Skip to Content

Novas da Xunta

Román Rodríguez avanza que a Xunta comeza a deseñar un novo plan de I+D+i que supoña un salto cualitativo e cuantitativo para Galicia

Novas da Xunta - Mar, 14/05/2024 - 21:59

Summary: 

O conselleiro de Educación reúnese con representantes dos centros tecnolóxicos, aos que transmite o obxectivo de acadar unha Galicia máis competitiva

Destaca a importancia de fomentar a colaboración público-privada coas universidades e os seus centros de investigación

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta vai comezar a deseñar un novo Plan de I+D+i que vai supoñer un salto cualitativo e cuantitativo, “co obxectivo de posibilitar a sinerxía entre o coñecemento, a innovación e a ciencia e así dar resposta aos requerimentos dos sectores produtivos para acadar unha Galicia máis competitiva”.

Fíxoo na súa primeira reunión de traballo con representantes  destas entidades privadas que desenvolven o seu labor co apoio público a través Axencia Galega de Innovación (GAIN),  logo do cambio de competencias, centralizadas agora en Educación. O obxectivo do encontro “é sentar as bases dunha colaboración fluída e máxima e así mellorar o moito e bo que ten feito Galicia en materia de investigación e innovación durante os últimos anos”, explicou. 

Román Rodríguez recalcou o compromiso do Goberno galego con potenciar a ciencia e a transferencia de coñecemento dos centros tecnolóxicos aos sectores produtivos e á sociedade. Agradeceu, ademais a aposta pola innovación destas entidades “que aportan un gran valor e coñecemento a sectores básicos para a economía, como poden ser o naval ou a alimentación, entre outros”, destacou. 

Interlocución para aunar estratexias

Neste sentido, o conselleiro manifestou o seu compromiso con ter en conta todo o coñecemento destes centros para deseñar políticas públicas de apoio que respondan ás súas necesidades, “sumando estratexias en prol da competitividade das industrias e dos sectores produtivos e, como consecuencia, para xerar desenvolvemento no conxunto de Galicia“.

Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade de seguir mellorando o posicionamento destes centros, o seu rendemento e a captación de fondos estatais e europeos, da man das empresas e fomentando a colaboración público-privada coas universidades e os seus centros de investigación.

A Consellería realizará unha rolda de visitas a estes centros para coñecer o seu labor e potencialidades, de cara a un maior aproveitamento das mesmas dentro do ecosistema de I+D+i galego.

Ademais de Román Rodríguez, participaron na reunión o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Por parte dos centros tecnolóxicos asistiron a directora de Operacións e Organización de Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), Miriam Costas; o director xerente da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), Jesús Lago; o director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Luis Moreno; o director xeral da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (GRADIANT), Luis Pérez; o director da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Carlos Calvo Orosa; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (ENERGYLAB), Fernando Val; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), Toni Pons; o presidente do Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), Santiago Cabaleiro, e a directora do Centro Galego de Investigacións da Auga (CETAQUA), Teresa Alvariño.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez recibe unha delegación do Goberno cántabro que visita Galicia para coñecer as claves da calidade e equidade do sistema educativo

Novas da Xunta - Mar, 14/05/2024 - 21:15
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse no Centro de Innovación Educativa e Dixital cunha delegación da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno de Cantabria que visita estes días Galicia para coñecer o noso sistema educativo, especialmente no que atinxe á calidade e á equidade educativa. Non en balde, visitaron varios centros rurais da provincia de Pontevedra e manterán reunións técnicas cos responsables da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

O titular do departamento educativo da Xunta deulles a benvida e puxo á súa disposición toda a información relativa á xestión de centros, con especial fincapé no ensino rural, no que Galicia é un referente e un distrito educativo único, pois o alumnado ten as mesmas oportunidades independentemente do tipo do centro no que estude e onde estea situado. Por parte da delegación cántabra visitan Galicia a directora xeral de Centros e Infraestruturas Educativas, Reyes Mantilla; o director xeral de Calidade e Equidade Educativa e Ordenación Académica, José Luis Blanco, así como Eduardo Obrado e Araceli  Ramirez, membros da Unidade Técnica de Calidade Educativa.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta aposta por xerar sinerxías entre Administración, empresas e centros tecnolóxicos para aproveitar o potencial da Intelixencia artificial

