas da Xunta - Vie, 14/02/2020 - 14:36
Idioma Gallego

Un total de 141 centros de toda Galicia desenvolverán este curso o programa de accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO). A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva desta iniciativa, que leva consigo unha dotación a estes centros de 162 profesionais, entre profesorado de primaria e secundaria e especialistas en pedagoxía terapéutica.

O ARCO, que pode ser complementario cos contratos-programa, ten como obxectivo implicar o grupo de clase nas actividades de reforzo, co fin de conseguir o máximo desenvolvemento emocional, intelectual e social do alumnado. Este programa, dirixido aos centros públicos, consta de 3 liñas de actuación que desenvolverán axustes educativos dentro da aula ordinaria, co obxecto de garantir a máxima inclusión favorecendo a participación no grupo-clase e a consecución do máximo desenvolvemento emocional, intelectual, social e profesional de todo o alumnado. A liña 1 diríxese ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria, a 2 ao de 1º de ESO e a 3 aos estudantes de 4º de ESO.

O obxectivo da iniciativa é apoiar o alumnado para a mellora do rendemento académico, co fin de mellorar o éxito escolar e previr o abandono educativo temperán do alumnado que cursa as ensinanzas obrigatorias. Así mesmo, xerarase un clima de aprendizaxe que favoreza o traballo en equipo, cooperativo e por proxectos e procurarase diminuír as barreiras de aprendizaxe que dificultan superar e acadar os obxectivos do nivel educativo. Todas as liñas desenvolveranse dentro do horario lectivo e mediante apoios a través do uso de metodoloxías activas e participativas, así como a aplicación de medidas organizativas ao alumnado obxecto da liña.

Para a selección dos centros participantes téñense en conta criterios como as porcentaxes de alumnado que promocionou con algunha área non superada, con necesidades específicas de apoio educativo e repetidor ou os centros que participaron no antigo programa de reforzo PMAR, entre outros. Os centros de secundaria poden participar á vez na liña 2 e 3.

Programas e plansEducación primariaEducación secundaria obrigatoriaConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSubdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do ProfesoradoProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas da Xunta

40 alumnas e alumnos de Bacharelato e grao superior de FP, galardoados cos Premios Extraordinarios aos mellores expedientes académicos

Novas da Xunta - Vie, 14/02/2020 - 12:08
Summary: A conselleira de Educación, Carmen Pomar, presidiu a entrega dos premiosTrátase de 13 mulleres e 7 homes no caso de Bacharelato e 11 mulleres e 9 homes no caso das ensinanzas de Formación Profesional, que representan a excelencia do sistema educativo galego Idioma Gallego

Un total de 40 alumnas e alumnos de Bacharelato e de Grao Superior de Formación Profesional recibiron hoxe os Premios Extraordinarios cos que a Xunta de Galicia recoñece cada ano os mellores expedientes académicos nestas ensinanzas correspondentes ao pasado curso 2018-19.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que esta mañá presidiu o acto de entrega dos recoñecementos, avogou por “consolidar a cultura do esforzo, esa que trae da man a mellora da calidade educativa” que representan as e os estudantes galardoados, a quen expresou as súas felicitacións.

Carmen Pomar destacou a calidade da educación superior en Galicia, “un sistema de vasos comunicantes onde o alumnado que remata os ciclos formativos de grao superior ten acceso directo aos estudos universitarios relacionados coa profesión cursada; e onde o prestixio destes estudos no mercado de traballo fai que os estudantes da universidade elixan tamén cursar ciclos formativos de grao superior unha vez rematada a súa carreira”. Isto é, itinerarios formativos diferentes “pero cun obxectivo común: a inserción nun mercado laboral en constante e rápido cambio”, abondou.

