Skip to Content

Conmemoracións

Un alfabeto para o autor do Día das Letras 2020

Desescalándonos con Carvalho Calero

LemosNaCasa

Parabéns ao alumnado de 1º da ESO e a súa profesora que, en tempos de coronavirus, abren e pechan (desde os seus fogares) libros e, sobre todo, LEN libros!

 

XI Tui Le en confinamento

Un de xaneiro, dous de febreiro, tres de marzo, vinte e catro de abril: XI Tui Le.

Tiñamos  (case) todo previsto. O venres, despois do día mundial do Libro, iamos dar visibilidade por undécima vez, ao traballo que coa/da/desde/mediante/para/pola/sobre a lectura facemos os escolares en Tui.

Para escribirmos este relato, ademais do tempo, tiñamos o lugar: o incomparable marco da praza de San Fernando (se a climatoloxía primaveral non resultaba adversa), tiñamos os protagonistas: a rapazada e os docentes dos centros de ensino tudenses, tiñamos as historias e o modo de presentalas (cancións, carteis, contos, danzas, dramatizacións, percusión, recitacións...) todo baixo o lema “Letras en feminino” porque xa que “letras” e “lectura” son femininas e plurais queriamos reivindicar o papel das mulleres da man das escritoras An Alfaya, María Canosa, Paula Carballeira, Yolanda Castaño, Rosalía de Castro, Exeria, Amy Krouse Rosenthal, Violeta Monreal e Anaír Rodríguez; das ilustradoras Abi Castillo e Belén Padrón; e da cantautora Sés.

Estaban as que nós pensabamos que ían ser as protagonistas mais esqueceramos que en moitas narracións fronte ás protagonistas  hai antagonistas.

Un microorganismo infeccioso de nome COVID-19 coouse na nosa narración e de antagonista pasou a indiscutíbel protagonista. Este virus,  ao que non lle importa a raza nin a cor da pel atacando a todos por igual e causando o mal, tennos confinados. Mais a súa forza non vai ser quen para abater a enerxía e o pulo das nosas lecturas porque ao carón das xanelas ou dos balcóns, dende a comodidade do salón familiar ou entre as virtuais reixas do arresto domiciliario:

#Tod@sLemosNaCasa
#TuiLeNaCasa 

23 de abril

Neste 23 de abril imos celebrar un Día do Libro moi atípico.

O COVID-19 fainos a todos cartuxos.

Mais, aínda que en confinamento, podemos divisar desde as lecturas e os libros múltiples horizontes.

Os libros, fieis compañeiros neste arresto domiciliario, facilitan a nosa liberdade.

MENSAXE DA UNESCO PARA ESTE DÍA

Máis que nunca, nun momento na que a maioría das escolas de todo o mundo están pechadas e debemos quedarnos na casa, podemos usar o poder da lectura para combater o illamento, estreitar os vínculos entre as persoas, expandir os nosos horizontes, á vez que estimulamos as nosas mentes e a nosa creatividade.
 
Durante o mes de abril e durante todo o ano, é fundamental tomarse o tempo para ler só ou cos nenos. É un motivo para celebrar a importancia da lectura, fomentar o crecemento dos nenos e nenas como lectores e promover o amor á literatura.
 
A través da lectura e a celebración do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, o 23 de abril, podemos abrirnos aos demais a pesar da distancia, e viaxar grazas á imaxinación... Ao compartir coñecementos, lecturas e libros facemos comunidade e podemos connectar a lectores de todo o mundo e axudar a paliar a soidade.
 
Nestas circunstancias, convidamos a estudantes, profesores, lectores de todo o mundo, así como a toda a industria do libro e os servizos de biblioteca a dar testemuño e expresar o seu amor pola lectura... A canta máis xente cheguemos, maior será o número de persoas ás que poidamos axudar.
 