Novas da Xunta - Mar, 14/05/2024 - 21:10

Summary: 

Román Rodríguez avoga por priorizar unha I+D+i que xurda da colaboración público-privada

No encontro presentouse un proxecto pioneiro a nivel mundial para facilitar o uso da IA na industria europea

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai apostar polo impulso e o aproveitamento de sinerxías entre a Administración, o tecido empresarial e os centros tecnolóxicos para impulsar as potencialidades da Intelixencia Artificial e a súa aplicación práctica no día a día. Así se comprometeu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, con motivo da clausura da xornada A Intelixencia Artificial para unha industria competitiva, organizada polo centro tecnolóxico AIMEN.

Na súa intervención, o titular de Ciencia do Goberno galego avogou por priorizar unha “I+D+i que naza da colaboración público-privada, e coa que poder ampliar as oportunidades de crecemento, de retención do talento e de transferencia do coñecemento á realidade empresarial”. O obxectivo principal é xerar negocio aproveitando os recursos que brinda a Intelixencia Artificial, para o que é “imprescindible integrar a transferencia dese coñecemento nas dinámicas empresariais para garantir a sustentabilidade económica, produtiva e globalizadora e, así, asegurar un capital humano altamente cualificado”, remarcou o representante da Xunta.

Colaboración con institucións de oito países

O encontro de hoxe, no que o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, serviu tamén de marco de presentación do proxecto AI-MATTERS,  proxecto pioneiro a nivel mundial para facilitar o uso da Intelixencia Artificial na industria europea, no cal participa AIMEN xunto con outras institucións europeas de oito países diferentes. En concreto, este centro tecnolóxico promoverá a aplicación da IA para procesos industriais no que é punteiro, como a fabricación aditiva, os procesos de fabricación baseados en tecnoloxía láser ou a fabricación de estruturas multimateria.

Román Rodríguez fixo fincapé neste proxecto, o que “permitirá afianzar os vínculos que existen entre os centros de coñecemento e o tecido empresarial, facéndoo como garantía de calidade en todos os puntos da cadea produtiva”. Isto posibilitará un maior “acceso a proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no eido da I+D+i, dando prioridade á tecnoloxía diferencial para mellorar a produción e singularizar o selo propio da nosa industria”, engadiu.

Non en balde,  AIMEN Centro Tecnolóxico, cunha traxectoria de máis de 56 anos ao servizo da innovación e a industria, é un referente nacional en I+D+i e na prestación de servizos tecnolóxicos no eido dos materiais, os procesos de fabricación avanzada, a dixitalización e a sostibilidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez enxalza o “papel fundamental” das bibliotecas escolares na formación académica e persoal do alumnado

Novas da Xunta - Mar, 14/05/2024 - 14:45

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP entrega o Premio Clubs de Lectura 2024 a autora Arantza Portabales na XVI edición das súas xornadas anuais

Galicia é unha das mellores comunidades autónomas en competencia lectora segundo o último informe PISA, con 485 puntos, 11 e 9 máis que España e a OCDE

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entregou hoxe o premio Clubs de Lectura 2024 á escritora Arantza Portabales, que acada este galardón por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante o curso. “Soubo xuntar nas súas obras calidade, talento e singularidade, algo que conquistou aos mozos lectores”, afirmou o conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

A entrega deste premio enmárcase na XVI Xornada de Clubs de Lectura, que congregou a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxectivo de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura. “As bibliotecas escolares e os Clubs de Lectura son lugares de coñecemento, de innovación e de creatividade, algo que redunda nunha boa formación académica e persoal do alumnado”, destacou Román Rodríguez sobre o “papel fundamental” que xogan estes espazos.