A Consellería de Educación convoca cada ano estes galardóns co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato ou de Grao Superior de FP nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, a razón de 20 premios por cada unha das modalidades destas ensinanzas; e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

No caso de Bacharelato, os galardoados foron 13 mulleres e 7 homes que, entre outros requisitos, obtiveron unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos, e superaron unha proba específica para tal fin. Foron galardoados cun diploma acreditativo e un premio económico de 1.000 euros. O listado dos premiados pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos ciclos de Grao Superior de FP, os premios extraordinarios recaeron en 11 mulleres e 9 homes -todos eles cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos-, que resultaron agasallados cun diploma acreditativo, 850 euros e o dereito a concorrer aos premios nacionais de formación profesional. O listado dos premiados pode consultarse no DOG.

Premios autonómicosBacharelatoFormación Profesional inicialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalServizo de Avaliación e Calidade do Sistema EducativoAlumnado
Categorías: Novas da Xunta

Relación definitiva das persoas seleccionadas para a participación no curso de especialización en educación emocional

Novas da Xunta - Vie, 14/02/2020 - 12:05
Idioma Gallego

De acordo co establecido no apartado 5 da Resolución do 31 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado de centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a realización dun curso de especialización en educación emocional, faise pública a resolución definitiva das persoas seleccionadas, das non seleccionadas e das persoas excluídas.
 

Anuncio principal: Convocadas prazas destinadas ao profesorado de centros docentes públicos para a realización dun curso de especialización en educación emocionalTema: CursosEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialDepartamento: Servizo de Formación do ProfesoradoColectivo: ProfesoradoCentros
Categorías: Novas da Xunta

Educación convoca os Premios fin de carreira para titulados superiores de música, arte dramática, conservación e restauración de bens culturais e deseño

Novas da Xunta - Jue, 13/02/2020 - 17:52
Summary: A conselleira Carmen Pomar visitou a EASD Pablo Picasso, na CoruñaComo recoñecemento ao rendemento académico dos estudantes de ensinanzas artísticas superiores, que non estaban contemplados nas convocatorias anuais dos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autonómica Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar, por primeira vez, os Premios Fin de Carreira para o alumnado que remata os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, que non estaban incluídos nas convocatorias anuais destes galardóns para titulados de ensinanzas superiores. 

Así o recolle o Diario Oficial de Galicia do pasado venres, tal e como apuntou hoxe a conselleira de Educación, Carmen Pomar, no decurso dunha visita institucional á EASD Pablo Picasso da Coruña, co fin de coñecer as instalacións deste centro e entrevistarse co equipo directivo.

O obxectivo destes Premios -que xa existen para o resto de graos universitarios- é que os estudantes de ensinanzas artísticas superiores de Galicia estean en igualdade de condicións e de oportunidades que o resto dos titulados universitarios no que atinxe á excelencia no rendemento académico e ao recoñecemento do seu esforzo, traballo e dedicación. Uns premios que ademais do recoñecemento oficial aos mellores expedientes académicos, levan aparellados unha dotación económica dun máximo de 3.000 euros.

En total poderán concederse ata seis premios, a razón de 2 para as ensinanzas superiores de Música, outros 2 para ensinanzas superiores de Deseño, 1 para ensinanzas superiores de Arte Dramática e outro para ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Entre os requisitos (que poden consultarse no DOG) cómpre salientar ter finalizado os estudos das titulacións artísticas antes sinaladas no curso 2018-19 cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos. Os interesados deberán formular as solicitudes de xeito exclusivamente electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou polo sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

EASD Pablo Picasso, de longa tradición

Durante a súa visita a EASD Pablo Picasso, a conselleira Carmen Pomar destacou o alto grao de prestixio e profesionalidade desta Escola, así como a súa longa tradición histórica, xa que nela estudou os primeiros cursos Pablo Picasso antes de trasladarse a vivir a Barcelona.

Na actualidade a escola, que conta con 469 alumnos matriculados, oferta os Estudos Superiores de Deseño (título equivalente a grao universitario), Ensinanzas Profesionais de artes Plásticas e Deseño e Ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño nos ámbitos da Fotografía; Dourado, Prateado e Policromía; Escultura aplicada ao espectáculo; Técnicas Escultóricas, Cerámica Artística e Ilustración.

