O conselleiro de Educación anuncia tres novos proxectos de FP dual no centro integrado de FP Fraga do Eume o vindeiro curso

Poderán matricularse máis de 70 alumnos, que realizarán arredor do 40% da súa formación en empresas, coa remuneración correspondente

Román Rodríguez supervisa as obras que se están a desenvolver no centro, cun investimento de máis de 365.000€

“Trátase da primeira fase dunha reforma mais ambiciosa que xa se está proxectando para a remodelación de todos os talleres e cociñas de Hostalaría”, explica

Mar, 07/05/2024 - 18:29
p

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Fraga do Eume, “no que o vindeiro curso implantaremos tres novos proxectos de FP Dual, nos que poderán matricularse algo máis de 70 alumnos”, anunciou.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros: destacou a gran acollida destes ciclos entre o tecido empresarial. “Non en balde, contamos xa coa participación de 40  empresas e agardamos seguir sumando colaboracións nas vindeiras semanas, que abranguen desde pequenas firmas a grandes grupos”, sinalou.

“Con esta iniciativa continuamos impulsando a FP Dual en Galicia, unha modalidade que conta cunha inserción laboral de prácticamente o 100% e que, ademais, xa cumpre todos os estándares do que se vai denominar a partir de agora FP Dual Intensiva”, explicou o conselleiro. Ao longo dos dous cursos que dura cada proxecto, o alumnado vai realizar entre o 38% e o 44% da súa formación en empresas, toda ela remunerada e, polo tanto, cumprindo todos os requisitos.

Os tres novos proxectos de Dual afondan na especialización deste centro na familia profesional de Hostalaría e turismo, de tal forma que se ofertan nos ciclos de grao medio en Cociña e gastronomía (24 prazas), en Servizos de Restauración (22 prazas) e no ciclo de grao superior en Xestión de Aloxamentos Turísticos (máis de 24 prazas). Este último foi o primeiro en funcionar no CIFP Fraga do Eume e chegará así á súa terceira edición.  

Primeira fase da reforma

No marco desta visita ao centro eumés, o conselleiro supervisou as obras que o seu departamento está a acometer para a mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética. Unha actuación que, tal e como detallou, vai redundar tanto no benestar e confort da comunidade educativa do centro como no desenvolvemento dos ciclos formativos que nel se imparten.

“Trátase da primeira fase dunha reforma mais ambiciosa que xa se está proxectando para a remodelación de todos os talleres e cociñas de Hostalaría, que son as principais ensinanzas deste centro”, afirmou o conselleiro.

Estamos a falar dun centro de referencia, no que acaba de entrar en funcionamento un viveiro de empresas para impulsar o emprendemento entre o alumnado e que conta coas instalacións máis punteiras coas que a Xunta dota aos centros de FP, como son as aulas de emprendemento ou aula tecnolóxica.

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego investiu máis de 1M€ en melloras neste centro nos últimos anos e que prevé intensificar estas accións no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI.

Ampliación da aula comedor

Cun investimento de máis de 365.000€, a intervención inclúe a reforma da actual biblioteca para convertela nunha aula-comedor. Este novo espazo conectarase directamente co patio exterior do centro para poder trasladar ao exterior a actividade docente cando o tempo o permita. Isto é preciso para seguir impulsando a especialización do centro en Hostalaría e turismo.

No referido á mellora da accesibilidade, instálase un ascensor con capacidade para oito persoas, que comunicará o acceso principal cos andares primeiro e segundo, onde se sitúan as aulas do centro.

No que atinxe á eficiencia enerxética, substitúese as ventás e instálase illamento térmico SATE en todas as fachadas do espazo ata agora ocupado pola biblioteca, onde tamén se reforman as instalacións de electricidade, iluminación e as instalacións térmicas e de ventilación. Tamén se coloca un panel metálico ondulado sobre a cuberta das pérgolas exteriores para eliminar as filtracións.