De feito Galicia é unha das mellores comunidades autónomas en competencia lectora segundo o último informe PISA, con 485 puntos, 11 e 9 máis que a media de España e da OCDE. As bibliotecas escolares galegas destacan pola calidade dos espazos de aprendizaxe, polas as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou pola formación en diversidade e igualdade.

Os recursos educativos

“Os Clubs de Lectura son unha proposta fundamental para o desenvolvemento persoal e colectivo da mocidade galega”, dixo o representante da Xunta de Galicia sobre este programa no que participan uns 450 centros. A través desta iniciativa, búscase fomentar hábitos de lectura entre os participantes e contribuír á creación dun ambiente proclive á experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa.

Este programa, xunto co Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), Biblioteca Creativa, Radio na Biblio, Lectura e familias, Bibliotecas Escolares Solidarias e outras accións, enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe), a folla de ruta da Consellería de Educación neste campo. Este curso destináronse máis de 2,3M€ ás diferentes accións en materia de bibliotecas escolares incluídas no Plan, co fin de fomentar as competencias lectoras do alumnado.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Unha delegación do goberno de Cantabria visita o Colexio Rural agrupado de Vilaboa e o CEIP A Lama para coñecer os seus programas educativos

Novas da Xunta - Mar, 14/05/2024 - 14:31
Idioma Gallego

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitou hoxe o Colexio Rural agrupado de Vilaboa Consuelo González e o Colexio CEIP A Lama cunha delegación da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno de Cantabria, que viaxa estes días por Galicia para coñecer o noso sistema educativo, especialmente no que atinxe á calidade e á equidade educativa. Forman parte da delegación a directora xeral de Centros e Infraestruturas Educativas, Reyes Mantilla; o director xeral de Calidade e Equidade Educativa e Ordenación Académica, José Luis Blanco, así como Eduardo Obrado e Araceli Ramirez, membros da Unidade Técnica de Calidade Educativa.

Ao longo da mañá os representantes do Goberno de Cantabria coñeceron o funcionamento de dúas das escolas do Colexio Rural Agrupado, a de Bértola e a de Figueirido, así como a sede central da mesma e o CEIP A Lama. Ademais, afondaron nos diferentes programas educativos implantados nos centros, como os Polos Creativos, o plurilingüismo, os contratos-programa, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares ou Radio na Biblio, entre outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Probas libres para a obtención de títulos FP (LOE e LOXSE). Curso 2023-2024

Novas da Xunta - Mar, 14/05/2024 - 09:20
Idioma Gallego

Publicada a listaxe definitiva de solicitudes de persoas admitidas e excluídas para as probas libres para a obtención de títulos de FP.

Máis información

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta abrirá este mércores a investigadores de Galicia e de toda España o computador cuántico do CESGA para posicionar a Galicia na vangarda neste eido

Novas da Xunta - Lun, 13/05/2024 - 16:17

Summary: 

A nova infraestrutura QMIO priorizará ao I+D+i galego que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas

Un protocolo de acceso asignará os permisos en función do interese científico das propostas e fomentará a colaboración entre investigadores de Galicia e do resto do Estado co obxectivo de gañar relevancia científica e atraer talento a Galicia

A iniciativa enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no que se levan investidos 30M€ e que suma unha trintena de empregos de alta cualificación

Idioma Gallego

A Xunta vai poñer a disposición do ecosistema de I+D+i, principalmente o galego pero tamén de toda España, o computador cuántico QMIO, situado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O obxectivo é situar a Galicia á vangarda nesta tecnoloxía, aínda en pleno desenvolvemento, e que está a xerar un amplo interese a nivel internacional nestes momentos. Trátase do primeiro computador cuántico deste tipo instalado en España e o que conta con máis cúbits do Sur de Europa instalado nunha institución pública.

A nova infraestrutura, despregada por Fujitsu en funcionamento desde outubro de 2023, estará aberta desde este mércores, día 15 de maio, á investigación e desenvolvemento que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, tanto a nivel de Galicia como nacional. Darase acceso a través dun protocolo que fomenta a colaboración entre investigadores da nosa Comunidade e de toda España, co obxectivo de gañar relevancia científica e atraer talento. De feito, con carácter xeral, os centros de investigación nacionais terán acceso na medida en que colaboren con entidades de investigación galegas.