Premios autonómicosEnsinanzas de conservación e restauración de bens culturaisEnsinanzas superiores de arte dramáticaEnsinanzas superiores de deseñoEnsinanzas superiores de músicaConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalServizo de Ensinanzas de Réxime EspecialAlumnadoCentros
Categorías: Novas da Xunta

Resolución definitiva dos centros seleccionados para a posta en marcha de accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria, en réxime de concorrencia competitiva, cofinanciado polo FSE

Novas da Xunta - Jue, 13/02/2020 - 11:40
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución definitiva pola que se fai pública a relación de centros seleccionados, conforme o disposto no apartado noveno da Resolución do 19 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para a posta en marcha de accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en réxime de concorrencia competitiva, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

NOTA: Os anexos da Resolución definitiva están ordenados por código de centro.
 

Anuncio principal: Accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería, en réxime de concorrencia competitiva, cofinanciado polo Fondo Social EuropeoTema: Programas e plansEnsinanza: Educación primariaEducación secundaria obrigatoriaDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do ProfesoradoColectivo: ProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria do II Concurso de Podcasts-Radio na biblio

Novas da Xunta - Jue, 13/02/2020 - 09:05
Idioma Gallego

Tras os excelentes resultados da primeira convocatoria, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto do Plan LIA de Bibliotecas escolares, fai pública a Resolución de 13 de febreiro de 2020 (coincidindo co Día Mundial da Radio), pola que se convoca o II Concurso de Podcasts-Radio na biblio, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG). Poderán participar os centros públicos non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, polo que as temáticas dos podcasts, nas catro modalidades previstas, deberán tratar sobre o patrimonio lingüístico galego ou estaren dedicados a estimular a lectura de dous dos xéneros presentes, entre outros, na obra deste autor: a poesía e/ou o teatro.

  • O prazo de presentación dos traballos e da documentación complementaria remata o 25 de abril de 2020.
     
File:  Convocatoria do13 de febreiro de 2020Tema: Plan LÍABibliotecas escolaresDepartamento: Dirección Xeral de Centros e Recursos HumanosSubdirección Xeral de CentrosServizo de Xestión de Programas EducativosColectivo: ProfesoradoAlumnadoCentrosSección: BoletínPortada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Carmen Pomar inaugura Edugal 2020, o Salón educativo que ofrece orientación e asesoramento académico ao alumnado

Novas da Xunta - Mié, 12/02/2020 - 12:53
Summary: A novena edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia conta con 56 expositores nos que están presentes a FP, a universidade, diferentes centros de ensino, fundación e empresas colaboradoras da FP Dual, entre outros Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou esta mañá a novena edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal, un lugar de encontro para o alumnado, os profesionais do ensino os centros de formación e as institucións educativas que exerce un papel de asesoramento e orientación ao alumnado á hora de escoller as súas opcións formativas de futuro.

En palabras da conselleira, encontros coma o do Edugal, no que se poñen en contacto os centros de formación e as empresas “fanse máis precisos que nunca, pois é a mellor vía para lograr unha educación de calidade que responda ás necesidades reais do mercado”.

“Para os estudantes, coñecer cales son as súas alternativas, ser capaces de valorar todos os factores e poder escoller entre unha ampla e variada oferta son claves á hora de acertar no que queren facer co seu futuro”, asegurou a conselleira, que subliñou que a educación “é a porta principal de acceso a ese futuro”.

Neste sentido, cómpre salientar que máis de 600 centros educativos dispoñen de servizo de orientación -todos os IES galegos contan como mínimo cun especialista propio- así como con equipos de orientación específicos de ámbito provincial.

Encontro ata o día 14

Promovido pola Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (Aempre) co apoio da Xunta de Galicia entre outras entidades, o 9º Salón Edugal reúne 56 expositores no Recinto Feiral de Pontevedra nos que estudantes e familias poden informarse desde hoxe ata o día 14 das diferentes opcións de formación que se ofertan en Galicia. Na cita están presentes a FP, a universidade, diferentes centros de ensino, fundación e empresas colaboradoras da FP Dual, entre outros.

