Normalización Lingüística

DÍA DAS BIBLIOTECAS E DAS ESCRITORAS GALEGAS

Para conmemorar o día das Bibliotecas, o Día das escritoras 2020, que este ano xa fixo a súa quinta edición e que tivo lugar o luns da pasada semana baixo o lema “O esforzo cotián das mulleres”, e inaugurar as emisións de radio durante os recreos, o xoves 29 de outubro durante o recreo e a hora de lecer alumnado de diferentes niveis educativos leu poemas e fragmentos narrativos de escritoras galegas durante o programa especial de radio.

As lecturas escollidas foron as que seguen:

·         Un poema do libro Feliz Idade de Olga Novo, homenaxeada co Premio Nacional da Crítica Española en Poesía (María 2º D).
·         Un fragmento narrativo de Mª Xosé Queizán do libro Amor de tango (Lúa 2º D).
·         Un poema de Marta Dacosta do libro Na casa da avoa (Ainhoa 2º D).
·         Un fragmento de Adiós María de Xohana Torres (Naia 1º B).
·         Un fragmento da novela Nena e o mar de Érica Esmorís (Karina 1º B).
·         Un parágrafo de Memoria do silencio de Eva Mejuto (Maruxa 1º E).
·         O poema “A xustiza pola man” de Rosalía de Castro (Lucía Fernández 1º B).

Agradecémoslle a axuda técnica recibida por parte do profe Rubén e de Alba de 3º A, sen os cales non sería posible facer esta actividade.

 

Agardamos que fose do voso agrado e gozásedes tanto coma nós. Ata a próxima!!

EDDLG principal.png

3º CERTAME "AS IMAXES DO PATRIMONIO"

Xa se publicou a convocatoria para o III Certame de recollida de imaxes de patrimonio inmaterial galego-portugués proposto pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas!

Con esta iniciativa preténdese recuperar e pór en valor as fotografías antigas con valor patrimonial.

Seguindo as bases, as fotografías presentadas deben recoller diferentes aspectos relacionados co Patrimonio Cultural Inmaterial (oralidade, saberes tradicionais, ciclo festivo anual...), pero teñen que ser anteriores a 1970. Ademais, cada imaxe debe ir acompañada dun texto no que se incluían os seguintes aspectos: lugar, data aproximada, persoas que aparecen e relación da imaxe co Patrimonio Cultural.

O prazo rematará o 30 de abril de 2020.

Animádevos a participar!

 

3º CERTAME "AS IMAXES DO PATRIMONIO"

PREMIOS CONCURSO IMAXES DO PATRIMONIO PNO

 

Tres ex alumnas do IES Pedras Rubias, Lucía Fernández Pérez e as irmás Ariadna e Yashira Álvarez Ramírez, resultaron gañadoras no 2º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

       

O pasado luns 25 de novembro acudiron ao Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo para asistir ao acto de entrega de premios.

Das trescentas cincuenta imaxes recibidas a concurso, premiáronse oito imaxes, das cales dúas pertencían ás alumnas do IES Pedras Rubias.

O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas.

O evento estivo conducido polo narrador e poeta Lois Pérez. O alumnado premiado fixo lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas.

A continuación, escoitaron un poema recitado por Lois Pérez acompañado dos acordes dunha guitarra elaborada con material reciclado.

A festa concluíu cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma, quen puxo en pé a un auditorio entregado coas súas animadas pezas musicais.

As imaxes gañadoras poden visualizarse ao completo na seguinte ligazón: http://escolasnasondas.com/certame2019-fotografias-recibidas/

Noraboa mozas! O IES Pedras Rubias séntese moi orgulloso.

Agardamos que sigades a recoller premios nas vosas traxectorias!

EDDLG principal.png

Magosto Terrorífico

Este curso a climatoloxía non nos deu tregua e, en consecuencia, non nos permitiu celebrar, tal como tiñamos organizado, o noso xa tradicional magosto terrorífico, fusión das dúas festas próximas no tempo: o magosto e o samaín.

Inicialmente, estaba previsto que o martes 5 de novembro todo o IES Pedras Rubias saíse en procesión disfrazado de Santa Compaña e se desprazase ata o Espicho do Faro. Como o prognóstico metereolóxico era adverso, adiouse para o martes 12 de novembro. Chegada esta data, houbo que suspender a saída polo mesmo motivo e só se asaron e comeron as castañas no propio centro. Menos mal, que nos acompañaba a calor do equipo de Onda Raia coas súas preguntas sobre o magosto.

 

A semana anterior, nas aulas de Lingua Galega e Titoría, traballáronse aspectos como o magosto tradicional, a santa compaña, o texto instrutivo...

Tamén se decorou o vestíbulo do centro con motivos de medo (ataúde con esqueleto, pantasmas, arañas, morcegos...) e realizouse unha exposición de calacús e de receitas escritas elaboradas con produtos de outono.

 Dada a boa acollida que tivera o curso pasado o concurso de sobremesas cos devanditos produtos de outono, este curso volveuse ofertar.

Premiouse a aula que mellor organizou a actividade de forma global (calacús, receitas escritas e receitas elaboradas). A gañadora foi 1º A, da titoría da profe Loli Calvo.

 Noraboa!

EDDLG principal.png

Enquisa sobre o uso do galego

Coa finalidade de analizar o contexto sociolingüístico do noso instituto, pedímosche que cubras unha enquisa para determinar cal é a lingua máis falada entre o noso alumnado.