A maiores, resérvase unha pequena parte con fins formativos e xeración de talento, así como para uso do propio Centro de Supercomputación de Galicia, que na actualidade conta cun grupo de investigación en Computación Cuántica composto por 11 persoas.

A iniciativa enmárcase dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, nos que a Xunta e outras institucións levan executado un investimento de 30M€.

Aplicación en diversos ámbitos

Cómpre sinalar que as tecnoloxías cuánticas actuarán, a medio e longo prazo, como o elemento tecnolóxico disruptivo que acelerará o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores ao dar lugar a innumerables aplicacións e avances en medicina, intelixencia artificial, medio ambiente, biotecnoloxía, farmacoloxía, química, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións, finanzas, etc.

Como consecuencia, a computación cuántica permitirá descubrir novos medicamentos, deseñar novos materiais, descubrir novos procesos químicos, acelerar e reducir o consumo dos modelos de intelixencia artificial, optimizar os procesos de produción, e mellorar a eficiencia enerxética, entre outros aspectos. Como exemplo, no marco do proxecto Europeo NExt ApplicationS of Quantum Computing (NEASQC), no que o CESGA participa xunto coa Universidade da Coruña (UDC), xa se acadaron fitos como a creación de dous novos algoritmos financeiros e de diagnose de cancro.

Abrindo o acceso ao QMIO para actividades de I+D+i búscase situar a comunidade investigadora á vangarda nesta tecnoloxía emerxente e situar a Galicia no liderado da investigación e innovación en tecnoloxías cuánticas da información nos próximos anos.

De feito, as actuacións postas en marcha do Polo de Tecnoloxías Cuánticas xa xeraron unha trintena de empregos directos de alta cualificación en Galicia, e espérase un incremento nos próximos anos debido a os proxectos que captarán os investigadores.

Protocolo e tipos de acceso

O acceso ao QMIO será gratuíto e está destinado exclusivamente a actividades de I+D+i, reservando unha pequena parte para fins educativos dirixidos á xeración de talento en computación cuántica. Para organizar a explotación deste recurso, establécese un protocolo de acceso que asignará os permisos avaliando o seu interese científico, aínda que tamén se contempla o acceso directo a pequenos proxectos exploratorios en probas.

O protocolo establece catro tipos de acceso: a través da Rede Española de Supercomputación (RES), acceso aberto, acceso reservado para o CESGA e acceso con fins educativos. O primeiro deles canalizarase a través dos protocolos da Rede Española de Supercomputación (RES) da que o CESGA é un nodo. Neste caso, o CESGA achegará o 20% do tempo dispoñible do ordenador cuántico á RES, quen asignaría os recursos a través dos protocolos definidos para tal efecto na RES.

No caso do acceso aberto, canalizarase a través dos trámites e convocatorias abertos polo propio CESGA. Dentro do tipo de acceso libre distínguense dous tipos de actividades, as de curto alcance (pequenos proxectos exploratorios ou probas) e as de medio e longo alcance (proxectos con necesidades grandes de recursos priorizados, con fins científicos específicos e preparados para a súa execución inmediata).

O terceiro tipo de acceso está reservado para o persoal do CESGA, para proxectos nos que participe o centro e para convenios específicos de colaboración con fins de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico con outras institucións. Tamén se inclúen nesta categoría os proxectos de carácter estratéxico que considere.

