Román Rodríguez felicita á escritora Arantza Portabales, Premio Clubs de Lectura 2024

Recibe a esta autora galega, a máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso, e agradece o seu papel a prol de incentivar a lectura entre os máis novos

Mér, 08/05/2024 - 20:55
l

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, recibiu á escritora Arantza Portabales, que vén de alzarse co Premio Clubs de Lectura 2024 por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso.

Román Rodríguez felicitou persoalmente á escritora, que a través deste galardón recibe o beneplácito “dun público tan esixente como son os nenos e os adolescentes” e animouna a continuar “sementando historias” que contribúen a “enriquecernos como lectores”.  O departamento de Educación do Goberno galego creou este premio no ano 2015 co obxectivo de recoñecer o labor dos autores con obra en lingua galega que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos lectores que participan nos clubs.

Arantza Portabales é unha das autoras máis seguidas polo lectorado xuvenil galego. Comezou a escribir en 2013 no xénero do microrrelato. No 20215 publica o seu primeiro libro en galego e colleita case unha decena de galardóns, como o premio á mellor novela europea traducida do Casino de Santiago de Compostela con Deixe a súa mensaxe despois do sinal ou o premio Manuel Murguía de relato con Xanelas, entre outros.