A Xunta reforza a oferta na Escola Mestre Mateo, de Santiago, cunha nova promoción da modalidade dual no itinerario de Xoiaría e Complementos

Ofértanse 15 prazas e o alumnado beneficiario compaxinará a súa formación académica nesta Escola de Arte e Superior de Deseño coa práctica en distintas firmas de xoiería e ourivería colaboradoras a partir do 3º curso

Mér, 08/05/2024 - 13:58
x

A Xunta de Galicia vai reforzar, de cara ao vindeiro curso, a oferta académica formativa na Escola de Arte e Superior de Deseño EASD Mestre Mateo de Santiago, coa incorporación dunha nova promoción de alumnado da modalidade dual para o itinerario Xoiaría e Complementos da especialidade de Produto, dentro das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinou hoxe dous convenios de colaboración co Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela para a nova promoción de alumnado que cursará esta modalidade formativa que xa comezou a impartirse por primeira vez este curso.

Non en balde, a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo foi a primeira, e a única de Galicia, en ofertar o itinerario desagregado de Xoiaría e complementos na especialidade de Produto, cunha moi boa acollida por parte do alumnado xa que se cubriron por completo as 15 prazas ofertadas.

Atender a demanda

A partir de agora, e grazas aos convenios asinados hoxe, os estudantes matriculados neste itinerario poderán compaxinar a súa formación académica na Escola Mestre Mateo coa formación práctica en distintas firmas de xoiaría e ourivería integradas nas entidades antes mencionadas.

Esta formación de carácter dual realizarase de xeito compartido entre as empresas e o centro educativo en 3º e 4º curso, durante os cales os alumnos estarán incorporados ao réxime da Seguridade Social e percibirán o salario correspondente de acordo co marco normativo vixente.  

O titular de Educación, Román Rodríguez, puxo en valor a “firme aposta” da Xunta por seguir impulsando opcións académicas de calidade e aliñadas coas demandas socioeconómicas.  Precisamente, este itinerario formativo que agora se reforza coa opción dual, busca “atender a demanda dun sector moi arraigado en Compostela como é a xoiaría e a ourivería artesá”, abondou.

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo é un referente tanto nas Superiores de Deseño (con especialidades en Deseño de Moda e Deseño de Produto) e nas Ensinanzas Profesionais de Artes Plásticas (Fotografía, Técnicas Escultóricas, Xoiaría Artística, taller de Dourado e Prateado e taller de Policromía), con máis de 400 alumnos matriculados.