Finalmente, o protocolo contempla o acceso para actividades educativas por universidades galegas, centros de investigación galegos ou o CSIC, onde se dará prioridade a iniciativas que forman parte dos traballos fin de grao e fin de mestrado.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

O Ciclo de Cultura científica da Xunta afonda na accesibilidade da tecnoloxía da man de Juan Montiel

Novas da Xunta - Lun, 13/05/2024 - 16:08

Summary: 

Enxeñeiro senior de software de Microsoft, dedícase de xeito profesional a desenvolver aplicacións que fagan máis fácil a vida das persoas invidentes

Achegará numerosos recursos accesibles prácticos, sinxelos e ao alcance de calquera persoa para desenvolver as tarefas máis habituais

Idioma Gallego

O do Ciclo de Cultura Científica da Xunta de Galicia volve este xoves 16 de maio á Cidade da Cultura, da man de Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft que achegará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía: inclusión ou exclusión... dúas letras e unha vida de diferenzas.

O relator, invidente desde o seu nacemento, dedícase desde 2007 de xeito profesional a crear aplicacións accesibles tanto web como de escritorio. Moitas delas teñen o obxectivo de facilitar a vida das persoas con discapacidade visual, tanto permitíndolles conxuntar a roupa, como descargar libros de xeito accesible ou participar en xogos de rol, entre outros. O seu talento valeulle en 2017 o premio Most Valuable Professional de Microsoft, outorgado pola multinacional ás persoas máis destacadas nas comunidades técnicas que comparten os seus coñecementos e lideran cambios.

Na conferencia do xoves, Juanjo Montiel afondará en como a tecnoloxía pode ser un aliado ou, mesmo, un obstáculo, cando non se utiliza con sentidiño. Desde unha óptica do deseño universal das ferramentas tecnolóxicas achegará numerosos recursos accesibles prácticos, sinxelos e ao alcance de calquera persoa para desenvolver as tarefas máis habituais, como comprar un billete de transporte ou a unha aplicación de móbil, nas que moitas veces as persoas invidentes atopan problemas.

O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Calendario do ciclo

Baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, o Ciclo de Cultura Científica da Xunta chega ao seu ecuador, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire e José César Perales. O 28 de maio, Javier Saéz de los Terreros, responsable da comunicación dixital do Museo del Prado en Madrid, descubrirá aos asistentes como achegar a tecnoloxía cara un público que non visita os museos co relatorio Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado.

O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en Intelixencia artificial do CITIC da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo.

A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Arredor de 200 docentes afianzan a súa formación en linguas estranxeiras con estratexias para a dinamización na aulas e novos recursos didácticos

Novas da Xunta - Sáb, 11/05/2024 - 13:10

Summary: 

Román Rodríguez destaca as distintas accións impulsadas pola Xunta neste eido como a certificación de competencias lingüísticas ou a mobilidade internacional

Tamén participa na xornada sobre intelixencia artificial de CECE-Galicia

Idioma Gallego

Arredor de 200 docentes participan hoxe nunha xornada de formación en linguas estranxeiras organizada pola Xunta de Galicia, a través do Centro Autonómico de Formación e Recursos, para afondar en novas metodoloxías e estratexias para a dinamización nas aulas así como sobre o uso de novos recursos didácticos e sobre os retos e as posibilidades que abre o emprego da intelixencia artificial entre outros.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou a importancia da competencia plurilingüe no contexto actual e puxo en valor o conxunto de iniciativas que está reforzando a Xunta de Galicia a través da Estratexia de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030 “coa continuidade e a consolidación dos programas levados a cabo na última década e nos que  se inclúen novos retos de calidade vencellados non só á internacionalización, senón tamén á inclusión e á innovación”.

O conselleiro referiuse, en concreto, ao reforzo da certificación das competencias lingüísticas tanto para o profesorado como para o alumnado como “unha das apostas” dos próximos anos co desenvolvemento, xa en marcha, “dun programa intensivo” de certificación e acreditación no marco europeo. 

A intelixencia artificial ao servizo da educación

O titular de Educación participou tamén nas xornadas sobre intelixencia artificial organizadas por CECE-Galicia, onde puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego por “actualizar e reorientar” o uso das novas tecnoloxías e as “inmensas posibilidades” que abren no eido formativo.

Neste senso, a través da Estratexia de Educación Dixital, Edudixital 2030, a Consellería de Educación pon á disposición da comunidade educativa distintas ferramentas tanto no que atinxe á formación académica como a aspectos relativos ao uso seguro das novas tecnoloxías.