O obxectivo é proporcionar información e orientación académica para facilitar a elección dos estudantes sobre o seu futuro. Ademais dos expositores, o programa complétase con conferencias, charlas de orientación, obradoiros e demostracións.

Información xeralEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalAlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas da Xunta

Educación convoca o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, coincidindo co Día Mundial deste medio

Novas da Xunta - Mié, 12/02/2020 - 11:30
Summary: Carmen Pomar visitou hoxe o CEIP Plurilingüe San Bartolomé para coñecer o seu laboratorio de radio Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe San Bartolomé (Vilanova de Arousa), un dos centros que se incorporou este curso a Radio na biblio, o programa para impulsar a creación de laboratorios radiofónicos nas bibliotecas escolares.

Na súa visita, Carmen Pomar comprobou o avanzado que está o proxecto Radio Chans, nado a raíz da participación do centro neste programa e animou ao alumnado a presentarse ao II Concurso de podcast-Radio na Biblio, cuxa convocatoria, na que colabora a Radio Galega, se publica mañá, coincidindo co Día Mundial da Radio.

A través da pequena emisora creada no centro, o alumnado coñece os diferentes medios de comunicación e a súa evolución ao longo da historia. Así mesmo a radio serve como canle de comunicación arredor dos acontecementos do CEIP e das actividades que nel se desenvolven.

O obxectivo de Radio na Biblio é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, ao tempo que se amplían as linguaxes presentes na biblioteca e se promove a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo. Este programa avanza, ademais, nun dos desafíos do Plan Lía2016/20, en concreto no de estimular o papel das bibliotecas escolares como centros creativos de aprendizaxes.

Carmen Pomar destacou que a participación do CEIP San Bartolomé neste programa é un exemplo das múltiples iniciativas que desenvolve unha comunidade educativa moi activa. Neste sentido explicou que o colexio forma parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), é centro plurilingüe e desenvolve este curso varias liñas de actuación dos contratos-programa, en concreto REFÓRZA-T, Mellora das competencias clave, IGUÁLA-T, CON-VIVE, INCLÚE-T e Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Concurso de Podcast

En colaboración coa CRTVG, a través da Dirección da Radio Galega, a Consellería de Educación convoca mañá o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, destinado aos centros públicos co programa Radio na Biblio e a outros centros que traballan xa con este medio como ferramenta pedagóxica. Na primeira edición do certame participaron 64 centros educativos que enviaron un total de 107 traballos.

Este ano, co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas de 2020 ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, os podcasts radiofónicos participantes xirarán arredor do traballo do ferrolán. Deste xeito, a temática pode versar sobre a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculado ao medio xeográfico, cultural e humano máis próximo ao centro, así como ir dirixida a estimular a lectura de poesía e teatro galegos e en galego.

O concurso consta de catro modalidades (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e Bacharelato, ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos), segundo o nivel do ensino, e seleccionaranse dous podcasts por modalidade. Cada centro educativo pode presentar un máximo de 3 traballos, todos eles en lingua galega. O arquivo sonoro, que deberán enviar en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un debate ou un programa monográfico, entre outros formatos.

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os podcasts premiados serán emitidos pola Radio Galega; á súa vez, serán difundidos a través  da páxina web da Radio Galega e da canle dixital do Diario Cultural.

O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación rematará o 25 de abril de 2020. Os detalles da convocatoria poderán consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.

Audio: Premios autonómicosBibliotecas escolaresEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalServizo de Xestión de Programas EducativosProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas da Xunta

Carnés e habilitacións profesionais. Orde de convocatoria 2020

Novas da Xunta - Mié, 12/02/2020 - 08:57
Idioma GallegoXúntase a Orde do 20 de xaneiro de 2020 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2020 (código de procedemento ED527A). Prazos de presentación de solicitudes:
  • Primeira convocatoria: do 17 de febreiro ao 3 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.
  • Segunda convocatoria:  do 22 de xuño ao 3 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos.
Máis información: Tema: Información xeralEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Formación ProfesionalServizo de Xestión da Formación ProfesionalColectivo: AlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas da Xunta

Resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual

Novas da Xunta - Mié, 12/02/2020 - 08:53
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se fai pública a resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual, convocadas pola Orde do 6 de maio de 2019.