Preme en enquisa e contesta as preguntas que se formulan.

 

Grazas de antemán polas túas respostas.

EDDLG principal.png

O IES PEDRAS RUBIAS RECIBE O SELO DE CALIDADE EUROPEO

ES Pedras Rubias vén de ser galardoado co Selo de Calidade Europeo polo excelente traballo realizado o pasado curso no proxecto "En paradoiro descoñecido : Movemento Xuvenil para a Recuperación da nosa Memoria Histórica".

Tratouse dun proxecto internacional e colaborativo de 20 institutos de educación secundaria (4 en Francia e 16 en España) a través de eTwinning, programa da Unión Europea.

O obxectivo fundamental foi o de sensibilizar e implicar ao alumnado na herdanza cultural para desenvolver un pensamento libre, e rescatar da memoria colectiva os milleiros de persoas desaparecidas durante o Franquismo, hoxe en paradoiro descoñecido. Fundamentalmente, levouse a cabo en 4º de ESO, pero algunhas das actividades foron xerais para todo o centro.

Abordouse desde catro áreas diferentes: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, e Educación Plástica e Visual.

Desenvolveuse en tres fases diferentes. Na fase de sensibilización, o alumnado asistiu a exposicións, conferencias, presentación dun libro e testemuños directos; na segunda fase, foi o propio alumnado o que, centrado no seu entorno directo, buscou testemuños directos en relación coa guerra, consecuencias e vítimas; e na última fase, o alumnado produciu traballos en diferentes formatos: réplica dun cadro de Castelao, recital de poemas, producións literarias mensuais, representacións teatrais e homenaxes ás vítimas nos lugares da memoria do entorno, concretamente en Salceda de Caselas, Tui e a illa de San Simón en Redondela.

Ademais dos encontros online, reunímonos presencialmente en dúas ocasións co outro centro colaborador galego, o IES de Ames, a primeira no seu instituto e a segunda na illa de San Simón.

Noraboa a toda a comunidade educativa do IES Pedras Rubias, en especial ao alumnado que o pasado ano cursou 4º de ESO.

EDDLG principal.png

HISTORIA DE VIDA DOS AVÓS E AVOAS

O alumnado de 4º de ESO realizou esta actividade (que no noso centro xa leva en marcha desde vai dez anos) na que entrevistou os seus avós e avoas (ou outros parentes, achegados, veciños... de idade)  e elaboraron unha historia das súas vidas a partir dun cuestionario previo, rexistrando os datos e elaborando un relato da infancia, da asistencia á escola, das condicións de vida, do traballo, da vivenda..., relato que vai acompañado dun arquivo fotográfico dun inmenso valor testemuñal.

Este curso, en contribución co proxecto En paradoiro descoñecido fíxose especial fincapé nas vivencias e nas consecuencias da Guerra Civil.

Os múltiples testemuños recollidos ao longo dos anos foron fonte de inspiración para o escritor e historiador D. Xosé Ramón Paz Antón, que os recolleu e plasmou en dous libros publicados en 2019 sobre Salceda de Caselas: Salceda de Caselas Republicana 1936 e Historia da educación en Salceda de Caselas, este último presentado no IES Pedras Rubias o pasado 5 de xuño.

 

GAÑADORAS CONCURSO MARCAPÁXINAS

 

O pasado 7 de xuño tivo lugar na biblioteca a entrega de premios ás gañadoras deste concurso.

O alumnado participante tivo que presentar un marcapáxinas que por un lado tivese unha ilustración que fixese referencia a Antón Fraguas Fraguas, e polo outro lado, unha cita do mesmo autor.  

E unha vez máis, tal como xa nos teñen acostumados, as irmás Álvarez Ramírez de 4º ESO resultaron as vencedoras:

  •  1º PREMIO: AriadnÁlvarez Ramírez (4º C)

  •  2º PREMIO: Yashira Álvarez Ramírez (4º B)

Noraboa e grazas pola vosa participación.

 

GAÑADORAS CONCURSO MARCAPÁXINAS

MARATÓN DE LECTURA

O pasado xoves 16 de maio tivo lugar na biblioteca o xa tradicional maratón de lectura do IES Pedras Rubias.

Consistiu na lectura ininterrompida en voz alta do libro Romarías e santuarios de Galicia, obra de Antonio Fraguas Fraguas, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.

Coordinados polo noso mestre de cerimonias D. José Luis, ex-docente do centro, participaron tanto o alumnado, o profesorado, coma o persoal non docente, que foron agasallados con un diploma.

MARATÓN DE LECTURA

FALAR SEN CANCELAS

O trío de artistas formado por Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz acudiu o mércores 15 de maio ao IES Pedras Rubias para representar Falar sen Cancelas.

Esta obra é un espectáculo de humor galego e está dirixida por Diego Rey e producida por Culturactiva SCG.

A comunidade educativa puido gozar da experiencia e compenetración artística destes tres cómicos, que foron intercalando sobre o escenario unha serie de diálogos, gags e xogos de improvisación.

Partindo da descuberta dun andazo que fai que non poidan falar galego en público e, incapaces de quedar cruzados de brazos perante semellante problema, os acontecementos foron desembocando nun aloucado espectáculo cheo de retranca, improvisación e reflexións cómicas sobre a galeguidade.

FALAR SEN CANCELAS

Powered by Drupal - Design by artinet