Tamén neste eido, estase implantando un procedemento de Acreditación da Competencia Dixital para alumnado, profesorado e persoas adultas, co fin de reforzar a capacitación no uso das novas tecnoloxías.

Finalmente, o conselleiro referiuse ao proxecto EdugaIA, de aplicación das vantaxes da intelixencia artificial á administración educativa dixital, para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar, crear un expediente académico centralizado e habilitar unha ventanilla única de comunicación da comunidade educativa.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta convoca as axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega para o ano 2024

Novas da Xunta - Sáb, 11/05/2024 - 13:06

Summary: 

Destina 200.000 euros a fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego e favorecer o tecido da industria editorial galega

As editoriais poderán solicitar estas subvencións a través da sede electrónica da Administración autonómica ata o 7 de xuño

Idioma Gallego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Trátase dunha liña de axudas destinada á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega durante este ano 200.000 euros.

O obxectivo da convocatoria, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado e favorecer o tecido da industria editorial galega. Aquelas que cumpran os requisitos deberán solicitar as axudas obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario da sede electrónica da Xunta ata o 7 de xuño.Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes para niveis non universitarios realizados en soportes impresos ou dixitais. Quedan excluídos destas subvencións libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófila, volumes de difusión gratuíta, publicacións de clubs de lectura ou similares, obras que non sexan primeira edición ou proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, con independencia do soporte ou formato no que se presenten. 

Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

Os proxectos presentados serán valorados por unha comisión en función da súa orixinalidade -primando as obras de creación propia sobre as adaptacións ou refundicións- e da súa calidade, que se medirá en función da adaptación dos materiais ao currículo oficial, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecemento do alumnado destinatario, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade cultural e social de Galicia e, por suposto, da calidade lingüística. 

Ademais, os materiais destinados á formación profesional específica ou ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán un incremento final da puntuación global dun 20 %. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta avanza da man do profesorado no proceso para reducir a carga burocrática no sistema educativo

Novas da Xunta - Vie, 10/05/2024 - 15:18

Summary: 

Román Rodríguez fixa que as primeiras medidas estean operativas no inicio do vindeiro curso, dando cumprimento ao acordo asinado coas organización sindicais

A dixitalización de procesos administrativos ou a elaboración de guías que poidan orientar dun xeito áxil a xestión, entre as accións a desenvolver

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos grupos de traballo para a simplificación administrativa no ensino. Son catro grupos, divididos por ensinanzas e etapas, compostos por unha vintena de directores de centros educativos e inspectores. “Eles son os que mellor coñecen que procesos cómpre simplificar e como facelo, co obxectivo de liberar de parte da carga burocrática ao conxunto de profesorado”, explicou.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que a redución da burocracia é un dos puntos incluídos no Acordo de Mellora Estrutural do Sistema Educativo en Galicia asinado coas organizacións sindicais este curso. Deste xeito, aténdese unha das demandas actuais do profesorado, que poderá dedicar ese tempo a outras tarefas.

No seu encontro, o conselleiro fixou como unha prioridade poñer en marcha as primeiras medidas xa en setembro, coincidindo con inicio do vindeiro curso. Entre elas, prevense accións para a dixitalización dos procesos administrativos como –por exemplo– a solicitude de permisos por parte do profesorado para asistir a cursos de formación en entidades diferentes da Consellería, de maneira que todo o procedemento, desde a solicitude ata a resolución, poida facerse en liña.

Nesa mesma liña estaría a elaboración de guías e manuais que simplifiquen e axuden de xeito rápido e fiable a proporcionar solucións a determinados dúbidas que poidan xurdir na xestión diaria ou ante cuestións puntuais. Dous exemplos serían unha guía de actuación para os equipos directivos ou un manual que instrucións sobre o mantemento preventivo dos centros educativos.