Tema: BolsasEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Formación ProfesionalServizo de Orientación Profesional e Relación con EmpresasColectivo: AlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas da Xunta

Relación provisional de persoas seleccionadas para a participación no curso de especialización en educación emocional

Novas da Xunta - Mar, 11/02/2020 - 21:35
Idioma Gallego

De acordo co establecido no apartado 5 da Resolución do 31 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado de centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a realización dun curso de especialización en educación emocional, faise pública a listaxe provisional das persoas seleccionadas, das non seleccionadas e das persoas excluídas.

  • As persoas que resulten seleccionadas na resolución definitiva incorporaranse o venres 14 de febreiro ao curso de especialización en educación emocional da Universidade de Santiago de Compostela
     
Anuncio principal: Convocadas prazas destinadas ao profesorado de centros docentes públicos para a realización dun curso de especialización en educación emocionalTema: CursosEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialDepartamento: Servizo de Formación do ProfesoradoColectivo: ProfesoradoCentros
Categorías: Novas da Xunta

Carmen Pomar conmemora co alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I o Día da Muller e a nena na ciencia

Novas da Xunta - Mar, 11/02/2020 - 12:33
Summary: A conselleira de Educación visitou esta mañá o centro compostelán, onde se reuniu coas gañadoras do premio Stephen Hawking A conselleira destaca que é necesario fomentar as vocacións STEM entre as rapazasHoxe en día hai máis rapazas que cursan STEMBach que rapaces, en concreto o 52% Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, conmemorou o Día da muller e a nena na ciencia xunto co alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela). Na visita ao centro, a titular do departamento educativo da Xunta reuniuse coas alumnas gañadoras do premio Stephen Hawking, galardón a investigadores mozos concedido o pasado venres polo IES Rosalía de Castro.

A conselleira asistiu tamén xunto co alumnado de 1º da ESO á conferencia da investigadora Carmen Mariño, antiga alumna deste centro compostelán, graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais cun máster en Enxeñaría Industrial. Actualmente traballa como investigadora a cargo dun proxecto Europeo (Proxecto Safeway).

Carmen Pomar salientou que é necesario promover a vocación do alumnado, en especial das mulleres, cara á investigación científica e tecnolóxica. Para iso, os centros dispoñen no marco da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, de diferentes programas como o Club de Ciencia, no que participa o IES Arcebispo Xelmírez I; ou o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), unha modalidade que xa se imparte en 31 institutos e que conta hoxe en día con máis rapazas que rapaces matriculados, un 52% en concreto.

Cómpre sinalar tamén que varias das  actividades da Estratexia –Semana STEM ou STEMWeek, por exemplo– promoven de xeito específico a participación das alumnas, co fin de favorecer o seu interese por estas competencias matemáticas, científicas e tecnolóxicas, contribuíndo a incrementar no futuro o peso das mulleres nestas áreas, así como a igualdade.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar en 2016 o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co fin de acadar o acceso e a participación plena e equitativa neste eido, ademais de para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento de mulleres e nenas.

Un centro moi activo

Ademais do Club de Ciencia, o IES Arcebispo Xelmírez I desenvolve iniciativas como o de Club de Lectura e forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Ademais, este ano desenvolve tres liñas dos contratos-programa, en concreto CON-VIVE, INCLÚE-T e Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

O centro comeza tamén neste curso a participar no programa de enriquecemento escolar SEMGal, en concreto está na fase de achegamento.

Información xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas da Xunta

Axudas para ANPA destinadas a actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero

Novas da Xunta - Mar, 11/02/2020 - 09:35
Idioma Gallego

A Secretaría Xeral da Igualdade convocou axudas para que as ANPA financien actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.

Resolucióndo 19 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento SI449B). Pódese consultar a convocatoria no DOG do 4 de febreiro.