Se premes aquí podes ler o conto Mi héroe eres tú (escrito para nenos afectados pola pandemia do COVID-19)
 
 
 
Os libros, como sinala Juan José Millás, son unha das poucas ferramentas que nos quedan de rebeldía eficaz nun mundo cada día máis conforme co seu destino. Os libros son o medio que nos permite modificar a realidade, poñela en cuestión, construír con palabras, con libros, unha nova forma de vida, para nós e para os que nos rodean. O libro é un obxecto modesto, un produto tradicional na súa feitura, pero verdadeiramente perigoso para a sociedade do conformismo. Hoxe o lector, mellor sería dicir a lectora -o sesenta por cento das persoas que recoñecen que len un libro por mes-, é o protagonista dunha rebeldía silenciosa, traballada na soidade e nese esforzo que vai deixando pegadas indelebles; unha rebeldía que transgrede, como poucas, a orde establecida. As lectoras, as amante dos libros son as que encabezan a revolución da imaxinación.
(BRAGADO, Manuel, “Habitantes imaxinarios”, Faro de Vigo 10/06/2001 in Vigo, puro milagre, Xerais, Vigo, 2019, páx. 72)
 
E, para finalizar, presentamos o texto có que Manuel Gago agasallou ás Bibliotecas Escolares de Galicia neste día:
 
 

Feliz día do Libro!

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

FAME DE PALABRAS


    A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.


    Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, https://www.miszalozba.com/en/authors/peter-svetina/esgótanos... E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca...


    E que ocorre cos poemas e cos contos?


    Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade.


    E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!”


    As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.


    Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.


    Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata de que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.


    Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.


    Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame?


    Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.


    E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran.


    E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez.


(Autor: Peter Svetina, tradutor:Héctor Cajaraville)

Escolma de LIX para o 2 de abril

En abril e con corentena, lecturas mil.

portada

1 de abril: Día das Artes Galegas

Hoxe, en plena corentena, non esquecemos que é o Día das Artes Galegas. O homenaxeado este ano é o arquitecto, entallador ecartel retablista Domingo Antonio de Andrade; moitas das súas obras, espalladas pola xeografía galega, podemos contemplalas en Oseira, Lugo, Ourense ou Compostela. Mais tamén a episcopal Tui bebeu do seu maxisteiro.

Corría o último terzo do século XVII é a igrexa conventual das monxas clarisas, construída nos terreos dos antigos pazos do bispo, inmediatos ao templo de Santa María da Oliveira, ameazaba ruína. Proxéctase, pois, a erección dunha nova igrexa da que se encargarán os canteiros Benito de Pintos (de Marcón, parroquia próxima a Pontevedra) e Manuel González (de Santa Cristina de Cobres, Vilaboa) e o entallador Esteban Cendón (de Pontevedra) seguindo -e aquí ven a conto o arquitecto ceense hoxe lembrado- unha traza de Domingo Antonio de Andrade. Por iso, o noso cartel para esta conmemoración presenta unha vista interior de esa construción que se el non dirixiu de xeito persoal si alentou e inspirou.

E rematamos cunha curiosa faceta deste singular arquitecto no seu papel de asesor político-militar ao servizo de Ginés Fernández Ruiz de Castro, XI Conde de Lemos. Nunha carta secreta explícalle a fórmula para a fabricación de bombas que "co que se lles pon dentro, causan peste". Esta incipiente bomba bactereolóxica debería elaborarse da seguinte maneira: "O primeiro cóllense sapos, píntegas, cobras e víboras (en proporción á cantidade que se queira facer) que se han de botar nunha pota e ben tapadas cun testo ben pechado por todas partes, coa finalidade de que non salga fume. Póñense nun forno a lume lento para que se fagan pos, e que non perdan con demasiado lume o que teñen da súa natureza e despois axitánse eses pos sen destapalos". Con este material cargaríase a bomba que se lanzaría "contra mouros e herexes" para causar a peste. Noutra misiva, hoxe perdida, informaba dunha posible vacina para neutralizar os efectos perniciosos desta bomba, rudimentario antecedente das armas químico-bacteriolóxicas. Este arquitecto barroco sería quen de atopar un antídoto contra o COVID-19?

Fontes: 

http://dbe.rah.es/biografias/14729/domingo-antonio-lopez-de-andrade

https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/tui-mantiene-muy-viva-la-huella-del-franciscanismo/idEdicion-2015-01-04/idNoticia-908902

https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/gallego-ideo-guerra-quimica/idEdicion-2009-10-04/idNoticia-473688/

 

 

MES DO LIBRO: lecturas xuvenís mentres #quedonacasa


 

Carvalho Calero e o teatro

Nesta xornada queremos lembrar tamén o papel que na evolución da dramaturxia galega xogou a poliédrica figura de Carvalho Calero e facémolo da man de Henrique Rabuñal: https://adiante.gal/carvalho-calero-na-historia-do-noso-te…/

Distribuir contido


by Dr. Radut