Acción coordinada

Cada grupo está liderado por un inspector, correspondentes aos distintos tipos de centros: un para colexios de Educación Infantil e Primaria, outro para institutos de Educación Secundaria, un terceiro para centros integrados de FP e o último para os centros que imparten ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, escolas de arte e superiores de deseño...). Ademais do inspector, componse por catro persoas que ocupan a dirección dun centro da categoría correspondente.

O obxectivo destes grupos é elevar propostas de mellora co obxectivo de que se poidan implantar no inicio do curso 2024-25. A maiores, existe una comisión xeral de coordinación formada por representantes da Xunta autonómica de directores, tres representantes dos sindicatos que asinaron o acordo coa Xunta de Galicia e persoal das direccións xerais que teñen competencias neste campo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta licitará antes de que remate o curso a reforma do Colexio de Ortigueira, en Vedra

Novas da Xunta - Vie, 10/05/2024 - 15:15

Summary: 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o centro, onde tamén se reformará o ximnasio e se ampliará o comedor

“Flexibilizamos espazos, dándolles máis amplitude, luz natural e versatilidade, de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, destaca 

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou a próxima licitación da obra de reforma do Colexio CEIP de Ortigueira, en Vedra, que contará cun investimento de máis de 400.000€. “Trátase dunha actuación moi ambiciosa que vai permitir mellorar o ximnasio do centro, ao tempo que se crean novos espazos exteriores para o lecer e o deporte resgardados da choiva e do frío”, explicou o conselleiro.  

Segundo sinalou, a previsión é licitar a actuación no prazo aproximado dun mes. Unha vez se adxudique, ten un prazo de execución de seis meses. Así mesmo, lembrou que a Administración autonómica leva investidos máis de 1,1M€ na última década nos dous colexios do municipio, dos que cómpre destacar a do Centro Público Integrado (CPI) Plurilingüe de Vedra, que en 2020 foi obxecto dunha importante ampliación coa dotación dun novo aulario para Secundaria.

Nova cuberta exterior

A actuación no CEIP de Ortigueira consistirá na construción dunha nova cuberta exterior na fachada oeste do edificio de Primaria, creando unha terraza practicable desde o comedor que tamén conectará co patio orientado a sur. Este espazo dará a oportunidade de trasladar ou comedor ao exterior, entre outras actividades posibles.

A nova cubrición permitirá tamén crear un patio en continuidade co ximnasio, que estará iluminado con luz natural a través de lucernarios e contará con bancadas, xardineiras e unha pérgola vexetal. Ademais, mellorarase a accesibilidade mediante camiños de terra compactada.

No que atinxe ao ximnasio, dotarase de novos aseos, un deles adaptado, e almacén. Así mesmo, demolerase o peche actual, substituíndoo por carpinterías practicables e transparentes que melloren a entrada da luz natural e permitan abrir o espazo ao patio cuberto. A actuación suporá a reforma dunha superficie de 397m² e a construción doutros 220m² de espazo útil.

“En definitiva, imos flexibilizar espazos, dándolles máis amplitude, luz natural e versatilidade, de acordo cos principios fundamentais do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, destacou Román Rodríguez.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas nos procedementos selectivos de acceso e ingreso aos corpos docentes non universitarios (código de procedemento ED001A)

Novas da Xunta - Vie, 10/05/2024 - 12:21
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproban as listas definitivas de persoal admitido e excluído dos procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación e ao corpo de profesores de ensino secundario e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de mestres e ao corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, e procedemento de adquisición de novas especialidades por parte do persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A) (DOG n.º 32, do 14 de febreiro)

O prazo de interposición do recurso potestativo de reposición contra estas listas definitivas é dun (1) mes, contado dende o día seguinte ao desta publicación.

O dito recurso deberá formularse por medios electrónicos, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), utilizando o ÚLTIMO EXPEDIENTE co código de procedemento ED001A/2024, e dirixirse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de acordo co establecido na base 6.4 da Orde do 31 de xaneiro de 2024.

Unicamente para o caso das persoas que non figuren na listas definitivas de persoas admitidas/excluídas o procedemento para interpoñer o dito recurso deberá realizarse mediante o modelo xenérico PR004A dispoñible na sede electrónica.