Segundo a convocatoria, serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero de que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen ás familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

 

Tema: BolsasEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialDepartamento: Entidades autonómicasColectivo: FamiliasCentros
Categorías: Novas da Xunta

Apertura das listas de interinidades no corpo de PES especialidade de navegación e instalacións mariñas, de sistemas electrónicos, de sistemas electrotécnicos e automáticos e no corpo de PTs, especialidade de equipos electrónicos, de instalacións....

Novas da Xunta - Lun, 10/02/2020 - 19:03
Idioma Gallego

Resolución do 10 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de ensino secundario (590), especialidade de navegación e instalacións mariñas (109), de sistemas electrónicos (124), de sistemas electrotécnicos e automáticos (125) e no corpo de profesores técnicos de formación profesional (591), especialidade de equipos electrónicos (202), de instalacións electrotécnicas (206), de máquinas, servizos e produción (210), de mecanizado e mantemento de máquinas (211) e operacións e equipos de elaboración de produtos alimentarios (214).

  • O prazo para formular solicitudes será de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución.
     
File:  Resolución do 10 de febreiro de 2020 Modelo de solicitude Modelo de alegación de méritosTema: Programas e plansInterinidades e substituciónsEnsinanza: Educación secundaria obrigatoriaBacharelatoFormación Profesional inicialColectivo: ProfesoradoSección: BoletínPortada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Apertura das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas (594), especialidade saxofón (424)

Novas da Xunta - Lun, 10/02/2020 - 18:55
Idioma Gallego

Resolución do 10 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas (594), especialidade saxofón (424).

  • O prazo para formular solicitudes será de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución.
     
File:  Resolución do 10 de febreiro de 2020 Modelo de solicitude Modelo de alegación de méritosTema: Programas e plansInterinidades e substituciónsEnsinanza: Ensinanzas superiores de músicaDepartamento: Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime EspecialColectivo: ProfesoradoSección: BoletínPortada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Resolución pola que se convocan os premios de Excelencia FP dual de Galicia e se crea o selo Empresa colaboradora de FP dual

Novas da Xunta - Lun, 10/02/2020 - 15:43
Idioma Gallego Publicada a Resolución do 7 de febreiro do 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se resolve convocar os premios de Excelencia FP Dual de Galicia e crear o selo Empresa colaboradora de FP dual.   A data límite para enviar as propostas das candidaturas é o 21 de febreiro do 2020. Tema: Premios autonómicosEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Formación ProfesionalServizo de Ordenación e Formación ProfesionalColectivo: Centros
Categorías: Novas da Xunta

Carmen Pomar salienta a aposta de educación por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego

Novas da Xunta - Lun, 10/02/2020 - 13:10
Summary: A conselleira participou no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega NOSASubliñou a importancia de aprender a investigar, a deseñar proxectos, a expoñer ideas e a divulgar contidos, unha metodoloxía de aprendizaxe que lle servirá ao alumnado para toda a súa vida Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no IV Congreso MarumaSat, onde destacou a aposta do seu departamento por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego, “unha vontade compartida” coa Axencia Escolar Galega, NOSA, organizadora deste encontro.

NOSA é proxecto educativo do que forman parte seis centros públicos, o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros), o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Arzobispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e IES Ferrol Vello (Ferrol). En marcha desde o curso 2014/2015 , ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica (MarumaSat) que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

Carmen Pomar subliñou a importancia de NOSA na medida en que se realiza un traballo en equipo, onde os alumnos aprenden a investigar e a deseñar proxectos aplicando o método científico, a expoñer ideas e argumentos e a divulgar os logros obtidos. “Estades adquirindo unhas habilidades que vos serán útiles durante toda a vosa vida” sinalou a conselleira dirixíndose aos rapaces asistentes ao Congreso, a quen felicitou pola súa capacidade de traballo e creatividade. Así mesmo a conselleira loou a implicación dos docentes impulsores de NOSA, que desde distintas áreas sexan a tecnolóxica, as matemáticas ou a lingua e a literatura, “comparten valores educativos, pedagóxicos e metodolóxicos”.