O dito formulario da solicitude xenérica debe cubrirse tendo en conta os seguintes termos:

  • No campo EXPÓN: Sinalar ASUNTO: RECURSO RESOLUCIÓN DO 10 DE MAIO DE 2024 e especificar o corpo e especialidade.
  • No campo DESTINATARIO debe elixir no desplegable á esquerda a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e no desplegable á dereita Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

O seu recurso estará correctamente presentado cando poida descargarse na súa carpeta cidadá (“A miña sede”) tanto o trámite de recurso de reposición asinado como o recibo de presentación deste.

 

Anuncio principal: 

Publicación da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de corpos de persoal docente non universitario (ED001A)

Servizo relacionado: 

Oposicións

Tema: 

Programas e plans Oposicións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Resolución provisional de concesión de premios a proxectos de innovación na Formación Profesional

Novas da Xunta - Vie, 10/05/2024 - 12:00
Idioma Gallego

Publicada a resolución provisional de concesión de premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional convocados pola Resolución do 26 de decembro de 2023 da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Mais información.

Tema: 

Plans e actuacións en innovación educativa

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Centros
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez inaugura as obras de ampliación do IES Ferro Couselo, cun investimento da Xunta de 2,7 M€

Novas da Xunta - Vie, 10/05/2024 - 09:57

Summary: 

O conselleiro de Educación destaca a importancia desta actuación, que “satisface as demandas existentes debidas ao incremento de alumnos que está a vivir o centro”

O proxecto enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, para dar resposta ás necesidades actuais da comunidade educativa

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, inaugurou as obras de ampliación do Instituto IES Ferro Couselo. “Nesta actuación, na que investimos 2,7 M€, buscamos incrementar o número de aulas e de diversos espazos para satisfacer as demandas existentes”, dixo Román Rodríguez.

Enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos dando resposta ás necesidades do século XXI, esta obra dotou ao centro dunha planta adicional de máis de 1.000 metros cadrados e outra de baixo cuberta de 270 metros cadrados destinada a almacenaxe e instalacións. Con esta ampliación, dispuxéronse cinco novas aulas e creouse un espazo multiusos, unha aula de desdobre, un almacén e dous corredores diferenciados para reforzar a seguridade en caso de incendios.

O titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP remarcou que con esta actuación tamén “se lle dá cumprimento á normativa antiincendios, pois a ampliación do edifico implica un aumento considerable da súa ocupación, polo que foi preciso executar dúas novas escaleiras de emerxencia exteriores”.

Entre os obxectivos atopábase a ampliación da zona de comedor e cafetería, o que posibilita satisfacer as demandas dos usuarios. Tamén se realizou a redistribución parcial da planta semisoto para albergar dous aseos adaptados, mellorando “as condicións do vestiario non docente”, engadiu Román Rodríguez.

Deste xeito, o Goberno galego dá “resposta ás necesidades actuais da comunidade educativa e, concretamente, ao incremento continuado de alumnos que está a vivir este instituto, sostido no tempo e que prevemos que se manteña para os próximos cursos”, destacou o conselleiro de Educación.

Outras obras

O IES Ferro Couselo tamén conta, desde o 2022, cunha pista cuberta, na que se destinaron case 500.000 euros. Así, o Goberno galego leva investido neste centro educativo 4 M€ desde o ano 2009.

Con esta actuación logrouse o obxectivo de ampliar a zona de uso exterior creando un espazo que se pode empregar en todo tipo de condicións meteorolóxicas, pois conta cunha superficie de case 800 metros cadrados e un acceso de 161 metros cadrados.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Ampliación do prazo de solicitude do programa Retorna Talento FP 2024/25

Novas da Xunta - Vie, 10/05/2024 - 09:54
Idioma Gallego

Publicada a ampliación do prazo de presentación de solicitudes do programa de bolsas Retorna Talento FP 2024/25.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o día 12 de xuño, incluído.

Publicación en DOG

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta
Contenido sindicado


by Dr. Radut