Misión MarumaSat

Desde o primeiro lanzamento, e coa progresiva incorporación ao proxecto dos diferentes centros, a misión MarumaSat ten incorporado moitas melloras e un gran contido científico. De feito, as últimas cápsulas contaban con elementos como radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono, presión, humidade, temperatura e altitude e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade do artefacto.

Neste momento os centros integrantes de NOSA están a traballar na misión Marumasat IV, con ambiciosos obxectivos como o de acadar un novo récord de altitude, incluír novos módulos de xeoposicionamento e, como obxectivo estrela, enviar un detector de muóns para facer unha nova comprobación experimental da relatividade especial de Einstein.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

Estratexia STEM

A Xunta de Galicia conta cunha estratexia específica, Edudixital, para impulsar entre as alumnas e os alumnos o interese polas competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), necesarias para executar iniciativas como a Axencia Escolar Galega NOSA. O obxectivo é que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, co fin de que ao finalizar os estudos acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Entre as accións desenvolvidas ao abeiro desta estratexia está a oferta de materias como a de Programación e a de Robótica, a dotación de kits de robótica a centros de primaria e de secundaria,  a creación de Espazos Maker –tamén dotados de materiais específicos– ou o impulso de Clubs de Ciencia nos centros de ensino. Asemade, anualmente convócase a Semana STEM e a STEMWeek, estadías onde a rapazada pode poñer en práctica os diferentes coñecementos adquiridos na aula.

Así mesmo, no curso 2018/19 implantouse por primeira vez en Galicia o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), que este curso imparten xa 31 centros.

CongresosPlans e actuacións en innovación educativa Ensinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas da Xunta

O alumnado de ESO, FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos galegos co Programa EduTecEmprende

Novas da Xunta - Dom, 09/02/2020 - 12:00
Summary: A Consellería de Educación ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para esta iniciativa ata o vindeiro 18 de febreiro Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de lanzar o novo programa EduTecEmprende, a través do que alumnado de FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos da nosa comunidade. O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo (Eduemprende), é motivar e sensibilizar os estudantes de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como a promover a súa achega ás áreas STEM.

As empresas e centros tecnolóxicos colaboradores, que os estudantes visitarán en función do curso no que estean, serán os concesionarios de automoción Pérez Rumbao, a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, as centrais de enerxía de NATURGY, as instalacións de Aluminios Cortizo (Padrón), o centro tecnolóxico de ANFACO-CECOPESCA (Pontevedra), o de AIMEN (O Porriño), o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (Ferrol), e as empresas GRADIANT (Vigo) e ENERGYLAB (Vigo).

Durante as visitas, as alumnas e alumnos terá a oportunidade de entrar en contacto con novas técnicas de produción, tecnoloxías intelixentes no seo da industria 4.0 e diversas profesións, a través das experiencias dos traballadores e das traballadoras, e coñecer o funcionamento dun centro tecnolóxico.

Previamente á visita, o centro traballará a actividade propia da empresa ou do centro tecnolóxico que se lle asigne, así como a súa implicación no sector produtivo correspondente, incorporando as actitudes e os valores propios do emprendemento.

Rematado o programa, o profesorado coordinador enviará unha memoria, na que se recolla o traballo realizado e as conclusións das persoas participantes. O labor realizado polo profesorado coordinador deste programa será recoñecido pola Administración como actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 12 horas de formación permanente do profesorado.

Solicitudes e financiamento

O programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO, bacharelato e formación profesional e poderán solicitalo os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2020. Os detalles da convocatoria poden consultarse na convocatoria no Portal de FP.

Os centros recibirán unha achega económica para o desenvolvemento do programa, que deberá ser específica para cada empresa ou centro tecnolóxico solicitado, ata un máximo de 300€. Cada centro poderá enviar unha única solicitude, na que poderá demandar máis dunha visita, coa orde de prioridade.

Programas e planseduemprendeEducación secundaria obrigatoriaBacharelatoFormación Profesional inicialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalDirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaProfesoradoAlumnadoFamiliasCentros
Categorías: Novas da Xunta
Contenido sindicado

Frases

Educar la mente sin educar al corazón no es educar en absoluto

Aristóteles



by Dr. Radut